Sandro Mazzola

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Sandro Mazzola
Información persoal
Nome Alessandro Mazzola
Nacemento 8 de novembro de 1942
Lugar de nacemento Turín
Altura 1,79 m.
Posición Centrocampista
Dianteiro
Carreira xuvenil
Inter de Milán
Carreira sénior
Anos Equipos Aprs (Gls)
1961–1977 Inter de Milán 417 (116)
Selección nacional
1964 Italia sub-21 2 (3)
1963–1974 Italia 70 (22)
Na rede
IMDB: nm3223072 Discogs: 4802576 FIFA: 174745 UEFA: 9664 Editar o valor em Wikidata
Partidos e goles só en liga doméstica.

editar datos en Wikidata ]

Alessandro "Sandro" Mazzola, nado en Turín o 8 de novembro de 1942, é un exfutbolista italiano, que xogaba como dianteiro ou centrocampista ofensivo. Desenvolveu a totalidade da súa carreira no Inter de Milán, co que marcou 161 goles en 568 partidos oficiais, e foi 70 veces internacional coa selección italiana.

Está considerado como un dos mellores futbolistas italianos de todos os tempos, e como un dos mellores xogadores da súa xeración, debido á súa velocidade, ritmo, creatividade, técnica e visión de gol.[1][2] Quedou segundo nas votacións para o Balón de Ouro de 1971.[3] Militou durante 17 tempadas no Inter, co que gañou catro títulos da Serie A (1963, 1965, 1966 e 1971), dúas Copas de Europa (1964 e 1965) e dúas Copas Intercontinentais (1964 e 1965), e foi o máximo goleador da Serie A na tempada 1964/65, na que tamén chegou á final da Coppa Italia, quedando preto de acadar un triplete de títulos co club. Coa selección italiana gañou a Eurocopa de 1968, sendo elixido no Equipo Ideal do Torneo, e chegou á final do Mundial de 1970. Disputou con Italia outros dous Mundiais, en 1966 e 1974.

É fillo do futbolista Valentino Mazzola, capitán do Torino falecido na traxedia de Superga. O seu irmán máis novo, Ferruccio Mazzola, tamén foi futbolista.[1]

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Comezos[editar | editar a fonte]

Sandro Mazzola en 1949 co seu pai Valentino

Sandro Mazzola naceu en Turín poucas semanas despois de que seu pai, o futbolista lombardo Valentino Mazzola, fichase polo Torino, procedente do Venezia. O seu irmán máis novo, Ferruccio, que recibiu o nome do presidente do Torino, naceu dous anos despois. Os seus pais divorciáronse en 1946, pero seu pai conseguiu a custodia de Sandro, que tiña seis anos cando Valentino morreu na traxedia de Superga.[2]

Inter de Milán[editar | editar a fonte]

Aínda que seu pai xogara no Torino FC, Sandro e o seu irmán Ferruccio comezaron a súa carreira no Inter de Milán. A diferenza do seu irmán máis novo, Sandro pasou toda a súa carreira no Inter, marcando 116 goles na Serie A en 417 partidos de liga. Tras xogar nos xuvenís do club, onde tivo como adestrador a Giuseppe Meazza,[4] debutou co primeiro equipo da man do adestrador arxentino Helenio Herrera durante a tempada 1960/61 nun célebre partido contra a Juventus que era a repetición dun encontro que fora suspendido por invasión do terreo de xogo por parte dos seareiros. O Inter, descontento coa decisión de repetir o partido, acudiu a Turín cun equipo formado por futbolistas xuvenís, e o resultado foi unha goleada da Juventus por 9-1, con 6 goles de Omar Sívori. Mazzola foi o autor do único gol interista.[5]

Mazzola (agachado, segundo pola dereita) co Grande Inter na tempada 1963–64

O Inter de Herrera dese período contaba con Tarcisio Burgnich e Giacinto Facchetti como laterais, o brasileiro Jair como extremo, Mario Corso como centrocampista esquerdo, Armando Picchi como líbero, e Mazzola, que finalmente pasaría a xogar como interior dereito. O cerebro do equipo era o galego Luis Suárez, que chegara ao club un ano despois de Herrera. Xuntos, transformaron o Inter no mellor equipo de Italia, de Europa e do mundo durante os anos 60, pasando a ser coñecido como Grande Inter. O equipo era coñecido pola súa infame táctica defensiva, o catenaccio, e a súa capacidade de marcar a partir de contraataques rápidos e repentinos. Mazzola gañou catro títulos da Serie A co Inter, rematando como máximo goleador da liga na tempada 1964/65, con 17 goles, quedando preto de gañar un triplete de títulos esa campaña.

En 1964 tivo un destacado papel na final da Copa de Europa disputada no Praterstadion de Viena, marcando dous goles para que o equipo italiano derrotase ao Real Madrid e gañase o seu primeiro título europeo. Rematou o torneo como máximo goleador con sete goles, empatado co iugoslavo Vladica Kovačević do Partizan e o húngaro Ferenc Puskás do Real Madrid.[6] Repetiu título europeo na tempada seguinte ao vencer na final ao Benfica de Eusébio e Mário Coluna. Xa na tempada 1965/66 foi eliminado nas semifinais polo Real Madrid, mentres que na tempada 1966/67 alcanzou a súa terceira final da Copa de Europa. Marcou un gol no Estadio Nacional de Lisboa, pero a vitoria foi para os Lisbon Lions do Celtic de Glasgow por 2-1.[7] Mazzola gañou tamén dúas Copas Intercontinentais consecutivas co Inter en 1964 e 1965, e chegou á final da Coppa Italia 1964/65, ademais de conseguir un terceiro posto na Copa Italia durante a tempada 1967/68; chegou a outra final da Copa de Europa co Inter en 1972, onde perdeu 2-0 ante o Ajax.[2]

En 1971, tras o seu último título da Serie A e as súas actuacións en Europa, quedou segundo nas votacións ao Balón de Ouro, só por detrás de Johan Cruyff.[2] Deixou o fútbol no verán de 1977, despois de ser capitán do Inter desde 1970 ata a súa retirada.[8] Disputou un total de 568 partidos oficiais coa camiseta do Inter, marcando 161 goles.

Selección nacional[editar | editar a fonte]

Mazzola coa camiseta de Italia xunto a Gianni Rivera. Ambos xogadores protagonizaron a política da staffetta do adestrador Ferruccio Valcareggi na Copa do Mundo de 1970.

Foi 70 veces internacional con Italia entre 1963 e 1974, marcando 22 goles.[9] O seu debut coa selección foi ante o Brasil o 12 de maio de 1963, cando só tiña 20 anos, nun partido no que estreou a súa conta goleadora ao marcar un penalti. Disputou co seu país a Copa do Mundo de 1966 baixo a dirección de Edmondo Fabbri, aparecendo nos tres partidos do grupo de Italia e marcando no partido inaugural do seu país, unha vitoria por 2-0 sobre Chile. Con todo, Italia foi eliminada na primeira rolda. Máis tarde participou nas dúas seguintes edicións do torneo con Italia. No entanto, o seu maior logro coa selección produciuse en 1968, cando Italia gañou o Eurocopa de 1968 na súa casa, con Ferruccio Valcareggi como adestrador. Mazzola foi elixido no Equipo Ideal do Torneo pola súa actuación.[2][10]

Dous anos despois, Italia chegou ao Mundial de México como campioa de Europa. O adestrador da selección italiana, Valcareggi, cría que Mazzola non podía xogar xunto á outra estrela creativa italiana, Gianni Rivera, que xogaba nunha posición similar no Milan. Polo tanto, Mazzola foi elixido para comezar de titular nos tres partidos da primeira rolda, debido ao seu superior fondo físico.[11][12] Como os italianos tiñan dificultades para marcar durante a fase de grupos e Mazzola tiña dificultades para recuperar a forma física despois de sufrir unha gripe estomacal, Valcareggi ideou unha solución controvertida para a segunda rolda do torneo, que chamou a staffetta (remuda), para poder xogar cos dous futbolistas.[11][12]

Mazzola relaxado coa selección en 1974 xunto ao adestrador Valcareggi e ao seu compañeiro Fabio Capello.

Mazzola, que era máis rápido, máis forte, estaba máis en forma, e era máis propenso ao gol, e que tiña unha intelixencia táctica e ritmo superiores, comezaría de titular na primeira metade, mentres que Rivera entraría no descanso, unha vez que os xogadores contrarios comezaban a cansar. Isto permitiríalle a Rivera, xogador máis creativo, ter máis tempo o balón para establecer o ritmo de xogo do equipo. Con esta estratexia, Italia derrotou ao anfitrión México nos cuartos de final e, posteriormente, a Alemaña Occidental na prórroga das semifinais para chegar a unha final do Mundial por primeira vez en 32 anos. O seu rival na final foi o Brasil, liderado no campo por Pelé, e o partido foi anunciado como a batalla entre o fútbol ofensivo e defensivo. Con todo, o día do partido, Valcareggi abandonou a súa política de staffetta ao descanso, co marcador empatado a 1-1, e decidiu manter a Mazzola ata o final do encontro, debido ao precario estado físico de varios dos seus xogadores titulares tras a contundente vitoria de Italia en semifinais. Rivera finalmente entrou no partido cando restaban só seis minutos para o final, substituíndo a Roberto Boninsegna, e co Brasil gañando por 3-1. Dúas das maiores estrelas técnicas de Italia uníronse finalmente no terreo de xogo, cousa que moitos crían que debería ter ocorrido dende o principio, pero xa era demasiado tarde e o Brasil gañou o partido por 4-1, facéndose co seu terceiro Mundial.[2][13][14][15]

Catro anos máis tarde, Valcareggi utilizou aos dous xogadores xuntos na Copa do Mundo de 1974, pero o equipo italiano realizou unha mala actuación e foi eliminado na primeira rolda do torneo.[2]

Retirada[editar | editar a fonte]

Mazzola en 2008

Despois de colgar as botas, tivo un cargo executivo no Inter entre 1977 e 1984, e máis tarde no Genoa.[16]

De 1995 a 1999, volveu traballar no Inter como director deportivo, antes de ser substituído polo exfutbolista e antigo compañeiro seu Gabriele Oriali. De 2000 a 2003, traballou como director deportivo do Torino.[17]

Tamén traballou como comentarista de Rai Sport. Foi comentarista nas finais do Mundial de 1982 xunto a Luigi Colombo para Telemontecarlo (a primeira final retransmitida na televisión privada) e da final do Mundial de 2006 xunto a Marco Civoli para a RAI, ambas gañadas por Italia.

Estilo de xogo[editar | editar a fonte]

Mazzola xogando coa selección italiana nos anos 60.

Mazzola está considerado como un dos mellores futbolistas italianos de todos os tempos e un dos mellores xogadores da súa xeración.[1] Rápido, talentoso, hábil, enérxico, tacticamente intelixente e versátil, era capaz de xogar en varias posicións avanzadas. Coñecido polo seu físico, o seu ritmo de traballo defensivo e a súa habilidade acrobática no aire, xogou inicialmente como centrocampista central de corte ofensivo, rol coñecido en Italia como "mezzala", pero máis tarde, con Helenio Herrera, xogou principalmente como interior dereito, posición na que saltou á fama, consolidándose como un dos mellores xogadores do mundo no seu posto. Tamén xogou como dianteiro centro, extremo, dianteiro principal e segundo dianteiro nalgunhas ocasións. Nos seus últimos anos de futbolista perdeu algo da súa velocidade e mobilidade, e adoitaba ser despregado nun papel máis creativo como mediocampista ofensivo, grazas ao seus pases en profundidade, a súa visión, a súa técnica, e as súas habilidades co balón. Tamén era capaz de xogar nun posto de mediocampo con máis profundidade, como creador de xogo.[2][15][18][17][19][20][21]

A pesar de ocupar un papel máis atrasado e creativo durante gran parte da súa carreira, Mazzola tamén foi un prolífico goleador, grazas a unha gran visión de gol e á súa poderosa e precisa capacidade de ataque tanto dentro como fóra da área, o que lle permitiu proclamarse máximo goleador da Serie A na tempada 1964/65. Non obstante, Mazzola foi moi apreciado durante o seu mellor momento polo seu ritmo, aceleración e resistencia, así como a súa habilidade de caneo, axilidade, técnica e equilibrio, en particular cando corría co balón. O seu ritmo, combinado co seu excelente control do balón e a súa habilidade técnica, permitíalle superar con frecuencia aos defensores durante os partidos, tanto en situacións de un contra un como na realización de carreiras individuais.[2][16][20][21] Ademais das súas habilidades como futbolista, tamén destacou pola súa personalidade, forte carácter, mentalidade, determinación e liderado.[20]

Fóra do fútbol[editar | editar a fonte]

O 3 de xullo de 1968, Mazzola fundou en Milán a Asociación de Futbolistas Italianos (AIC), xunto con varios futbolistas, como Giacomo Bulgarelli, Gianni Rivera, Ernesto Castano, Giancarlo De Sisti e Giacomo Losi, así como o recentemente retirado Sergio Campana, que era tamén avogado e que foi nomeado presidente da asociación.[22]

Palmarés[editar | editar a fonte]

Sandro Mazzola no seu debut coa selección italiana, xunto a Pelé.

Inter de Milán

Italia

Individual

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 Lisa, Elena (4 de setembro de 2011). "Nella casa di Valentino Mazzola,". lastampa.it (en italiano). Consultado o 9 de febreiro de 2022. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 2,7 2,8 "MAZZOLA Sandro: il Baffo nerazzurro". storiedicalcio.altervista.org (en italiano). Consultado o 9 de febreiro de 2022. 
  3. "Balón de Ouro 1971". rsssf.com (en inglés). 7 de abril de 2005. Consultado o 9 de febreiro de 2022. 
  4. Cazzullo, Aldo (25 de febreiro de 2017). "Sandro Mazzola: «Dopo Superga fui rapito dalla compagna di papà Nei miei sogni gioco con lui»". Corriere della Sera (en italiano). Consultado o 9 de febreiro de 2022. 
  5. Ojeda, Jaime (31 de marzo de 2016). "Cuando la Juventus goleó 9-1 al Inter" (en castelán). Consultado o 9 de febreiro de 2022. 
  6. Zea, Antonio (9 de xaneiro de 2008). "European Champions' Cup and Fairs' Cup 1963-64". RSSSF (en inglés). Consultado o 9 de febreiro de 2022. 
  7. "Final da Copa de Europa 1966/67". UEFA (en inglés). Consultado o 9 de febreiro de 2022. 
  8. "Rivera e Mazzola, la famosa “staffetta”" (en italiano). 6 de decembro de 2021. Consultado o 9 de febreiro de 2022. 
  9. "Convocazioni e presenze in campo". Federación Italiana de Fútbol (en italiano). Consultado o 9 de febreiro de 2022. 
  10. "EURO 1968 Team of the Tournament". UEFA (en inglés). 1 de xaneiro de 2020. Consultado o 9 de febreiro de 2022. 
  11. 11,0 11,1 "Esce Mazzola, entra Rivera così la staffetta ha fatto storia" (en italiano). 3 de novembro de 2005. Consultado o 9 de febreiro de 2022. 
  12. 12,0 12,1 Vettere, Riccardo (14 de agosto de 2013). "70 anni di Rivera: gli auguri di Mazzola" (en italiano). Consultado o 9 de febreiro de 2022. 
  13. "1970: Quando perdemmo le… staffette" (en italiano). Consultado o 9 de febreiro de 2022. 
  14. "Messico 70 e quei 6 minuti che sconvolsero l’Italia" (en italiano). Consultado o 9 de febreiro de 2022. 
  15. 15,0 15,1 "VIGILIA MUNDIAL PENSANDO AL ' 70". La Repubblica (en italiano). 30 de maio de 1986. Consultado o 9 de febreiro de 2022. 
  16. 16,0 16,1 "Mazzòla, Sandro" (en italiano). Consultado o 9 de febreiro de 2022. 
  17. 17,0 17,1 Garanzini, Gigi. "MAZZOLA, Alessandro (Sandro)". Consultado o 9 de febreiro de 2022. 
  18. "Sandro Mazzola" (en italiano). Consultado o 9 de febreiro de 2022. 
  19. Bocci, Alessandro; Monti, Fabio (1 de novembro de 2012). "Sandro Mazzola, 70 anni: «Dicevano che non sarei mai stato come papà»" (en italiano). Consultado o 9 de febreiro de 2022. 
  20. 20,0 20,1 20,2 "Mazzola fa 70. Suarez: 'Sandro, sei rovinato'". panorama.it (en italiano). 8 de novembro de 2012. Consultado o 9 de febreiro de 2022. 
  21. 21,0 21,1 Baroni, Carlo (6 de novembro de 2012). "Sandro Mazzola, quando il calcio era un dribbling alla malinconia" (en italiano). Consultado o 9 de febreiro de 2022. 
  22. "La storia". assocalciatori.it (en italiano). Arquivado dende o orixinal o 30 de setembro de 2011. Consultado o 9 de febreiro de 2022. 
  23. "FIFA XI´s Matches - Full Info". rsssf.com (en inglés). Consultado o 9 de febreiro de 2022. 
  24. "Hall of fame, 10 new entry: con Vialli e Mancini anche Facchetti e Ronaldo". La Gazzetta dello Sport (en italiano). 27 de outubro de 2015. Consultado o 9 de febreiro de 2022. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]