Arte grega

1000 12/16
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A arte grega e un estilo elaborado polos antigos gregos, que se caracteriza pola busca da beleza ideal, onde se recreaba o mundo ideal do modelo platónico, mediante unha imitación. Tivo unha grande influencia na cultura de moitos países desde tempos antigos ata o presente, particularmente na escultura e na arquitectura.[1] A arte romana derivou principalmente de modelos gregos. Desde o Renacemento en Europa a estética humanista e os estándares técnicos da arte grega inspiraron a xeracións de artistas.

Historia e características[editar | editar a fonte]

Historia de Grecia

Grecia prehelénica
Prehistoria de Grecia
-3200 Civilización cicládica
-2700 Civilización minoica
 -1550 Civilización micénica
Grecia antiga
 -1200 Idade escura
 -800 Época arcaica
 -510 Época clásica
 -323 Época helenística
 -146 Grecia romana
Grecia medieval
 330 Imperio bizantino
 1202 Cuarta cruzada
 1453 Grecia otomana
Grecia contemporánea
  1799 República das sete illas
  1822 Guerra de independencia
 1832 Reino de Grecia
 1936 Réxime do 4 de agosto
 1941 Ocupación
 1946 Guerra civil
 1967 Ditadura dos coroneis
 1974 República helénica

Tradicionalmente distínguense tres etapas no desenvolvemento da arte grega: o período arcaico (séculos VIII-VI a.C.), período clásico (séculos V e IV a.C.) e período helenístico, desde a morte de Alexandre Magno (323 a.C.) ata a caída de Corinto (146 a.C.)

A arte grega non responde a criterios relixiosos nin vai estar disposta pola clase dominante, é máis ben a expresión dun pobo que creou un complexo entramado mítico para dar resposta á orixe do mundo. Para o artista grego a beleza posúe un carácter matemático e identifícase coa proporción xeométrica, por esta razón crearon uns sistemas proporcionais, canónicos, baseados na experiencia natural como reflexo da harmonía que rexe a natureza. A figura humana centrou o interese do artista grego desde o período arcaico, particularmente na escultura. As formas anatómicas da figura humana están tratadas como un organismo vivo e a relación proporcional entre as súas partes constitúe o ideal e o fundamento da beleza. A importancia da vida urbana e a súa organización "democrática" condicionaron a arquitectura grega.

Períodos[editar | editar a fonte]

A historiografía da arte identificou varios estilos que periodizan a arte da Antiga Grecia:

  • Xeométrico (séculos IX e VIII a. C.); hai moi poucos datos do período anterior, coñecido como Idade Escura, á que precedeu a arte das civilizacións prehelénicas (arte cicládica, arte minoica e arte micénica).
  • Orientalizante (final do século VIII e comezos do VII a. C.).
  • Arcaico (séculos VII e VI a. C.), na decoración pictórica da cerámica caracterízase polas figuras negras.
  • Severo (finais do VI e comezos do V a. C.), na decoración pictórica da cerámica caracterízase polos vasos bilingües.
  • Clásico (séculos V e IV a. C. -das Guerras Médicas ao reinado de Alexandre o Grande-), na decoración pictórica da cerámica caracterízase polo emprego das figuras vermellas, que se prolonga no período posterior.
  • Helenístico (final do século IV e séculos III e II a. C.), prolongado pola arte romana a partir da conquista romana de Grecia (146 a. C.).

Non houbo ningunha ruptura radical entre un período e outro. As distintas formas de arte evolucionaron a ritmos distintos en diferentes lugares do mundo grego e, como en calquera época, algúns artistas elaboraron estilos máis innovadores. Fortes tradicións locais, o carácter conservador, e as esixencias dos cultos relixiosos, permiten aos historiadores localizar a orixe da maior parte das obras de arte conservadas, mesmo no caso habitual de que fosen desprazadas do lugar para o que foron creadas, ou de que sexan copias.

A arte na Grecia arcaica[editar | editar a fonte]

O período arcaico iníciase a finais do século VIII a. C. e abarca ata comezos do século V a. C. Neste período prodúcese unha expansión da polis grega, instaurándose unha nova orde cidadán, coa tiranía como marco político principal, sistema que pronto desaparecerá fronte ao ideal igualitario de cidadanía do século V a. C. A lexitimación deste tipo de mandato cidadán supón a promoción de grandes obras públicas, representativas do prestixio do tirano, quen apoia a creación de edificios civís e relixiosos nas cidades onde goberna, para o cal manda remodelar a súa armazón urbana. Esta actuación tivo como obxecto outorgar a cada urbe unha identidade propia, ao tempo que mostrar a súa preponderancia sobre o resto delas. Consecuentemente, a arte desempeña nesta etapa un novo papel propagandístico da tiranía, cuxos gobernantes o utilizan para xustificar o seu poder escasamente lexitimado. A partir do século VI a. C. o centro político da polis convértese nun lugar de gran relevancia artística, converténdose a praza pública ou ágora no corazón das actividades cívicas da sociedade. Entre todas elas sobresae a da cidade de Atenas, impulsado polo lexislador Solón emonumentalizada na época dos Pisistrátidas.

O culto relixioso desempeñou tamén un papel fundamental na sociedade grega deste período, de maneira que todas aquelas cidades que dispuxeron de medios económicos abondo promoveron a construción de edificios relixiosos en pedra, os cales cumpriron un importante papel á hora de cohesionar as diferentes clases da nova sociedade, menos igualitaria que a de séculos anteriores. Créanse agora santuarios panhelénicos, como Delfos e Olimpia, onde os distintos tiranos realizan grandes ofrendas votivas para exhibir o seu poder, e se fomentan novos cultos populares, ao tempo que xorden mitos relacionados con deuses e heroes locais, o que incrementa as identidades políticas das distintas polis que necesitan sentirse independentes e destacar sobre o resto.

Vestixios[editar | editar a fonte]

A arte antiga grega perdurou na forma de esculturas e arquitectura; tamén en artes menores como o deseño de moedas, o gravado de olaría e xemas.

Pintura[editar | editar a fonte]

Os gregos, como a maioría das culturas europeas, consideraban a pintura como unha das formas máis altas de arte. As obras de Polignoto de Thasos, que traballou no século V a. C., seguían sendo admiradas mesmo 600 anos despois da súa morte, como despois aconteceu coas de Leonardo da Vinci ou Michelangelo, non obstante neste caso non só non se conservaron ningunha das súas obras senón tampouco ningunha reprodución.

Os pintores gregos traballaron xeralmente sobre paneis de madeira, que se estragaban rapidamente (a partir do século IV a. C.), cando non eran ben protexidas. Hoxe en día non queda case ningunha peza de pintura grega, agás algúns restos de pinturas en terracota e dalgunhas pinturas nas paredes de tumbas, sobre todo en Macedonia e Italia. Das obras mestras da pintura grega temos soamente algunhas copias realizadas nas épocas romanas, a maioría delas son dunha calidade inferior.

Arquitectura[editar | editar a fonte]

A gran maioría de edificios gregos non perduraron, debido a varias razóns: foron destruídos en guerras, saqueados para obter materiais de construción ou abatidos por terremotos. Soamente un puñado de templos, tales como o Partenón e o templo de Hefesto en Atenas. Das catro marabillas do mundo creadas polos gregos ningunha perdurou:

O templo grego[editar | editar a fonte]

Son os templos a construción máis representativa da arquitectura grega, xa que o seu principal era brindarlle protección ou albergue a unha deidade ou deus. Na parte de dentro encontrábase o efixie da deidade mentres tanto na parte exterior rendíaselle culto. Os gregos utilizaban o pretexto relixioso para xustificar con isto as súas grandes creaciónes desta forma podían desatar a súa imaxinación e crear marabillosas estruturas. Considerado como unha arquitectura sublime isto serviu de exemplo para a construción doutras estruturas gregas; por isto os edificios gregos comparten similares características.

A diferenza principal do templo arcaico ao templo pre-helénico é que se fai a alma da cidade, é dicir, antes os pazos eran, á súa vez, refuxios para os cidadáns en caso de guerra, na época arcaica son os conxuntos de templos, é dicir o acrópole, é a casa do deus e o refuxio dos cidadáns, xa que estaban situados nun outeiro e ademais estaban fortificados, probablemente para as utilidades de antes.

As cerimonias, calquera malia a súa importancia, realízanse fóra do templo para que o olor dos sacrificios chegase á estatua divina para que esta llo agradecese e lles dese boas colleitas etc.

Ao comezo os templos son moi pequenos e apenas diferéncianse dunha casa, pero co tempo, ademais da substitución de elementos brandos por rochas ou perpiaños, establécense as ordes: o dórico, o xónico e o corintio son as tres ordes, os dous primeiros xorden ao principio da época mentres que o corintio se orixina despois derivando do xónico. Ademais a arquitectura grega é alintelada ouarquitrabada pola viga que se pon no pórtico chamada lintel. Ignora os arcos e outros tipos de arquitectura.

  • A planta: ao templo accédese polo pórtico, que está entre dúas columnas, que leva á sala que abeira ao deus (cella), que leva aoopistodomos, lugar selado onde se encontra o tesouro do templo, aínda que ás veces se pode acceder dende o exterior.

Se o templo está rodeado de columnas, se lle chama períptero e se as columnas se limitan ao pórtico, se chama próstilo, segundo as columnas que teña o pórtico, será dístilo (dúas columnas), tetrástilo (catro), e así sucesivamente sempre sendo pares.

  • A orde dórica: non ten base senón que arrinca directamente dende a crepidoma ou plataforma que consta de tres chanzos, os dous primeiros por abaixo, chamados estereóbatas e o primeiro por arriba chamado estilóbata. O fuste é estriado e o seu diámetro é máis pequeno dende a estilóbata ata o capitel, pero non é regular xa que se empena no centro (éntase). A separación entre o fuste e o capitel é o colariño, que dá ao equino, que é o núcleo principal e ten forma de prato, e despois dá ao ábaco, que é un prisma rectangular. Enriba do ábaco colócase a arquitrabe, que é unha viga que une as dúas columnas, que despois suxeita a tenia, que é unha fita fina, e as régulas, que son tríglifos cortados. O friso componse de tríglifo e métopa, os mútulos son os xa mencionados antes tríglifos cortados, e o geison é un beirado que marca profundidade no frontón a delimitación triangular do tellado no templo e que fai posible o frontón é a sima.
  • A orde xónica: o fuste é acanalado e non presenta éntase. O capitel, aínda que pode ser máis composto, está decorado con volutas, e o colariño pasa a formar parte do capitel e non se lle dá tanta importancia como antes. A arquitrabe pasa a ter tres bandas horizontais que se chaman fascia e que superan cada unha á súa inmediata inferior. O friso é un espazo liso dedicado a realizar esculturas nel. Os demais elementos son iguais que na orde dórica.

Escultura[editar | editar a fonte]

Todas as esculturas e obras de arquitectura que perduraron, só son unha pequena mostra da inmensa colección de obras gregas. Moitas esculturas de deuses pagáns foron destruídas durante a era cristiá. Desgraciadamente, cando se calcina o mármore prodúcese o cal, e ese era o destino de moitas obras de mármore gregas durante a Idade Media. Durante ese mesmo período, debido á escaseza de metais, a maioría das estatuas de bronce eran fundidas. Actualmente moitas das obras que hoxe temos son copias romanas.

Outras artes[editar | editar a fonte]

A partir do período arcaico da arte grega, as cerámicas pintadas e as esculturas son case as únicas formas de arte que perduraron. A pintura estaba nos seus inicios durante aquel período, e ningún exemplo perdurou. Aínda que as moedas foron inventadas no século VII a. C., non eran comúns na maior parte de Grecia ata o século V a. C.

Cerámica[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Cerámica da Grecia antiga.

Deste período destacan a elaboración de cerámicas para uso cotián, ou de carácter fúnebre, onde se empregaron grandes floreiros. Estes floreiros estaban ornamentados con representacións lineais, e motivos relacionados coa morte, como batallas marítimas ou terrestres. A maior parte da olaría está composta por pezas domésticas, das que perduraron recipientes tales como as ánforas, pequenas cráteras e hidrias. Por outra parte, da cerámica funeraria se encontraron varias urnas. Tamén se fabricaron figuriñas en barro cocido, principalmente para ser depositadas como ofrenda nos templos. Durante o período helenístico, foi elaborada unha gran variedade de obxectos de olaría, aínda que só algunhas posúen valor artístico.

Durante os períodos máis antigos, ata as pequenas cidades gregas producían obxectos de olaría para o mercado local, sendo os seus estilos e modelos moi variados. Entre os anos 550 e 480 a. C. a arte en cerámica sufriu unha gran transformación; ademais, os autores incluíron os seus nomes, o nome do oleiro ou do pintor que decoraba aquelas pezas (tamén existían algúns artistas que practicaban ambos os dous labores). A cerámica ática e corintia destacaron por sobre as demais. Atenas creou as primeiras representacións do estilo belo: recipientes con figuras vermellas sobre fondo negro. (véxase tamén cerámica de figuras vermellas e cerámica de figuras negras).

A historia da cerámica grega antiga está subdividida nos seguintes períodos:

Período Dende o ano
Protoxeométrico 1050 a. C.
Xeométrico 900 a. C.
Estilo orientalizante finais do século VIII a. C.
Figuras negras século VII a. C.
Figuras vermellas 530 a. C.

A gama de cores que podía ser utilizada sobre a olaría foi restrinxida polas técnicas de cocción: negro, branco, vermello e cor amarela eran as cores máis comúns. Durante os tres primeiros períodos, as cerámicas gardaban a súa cor natural clara con algúns motivos negros.

Arquitectura[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Arquitectura grega.

Un dos signos máis doadamente recoñecibles dos logros artísticos gregos é a súa agraciada arquitectura, caracterizada polas elegantes columnas de pedra e os frontóns triangulares esculpidos dos tres estilos arquitectónicos que se desenvolveron entre o 600 e o 300 a. C.

Estes estilos foron creados para construír máis templos aos deuses que eran moi importantes para eles. Esculpidos en mármore, eles imitaron as técnicas de corte da madeira dos edificios feitos orixinalmente neste material.

O estilo dórico é o máis antigo e o máis simple, con columnas firmes e frontes cubertas con esculturas que, ao mesmo tempo, podían pintarse de vermello ou azul para xerar impacto; cabe destacar que non ten base comparado con outros estilos. O mellor exemplo sobrevivente dun templo dórico é o Partenón (438 a. C.) no Acrópole de Atenas.

O estilo dórico é o máis antigo e o máis simple, con columnas firmes e frontes cubertas con esculturas que, ao mesmo tempo, podían pintarse de vermello ou azul para xerar impacto; cabe destacar que non ten base comparado con outros estilos. O mellor exemplo sobrevivente dun templo dórico é o Partenón (438 a. C.) na Acrópole de Atenas.

O estilo xónico apareceu arredor do mesmo tempo nas cidades máis ricas de Asia Menor. Produce a sensación de máis lixeireza e é máis decorativo, con columnas esveltas destacando volutas ensortixadas en cada esquina do capitel. O estilo alcanzou o seu apoxeo no desaparecido Templo de Artemisa en Éfeso, unha das Sete Marabillas do Mundo. Pódese admirar a arquitectura xónica no Templo de Atenea Niké na Acrópole.

Cara ao ano 400 a. C. xurdiu unha nova versión, máis elaborada, da arquitectura xónica: a corintia. Caracterizábase por intricadas follas espiñentas de acanto esculpidas nos capiteis das columnas, que pode reflectir a influencia do Oriente Medio. A prestancia do estilo corintio converteuno no estilo arquitectónico favorito da arquitectura do Imperio romano. Os templos pódense clasificar polo número de columnas que teñen:

-In antis, se só teñen dous na súa fachada e muros da cella.

-Tetrástilo: catro.

-Hexástilo: seis.

-Octástilo: oito.

-Decástilo: dez.

-Próstilo: se só ten un pórtico na parte dianteira.

-Anfipróstilo: se o ten tamén na parte posterior.

-Períptero: cando as columnas exentas rodean a cella.

-Díptero: cando son dous as filas de columnas.

-Pseudoperíptero: cando está disposto con columnas pegadas aos lados.

-Áptero: se non ten columnas.

-Hípetro: se non ten teito.

Escultura[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Escultura grega.
Véxase tamén: Escultura helenística.
Os kouroi eran representacións de atletas novos, cos brazos caídos e paralelos ó corpo e unha das súas pernas adiantadas cunha ríxida frontalidade, representantes da arte grega arcaica amosan a súa relación cos modelos escultóricos exipcios

Período arcaico[editar | editar a fonte]

Este período iniciase a finais do século VIII a.C., ata comezos do século V a.C. durante este período prodúcese a expansión grega, polo que se instaura un novo orde cidadán. Dito cambio de lexislación provoca unha gran promoción de obras publicas. Nesta etapa destaca a escultura, que pode apreciarse como arte mais común e popular, xa que acompañan a templos e tumbas. Xeralmente adoitaban ser figuras masculinas (kuros) e femininas (korés).

Durante este período, pódense observar características moi similares nas obras:

  1. Figuras policromadas.
  2. Hieratismo, rostros sen expresividade.
  3. Frontalidade, son figuras para apreciar de fronte. Non conseguen estereometria.
  4. Independentes; esculpen parte por parte, non de forma conxunta.
  5. Anatomía pouco conseguida (figuras moi xeométricas).
  6. Puños pechados.
  7. Os homes represéntanse sempre espidos, mentres que as mulleres vestidas, xa que era moi vulgar.
  8. Cabelo xeometrizado.
  9. Sorriso arcaico.
  10. Adiantan a perna esquerda e flexionan o xeonllo dereito, intentando dotar a figura de naturalidade.

Notas

  1. "Beleza Imortal: A Arte Grega" (en portugués). 2023-05-07. Consultado o 2023-08-22. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]