Arte islámica

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Mesquita de Córdoba

O termo arte islámica designa a produción artística que se desenvolveu entre a héxira (622) e o século XIX no territorio habitado por poboacións de cultura islámica que se estendía no momento de máximo esplendor desde España ata Indonesia. A fe nun Deus único, Alá, e no seu profeta, Mahoma, creou uns lazos culturais e relixiosos que se reflectiron tamén na arte.

A orixe nómade do pobo árabe, primeiro en converterse ó islam, determinou que a arte estivese centrada nas artes decorativas e industriais: ourivaría, marfís, cerámica mentres que a arquitectura, carente en orixe dunha organización no construtivo e no ubanístico vai derivar nunhas estruturas arquitectónicas abertas con patios e pórticos cubertos xeralmente con terrazas. O material de construción habitualmente utilizado foi o ladrillo, as naves realízanse mediante o arco de medio punto, o arco apuntado, o arco peraltado e sobre todo polo arco de ferradura e o arco polilobulado, os edificios estaban cubertos por bóvedas de canón e a partir do século X por bóvedas de aresta formando arcos que se cruzan deixando un polígono central. O edificio máis característico da arte islámica é a mesquita, a súa orixe está na casa de Mahomed e a súa tipoloxía non mudou ata a época actual, consta de haram, sala de piares orientada cara A Meca cun nicho aberto no muro do fondo, diante do que está a macsura (palco) e o mimbar (púlpito), esta sala dá ao sahn, patio porticado no que está o sabil (fonte de ablucións).

A decoración da arte islámica é plana, sen eixo de simetría e con tendencia á repetición indefinida de motivos xeométricos e vexetais estilizados que se mesturan entre si e con outros motivos epigráficos.