Monte de San Trocado

Na Galipedia, a wikipedia en galego.

O monte do San Trocado, Santrocado ou San Torcuato, situado na provincia de Ourense, lindando coa comarca do Ribeiro, é un monte de pequena altitude que se atopa na beira dereita do Miño central, á altura de Laias (concello de Cenlle), onde, aos pes do monte, xorden uns mananciais de augas medicinais, xusto onde hoxe se atopa o moderno Balneario de Laias.

Dende a súa altitude (550 metros) pódese observar unha gran porción da comarca, destacando as vistas da Serra da Martiñá cara o norte, e do Coto de Novelle cara o sur. Administrativamente, pertence aos concellos de San Amaro, Cenlle e Punxín e, na división eclesiástica, teñen parte no monte catro parroquias : Santa Uxía de Eiras, San Cibrao de Las, San Xoan de Ourantes e Santa Baia de Laias.

Panorámica da confluenza do ríos Miño e Barbantiño  desde o Monte San Trocado
Panorámica da confluenza do ríos Miño e Barbantiño desde o Monte San Trocado

Índice

[editar] O poboado mineiro e a calzada a Lambrica

O poboado atopase subindo dende Laias (hai que ir andando, por pistas forestais), debese cruzar a actual autovía a Vigo, a causa da súa construción nos anos noventa fíxose desaparecer un importante xacemento prerromano e romano relacionado coa minería. O máis destacable deste xacemento eran uns depósitos de mineral, tallados na rocha, e diversas construcións, das que unha delas puido ser un templo[Cómpre referencia]. Este xacemento figura en moitos estudos co nome de Barbantes, unha nova parroquia xurdida ó lado da de Laias no século XX, e coa que comparte unha parte do monte San Trocado. No subsolo do monte e no dos seus arredores hai estaño, con restos de explotacións deica mediados do século XX, polo que podese considerar que este mineral xa fora explotado polos habitantes das épocas romana e prerromana. Tamén se poden rastrexar evidencias en lendas e na toponimia do lugar que aluden ó ouro, que podía ser extraído por diversas técnicas do interior dos montes, (ver Laias) pero que a máis coñecida é a do aproveitamento das areas fluviais.

Dende aquí partía unha calzada empedrada que desembocaba no castro de Lambrica ou de San Cibrán de Las, aínda que este último nome non se axusta a realidade xa que o castro está compartido polas parroquias de Ourantes e de San Cibrao de Las, dos concellos de Punxín e San Amaro, respectivamente. Lanobriga é o castro máis grande da comarca, chamado aínda hoxe "A Ciudá", o que dá a entender a súa importancia con respecto ós outros pequenos castros que o arrodean: O Castro Martiño (Xinzo), o Castro de Beariz, o Castro de Eiras, o propio castro do Santrocado...

O nome de Lambrica procede dun ara romana que apareceu no pazo de Eiras, na que un tal Emilio Reburrino dedica a ara ó deus prerromano Bandua Lambricae, o que nos indica a súa conexión co grande castro, auténtica "capitalidade" daquelas terras e naqueles tempos, pero en ningún caso está documentada a procedencia da ara do castro de Las. Sen embargo, existen discrepancias na súa lectura, tentando moitos autores de relacionalo directamente co topónimo Lás e lendo "Lansbrigae" ou "Lanobrigae" en vez de "Lambricae". Ainda así, pode parecer incorrecto utilizar o xenitivo para nomear o xacemento, como se ven facendo repetidamente en diversas publicacións e folletos turísticos.

Antes de chegar a Lambrica, esta calzada podía ser vixiada desde o alto do monte que se comenta, o San Trocado, no que existíu tamén un pequeno poblamento castrexo. Neste lugar téñense feito algúns estudios arqueolóxicos que deron a entender que as primeiras ocupacións do San Trocado poden enmarcarse entre o Bronce Final e a Idade do Ferro Inicial, máis o menos entre os séculos VII e VI antes de Cristo, o que da unhas datas un pouco anteriores á ocupación de Lambrica.

[editar] Lugar de vixiancia e defensa

O cumio do Santrocado sería un lugar de vixía e, posiblemente, de comunicación a distancia entre os distintos castros do contorno. Cumpre unha función na defensa da parte sur do castro de Lambrica, xa que nesta parte o grande castro parece indefenso, pero non é así xa que é precísamente dende o cumio do monte do San Trocado dende onde podían vixiarse os accesos polo río Miño : ainda hoxe poden divisarse dende as cercanías de Ourense ata o actual embalse de Castrelo.

Dous aspectos do derrube da muralla na zona suroeste do castro do San Trocado
Dous aspectos do derrube da muralla na zona suroeste do castro do San Trocado

A súa función pode comprenderse pensando na constelación de montes dende os que se emitían sinais luminosas. Moitos deles ainda hoxe se chaman "Faros", "Fachos", etc. Podería derivar o seu nome do latín torqueo, que, entre outras cousas, significa "gobernar". En italiano existe a palabra "torcia", que significa "facho" ou "lanterna". Ainda hoxe se utilizan os montes para comunicar, erguendo rexas antenas. Antigamente, só podían facerse sinais con lume, para emitir unha serie de avisos ou mensaxes que interesarían as xentes do contorno, e, mesmo, as xentes doutros montes altos, que servirían de "reemisores" da sinal. Martínez Tamuxe, cando se refire ó Monte de Santa Trega (A Guarda, Potevedra) define a cima do Facho como "lugar adecuado, desde onde, na antigüedade, dábanse sináis con lume entre ´si as antigas poboacións de altura". Ademáis, este mismo autor relaciona Facho con fachón, e fachueira, que é o mesmo que fogata ou antorcha. Cómpre decir que a citania de Santa Trega tivo tamén proboación prerromana e romana, polo que poden aplicarse paralelismos entre os dous montes.

[editar] O comercio dos minerais

Samuel Eiján, na súa obra "Historia de Ribadavia y sus alrededores" fala de que as terras dos arredores de Ribadavia non foron descoñecidas para os fenicios:

Nada, por consiguiente, tiene de extraño que los emprendedores fenicios, o bien los cartagineses o romanos que les sucedieron, realizasen el proyecto de navegación por el Miño, favoreciendo de este modo, al par que sus intereses, el bien estar y la prosperidad de la comarca ribadaviense.

Supoñendo que, tal como documenta Estrabón, que o río Miño era navegable "oitocentos estadios" dende a desembocadura, podese asegurar que é posible que entrasen ou saísen mercancías a traverso do Miño, pola vía fluvial. Así, cobra tamén sentido o inicio da calzada "romana" dende Barbantes, donde existía unha barca que cruzaba o Miño non hai moitos anos. Oitocentos estadios correspóndense cunhos 130 quilómetros, que deben ser, aproximadamente, os que hai desde Camposancos (A Guarda) ata a mesma cidade de Ourense.

Este movemento comercial, seguramente ligado á minería do ouro e do estaño -presentes nos arredores do Santrocado- é o único que pode explicar o auxe do grande castro de Lambrica, existente entre os concellos de San Amaro e Punxín e do que o pequeno mirador do Santrocado non é senón o seu apéndice de vixiancia da zona mineira, cara o sur, e das entradas de embarcacións polo río Miño que, coma dixen maís arriba, son visibles desde Castrelo de Miño, unhos poucos quilómetros antes de chegar ó embarcadeiro de Barbantes.

[editar] Cómo chegar

Ainda que empezando a ruta en Laias, a cima do monte pode ser visitada dende os concellos de Punxín e San Amaro, podendo subir dende eles en turismo sen ningún problema. O monte pertence ós tres concellos citados : Cenlle, San Amaro e Punxín, pero non existe ningún punto de información turística en ningún sitio, de momento. O vistiante do cumio poderá disfrutar das vistas que ofrece o San Trocado, con amplios aparcadeiros que arrasaron boa parte do castro que alí había.

[editar] O que hai no cumio do monte : a capela e a festa

A cima do monte do San Trocado está compartida só entre os citados concellos de Punxín e San Amaro, e nela ubícase unha capela que ostenta nun dos seus laterais unha data, 1739, posiblemente dunha reconstrución. A capela está dentro dos límites da parroquia de San Cibran de Las, que garda na súa parroquial unha imaxe do santo titular. Na capela hai hoxe unha imaxe pétrea do San Trocado, que sustitúe a outra -ignorase cómo era- que desapareceu a finais dos anos cincuenta do século XX.

A festa que alí se celebraba era no 15 de maio, posible reminiscencia de cultos prerromanos. Contan os maiores que alí subían catro procesións, procedentes das catro parroquias que arrodeaban o monte (Eiras, Las, Laias e Ourantes), xuntándose na cima e disfrutando dun ledo día de festa, despóis da "bendición dos campos" do entorno. López Cuevillas relata na súa obra "Prosas Galegas" esta celebración, que podía ser vista, segundo el mesmo dí, por don Ramón Otero Pedrayo, dende a solaina do seu pazo de Trasalba (Amoeiro).

Xusto ó lado da capela hai un biduo ou "bidueira", e os habitantes do lugar chámanlle "o Coto". Otero Pedrayo, na súa obra "Arredor de Sí" (capítulo XII) fai unha descrición dun monte que ben poido ser inspirada no San Trocado:

Na ribeira do grande río galego, non lonxe da aldea dos Solovio, a maina curva dun meandro demarca a larganza e fartura da veiga cha, erguemento azul do coto da Bidueira. Ten as abas vestidas de piñeiráis crecedeiros e o peito asucado polas arroiadas da invernía. Os ribeiráns chámanlle coto cun senso de amor como cousa mimada, presente a todas a horas das súas sazóns, e mírano como algo vivente, pois ten o cume figura de testa de gato ou de moucho, e ata figura con certos ventos e con certos soles acenar as orelliñas feitucas (...)

Ainda que hoxe só se vé un biduo, hai que decir que a mediados do século XX existían dous, un a cada lado da capela (hai unha fotografía de Manuel Chamoso Lamas na obra de Enrique Bande que se cita máis adiante na bibliografía). Non existen máis exemplares desta árbore na cima do monte, polo que algúns paisanos chegaron a atribuir un carácter milagreiro á existencia destes biduos na cima do monte.

[editar] O abeiro do Raposo (Amoeiro)

No concello de Amoeiro tamén se sitúa un abeiro de rochas denominado "Do Raposo", desde onde tódolos solsticios de inverno pode verse cómo se pon o sol xusto na cima do San Trocado, proba do valor sagrado que o monte tiña para os antergos, incluso aqueles que viviron na zona de Amoeiro e unha proba máis da "intercomarcalidade" dos castros de Lanobriga.

A importancia de Lambriga e do San Trocado traspasa os actuais límites municipais, non sendo óptimas as actuacións arqueolóxicas se só implican a un ou dous dos concellos, pois os resultados de tales investigacións non terán en conta o papel desenvolto polos vestixios que xacen en concellos veciños e que non poden entenderse ailladamente.

[editar] Restos arqueolóxicos, lendas e cultos

En canto os restos arqueolóxicos na cima do San Trocado, aínda se poden observar restos da muralla que arrodeaba o castro. Trátase un monton de pedras que segue unha línea algo curvada, xa que está sen restaurar, pero apréciase perfectamente como arrodea o sur e o oeste da capela. Apareceron tamén diversos restos cerámicos, posiblemente do século VI antes de Cristo os máis antigos, pero tamén os hai da época medieval. Tamén podemos ver os coñecidos "ocos" ou "cuncas" nas rochas, utilizadas en ritos de cultos prerromanos. Atopanse tamén restos paleolíticos, basicamente "bifaces" en cuarzo, especialmente na súa ladeira sur.

O San Trocado tamén está envolto nas consabidas lendas de trabes de ouro e de alquitrán, que garda unha gran serpe, e a da galiña e os "pitiños de ouro", que son o primeiro indicio de antigos poblamentos ou de lugares sagrados.

Florentino López Cuevillas e Fermín Bouza Brey documentan unha lenda recollida nos anos vinte en Eiras e que di así, relativa ó castro de Lambrica (A Cidade):

N-iste castro hai unha moura que sai en figura de unha cobra levando unha fror na boca. Pra desencantala hai que lle tirar cos beizos a fror que leva na boca (relato de Segundo González de Eiras).

Outra lenda, que ésta sen documentar dí que dende o Castro Martiño (lugar de Xinzo-Eiras) existe unha serpe dende unha mina da que aínda hai restos, e que se extende por baixo do monte ata o cumio da "Cidade". Aquí, os paisanos chámanlle "Cidade" curiosamente ó cúmio do Santrocado, non o castro de Lambrica, o que podería indicarnos a identificación dos dous castros, complementarios entre sí, e coa importante laboura de vixiancia do San Trocado [Cómpre referencia].

A preocupación do home polos lugares altos é común a toda a Humanidade, onde a divindade está máis cerca e pode ser posible contactar con ela, ben sexa pra pedir protección ou pra agradecer favores, ademáis de poder servir de lugar de víxia e defensa, sendo controlados pola elite dirixente no entorno.

O santo alí venerado, un bispo de Guadix, San Torcuato, é visto nestas terras coma protector contra as tormentas. Cun lóstrego na man, tamén era representado Xúpiter, en época romana, ó que posiblemente San Trocado suplantou. No alto da cidade de Lambrica, en San Cibrán de Lás, existe unha inscripción, "IOVI", ("a Xúpiter") nunha rocha de pouco máis de medio metro de altura, que ten, curiosamente, o mesmo perfil que o do monte San Trocado.

O cumio do Santrocado visto dende a cidade de Lambrica. Na parte inferior, a peneda que contén una dedicatoria a Xúpiter.
O cumio do Santrocado visto dende a cidade de Lambrica. Na parte inferior, a peneda que contén una dedicatoria a Xúpiter.

E, relacionado coas tormentas, tamén temos a lenda clásica relatada por Xustino de que "teñen no seu país un monte sagrado que é impío abrir co ferro, e só cando toca o raío nas súas ladeiras pode recollerse o ouro das súas entrañas coma un presente dos deuses". Non hai constancia de que esta lenda se refira a iste monte, pero é posible que se trate dunha lenda común a todo o Noroeste peninsular, onde cada tribu tería a súa propia área de culto nun monte do seu entorno, algo parecido ó que ocorre con outras lendas ben coñecidas, que se repiten por toda a xeografía galaica. Así, a lenda da "moura", a da "trabe", etc., algunhas xa citadas. Ademais, moi cerca do seu cumio existe o topónimo "Os Fornos", que pode indicar o lugar de ritos funerarios de cremación ou de enterramento, como ocurre en outros lugares de Galiza.

Ademais, podese considerar que a festa do mes de maio do San Trocado pode ter as súas orixes en ritos primitivos de tradición céltica que se celebraban no mes de maio e dos que hai abondosa tradición nas nacións atlánticas. Trátase das celebracións de Beltain, vinculadas ó lume. En Irlanda hai constancia de que os campesiños encendían nos montes grandes fogatas, o que poderíamos relacionar coas posibles orixes do nome ("Torcia" = facho, en italiano). Estes antigos cultos tentarían de ser suplantados polos romanos co pai dos deuses, Xúpiter, ó que estaban dedicados certos días (os idus, 15 de marzo, maio, xullo e octubre e 13 dos demais meses). Hai constancia escrita deste culto nunha inscripción en rocha no castro de Lambrica, da que se falou máis arriba.

Xa no cristianismo, buscaríase un santo con atributos parecidos os do deus romano, que xustificara as tradicionais reunións anuáis no Coto das xentes do entorno nos días 15 dos meses de maio (sincretismo do Beltaine céltico e do idus romano). En época moderna, suben ós altares ó madrileño Isidro (Sidre), instituindo a Igrexa a súa festividade o 15 de maio. É así como xorde no Coto a veneración a San Isidro Labrador, o patrón dos agricultores, seguramente por coincidir as datas das celebracións de ambos santos. Non faltan paisanos que os identifican crendo que se trata do mesmo.

En todo caso, estamos diante dunha celebración netamente agraria, relacionada con cultos á natureza, seguramente para pedir protección pro raio, e asegurar boas colleitas. Tampouco debese desbotar a posibilidade de que esta festa servise nas súas orixes para favorecer intercambios tanto de mercancías coma de gando, entre as diversas aldeas do entorno, algo así como unha pequena feira local, e, como non, para fomentar as relacións entre as xentes dos diversos pobos que alí subían.

[editar] Polos arredores

A moi pouca distancia está o Castro de Lambrica, a igrexa románica de Ourantes (cunhos fermosos canzorros, entre os que destaca o do "músico" e o do "lector"), a súa reitoral, e o monumental peto de ánimas onde San Francisco segue salvando xente, o templo barroco de Santa María de Salamonde, onde recentemente desaparecéu un cruceiro "celta" da capela de Santa Eufemia (tamén perto doutro pequeno castro) e unha riquísima variedade de patrimonio etnográfico espallado polo contorno.

En Eiras atopanse os pazos : o de Sabariz, con portada do século XVII, coroada polo escudo dos Cárdenas e unha curiosa imaxe, e o de Eiras, ó lado dunha vella carballa e moi perto da parroquial, a cal garda no seu interior un destacable retablo de Castro Canseco, feito en 1704.

Diante Igrexa de San Cibrán de Lás, con data na súa parte posterior de 1739, podese ver un curioso cruceiro que tivo peto de ánimas e que ten grabada na súa base a figura dun bispo. No seu fuste ostenta unha grande serpe que sube cara a cruz ¿será a serpe encantada que se esconde no Santrocado? ¿terá algo que ver coa serpe da "flor na boca" da que falan Cuevillas e Bouza Brey?. Se fose a serpe do pecado non sería merecente de subir polo fuste da cruz ; logo, algún segredo esconderá...

O lado deste cruceiro, podese ver a praciña de cemento e imaxinarvos cómo era a entrada barroca á rectoral, destruída non hai moito. Constaba de un portalón barroco con almeas apuntadas -ó xeito das entradas de moitos pazos- e dun grande muro feito nos séculos do Barroco con pedras procedentes do castro de Lambrica.

[editar] Véxase tamén

[editar] Bibliografía

  • GARCÍA FERNÁNDEZ-ALBALAT, B.: Guerra y religión en la Gallaecia y la Lusitania antiguas. Ed do Castro, Sada, 1990
  • CUEVILLAS, F., BOUZA BREY, F.: Os Oestrimnios, os Saefes e a Ofiolatría en Galiza. Ed facsímil do Seminario de Estudos Galegos (1929). Universidade de Santiago, 1992
  • CUEVILLAS, F.: Prosas Galegas. Galaxia, Vigo. 1982
  • EIJÁN, S.:Historia de Ribadavia y sus alrededores. Ed facsímil (1920). Albarellos. Lugo, 1981
  • FARIÑA BUSTO, F., XUSTO RODRÍGUEZ, M.: "Coto do San Trocado (San Amaro-Punxín-Ourense"), en VVAA, Arqueoloxía-informes 2. Campaña 1988. Xunta de Galicia. 1988.
  • OTERO PEDRAYO, R. Arredor de sí. Galaxia, 1985
  • OTERO PEDRAYO, R. Guía de Galicia. Galaxia, 1980
  • CASTRO PÉREZ, L.: Sondeos en la arqueología de la religión en Galicia y norte de Portugal: Trocado de Bande y el culto jacobeo. Universidade de Vigo, 2001
  • BANDE RODRÍGUEZ, E.: La romería de San Torcuato. Ed. patrocinada por Caja Rural. 1984
  • GARCÍA QUINTELA, M.; SANTOS ESTÉVEZ M.:"Alineación arqueoastronómica en a Ferradura (Amoeiro, Ourense)". Revista Complutum 15. 2004, pág. 51-74.
  • ALBERRO, M. Diccionario mitológico y folklórico céltico. Briga Edicións. A Coruña, 2004.

MARTÍNEZ TAMUXE, X.: Citania e museo arqueolóxico de Santa Tecla. Sociedade Pro Monte. A Guarda, 1998

[editar] Outros artigos

Ferramentas persoais