Millepora alcicornis

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Véxase tamén: Millepora.
Millepora alcicornis
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Cnidaria
Clase: Hydrozoa
Subclase: Hydroidolina
Orde: Anthoathecata
Suborde: Capitata
Familia: Milleporidae
Xénero: Millepora
Especie: M. alcicornis
Nome binomial
Millepora alcicornis
Linnaeus, 1758
Sinonimia
Véxase o texto

Millepora alcicornis é unha especie de cnidario hidrozoo da subclase dos hidroidolinos, orde dos antoatecados, suborde dos capitados, o tipo da familia dos milepóridos.[2]

É unha especie de coral de fogo colonial con esqueleto calcario que se encontra en arrecifes de coral en augas pouco profundas no océano Atlántico tropical occidental, no mar Caribe e o golfo de México.[1] Mostra unha variedade de morfoloxías diferentes dependendo da súa situación. Aliméntase de plancto e completa parte das súas necesidades enerxéticas coas microalgas simbiontes que se atopan nos seus tecidos. É un membro importante da comunidade de arrecifes e está suxeita ás mesmas ameazas que outros corais. Pode provocar picadas dolorosas aos mergulladores incautos.

Taxonomía[editar | editar a fonte]

Descrición[editar | editar a fonte]

A especie foi descrita en 1758 por Linneo no volume 1º do seu Systema Naturae.[2]

Etimoloxía[editar | editar a fonte]

Para o xénero véxase Millepora.

O epíteto específico, alcicornis, está formado polos elementos do latín científico alci- e -cornis. O primeiro deriva do latín alcīs, xenitivo singular de alcēs, "alce", e o segundo do latín cornis, de cornūs, -ūs, "corno". Literalmente: "de cornos de alce".

Sinónimos[editar | editar a fonte]

Ademais do protónimo, creado por Linneo, a especie coñeceuse tamén polos sinónimos:[2]

  • Millepora candida Duchassaing & Michelotti, 1864
  • Millepora carthaginiensis Duchassaing & Michelotti, 1864
  • Millepora crista-galli Duchassaing & Michelotti, 1864
  • Millepora delicatula Duchassaing & Michelotti, 1864
  • Millepora digitata Duchassaing & Michelotti, 1864
  • Millepora esperi Duchassaing & Michelotti, 1864
  • Millepora fenestrata Duchassaing & Michelotti, 1864
  • Millepora forskali Milne Edwards, 1860
  • Millepora gothica Duchassaing & Michelotti, 1860
  • Millepora moniliformis Dana, 1848
  • Millepora pumila Dana, 1848
  • Millepora schrammi Duchassaing & Michelotti, 1864
  • Millepora trinitatis Duchassaing & Michelotti, 1864
  • Palmipora fasciculata Duchassaing, 1850
  • Palmipora parasitica Duchassaing, 1850

Características[editar | editar a fonte]

A morfoloxía de Millepora alcicornis é moi variábel. A maioría das colonias probabelmente comece como formas incrustantes e van adoptando unha estrutura ramificada cando van medrando. As incrustacións poden amosar unha variedade de estruturas, non só nos arrecifes de coral e sobra as rochas, senón tamén sobre corais mortos e cascos de barcos afundidos. Nunha fase de desesenvolvemento máis avanzada adopta a forma de placas en hábitats con augas axitadas, tales como os bordos exteriores dos arrecifes. En augas máis tranquilas, como en lagoas profundas ou partes máis protexidas dos arrecifes, desenvolve unha estrutura ramificada vertical, que pode alcanzar unha altura de 50 cm. As ramas cilíndricas xeralmente crecen nun mesmo plano e son de cor crema, amarelada ou parda clara coas puntas pálidas.[3][4]

Como todos os milepóridos, Millepora alcicormis ten tres clases de diminutos pólipos, con funcións especializadas: os gastrozoides procesan e dixiren os alimentos capturados polos dactilozoides que se agrupan en torno a eles. Os gastrozoides son pequenos e repoludos, e estenden de catro até seis grupos de tentáculos a través dos seus poros, gastróporos, pero son polo demais invisíbeis. Os dactilozoides teñen tentáculos moi finos, semellantes a pelos, cubertos de cnidoblastos, que liberan cnidocitos cando as presas se encontran moi cerca. As picadas dos cnidocitos inmobilizan a presa, e os tentáculos diríxena cara á boca dun gastrozoide adxacente, desde onde pasa á cavidade gastrovascular para a súa dixestión. E os pólipos gonozoides, que se encontran en cámaras incrustadas no esqueleto calcario de aragonita do animal, o cenósteo,[5] son os encargados da reprodución. Todos estes pólipos conéctanse internamente entre si por medio dun sistema de canais e están ocultos detrás dos poros do esqueleto, os dactilóporos e os gastróporos dos datilozoides e gastrozoides, respectivamente. A superficie do esqueleto é suave e carece de coralitos, que son característicos dos verdadeiros corais pétreos (que son antozoos, e non hidrozoos).

Normalmente, os tentáculos dos dactilozoides esténdense todo o tempo, retraéndose cando un onxecto se move cerca do coral, despois do cal é posíble tocar a especie sen experimentar as dolorosas picadas causadas polos cnidocitos.[6]

Os pólipos tamén son os encargados de segregaren carbonato cálcico, o material que forma o esqueleto.

Hábitat e distribución[editar | editar a fonte]

Hábitat[editar | editar a fonte]

Millepora alcicormis vive ancorada a rochas e corais en arrecifes, en colonias que se estenden varios metros.[7] Normalmente prefire augas turbias interiores dos arrecifes, exhibindo gran tolerancia á sedimentación.[1]

Vive a unha profundidade de até os 40 m, e é a única especie do xénero Millepora que frecuentemente habita a profundidades duns 10 m.​[4] Porén, pode encontarse entre os 0 e os 109,37 m de profundidade, e nun rango de temperaturas entre os 19,81 e os 28,06 °C.​[8]

Distribución[editar | editar a fonte]

A súa área de distribución inclúe as costas do mar Caribe, o suroeste dogolfo de México,[9] a Florida,[10] e se estende ao longo da costa caribeña de América Central, chegando cara ao sur, até o sur do Brasil,[11] e até o leste até as costas das illas de Cabo Verde.[12]

Tamén se encontrou nas Bermudas, pero a súa morfoloxía nese lugar é tan diferente da do resto da súa área quequizais pode tratarse dunha especie diferente.[13]

Bioloxía[editar | editar a fonte]

Nutrición[editar | editar a fonte]

O cenénquima, ou tecido colonial común, e os pólipos, conteñen microalgas simbióticas mutalistas (ambos os organismos benefícianse da relación) dinoflaxelados do xénero Symbiodinium, coñecidas como zooxantelas. Estas algas, madiante a fotosíntese, subministran aos seus hospedeiros oxíxeno e enerxía (glícidos), que son aproveitados polos pólipos, e aliméntanse dos catabolitos dos corais (especialmente fósforo e nitróxeno).[14] Isto lles subministra entre o 70 e o 95 % das súas necesidades alimenticias. O resto obtéñeno capturando plancto e materia orgánica dispersa na auga.

Colonia xove de M. alcicornis na illa San Salvador, Bahamas

Reprodución[editar | editar a fonte]

Millepora alcicornis reprodúcese tanto asexualmente mediante xemación, e sexualmente;[15][16] os pólipos gonozoides expulsan medusas á auga desde unhas estruturas chamadas ampolas (cientificamente ampullae). As medusas conteñen as gónadas, que lanzan ao exterior os óvulos e os espermatozoides (polo tanto, a fecundación é externa).[17] Os ovos fecundados no exterior, forman parte do zooplancto, permanecendo á deriva arrastrados polas correntes varios días; máis tarde transfórmanse en larvas plánulas,​ que caen ao fondo, adhírese a el e comezan a súa vida sésil, segregando carbonato cálcico para conformaren un esqueleto individual denominado coralito; posteriormente os pólipos reprodúcense por xemación, dando orixe á colonia, e ao esqueleto colonial, denominado cenósteo. O conxunto do cenósteo e os coralitos coñécese como corallum.[18][19][20]

Fragmentos do coral que se desprenden da colonia durante tormentas, poden terminar noutros lugares adecuados onde establecen novas colonias, que son xeneticamente idénticas á colonia orixinal (clons).[6] Esta fragmentación é probabelmente o método de reprodución máis frecuente.[3]

Ecoloxía[editar | editar a fonte]

Un bo número de especies de camaróns e peixes, aparentemente inmunes ao veleno, refúxianse entre as ramas de Millepora alcicornis. Os cirrítidos en particular, adoitan situarse enriba deste coral de fogo, talvez protexidos polas súas aletas pectorais que non teñen pel. Millepora alcicornis ten poucos depredadores. Hermodice carunculata, un poliqueto, ás veces pastorea nel, aínda que prefire outros corais. Algúns nudibranquios (lesmas de mar) do xénero Phyllidia sliméntanse de M. alcicornis, como o fan tamén os peixes da familia dos monacántidos.[6]

Descubriuse que M. alcicornis se volve agresivo cando está situado nas proximidades dun abano de mar (gorgonia). Produce ramas que crecen horizontalmente, desenvolvéndose en estruturas semellantes a mans que rodean e asfixian ao abano de mar. Logo utilízao como un substrato para ampliar a colonia. Ás veces, este novo crecemento sepárase da colonia nai, e forma unha nova colonia, xeneticamente idéntica á orixinaria. Esta acción agresiva é unha resposta específica aá presenza de gorgonias, e non sucede en resposta á presenza próximaa doutros coraies vivos ou mortos, outros invertebrados sésiles ou auga libre. M. alcicornis parece ter a capacidad de detectar a presenza da gorgonia por medio da auga que flúe sobre as superficies de ambos os organismos.[21]

Relacións cos seres humanos[editar | editar a fonte]

Os cnidocitos de Millepora alcicornis son o suficientemente potentes como para penetraren na pel humana. Poden inxectar un veleno que causa unha dolorosa sensación de ardor, erupcións na piel, ampolas e cicatrices.[3] A toxina contén unha proteína solúbel en auga, da cal 40 µg é a dose letal media (DL50) en ratos cun peso de 20 g.[22]

Mantemento en acuarios[editar | editar a fonte]

A especie non ten usos comerciais, aínda que ás veces instálase en acuarios arrecifais. Os corais do xénero Millepora son os máis comúns nos acuarios. As especises de Millepora, na natureza, prefiren fortes correntes de auga e alta iluminación. Os acuariófilos que cultivan corais de fogo coñecen que o movemento da auga é o factor limitante no seu crecemiento. En canto á iluminación, as especies de Millepora son bastante agradecidas a todas as combinacións e cores de luz que se utilizan en acuarios, sempre e cando a intensidade sexa suficiente. Pero incluso con apropiadas correntese de auga e luz, estes corais deben alimentarse para sobrevivir; ps seus finos pólipos son moi urticantes e están ben situados para capturaren o plancto natural ou seus substitutos; por outra parte, unha poboación correcta en canto ao número de peixes o acuario, alimentados de forma adecuada, xerará por si soa a suficiente materia orgánica para que os corais de fogo completen a súa alimentación.[23]

Millepora alcicornis require, por tanto, un alto movemento da auga e unha luz brillante, e é posíbel xulgar o seu estado de saúde pola súa cor: unha cor amarela mostra boa saúde, mentres que unha cor máis escura, parda, pode indicar que non hai suficiente luz. Pode ser difícil de controlar porque crece rapidamente e se estende sobre outros obxectos do acuario.[6]

Ameazas[editar | editar a fonte]

Colonia de Millepora totalmente afectada polo branquexamento.

Aínda que non é un verdadeiro coral, Millepora alcicornis está suxeito a ás mesmas ameazas globais ás que se enfrontan os corais e os arrecifes de coral.

A maior entre elas é o quecemento global, e o conseguinte aumento da temperatura do mar. Millepora alcicornis é unha das principais especies afectadas polo branquexamento tras a morte das zooxantelas. Porén, é tamén máis resistente que a maioría dos corais, e logra restablecerse por recrutamento antes que os corales verdadeiros, os escleractinios.

Outras ameazas xerais que afectan aos arrecifes inclúen a acidificación dos océanos, a contaminación da auga, as verteduras, as especies invasoras e outros cambios na dinámica das especies, as enfermidades dos corais, a pesca, e as actividades de lecer e turismo.

Tamén se recollen pequenas cantidades de Millepora alcicornis para a venda a coleccionistas. No ano 2005, 117 espécimes vivos foron exportados para o comercio de acuarios e de curiosidades.[1]

Estado de conservación[editar | editar a fonte]

A ameaza coñecida máis importante para esta especie é a extenxa redución do hábitat dos arrecifes de coral debido a varias das ameazas citadas. Descoñécense as tendencias específicas da súa poboación, pero a súa redución pódese inferir da perda estimada de hábitat. A especie está moi estendidano Caribe, pode vivir en augas mois profundas, pode recuperarse rapidamente do blanquexamento e dos efectos da sedimentación, é común en toda a súa área de distribución e, polo tanto, é probábel que sexa máis resistente á pérda de hábitat e á degradación dos arrecifes debido a unha suposta gran poboación efectiva. Polo tanto, a perdida de hábitat estimada do 10 % dos arrecifes xa destruídos dentro da súa área de distribución é a mellor inferencia da redución da poboación, xa que pode sobrevivir nos arrecifes de coral que xa se encontran na etapa crítica de degradación.[24]

Tendo en conta isto, a Unión Internacional para a Conservación da Natureza e dos Recursos Naturais (UICN) cualifica o status da especie como LC (pouco preocupante).

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 Obura, D., Fenner, D., Hoeksema, B., Devantier, L. & Sheppard, C. (2008): Millepora alcicornis na Lista vermella da UICN. Versión 2020-2. Consultada o 1 de setembro de 2020.
  2. 2,0 2,1 2,2 Millepora alcicornis Linnaeus, 1758 no WoRMS. Consultada o 1 de setembro de 2020.
  3. 3,0 3,1 3,2 Fire Coral (Millepora alcicornis) Marine Invertebrates of Bermuda. Consultado o 2 de setembro de 2020.
  4. 4,0 4,1 Branching fire coral (Millepora alcicornis) Arquivado 29 de novembro de 2021 en Wayback Machine. Marine Species Identification Portal. Consultado o 2 de setembro de 2020.
  5. cenósteo, en Garrido, Carlos (1997): Dicionário terminológico quadrilíngue de zoologia dos invertebrados. A Coruha: Associaçom Galega da Língua. ISBN 84-8730-512-1, p. 88.
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 Venomous Corals: The Fire Corals en Coralmania. Consultada o 2 de setembro de 2020.
  7. "Millepora alcicornis (Fire coral)". Animal Diversity Web (en inglés). Consultado o 2022-02-19. 
  8. Millepora alcicornis Linnaeus, 1758[Ligazón morta] no Sistema de Información Biogeoxráfica Oceánica (OBIS).
  9. Tunnell, J. W. Jr. (1988): "Regional comparison of southwestern Gulf of Mexico to Caribbean Sea coral reefs". Proceedings of the 6th International Coral Reef Symposium 3: 303-308.
  10. Humann, P. & DeLoach, N. (2006): Reef coral identification, Florida, Caribbean, Bahamas. Jacksonville. Florida, USA: New World Publications, Inc. ISBN 978-1-8783-4854-8.
  11. Hetzel, B., Castro, C. B. & Leão, Z. M. (1994): Corals of southern Bahia. Rio de Janeiro, Brasil: Editora Nova Fronteira.
  12. Laborel, J. (1974): "West African Reef corals an hypothesis on their origin". Proc. 2nd Int. Coral Reef Symposium 1: 425-443.
  13. Christiane Schoepfer-Sterrer (Wolfgang E. Sterrer, editor) (1986): Marine Fauna and Flora of Bermuda. A Systematic Guide to the Identification of Marine Organisms. Hoboken, New Jersey, USA: John Wiley & Sons, Inc., ISBN 978-0-4718-2336-0, p. 134.
  14. Debelius, Helmut & Hans A. Baensch​ (1998): Marine Atlas. Volume 2. Osnabrück, Baixa Saxonia, Alemaña: Mergus Verlag GmbH. ISBN 978-3-8824-4054-6.
  15. Borneman 2001.
  16. Wood 1983.
  17. Fire corals (Millepora spp.) en ARKive. Consultada o 29 de agosto de 2020.
  18. Ruppert, Edward E.; Fox, Richard, S.; Barnes, Robert D. (2004). Invertebrate Zoology, 7th edition. Boston, Massachusetts, USA: Cengage Learning. pp. 134–135. ISBN 978-81-315-0104-7. 
  19. "Coensarc and coenosteum". Coral Hub. Arquivado dende o orixinal o 29 de outubro de 2017. Consultado o 1 de setembro de 2020. 
  20. "The polyp skeleton". Corals of the World. Australian Institute of Marine Science. 2013. Consultado o 1 de setembro de 2020. 
  21. Wahle, Charles M. (1980): "Detection, Pursuit, and Overgrowth of Tropical Gorgonians by Milleporid Hydrocorals: Perseus and Medusa Revisited". Science 209 (4457): 689-691.
  22. Wittle, Lawrence W.; Robert E. Middlebrook; Charles E. Lane (1971). "Isolation and partial purification of a toxin from Millepora alcicornis". Toxicon 9 (4): 327–331. Consultado o 3 de setembro de 2020. 
  23. Milleporidae, corales de fuego en Aquanovel, 9 de febreiro de 2013 (en castelán). Consultado o 1 de setembro de 2020.
  24. Wilkinson 2004.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Borneman, E. H. (2001): Aquarium corals. Selection, Husbandry and Natural History. Neptune City, New Jersey, USA: T.F.H. Publications, ISBN 978-1-8900-8747-0.
  • George, John David & Jennifer George (1979): Marine Life: An Illustrated Encyclopedia of Invertebrates in the Sea. Nova York, NY, USA: John Wiley and Sons. ISBN 978-0-4710-5675-1, pp. 18-21.
  • Veron, J .E. N. (2000): Corals of the World. Vol. 3. Townsville, Queensland, Australia: Australian Institute of Marine Sciences.
  • Wilkinson, C. (2004): Status of Coral Reefs of the World. Townsville, Queensland, Australia: Australian Institute of Marine Science.
  • Wood, E. M. (1983): Reef corals of the world: biology and field guide. Neptune City, New Jersey, USA: T.F.H. Publications. ISBN 978-0-8766-6809-2.

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]