Coralito

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Nos cnidarios antozoos da orde dos escleractinios, denomínase coralito ao esqueleto calcario dun pólipo individual da colonia.[1]

Corais que o presentan[editar | editar a fonte]

Anatomía dun pólipo coralino, co seu coralito, cenosarco e cenósteo

Ademais dos escleractinios, o termo tamén é aplicábel as especies do xénero Millepora, denominadas comunmente "corais de fogo", e a Heliopora coerulea, especie chamada "coral azul", ambas as especies pertencuntes clase dos hidrozoos. Todos eles conforman os chamados corais hermatípicos, principais contribuíntes á formación de arrecifes coralinos.

No caso das especies coloniais, a estrutura esquelética da colonia, denominada corallum, é o resultado da suma de todos oscoralitos individuais, dispostos en diversas estruturas, masivas, ramificadas, laminares, esféricas, alombadass, columnares, foliáceas, incrustantes ou en placas.

Estrutura[editar | editar a fonte]

O coralito está composto de aragonita, unha das formas cristalinas alotrópicas do carbonato cálcico, producida e segregada polo pólipo coralino. Os coralitos varían en tamaño, pero na maioría dos corais coloniais teñen menos de 3 mm de diámetro.[2] A superficie interna do coralito coñécese como cáliz. Este presenta no seu interior unhas láminas en posición vertical chamadas septos e, nalgunhas especies, estes tabiques continúan fóra da parede do coralito, denominándose cristas.[3] Noscoralitos que non teñen parede, as láminas coñécense como septocostelas. Os septos, costelas e septocostelas poden teren ornamentacións en forma de dentes, e poden seren grosos, delgados e de tamaño variábel. Ás veces hai lóbulos paliformes, en forma de bastóns, que se elevan desde as marxes internas dos tabiques. Estes poden formaren un círculo ordenado chamado coroa paliforme. Os septos non adoitan unirse no centro do coralito, senón que forman unha columela, unha masa de septos entrelazados ou unha proxección en forma de cúpula ou piar. A parte inferior do pólipo está en íntimo contacto co coralito e ten mesenterios radiais entre os septos que aumentan a superficie da área da cavidade corporal e axudan á dixestión. Os septos, os lóbulos paliformes e as costelas poden verse a miúdo a través do cenosarco, a capa de tecido vivo que cobre o cenósteo, o esqueleto calcario segregado polo cenosarco.[4]

Terminoloxía da estrutura do coralito[editar | editar a fonte]

Estrutura do coralito dunha Caryophyllia sp

Distínguense as seguientes partes na estrutura dun coralito:

  • Cáliz: Abertura do coralito.
  • Septo: Fina placa esquelética, a modo de tabique, que sobresae desde a parede interior do coralito cara ao centro do cáliz, en disposición radial. En ocasións, os seus bordos exteriores poden seren dentados, e/ou as súas superficies poden presentaren granulacións.
  • Dentes septais: A marxe superior dos septos pode ser afiada e lisa, con saíntes agudozados ou en forma de agullas. Esta característica serve, en ocasións, para identificar os corais.
  • Paus (palus): Denominados "lóbulos paliformes", son protuberancias verticais, normalmente arredondadas, que se estienden desde a marxe interior dos septos até o centro do cáliz, adxacentes á columela. En moitos casos serven para identificaren especies de corais.
  • Columela: Estrutura esquelética vertical, en forma de columna, no centro do coralito dalgúns xéneros de corais. Formada por proxeccións interiores dos septos que se entrelazan e fusionan.
  • Teca: Denominada comunmente "muro" ou "parede", é a parte exterior do coralito.
  • Costela: Fina placa esquelética que sobresae desde a teca cara ao exterior do coralito.
  • Septocostala: No corallum, ou esqueleto das colonias, a fusión dos septos e as costelas entre os coralitos individuais adxacentes.
  • Pedicelo: Pedúnculo entre a placa base e a teca dalgúns coralitos.
  • Base: Placa base calcaria desde a que se costrúe o coralito. Parte da primeira deposición de aragonita realizada polo disco pedio do pólipo na superficie escollida para asentarse.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Garrido, Carlos (1997): Dicionário terminológico quadrilíngue de zoologia dos invertebrados. A Coruha: Associaçom Galega da Língua. ISBN 84-8730-512-1, p. 105.
  2. Ruppert, Edward E.; Fox, Richard, S.; Barnes, Robert D. (2004). Invertebrate Zoology, 7th edition. Boston, Massachusetts, USA: Cengage Learning. pp. 134–135. ISBN 978-81-315-0104-7. 
  3. Sprung, Julian (1999): Corals: A quick reference guide. Miami Gardens, Florida, USA: Ricordea Publishing. ISBN 1-8836-9309-8, pp. 220–223.
  4. "The polyp skeleton". Corals of the World. Australian Institute of Marine Science. 2013. Consultado o 28 de agosto de 2020. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Marshall, A. J. & Williams, W. D. (1985): Zoología Invertebrados. Vol.1. Editorial Reverté. pp. 183-185.
  • Sprung, Julian & Delbeek, J. Charles (1997): The Reef Aquarium. Ricordea Publishing.
  • Debelius, Helmut & Baensch, Hans A. (1898): Marine Atlas Mergus.
  • Borneman, Eric H. (2001): Aquarium corals: selection, husbandry and natural history.
  • Gosliner, Behrens & Williams (1996): Coral Reef Animals of the Indo-Pacific. Sea Challengers Publishers.
  • Veron, J. E. N. (1986): Corals of Australia and the Indo-Pacific. Australian Institute of Marine Science.

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]