Mel de Galicia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O Mel de Galicia é unha Indicación Xeográfica Protexida con denominación de orixe baixo a cal preténdese destacar a excelencia do mel producido en Galicia que, reunindo as características definidas no seu regulamento, cumpre os requisitos de produción, procesado e envasado.

Este mel prodúcese en colmeas de cadros móbiles, por decantación ou centrifugación. Preséntase en estado líquido, cristalizado ou cremoso, poidendo conter ademais, no primeiro dos casos, froitos secos. Tamén pode presentar en panais ou seccións.[1]

Dende 1997, a entón Consellería de Agricultura recoñece a denominación específica Mel de Galicia, rexistrada como indicación xeográfica protexida europea en 2007[2].

A denominación de orixe amparaba en 2008 a 405 apicultores (con 31.784 colmeas) e 37 envasadores, cunha produción total certificada de 620 toneladas (169 toneladas no ano 2000).[3]

Descrición[editar | editar a fonte]

O senlleiro clima xunto as diferentes tipoloxías do solo e da vexetación do país achegan diferentes sabores e características ás meles producidas en Galicia. Así, o Consello Regulador da IXP Mel de Galicia estableceu unha serie de parámetros que os produtores de mel baixo a marca Mel de Galicia deben cumprir.[4]

Os distintos requirimentos esixidos son:

  • Unha humidade máxima do 18,5%.
  • Unha actividade diastásica superior a 9 na escala de Schade, agas naqueles meles con baixo contido encimático, nos que deberá ser superior a 4 (sempre que o hidroximetilfurfural non exceda os 10 mg/kg.)
  • Un máximo de 28 mg/kg. de hidroximetilfurfural.
  • Un espectro polínico que debe corresponder na súa totalidade ao propio de Galicia en función dos poles maioritarios e á porcentaxe mínima esixida para a monofloralidade.
  • Unhas calidades organolépticas que se correspondan coa súa orixe botánica polo que respecta á cor, ao arume e mailo sabor.

Zona xeográfica[editar | editar a fonte]

A zona de produción, elaboración e envasado da "IXP Mel de Galicia" abrangue todo o territorio da Comunidad Autónoma de Galicia.

A sede da Indicación Xeográfica Protexida atópase no Pazo de Quián, no lugar de Sergude, Boqueixón.

Tipos[editar | editar a fonte]

Castiñeiro centenario no Souto de Rozavales.
Queiroga (Calluna vulgaris).
Abella polinizando as flores dunha silveira.

Malia ser o Mel de Galicia unha denominación única, atópanse no seu seo distintos sabores e texturas, conferidos segundo as flores que lle dean a súa orixe. A meirande parte do mel galego é de milflores, é dicir, na súa elaboración non predomina unha orixe concreta, procedendo de diversas flores. Porén, prodúcense en Galicia outtros tipos de mel monofloral.

Castiñeiro[editar | editar a fonte]

O mel producido a partir do castiñeiro ten nos soutos do interior do país os seus principais produtores. A zona norte da provincia da Coruña e as comarcas fronteirizas coa provincia de Lugo son as máis axeitadas para a produción deste mel. Destacan nas provincias de Lugo e Ourense as comarcas da Fonsagrada, A Ulloa, Os Ancares, Quiroga (O Courel), o Macizo central ourensán (serra de Queixa, serra de San Mamede, serra do Fial das Corzas e os Montes do Invernadeiro) o Val do Sil, o Bolo, Valdeorras e a raia ourensá. Na provincia de Pontevedra destacan as comarcas do Deza e Terra de Montes. Este mel é escuro, de sabor intenso e fortes recendos á flor.

Queiroga[editar | editar a fonte]

A queiroga é unha planta abondosa nos montes galegos cubertos por matogueiras. A queiroga é precisamente a planta deste tipo de vexetación que permite unha maior produción de mel monofloral. Elaborado nas zonas de montaña, o mel de queiroga caracterízase pola súa coloración escura con tons vermellos e o seu sabor duradeiro e lixeiramente amargo. Entre as zonas de maior produción deste tipo de mel destacan A Fonsagrada e O Courel (Lugo), a serra da Capelada e a Comarca do Eume, no leste da provincia da Coruña, e as comarcas orientais da provincia de Ourense.

Eucalipto[editar | editar a fonte]

O eucalipto, como resultado das intensivas repoboacións practicadas, marca decisivamente a produción de mel da costa galega. O mel de eucalipto é de cor ámbar, sabor suave e recendos céreos. A zona de produción deste mel espállase ao longo das Rías Baixas, a comarca da Coruña, Ferrolterra e a Mariña luguesa.

Silva[editar | editar a fonte]

A abondosa aparición de matogueira mixta de plantas rosáceas, entre as que sobresaen pola súa presenza as silvas, permite a produción de meles monoflorais. O mel de silva adquire en Galicia cores escuras, sabores fortes e doces, e arrecendos frutais. As principais zonas de produción son o sur da provincia de Lugo (comarcas de Lemos e Sarria), o centro-sur da provincia de Ourense e ocasionalmente algúns lugares da provincia da Coruña.

Milflores[editar | editar a fonte]

As abellas liban o néctar dun amplo abano de especies para produciren un mel de seu. Entre estas flores atópanse aquelas que teñen capacidade para a produción de meles monoflorais, ás que se lle suman outras moitas que melloran e arredondan o produto. Por iso mesmo, non todo o mel de milflores ten a mesma textura ou o mesmo padal. O mel das zonas costeiras procede da flor do eucalipto e doutras especies coma o salgueiro, ou plantas da familia das boraxináceas, das compostas (dente de león, leitaruga, cardos...), das crucíferas, das leguminosas e das rosáceas. Nas zonas do interior, ademais do castiñeiro, a silva e as queirogas, plantas leguminosas e campanuláceas e, en menor medida, labiadas e crucíferas, condicionan a produción dun mel netamente diferente ó da franxa costeira.

Consello regulador[editar | editar a fonte]

O Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia é o organismo encargado de controlar, amparar e certificar o "Mel de Galicia", identificando esta certificación coa contraetiqueta correspondente, que é o aval de que esta mel cumpre con todos e cada un dos requisitos de calidad reflexados no Regulamento. A zona de produción, elaboración e envasado dos meles amparados abarca todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Mel de Galicia: Ministerio de Medio Ambiente, Rural e Mariño
  2. Orde do 1 de outubro de 1997, da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, pola que se recoñece a denominación específica Mel de Galicia; Regulamento (CE) 868/2007 da Comisión, do 23 de xullo de 2007, pola que se inclúe no rexistro de indicacións xeográficas protexidas (DOUE 24.07.2007).
  3. [1] - Mel de Galicia: Datos técnicos
  4. RD 1049/2003, 1 de agosto Norma de Calidade relativa o mel (BOE nº186 do 5-08-2003)

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]