Comarca do Deza

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Comarca do Deza
Comarca Deza.png
Provincia Provincia de Pontevedra
Capital Lalín
Área 1.026,8 km²
Poboación 42.630 hab. (2012)
Densidade 41,52 hab./km²
Concellos Agolada
Dozón
Lalín
Rodeiro
Silleda
Vila de Cruces

A comarca de Deza é unha comarca da provincia de Pontevedra e a súa capital é Lalín. Pertencen a ela os concellos de Agolada, Dozón, Lalín, Rodeiro, Silleda e Vila de Cruces. A súa poboación é de máis de 45.000 habitantes. O Deza coincide coa antiga comarca de País do Deza, isto é, as xurisdicións de Deza, Camba, Dozón, Trasdeza, Carbia e Valquireza.

Xeografía[editar | editar a fonte]

Fervenzas do río Toxa.

A comarca de Deza ven coincidir co centro xeográfico de Galicia. Limita ao norte coas comarcas de Santiago, Arzúa e Terra de Melide, ao sur coa do Carballiño, ao leste coas de Ulloa e Chantada e ao oeste con Tabeirós-Terra de Montes.

A comarca está estruturada pola Dorsal Galega, coas serras do Faro ao leste, a Martiñá ao sur, Candán ao oeste coa e o río Ulla, que a separa da Terra de Santiago ao norte. O conxunto constitúe unha comarca natural que xa se referencia en documentos do ano 569 ao se conformar o Condado Decense no seo da diocese de Lugo.

Caracterízase por un clima atlántico, sen temperaturas extremas nin en inverno nin en verán, con paisaxes fluviais que permiten o desenvolvemento de especies vexetais mediterráneas e o cultivo de vides, limoeiros, etc.

Os ríos Deza e Arnego, afluentes do Ulla, cruzan paralelos a comarca do sur ao norte. O Deza e o seu afluente, o Asneiro, nacen no monte Testeiro; o Arnego nace na Serra de Faro. A estes úneselles o río Toxa que baixa desde o Candán e na súa caída ao Deza forma unha das máis significativas fervenzas de Galicia (fervenza do Toxa).

Historia[editar | editar a fonte]

Os límites do Deza só experimentaron cambios insignificantes ao longo dos séculos e xa antes do século VI tiveron unha densidade de poboación relativamente alta.

Pouco ten chegado aos nosos días dos séculos da Alta Idade Media, nos que se sucederon os gobernos dos suevos, os visigodos e nos últimos momentos destes tempos foi gobernado por diversos nobres no nome do rei, ata que no ano 1165 Fernando II doou as terras á Igrexa de Santiago como ofrenda ao Apóstolo Santiago. Porén a maioría das parroquias seguiron a depender da sé lucense, dependencia herdada dende tempos dos romanos.

Seis freguesías da comarca son mencionadas no testamento do bispo Odoario como repoboadas por el a mediados do século VIII.

Mosteiro de Carboeiro

Entre os séculos X a XII os vales da confluencia dos ríos Ulla e Deza acollen a unha numerosa poboación ermitá e monástica. Por varias fontes téñense testemuñas da existencia de mosteiros e cenobios nos lugares de: Picosacro, San Xoán da Cova, Ledesma, San Xusto de Cornado, Brandaríz, Piloño, Alcobre, Camanzo, Oirós, San Martín do Hermo (Losón), Madriñán, Ansemil, Carboeiro...

Nesta especie de Ribeira Sacra do Ulla foi onde floreceu o Mosteiro de San Lourenzo de Carboeiro, aló polo ano 936.

Etimoloxía[editar | editar a fonte]

Existen as etimoloxías populares que lle atribúen o nome da comarca a Dhais, fillo de Brigo ou ao xeneral romano Decio Xunio Bruto, que iniciou a incorporación da Gallaecia ao Imperio Romano a mediados do século II a.C. Pode que veña do substantivo latino decius, que significa "dono de terras".

Cultura[editar | editar a fonte]

Terra de gran tradición musical, nesta comarca formáronse preto de trinta bandas de música, a maioría no século XIX, aínda que na actualidade só se atopan en activo nove agrupacións.

Bandas de música da comarca do Deza (Pontevedra)

Agolada | Artoño | A Baíña | A Bandeira | Bendoiro | Bermés | Brántega | Camanzo | Cira | As Cruces | Filgueira | Goiás | Lalín | Lamela | Mato | Merza | Moimenta | Noceda | A Penela | Piloño | Ponteledesma | Prado | Sanxurdo | Silleda | Soutolongo | Ventosa | Vilatuxe | A Xesta


Demografía da comarca[editar | editar a fonte]

A Comarca do Deza contaba en 2008 con 45.043 habitantes, 22.113 homes e 22.930 mulleres. 4.613 habitantes tiñan menos de 15 anos e 11.824 eran maiores de 65 anos, un desiquilibrio bastante importante. Mentres a taxa de natalidade se situaba en 2007 nun 6.5 por mil a de mortalidade era case do dobre, un 12 por mil.

Censo Total (Habitantes) 42.630
Menores de 15 anos 4.394 (10.31 %)
Entre 15 e 64 anos 26.450 (62.05 %)
Maiores de 65 anos 11.786 (27.68 %)
Poboación estranxeira 1.971 (4.62%)

As principais entidades poboacionais son:

Por concellos, Lalín é o máis poboado, seguido de Silleda, As Cruces, Rodeiro, Agolada e o menos poboado dos seis é Dozón.

Posición Núcleo Poboación
Lalín 21.216
Silleda 9.248
Vila de Cruces 6.437
Rodeiro 3.092
Agolada 2.995
Dozón 1.781
Total Comarca do Deza 44.769

Curiosidades[editar | editar a fonte]

Existe dentro do ámbito político do Deza as pretensións de unha posible fusión dos 6 concellos nun só, polo que o futuro concello pasaría a ter preto de 50.000 habitantes, converténdose no 8º municipio de Galicia, co conseguinte incremento de ingresos e axudas do Estado.

Concellos[editar | editar a fonte]


Concellos da Comarca do Deza Comarca do Deza
Agolada
Agolada
Dozón
Dozón
Lalín
Lalín
Rodeiro
Rodeiro
Silleda
Silleda
Vila de Cruces
Vila de Cruces


Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Vexa o artigo principal en Galería de imaxes da comarca do Deza

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Vázquez Crespo, Armando e González Alén, Daniel (1989). A Comarca do Deza. ISBN 84-89690-21-9.