Pan de Cea

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Concello de San Cristovo de Cea.
Molete de pan de Cea.
Monumento ás panadeiras e panadeiros de Cea (2003).
Anuncio do pan de Cea.

O pan de Cea é un tipo de pan con Indicación Xeográfica Protexida que se fai en panadarías do concello de San Cristovo de Cea, na provincia de Ourense. A característica deste pan é a fariña, elaborada con trigo do país. Tamén é moi importante a súa elaboración artesanal. A festa deste pan celébrase no mes de xullo.

Indicación Xeográfica Protexida[editar | editar a fonte]

O produto foi recoñecido en 2004 e inscrita como Indicación Xeográfica Protexida en 2005[1][2]. Amparaba en 2020 un total de 15 fornos e unha produción certificada de 423.205 kg, cun valor de 1.058.013 €[3].

Dende 1991, o primeiro domingo de xullo celébrase no Campo da Saleta de Cea a Festa de Exaltación do Pan de Cea.

Ingredientes[editar | editar a fonte]

O pan de Cea leva como ingredientes fariña de trigo do país, auga, sal e fermento.[4]

Preparación[editar | editar a fonte]

O proceso de preparación do pan ten varias fases segundo a indicación xeográfica e da denominación de orixe.[5]

  • Amasado manual durante un mínimo de 60 minutos, 45 se é a máquina.
  • Reposo («Durmi-lo neno») durante uns 45 ou 60 minutos, segundo as condicións ambientais.
  • División da masa («Tasar») de xeito manual en porcións de 1,5 kg ou 0,75 kg.
  • Reamasado («Tendas»), volta a amasar o pan 25 a 30 minutos en tres xeiras ou só dúas se as condicións ambientais o permiten.
  • Enfornado, faise un corte transversal («fenda») no centro da parte superior da masa e vai para o forno.
  • Cocción, cheo o forno quedan as pezas un mínimo de 120 minutos co forno pechado.
  • Rever, as pezas de pan, unha vez sacadas do forno, deben permanecer en maduración, arrefriando un mínimo dunha hora en estantes de madeira.

Características[editar | editar a fonte]

Os bolos de pan de Cea teñen forma longa e redondeada nos extremos, cunha fenda transversal enriba. A forma dos pans ten dúas medidas e formas características:

  • A peza ou «Poia» dun peso entre 1 e 1,2 kg. Dunhas medidas aproximadas do dobre de longas que anchas: ancho entre 15 e 18 cm e longo entre 32 e 38 cm.
  • A media peza ou «Molete» 0,5 ou 0,6 kg. Dobre de longo que ancho: 9 e 11 cm e un longo entre 22 e 27 cm.

A codia é grosa, de espesor variable de entre 0,5 e 1 cm. Consistencia dura e ríxida, con rotura renxente e con tendencia a facer lascas. A cor vai dende o dourado ata castaño escuro, de sabor a tostado.

O miolo é de textura esponxosa, fibrosa e firme, alveolado non moi abundante, distribuído de forma irregular e de tamaño moi variable, non uniforme. Ten cor apergamiñada, lembra ao gran de trigo enteiro, é de sabor intenso a trigo.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]