Genghis Khan

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter.
Genghis Khan
Gran Kan
Genghis Khan
Reinado 1206 a 18 de agosto de 1227
Coroación 1206
Outros títulos
Khaqan
Nacemento ca. 1162
Dulun-Boldak (monte Burjan Jaldun)
noroeste de Mongolia
Falecemento 18 de agosto de 1227
Yinchuan (Provincia de Ningxia)
centro-norte de China
Sucesor Ogodei Kan
Consorte Borte
Descendencia Jochi
Chagatai
Ogodei
Tolui
Casa Real Borjigin
Dinastía Gengisidas
Pai Yesugei
Nai Oelón-Eké
Mapa mostrando o dominio de Genghis Khan (en laranxa) no século XIII

Genghis Khan (en mongol: Чингис Хаан /ʧiŋgɪs χaːŋ/), O Señor de Toda a Terra, nado en 1155, 1162 ou 1167 e finado o 18 de agosto de 1227, foi un conquistador e emperador mongol, naceu co nome de Temudxin nalgún momento no último cuarto do século XII, nas estepas mongois.

O seu nacemento está rodeado de lendas xamánicas sobre a chegada dun lobo cincento que devoraría toda a terra. Aínda novo, enfrontouse á repulsa da súa familia polo seu propio clan, mais volvería para conquistar o seu liderado, vencer os seus rivais de clans distintos e unificar os pobos mongois baixo o seu mando. Estratega brillante, con hábiles arqueiros montados á súa disposición, vencería a Gran Muralla da China e conquistaría aquel país e estendería o seu imperio en dirección ao oeste e ao sur. Genghis morrería antes de ver o seu imperio alcanzar a súa extensión máxima, mais todos os líderes mongois posteriores asociarían a súa propia gloria ás conquistas de Genghis Khan.

Xuventude[editar | editar a fonte]

Temudxin naceu na década de 1160, probabelmente en 1161, na Mongolia. Suponse que era descendente dun líder mongol coñecido como Kabul Khan, do clan Boxigin, que por breves anos obtivo control sobre unha Mongolia unificada. Mentres, na época do nacemento de Temudxin, os mongois estaban divididos en diversas tribos e clans, cada unha gobernada por un Khan, ou "Señor", que se impuña máis pola forza que pola descendencia nobre. Con Temudxin non sería diferente. O seu pai, Yesuxei, foi envelenado por membros da tribo dos tártaros cando o rapaz tiña 9 anos de idade. O resto da familia foi abandonada polo seu propio clan e forzada a sobrevivir nas estepas sen gado nin cabalos.

Aparentemente, a familia de Temudxin recuperou a súa fortuna a través de doazóns de clans solidarios.

Ascensión[editar | editar a fonte]

Temudxin probabelmente fora adestrado como arqueiro montado aínda moi novo, como era común entre os cativos dos mongois. Ao asegurar unha posición de liderado entre clans amistosos, emprendeu unha campaña contra a tribo Merkit, que raptara a súa noiva Bortei. Temudxin atacou os guerreiros Merkit un a un e derrotou todo o clan. Levou a Bortei de volta, e ao seu lado viviría ata o fin.

Neste momento, Temudxin xa era famoso e respectado, e, como de praxe entre os nómades mongois, foi nomeado líder de diversas tribos distintas polo seu valor como guerreiro. Con un exército respectable á disposición, Temudxin consolidou o seu dominio sobre tribos rivais conquistándoas e eliminando os seus inimigos, moitas veces con crueldade. En 1206, unha asemblea entre os xefes de todas as tribos das estepas proclamou Temudxin, con 45 anos, como Genghis Khan, o Khan dos Khans.

Genghis estableceu un sistema de goberno e leis para impor orde aos nómades, ata entón independentes e belicosos entre si. Na práctica, a lealdade á figura de Genghis Khan era o punto de equilibrio de toda a nación. Creouse unha xerarquía administrativa e militar, e un exército foi adestrado e organizado.

Conquistas[editar | editar a fonte]

No 1207, os mongois foron forzados a expandir o seu territorio de pasto debido a problemas climáticos nas estepas, e conquistaron o reino tangut de Hsi Hsia. De seguida, atravesaron a Gran Muralla e chegaron á China, reino que estaba dividido entre as dinastías Xin, ao norte, e Song ao sur. As vastas plantacións de arroz e a riqueza da cidade atraeron a atención de Genghis en canto á posibilidade de se tornar señor da China. Na conquista do reino Xin, Genghis Khan recrutou un rapaz chinés chamado Yeh-lu Ch'u-ts'-ai como conselleiro persoal. A súa influencia tornou a Genghis máis tolerante e menos agresivo en batalla, estimulandoo a evitar esforzos exaxerados na guerra e a conservar as terras cultivadas en vez de transformalas en pastos.

Genghis, despois do ataque inicial aos Xin, retirouse para a Mongolia, encanto os seus xenerais se encargaban de establecer o seu dominio na China Xin. En 1218, un accidente diplomático provocou a ira de Genghis sobre o reino turco de Kharizn, no norte da Persia. O Khan cabalgou á fronte de máis de 200 mil homes e preto de 10 mil máquinas de asedio adquiridas dos chineses. Houbo poucas batallas campais, e os mongois emprenderan guerras de cerco ás cidades fortificadas da Persia, que capitularon unha a unha. Algunhas, como Bucara e Samarcanda tornaríanse, no futuro, espellos afastados da presenza mongol no suroeste da Asia. A vella cidade de Nichapur foi arrasada, e mesmo nin os animais alí sobreviviron ao ataque mongol.

As perdas humanas en Khwarizn contábanse por milleiros. Genghis e mailos seus xenerais impuñan castigos brutais aos inimigos. A proximidade da Persia coa Europa xerou a fama de selvaxería dos mongois, que asolaría o continente nas décadas seguintes.

En 1227, mentres os xenerais de Genghis conquistaban os territorios no sur da Rusia e na Ucraína, o Gran Khan foi forzado a volver ás estepas para conter unha revolta de Hsi Hsia, que recusara a convocatoria á campaña contra Khwarizn. Despois de vencer os tangutes, Genghis Khan morreu dunha febre alta.

Legado de Genghis Khan[editar | editar a fonte]

Antes da súa morte, Genghis estableceu o seu fillo, Ögödei, como o seu sucesor. Oxedei encargouse de expandir o territorio mongol ao máximo, da Siria á Indochina, da Persia á Siberia, da Hungría á China. Posteriormente, o grande imperio sería dividido en 4 partes, entre fillos e netos de Genghis, porén ningún destes novos reinos, ou khanatos, tería unha existencia longa.

No inicio do Século XIV, Timur, o Coxo, alegando ser descendente de Genghis Khan, tornaríase o Khan dun breve imperio mongol que abarcaría toda a Mesopotamia, a Persia, o Afganistán, o Paquistán e o norte da India. Aínda nese século, os tártaros resurxirían, inspirados polas conquistas de Genghis, para tomar o territorio do disolvido Khanato da Horda Dourada, na Rusia. Varias rebelións mongois mais, de menor importancia, terían lugar nos séculos seguintes, mais o medio de vida nómade e a incapacidade de establecer unha industria do armamento axiña tornaría os hábiles cabaleiros montados obsoletos fronte ás novas artillarías dos países veciños.

Na Mongolia actual, Genghis Khan é considerado o heroe máximo e o pai daquela nación, cuxo culto á imaxe xamais se deixou borrar, mesmo durante o réxime comunista.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Genghis Khan
P history.svg
A Galipedia ten un portal sobre:

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]