Futbolín

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Finger Football, 1917, no Museo Galego do Xoguete de Allariz. Xogo feminino utilizado polas mulleres mentres os maridos ían ver o fútbol. Xogaban tres señoras de cada lado. A superficie estaba cuberta por unha rede de xeito que a bola de madeira coa que se xoga nunca sae fóra do rectángulo de xogo. Ao pulsar as teclas levántase o semicírculo de madeira que golpea a pelota, tentando que se introduza nas porterías que están nos extremos.[1] Este xogo é un precedente do futbolín que coñecemos hoxe.

O futbolín é un xogo baseado no fútbol que consiste en en manipular uns bonecos suxeitos a unhas barras para “xogar ó fútbol” nunha mesa.

Orixes[editar | editar a fonte]

Alexandre de Fisterra foi ferido durante un dos bombardeos de Madrid durante a Guerra civil española. No hospital no que ficou, en Monserrat, internado coñeceu moitos nenos feridos coma el, incapaces de poder xogar ao fútbol, e foi daquela cando pensou na idea inspirándose no tenis de mesa. Alexandre confioulle ao seu amigo Francisco Xavier Altuna, un carpinteiro vasco, a fabricación do primeiro futbolín seguindo as súas instrucións. Aínda que a invención foi patentada en 1937, Alexandre tivo que se exiliar a Francia por mor do triunfo franquista na guerra, perdendo os papeis da patente no decurso dunha treboada. Despois de se exiliar en América do Sur, introduciu algúns trocos, coma as barras de aceiro, e espallou o xogo polo continente.

Mesa de estilo Bonzini.

O xogo espallouse decontado por Europa. Tanto é así, que na década dos 60, cando Alexandre de Fisterra volveu á península, o xogo estendérase amplamente, malia que gran parte desta divulgación se debera ao feito de que os fabricantes valenciáns asumiran o xogo coma nacional.

Non obstante, esta versión sobre o inventor do futbolín é discutida polos alemáns, que garanten que o xogo foi creado por Broto Wachter, que xa comercializara un futbolín en 1930. A diferenza é que todos os obxectos eran de madeira, incluídas as barras, e os "xogadores" non tiñan forma de bonecos, sendo pequenos triángulos.

Hoxe en día, o futbolín é moi popular e as mesas máis modernas teñen barras de titanio, bonecos de plástico e mesmo, nalgúns casos, marcador electrónico.

O xogo[editar | editar a fonte]

Un futbolín estilo Garlando durante un partido

Os xogadores usan os bonecos montados nas barras rotatorias para lle daren á bóla cara á meta do opoñente. A bóla do futbolín pode acadar velocidades de até 120 km/h (75 mph) en competición. A meirande parte do tempo faise difícil incluso ver o esférico, pois non parece máis ca unha imaxe borrosa, feito polo que se pode dicir que se trata dun xogo para o que se requiren reflexos rápidos amais de técnica e destreza.

O campión no futbolín determínase cando un equipo acada un número predeterminado de goles, por exemplo 3 ou 11. Decote requírese unha vitoria cunha diferencia de dous goles. Na competición cóntase cada bóla que entra na portería, non así se entra e ao dar na placa de metal regresa ao campo de xogo novamente. Nalgúns lugares, os centrocampistas están inhabilitados para marcar un gol, unha norma que require dun acordo previo entre adversarios. Nos grandes acontecementos hai árbitros que determinan as infraccións e os penaltis.

O futbolín é xogado a miúdo coma diversión en pubs, bares, oficinas de traballo, escolas ou clubs. Estas "regras caseiras" inclúen xeralmente a prohibición de xirar un xogador (o chamado remuíño), polo que a man débese manter practicamente en contacto continuo coa empuñadura, e os cambios na dianteira. En cada zona adoitan ter as súas propias regras.

Tamén se xoga ao futbolín nas competicións oficiais organizadas por varias organizacións nacionais. Unha organización internacional denominada ITSF (International Table Soccer Federation, Federación internacional do fútbol de mesa) foi creada en agosto do 2002 a fin de as reunir todas nun mesmo bloque, así coma para facilitar o desenvolvemento de campionatos mundiais.

Disposición dos xogadores[editar | editar a fonte]

Bonzini style table goalkeeper.jpg
Bonzini style table ball control.jpg

Unha mesa de futbolín pode variar de tamaño, pero mide tipicamente sobre 1,22 metros de longo por 0,61 metros de ancho. A mesa ten xeralmente 8 ringleiras de xogadores, que son de plástico, metal, madeira, ou ás veces de fibra de carbono, montados en barras metálicas verticais. Cada equipo de 1, 2, ou 3 xogadores humanos controla as súas 4 ringleiras de xogadores do futbolín. Os xogadores poden rematar nunha única protuberancia ou te-las pernas abertas.

A orde dos xogadores non é estándar. Na disposición típica galega, e na maioría de Galiza a mesa vista dende o noso lado divídese do seguinte xeito:

Ringleira 1 O noso porteiro 1 xogador
Ringleira 2 A nosa defensa 3 xogadores
Ringleira 3 Dianteira do equipo opoñente 4 xogadores
Ringleira 4 Os nosos centrocampistas 3 xogadores
Ringleira 5 Centrocampistas do equipo opoñente 3 xogadores
Ringleira 6 A nosa dianteira 4 xogadores
Ringleira 7 Defensa do equipo opoñente 3 xogadores
Ringleira 8 Porteiro do equipo opoñente 1 xogador

A distribución típica americana, aínda que tamén é así noutros lugares, divídese do seguinte xeito:

Ringleira 1 O noso porteiro 1 xogador (ás veces 3)
Ringleira 2 A nosa defensa 2 xogadores
Ringleira 3 Dianteira do equipo opoñente 3 xogadores
Ringleira 4 Os nosos centrocampistas 5 xogadores
Ringleira 5 Centrocampistas do equipo opoñente 5 xogadores
Ringleira 6 A nosa dianteira 3 xogadores
Ringleira 7 Defensa do equipo opoñente 2 xogadores
Ringleira 8 Porteiro do equipo opoñente 1 xogador (ás veces 3)

Tipos de futbolíns[editar | editar a fonte]

Futbolín modelo catalán.

Existe un gran número de futbolíns diferentes. Os usados nas xiras mundiais e torneos oficiais da ITSF son Bonzini de "estilo francés", Tornado de "estilo americano", Roberto-Sport de "estilo italiano" e Eurosoccer de "estilo belga". Entre outras marcas importantes inclúense Kicker, Garlando, Löwen-Soccer, Warrior, Lehmacher, Leonheart e moitas máis. Tamén existe un futbolín de 7 metros de longo creado polo artista Maurizio Cattelan para unha obra chamada Stadium. Necesítanse 11 xogadores por cada lado.

As diferenzas nos tipos de mesas teñen unha grande influencia nos estilos que se xogan. A maioría das mesas teñen un porteiro que ten os seus movementos restrinxidos ó área da meta. Nesas mesas o porteiro non é capaz de colle-la bóla unha vez que sae fóra do área. Outras mesas teñen tres porteiros, un no centro e un en cada esquina para alcanza-la bóla, polo que non se necesitan esquinas inclinadas. Outra diferenza importante atópase nas bólas, que poden ser de cortiza, plástico ou incluso mármore e metal, variando moito a velocidade dos disparos, así coma a interacción entre o xogador e a bóla.

A estratexia no futbolín varía enormemente. Con equipos dun ser humano cada un, é imposible que cada persoa controle as catro ringleiras de futbolistas á vez. Algúns xogadores poñen a man esquerda sempre na empuñadura da barra do porteiro ou na defensa e moven a man dereita entre as outras tres ringleiras. Os xogadores máis agresivos fan un ataque coas mans nos centrocampistas e nos dianteiros, deixando o porteiro sen tocar.

Con práctica, é posible aprender rapidamente xogadas, como "a culebra", "pase-tiro", e "globiño". O pase-tiro é cando situa-la bóla preto do arco do rival e recepcionala cos teus dianteiros, ou simplemente fas un "un-dous", consistente en da-lo pase e de primeira pegarlle ó arco rival. A culebra e o globiño, ámbalas dúas involucran pasa-la bóla sexa en forma zig-zag ou levando a bóla cara a un dianteiro, deste xeito pódese disparar cara a calquera dirección.

Modalidades de xogo[editar | editar a fonte]

Existen 2 modalidades de xogo: movemento ou parado. En Galiza, Cataluña e Valencia; a máis popular é a modalidade de parado. Noutros territorios xóganse ámbalas dúas.

Na modalidade de parado os xogadores poden rete-la bóla na dianteira podendo pasa-la bóla dun xogador a outro ata que o xogador considere que ten unha boa ocasión para tirar, pola contra na modalidade de movemento a bóla non se pode reter en ningunha das barras e só se pode toca-la bóla unha vez na dianteira, se a bóla entrar na portaría tras realizar 2 toques, o gol sería anulado ou iría para o contrario.

Denominación[editar | editar a fonte]

En cada país, o futbolín ten un nome diferente.

En galego tamén se coñece como matraquiños, e como ferriños na comarca do Deza. Na lingua portuguesa o termo usado en Portugal é matraquillos ou matrecos mentres que no Brasil hai ata tres nomenclaturas máis comúns, sendo o máis usado totó; en São Paulo, Paraná e sur de Minas Xerais o xogo é chamado pebolin; e no Río Grande do Sur é coñecido por fla-flu.

Na lingua castelá, tamén hai diferenzas entre algúns países. En Bolivia, Colombia, España, México, Perú e Venezuela coñécese coma futbolín, pero recibe diferentes nomes noutros lugares, así na Arxentina denomínase metegol, en Bolivia úsase tamén o termo canchitas; en Chile chámase taca-taca (onomatopeia do son que produce o xogo ó lle dar á bóla); os mexicanos coñéceno tamén coma fuchito, fuchín ou futbolito; mentres que en Uruguai coñécese coma futbolito.

Ademais en Alemaña chámase kicker ou tischfußball; en Italia calcetto (de calcio), calcio balilla ou biliardino; en Francia baby-foot; na lingua inglesa table football (fútbol de mesa) aínda que nos Estados Unidos chámase foosball (do alemán fußball, "fútbol"); nalgunhas rexións de Canadá coñécese coma Jitz; en Turquía langırt (ó igual ca Chile, unha onomatopeia do son que produce o xogo). En Bosnia e Hercegovina, Croacia e Serbia, ten o nome de karambol aínda que en Croacia tamén se usa stolni nogomet. En Bulgaria coñécese polo nome de djaga ou djagi.

Malia as diversas nomenclaturas, as federacións nacionais, acostuman usar o "nome xenérico" de fútbol de mesa.

Robots[editar | editar a fonte]

Existen robots deseñados para xogar ó futbolín polos roboticistas da Universidade de Freiburg im Breisgau que son capaces de gañar ó 85 por cento dos xogadores correntes. Usan unha cámara situada debaixo dunha táboa transparente, que fai de base da mesa, que localiza a posición da bóla 50 veces por segundo e envía os datos a un computador, preprogramado con coñecementos da dinámica da bóla, que calcula se os opoñentes poden bloquear algunhas das direccións. Actualmente, un xogador experto pode bater ó robot nunha proporción de 10 partidos a 1. A Universidade de Friburgo cedeu a patente a unha compañía de xoguetes que espera fabricar unha versión máis consistente, ó prezo de 20.000 euros, que se comercializará a partir do 2005.[2]

Notas[editar | editar a fonte]