Día da Muller Traballadora
O Día Internacional da Muller, orixinalmente coñecido como Día Internacional da Muller Traballadora, conmemorado cada 8 de marzo, é unha xornada que celebran os grupos femininos en todo o mundo. Esa data conmemórase tamén nas Nacións Unidas e é festa nacional en moitos países. Cando as mulleres de tódolos continentes, a miúdo separadas por fronteiras nacionais e diferenzas étnicas, lingüísticas, culturais, económicas e políticas, se unen para celebrar o seu Día, poden contemplar unha tradición de non menos de 90 anos de loita a prol da igualdade, a xustiza, a paz e o desenvolvemento.
Índice |
Características [editar]
O Día Internacional da Muller refírese ás mulleres correntes como artífices da historia e afunde as súas raíces na loita secular da muller por participar na sociedade en pé de igualdade co home. Na antiga Grecia, Lisístrata empezou unha folga sexual contra os homes para poñer fin á guerra; na Revolución Francesa, as parisienses que pedían liberdade, igualdade e fraternidade marcharon cara a Versalles para esixir o sufraxio feminino.
A idea dun día internacional da muller xurdiu ao final do século XIX, que foi, no mundo industrializado, un período de expansión e turbulencia, crecemento fulgurante da poboación e ideoloxías radicais.
Historia [editar]
De conformidade cunha declaración do Partido Socialista dos Estados Unidos de América o día 28 de febreiro de 1909 celebrouse en tódolos Estados Unidos o primeiro Día Nacional da Muller, que estas seguiron celebrando o último domingo de febreiro ata 1913.
Na II Conferencia Internacional de Mulleres Socialistas, dentro da reunión da Internacional Socialista celebrada en Copenhaguen, a líder do movemento alemán de mulleres socialistas Clara Zetkin, propuxo a celebración do Día Internacional da Muller Traballadora, baseada na celebración que nos EUA se realizaba dende 1908 como Women's Day, como homenaxe ao movemento en favor dos dereitos da muller e para axudar a conseguir o sufraxio feminino universal. Este chamamento foi seguido en Alemaña, Suecia, Austria e Finlandia, e a proposta foi aprobada unanimemente pola conferencia de máis de 100 mulleres procedentes de 17 países, entre elas as tres primeiras mulleres elixidas para o parlamento finés.
Como consecuencia da decisión adoptada en Copenhaguen o ano anterior, o Día Internacional da Muller celebrouse por primeira vez o 19 de marzo de 1911 en Alemaña, Austria, Dinamarca e Suíza, con mitins aos que asistiron máis de 1 millón de mulleres e homes. Ademais do dereito de voto e de ocupar cargos públicos, esixiron o dereito ao traballo, á formación profesional e á non discriminación laboral.
O 25 de marzo de 1911 tivo lugar a morte de 146 obreiras, a maioría inmigrantes italianas e xudías, dunha fábrica téxtil de Nova York, a Triangle Shirt Waist Company, nun intento de seren desaloxadas pola policía mediante o uso de bombas incendiarias, tras declararse en folga e ocupa-la fábrica para denuncia-las pésimas condicións de traballo e de seguridade. Este acontecemento tivo grandes repercusións na lexislación laboral dos Estados Unidos, e nas celebracións posteriores do Día Internacional da Muller fíxose referencia ás condicións laborais que conduciron ao desastre.
No marco dos movementos en prol da paz que xurdiron en vésperas da primeira guerra mundial, as mulleres rusas celebraron o seu primeiro Día Internacional da Muller o último domingo de febreiro de 1913. No resto de Europa, as mulleres celebraron mitins en torno ao 8 de marzo[1]. do ano seguinte para protestar pola guerra ou para solidarizarse coas demais mulleres.
Os acontecementos de 1917 en Rusia nesa data, e que foron parte dos movementos que converxeron na Revolución de Outubro, contribuíron a afianzar esta celebración. Así, como reacción ante os 2 millóns de soldados rusos mortos na guerra, as mulleres rusas escolleron de novo o último domingo de febreiro para declararse en folga en demanda de "pan e paz". Os dirixentes políticos criticaron a oportunidade da folga, pero as mulleres fixérona de tódolos xeitos. Catro días despois o Tsar viuse obrigado a abdicar e o goberno provisional concedeu ás mulleres o dereito de voto. Ese histórico domingo foi o 23 de febreiro, segundo o calendario xuliano utilizado entón en Rusia, ou o 8 de marzo, segundo o calendario gregoriano utilizado noutros países.
Dende eses primeiros anos, o Día Internacional da Muller adquiriu unha nova dimensión mundial para as mulleres dos países desenvolvidos e en desenvolvemento. O crecente movemento internacional da muller, reforzado polas Nacións Unidas mediante catro conferencias mundiais sobre a muller, contribuíu a que a conmemoración sexa un punto de converxencia das actividades coordinadas en favor dos dereitos da muller e a súa participación na vida política e económica. O Día Internacional da Muller é cada vez máis unha ocasión para reflexionar sobre os avances conseguidos, esixir cambios e celebrar os actos de valor e decisión de mulleres comúns que desempeñaron unha función extraordinaria na historia dos dereitos da muller.
Notas [editar]
- ↑ [Liliane Kandel / Françoise Picq, Le Mythe des origines à propos de la journée internationale des femmes, in: La Revue d'en face, 12, 1982, S. 67-80
Véxase tamén [editar]
Ligazóns externas [editar]