Dentón

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Reprodución do dentón (no Museo do Mediterráneo)
Distribución da especie

O dentón común (Dentex dentex, Linnaeus 1758) é un peixe mariño da familia dos espáridos (Sparidae), común no mar Mediterráneo. O nome procede dos grandes dentes que posúe.

Ríos Panisse recolleu para esta especie os nomes de dentón, dentado e dentudo, pero tamén os de buraz, pancho, panchoz, pargo e prago, por confusión con outras especies da mesma familia, pola súa similitude.

Morfoloxía[editar | editar a fonte]

O corpo é de cor gris verdosa nos exemplares novos e gris avermellada nos adultos, con pequenas manchas azulentas brillantes e, por veces, unhas bandas escuras transversais, azuis verdosas, que desaparecen trala morte. Presenta unha única aleta dorsal longa, con 11 radios espiñosos, que pode pregar e agochar nun suco dorsal; nesta aleta dorsal seguen 11-12 radios brandos. Na aleta anal, 3 radios espiñosos e 7-9 brandos.

Como o resto das especies da familia é de corpo oval, alto e comprimido verticalmente. Os adultos poden alcanzar ata os 100 cm de lonxitude, con pesos máximos duns 14 kg; as tallas habituais rondan os 50 cm.

A cabeza é grande e de fortes queixadas, con 4-6 dentes caninos moi desenvolvidos, curvos. Os ollos son pequenos.

Hábitat e bioloxía[editar | editar a fonte]

A especie distribúese polo Atlántico leste, desde as illas Británicas a Mauritania, chegando excepcionalmente ata Senegal e Madeira, así como por todo o Mediterráneo, onde é relativamente común.

É de hábitos bentopeláxicos, e vive a profundidades de ata 200 m, pero preferentemente entre os 10 e os 50 m, agochado no fondo rochoso o de area. Os individuos novos agrúpanse en grandes bancos próximos ás beiras e a pouca profundidade. mentres que os adultos son solitarios e buscan augas máis profundas.

É un voraz depredador e aliméntase principalmente de peixes, crustáceos e moluscos.

Aínda que cando son xuvenís son hermafroditas, segundo medran van adquirindo sexos separados.

Interese pesqueiro e comercial[editar | editar a fonte]

Segundo a Plataforma Tecnolóxica de Pesca Pesca de Galicia.com [1] as capturas desta especie van aumentando notablemente nos últimos anos, desde as 11 toneladas en 2009 ata as 291 toneladas en 2012.

Resulta moi apreciado na pesca deportiva e críase con bastante éxito en réxime de acuicultura. Consómese preferentemente, coma os outros membros da familia, ó forno.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • DIRECCIÓN XERAL DE FORMACIÓN PESQUEIRA: Guía do consumidor de peixe fresco. Xunta de Galicia 1999.
  • RÍOS PANISSE, M. Carmen: Nomenclatura de la flora y fauna marítimas de Galicia (Invertebrados y peces). Anejo 7 (1977) de Verba.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Dentón