Galilea

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Galilea é unha rexión do actual estado de Israel que conta cunha importante poboación árabe. Está situada entre o mar Mediterráneo polo oeste e o lago de Xenesaret e o río Xordán polo leste. Ten un relevo montañoso (teñen sona o Monte Tabor, Monte Merón) e un clima chuvioso cunha peculiar vexetación. Nazaret e Tiberíades son dúas cidades turísticas. A súa economía baséase na agricultura, a pesca e o turismo.

O rei asmoneo Alexandre Xaneo fíxose con ela no século I antes de Cristo. Dende antigo, foi considerada polas elites xudías de Xerusalén unha terra atrasada e afastada. Durante o período helenístico e romano creouse a cidade de Séforis como metrópole principal. Moitos movementos de liberación xudía tiñan nela o seu niño (caso de Xudas o Galileo). Moitos xudeus a abandonaron trala represión romana durante as guerras xudías. Bizancio potenciou a súa sona de Terra Santa. No ano 638 os árabes ocuparon a rexión. Os cruzados de Godofredo de Bullón recuperarana para o cristianismo ata a vitoria de Saladino en Hattin. Non foi ata 1948 cando o novo estado de Israel se fixo coa zona.