Zheng He

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter.
Zheng He
鄭和
郑和
Zheng He鄭和郑和
Lugar Yunnan
Falecemento 1435
Ocupación Explorador e diplomático.
Ideogrammes pour Zheng He.jpg

Zheng He (chinés tradicional: 鄭和, chinés simplificado: 郑和 , Hanyu Pinyin: Zhèng Hé, Wade-Giles: Cheng Ho) tamén coñecido coma Ma Sambao, nado en 1371 e finado en 1435, foi un famoso militar, diplomático, mariñeiro, explorador chinés que realizou unhas viaxes colectivamente chamadas O eunuco Sanbao ao océano occidental (三保太監下西洋) ou Zheng He ao océano occidental, de 1405 a 1433.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Zheng He foi un eunuco musulmán de etnia Hui que serviu como confidente do emperador da China Yongle (gobernante de 1403 a 1424), o terceiro emperador da dinastía Ming. Chamado orixinalmente Ma Sanbao (馬 三保), procedía da provincia de Yunnan. Pertenceu á minoría Semur, orixinarios de Asia Central e practicantes do Islam. Tanto seu pai como seu avó viaxaran en peregrinación á Meca e Zheng He tería escoitado os relatos das súas viaxes a terras afastadas. Despois de que o exército Ming conquistara Yunnan foi cativado e castrado, converténdose así nun eunuco. O nome Zheng He púxollo o emperador. Estudou en Nanjing Taixue (Colexio Central Imperial). As súas misións exhibiron impresionantes demostracións da súa capacidade organizativa e poder tecnolóxico, pero non produciron grandes comercios xa que Zheng He foi un almirante e un oficial, non un mercador.

Zheng He navegou até Malaca no século XV e trouxo consigo unha princesa da China, a Princesa Hang Li Po. Ela tería que desposar o rei de Malaca. A princesa foi cos seus 1.500 servintes, os cales se asentaron eventualmente en Bukit Cina en Malaca. Os descendentes desta xente son coñecidos na actualidade como Baba (o título masculino) e Nyonya (o título feminino).

En 1424 o emperador Yongle faleceu. O seu sucesor, Hongxi (gobernante de 1424 a 1425), decidiu reprimir a influencia dos eunucos na corte. Zheng He realizou unha última viaxe baixo o goberno do emperador Xuande (gobernante de 1426 a 1435), pero despois diso as frotas de tesouro chinesas acabaron. A súa tumba está en Nanjing (outeiro de Niushou), e en 1985 foi restaurada. Tamén construíu os estaleiros de Nanjing, que aínda funcionan actualmente.

Viaxes[editar | editar a fonte]

Mapa das rutas das súas viaxes ao Océano occidental.

O "Océano Occidental" refírese aos lugares en Asia e África que Zheng He explorou, incluíndo:

O número das súas viaxes varía dependendo do método de división, pero explorou como mínimo sete veces cara ao "océano occidental" coa súa frota. A súa escuadra consistía nuns 30 000 homes e setenta naves. Levou a China moitos trofeos e embaixadores de máis de trinta reinos, incluíndo Alagonakkara de Ceilán, quen foi a China a se desculpar co emperador. A revista Life situou a Zheng He no posto 14 das persoas máis importantes do último milenio.

Primeira viaxe[editar | editar a fonte]

A súa primeira expedición zarpou no outono do ano 1405 con aproximadamente 317 barcos. Recalaron en Fujian, na desembocadura do rio Min, onde realizaron reparacións e partiron cara Champa (actual Vietnam) e, posteriormente, Palenbang (Sumatra). Tamén visitaron Xava e Ceilán, onde segundo as crónicas chinesas non recibiron boa acollida. Finalmente chegaron ao seu destino, Calicut, cidade estado da India coñecida como a Cidade das especias.

Tras intercambios comerciais a frota partiu de regreso a China en abril de 1407. Tivo problemas cos piratas na viaxe de volta, enfrontándose e capturando ao pirata Chen Zuyi.

Segunda viaxe[editar | editar a fonte]

Ao pouco do regreso da primeira viaxe o emperador Yongle ordenou que se organizase outra nova expedición, co fin de devolver aos seus respectivos lugar de orixe os diplomáticos estranxeiros que chegaran a China na anterior expedición. Nesta viaxe non se sabe con seguridade se participou Zheng He ou permaneceu supervisando a reparación do templo de Tianfei en Meizhou. No caso da súa ausencia a expedición debeu ser comandada polos eunucos Wang Jinghong e Hou Xian.

A frota formada por 68 barcos zarpou a finais de 1407 ou comezos de 1408 e o reducido tamaño comparada ca primeira viaxe debeuse a que se valorou que non era preciso levar tantos navíos de guerra. A ruta foi similar á anterior, visitando Siam, Xava, Delhi, Ahceh, Cochin e Calicut. Tivo sobre todo carácter diplomático máis que comercial, intervindo nas disputas entre siameses e Khemeres e na elección do novo Zamurin (Rei) de Calicut: Mana Vikrana.

Terceira viaxe[editar | editar a fonte]

Torre de Porcelana de Nankín, cuxa construción comezou trala terceira viaxe de Zheng He cos beneficios do comercio.

A terceira expedición por mar comezou en 1409 cunha frota de 48 barcos, sendo os principais comandantes o propio Zheng He e os xa nomeados Wang Jinghong e Hou Xian. O transcurso desta viaxe foi documentada polo cronista Fei Xin, que participou nela.

Realizaron unha breve parada en Taiping e despois seguiron ata Champa e Temasek (actual Singapur) e posteriormente chegaron a Malaka con obxectivos diplomáticos para manter o equilibrio de poder na zona comprendida entre Malaka, Siam e Xava. Seguiron ata Semidera (Sumatra) e chegaron ata Ceilán. Porén, a pesar das manobras diplomáticas e as mostras de respecto polas diferentes relixións predominantes na illa (Hinduísmo, Islam e Budismo) tiveron que volver aos barcos tras unha breve escaramuza con cingaleses de Alakeswara, que ambicionaba o trono do rei Vijaya Bahu VI.

A frota seguiu o percorrido ata Quilon, Cochín e Calicut e á volta decidiron vingar o agravio recibido na illa de Ceilán. Porén hai dúas versións sobre o acontecido.

  • As crónicas chinesas expoñen que Alakeswara, solicitou a Zheng He o pago dun tributo, ao que este se negou. Polo que Alakeswara enviou contra o emisario chinés un exército de 50 000 soldados para cortar as comunicacións entre este e o seu exército de 2000 soldados e a súa frota; este entón decidiu marchar na outra dirección e tomar a capital e capturar a Alakeswara. Tras este movemento puido avanzar sen problema ata a costa e levar o seu prisioneiro a Nankín, onde se lle perdonou pola súa ignorancia. Porén as crónicas son algo confusas ata o límite de que non se ten claro s foi Alakeswara, o rei Vijaya Bahu VI ou os dous quen foron levados a Nankín.
  • Pola outra parte a versión cingalesa é que Zheng He se aliou con Alakeswara para depoñer o rei Vijaya Bahu VI, polo que sería este quen sería trasladado a China trala súa derrota. Cando o rei derrotado regresou a Ceilán foi asasinado en segredo por Alakeswara, que se converteu en soberano da illa.

En 1412, co diñeiro obtivo do comercio aberto con estas viaxes, iniciouse a construción da Torre de porcelana de Nankín, de case oitenta metros de alto. Esta torre foi destruída durante a revolta de Taiping de 1856.

Ecos culturais[editar | editar a fonte]

Unha recente teoría controversial levada a cabo por Gavin Menzies suxire que Zheng He circunnavegou o globo e descubriu América no século XV, anteriormente a Fernão de Magalhães e Cristóbal Colón. Esta hipótese de 1421 encontrou pouco apoio entre historiadores.

Descendentes[editar | editar a fonte]

Coma eunuco castrado antes da puberdade Zheng He non tivo descendencia biolóxica, porén adoptou a Zheng Haozhao, un dos seus sobriños. A pesar de que non puido herdar os títulos do seu pai adoptivo si que o puido facer coas propiedades e bens materiais.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Zheng He

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]