Wozzeck
Wozzeck | |
---|---|
Cartel de Wozzeck de 1974 obra de Hans Heinrich Palitzsch. | |
Forma | Ópera |
Actos e escenas | 3 actos |
Idioma orixinal do libreto | Alemán |
Libretista | Alban Berg |
Fontes literarias | Woyzeck, de Georg Büchner |
Estrea | 14 de decembro de 1925 |
Teatro da estrea | Staatsoper Unter den Linden |
Lugar da estrea | Berlín |
Duración | 1 hora 30 minutos |
Música | |
Compositor | Alban Berg |
Personaxes | |
Wozzeck é unha ópera en tres actos con música de Alban Berg e libreto en alemán do propio compositor, baseado na obra teatral inconclusa de Georg Büchner, Woyzeck. Trátase da primeira e máis famosa das óperas de Alban Berg. Foi estreada o 14 de decembro de 1925 na Staatsoper Unter den Linden de Berlín baixo a dirección de Erich Kleiber. Está considerada por algúns académicos como a mellor ópera do século XX,[1] e a pesar do seu estilo desafiante ocupa un sólido lugar no repertorio tradicional, representándose cada ano en diversos lugares do mundo.
A calidade da obra (en particular, a caracterización das situacións con técnicas musicais claramente definidas) convértea nunha ópera moderna que satisfai ata o oínte máis tímido. Wozzeck evita os estereotipos operísticos, sendo seria e persuasiva ao mesmo tempo.
Historia
[editar | editar a fonte]Cara ao ano 1914, Berg xa comezara a pensar en crear unha ópera que se basease nunha obra de teatro. O compositor confeccionou o libreto a partir de fragmentos da obra Woyzeck (titulada inicialmente Wozzeck por un erro de edición e que quedou inconclusa tras a morte do autor), do escritor e activista político austríaco do século XIX Georg Büchner, que finara en 1837 aos vinte e catro anos. A obra de Büchner está escrita a base de escenas breves, episódicas e desconectadas entre si e describe a espantosa situación dun soldado explotado polos seus superiores, creando unha poderosa historia de inhumanidade e opresión, o que lle proporcionou a Berg un vehículo ideal para levar a cabo a súa ópera. Berg adaptou o libreto mantendo "a esencia da obra, coas súas numerosas escenas curtas, a súa linguaxe abrupta e ás veces brutal, e o seu marcado, e obsesionado, realismo...".[2]
Ao pouco tempo de comezar o proxecto, Berg alistouse no servizo militar, polo que case non puido traballar na ópera ata 1918, o ano no que se licenciou. Logo do período de inactividade, comezou a traballar intensamente en Wozzeck, rematando o primeiro acto no verán de 1919, o segundo en agosto de 1921, e o derradeiro acto nos seguintes dous meses[2] (coa orquestración finalizada durante os seguintes seis meses), rematando a partitura en 1922. Ese mesmo ano publicou a redución para piano na editorial Universal Edition co apoio económico da súa grande amiga Alma Mahler, viúva de Gustav Mahler, compositor que tanto admirou. A obra foi rexeitada por varios teatros de ópera en Europa, polo que, aconsellado polo director Hermann Scherchen, escribiu unha especie de suite para soprano e orquestra (Drei Bruchstücke aus Wozzeck - Tres fragmentos de Wozzeck) para chamar a atención sobre ela. Os tres fragmentos de escenas estreáronse en Frankfurt am Main en 1924, dirixidos polo propio Scherchen; a acollida das pezas foi impresionante, polo que a Staatsoper Unter den Linden (Ópera Estatal de Berlín) a escolleu, sendo estreada polo director Erich Kleiber, "quen programou (a ópera) pola súa propia iniciativa",[2] o 14 de decembro dese mesmo ano.
A ópera tivo un grande éxito e catapultou á fama internacional a Berg. Segundo Walsh, a ópera tivo "un succès de scandale con disturbios durante a representación e unha prensa mixta despois, pero que conduciu a unha corrente de producións en Alemaña e Austria, antes de que os Nazis a consignasen ao vertedoiro do 'decadent art' logo de 1933"[2] Inicialmente, Wozzeck estableceuse nun posto sólido na tradición operística e pronto chegou a ser unha obra ben establecida no repertorio dos principais teatros de ópera, e fixo a Berg o compositor máis coñecido da Segunda Escola de Viena, o que lle permitiu vivir máis confortablemente e adicarse de pleno á composición. Investiu entón (entre os anos 20 aos 30) boa parte do seu tempo en viaxar para asistir a representacións e dar conferencias sobre a ópera.
A estrea nos Estados Unidos foi realizada pola Philadelphia Grand Opera Company o 19 de marzo de 1931[3] na Philadelphia Metropolitan Opera House baixo a dirección de Leopold Stokowski, e, mentres que a estrea no Reino Unido no Queen's Hall de Londres do 14 de marzo de 1934 foi tan só unha versión de concerto, aínda que o 22 de xaneiro de 1952 tivo lugar a primeira representación na Royal Opera House, Covent Garden.[3]
Esta ópera segue no repertorio, aínda que non está entre as máis representadas, aparecendo nas estatísticas de Operabase no posto 69 das cen óperas máis representadas no período 2005-2010, sendo a novena ópera máis representada en Austria e a primeira de Alban Berg, con 56 representacións.[4].
Personaxes
[editar | editar a fonte]Personaxe | Tesitura | Elenco na estrea, 14 de decembro de 1925 (Director: Erich Kleiber) |
---|---|---|
Wozzeck, soldado | barítono | Leo Schützendorf |
Marie, amante de Wozzeck | soprano | Sigrid Johanson |
Fillo de Marie | tiple | Ruth Iris Witting |
Hauptmann, xefe de Wozzeck | tenor | Waldemar Henke |
Doktor, doutor do cuartel | baixo | Martin Abendroth |
Tambourmajor, xefe da banda de tambores | tenor | Fritz Soot |
Andres, soldado | tenor | Gerhard Witting |
Margret, prostituta, veciña de Marie | contralto | Jessyka Koettrik |
1º obreiro | baixo | Ernst Osterkamp |
2º obreiro | barítono | Alfred Borchardt |
Un tolo | tenor | Marcel Noé |
Un soldado | barítono | Leonhard Kern |
Soldados, campesiños, banda de tambores, prostitutas, nenos[5] |
No seguinte cadro poden verse as complicadas relacións persoais entre as personaxes da ópera na que se aprecia o triángulo amoroso Wozzeck - Marie - Tambourmajor:
Características
[editar | editar a fonte]Wozzeck é un bo exemplo de ópera expresionista. A elaborada estrutura musical de Wozzeck é unha das características principais da obra, que seguiu unha concepción estrutural máis detallada e comprensible que as composicións anteriores de Berg, xunto coa relevancia e intensidade da súa trama, que contén conexións morais e sociais como a inevitabilidade da dureza e a explotación dos pobres, temas que aparecen de xeito brutal e sen compromisos. Berg presenta o soldado Wozzeck como símbolo de "wir arme Leut" ("Nos, as pobres xentes"), como desventurada vítima da súa contorna, desprezado, traizoado no amor e impulsado ao asasinato e ao suicidio.
Berg dispuxo o material seleccionado da obra de Büchner segundo un plan simétrico de tres actos divididos á súa vez en cinco escenas conectadas mediante interludios orquestrais (ao igual que ocorre en Pelléas et Mélisande de Claude Debussy), polo que cada acto forma unha estrutura musical continua, organizada por Berg como unha totalidade formal coidadosamente ordenada. A linguaxe empregada polo compositor é en parte atonal e en parte diatónica, e a escritura vocal inclúe pasaxes de Sprechgesang (en galego canción falada), a voz falada, e o canto convencional. Berg lograba esta mestura de atonalidade e diatonalismo sen crear unha descontinuidade estilística grazas ás pronunciadas implicacións tonais da súa linguaxe atonal.
Nesta ópera vese anticipada a posterior adopción do dodecafonismo por parte do compositor, especialmente no último acto, onde en cada escena aparece unha idea composicional determinada que funciona como unha referencia constante da que derivan tódolos materiais musicais por medio de distintas transformacións que non se diferencian do proceso empregado no dodecafonismo. Non obstante, o carácter da música expresivamente lírica e intensamente dramática non é moi distinto das primeiras obras de Berg, e a organización melódica é basicamente igual que antes, a pesar de basearse en células referenciais ou acordes que nalgúns casos son empregados de forma sistemática.
Na ópera atopamos numerosas pasaxes de realismo estilizado (coro de ronquidos, gurgullo de auga, unha orquestra de taberna cun piano desafinado que caricaturiza un motivo de valse de Der Rosenkavalier de Richard Strauss) que son empregados con mestría con fins expresionistas. A conxunción da acción, a riqueza da inventiva musical, a orquestración (permanentemente variada, enxeñosa e axeitada) a claridade e concentración das formas, a índole descritiva e a forza dramática da música, producen un efecto de gran poder emotivo.
Berg emprega unha gran variedade de técnicas musicais para crear unidade e coherencia na ópera, entre as que destacan o uso de leitmotivs e o uso de formas tradicionais.
Formas tradicionais
[editar | editar a fonte]Berg decidiu non empregar formas clásicas operísticas como a aria ou o trío na súa ópera. Ao longo da ópera, o compositor emprega numerosas formas tradicionais normalmente asociadas á música instrumental e que conforman a música das escenas, que á súa vez están unidas por interludios instrumentais, e que incorpora a un conxunto dunha gran complexidade sinfónica. Estas formas tradicionais dotan a cada escena dunha coherencia interna, como no caso do segundo acto, que comeza cunha forma sonata na primeira escena, séguenlle na segunda escena unha fantasía e unha fuga (no momento no que o Doktor e o Hauptmann se mofan de Wozzeck pola infidelidade de Marie), que dan paso a un movemento lento, un scherzo, dous tríos e un rondó, mentres que os actos primeiro e terceiro están construídos de xeito máis libre, aínda que presentan unha serie de formas xa establecidas.
Outro exemplo do emprego de formas clásicas o atopamos na Escena III do Acto III, cuxa música está construída como un motete isorrítmico medieval.
Ademais, as fortes correspondencias musicais e dramáticas existentes entre o primeiro e o terceiro acto crean unha longa estrutura tripartita ABA que fai que a obra poida ser vista como un todo.
Leitmotivs
[editar | editar a fonte]A música de Berg unifícase en parte tamén mediante o emprego dalgúns leitmotivs, por conxuntos de clases de notas identificados coas personaxes principais. Como a meirande parte dos compositores que empregaron este método, cada leitmotiv é empregado dun xeito máis sutil que sendo directamente relacionado cun personaxe ou obxecto. A pesar disto, os motivos para Hauptmann, Doktor e Tambourmajor son moi prominentes. Wozzeck está claramente asociado a dous motivos, un frecuentemente escoitado cando el corre dentro ou fóra do escenario, mentres que o outro máis languidamente expresa a súa miseria e impotencia fronte ás presións que experimenta. Marie é acompañada por motivos que expresan a súa sensualidade. Un motivo que non está explicitamente relacionado poden ser un par de acordes que son empregados para pechar cada un dos tres actos, usados nunha repetición oscilante ata case fundirse o un no outro.
O motivo máis significativo escoitase por primeira vez cantado polo propio Wozzeck (na primeira escena con Hauptmann), as palabras Wir arme Leut (xente pobre coma nós), trazando un acorde menor con sétima maior, é frecuentemente escoitado como sinal da incapacidade dos personaxes da ópera para transcender a súa situación. Na Escena III do Acto III o piano anuncia tanto o tema rítmico como unha serie de seis notas das que deriva todo o material melódico case de forma exclusiva, que escritas ascendente ou descendentemente case forman unha escala de tons, nunha serie de notas que se repite frecuentemente en toda a obra.
Máis aló disto, Berg tamén reutiliza motivos de fragmentos escoitados anteriormente na ópera para dar ao oínte unha idea dos pensamentos do personaxe. A reaparición da banda militar, como ao final do Acto I, por exemplo, informa ao oínte de que Marie está a reflexionar sobre a desexabilidade física de Tambourmajor.
Argumento
[editar | editar a fonte]Acto I
[editar | editar a fonte]Escena 1 (Suite)
O soldado Wozzeck está a afeitar ao capitán, quen lle pide que o faga máis a modo. O capitán dille a Wozzeck que é un bo home aínda que carece de moral porque ten un fillo ilexítimo. Wozzeck contéstalle que a virtude é un luxo que non está ao alcance dos pobres, mais anima ao capitán a lembrar a lección de Evanxeo, ""Laßet die Kleinen zu mir kommen!"" ("Deixade que os nenos se acheguen a min," Marcos 10:14).
Escena 2 (Rapsodia e Canción de caza)
Wozzeck e o seu compañeiro Andres están cortando leña no campo. Andres tenta sen éxito calmar a Wozzeck, que ten visións arrepiantes: escoita ruídos e imaxínase o sol afundíndose facendo arder a terra. Logo, de repente, todo está tranquilo.
Escena 3 (Marcha e canción de berce)'
Marie, a nai do fillo de Wozzeck, e a súa veciña Margaret ven á banda militar pasar diante da súa fiestra. Marie admira o guapo Tambourmajor, mentres que Margaret se mofa del. Unha vez soa co seu fillo, Marie cántalle unha canción de berce, Wozzeck chega e cóntalle as súas visións, que el interpreta como cousas malas que van pasar. Marie tenta tranquilizalo, mais el marcha correndo cara ao cuartel sen tan sequera mirar ao seu fillo. Abrumada polos seus propios medos, Marie abandona correndo a habitación deixando ao neno.
Escena 4 (Pasarrúas)
Wozzeck visita ao doutor, quen lle paga por empregalo en investigacións médicas. Cheo de autoengano por facer un gran descubrimento científico, o doutor pregúntalle a Wozzech sobre a súa dieta, reprendéndoo por non seguir as súas instrucións en relación á dieta e ao comportamento. Novamente Wozzeck saca a colación as súas visións, as cales son tomadas polo doutor como mera imaxinación.
Escena 5 (Rondó)
Na rúa, diante da porta, o Tambourmajor avanza cara Marie. Inicialmente ela se resiste, mais finalmente acaba entregándose a el.
Acto II
[editar | editar a fonte]Escena 1 (Sonata-Allegro)
Marie admira os pendentes que o Tambourmajor lle acaba de regalar. Cando entra Wozzeck, ela tenta escondelos, mais cando Wozzeck lle pregunta de onde os sacou asegura que os atopou na rúa. Wozzeck sospeita. El dálle os cartos que gañou e marcha, mentres que Marie se sente abrumada polo remordemento.
Escena 2 (Fantasía e Fuga sobre tres temas)
O capitán e o doutor encóntranse na rúa e falan da mórbida enfermidade e a morte. Cando Wozzeck pasa, mófanse del con alusións á infidelidade de Marie. Sorprendido, Wozzeck pídelles non se rían da única cousa no mundo que é súa e marcha correndo.
Escena 3 (Largo)
Wozzeck enfróntase a Marie coas súas sospeitas e trata de forzala para que confese. Está a piques de golpeala, mais ela segue desafiante, dicíndolle que preferiría ter un coitelo cravado na barriga antes que as súas mans sobre ela.
Escena 4 (Scherzo)
Dous aprendices bébedos animan á multitude nun bar con terraza. Wozzeck entra e ve a Marie bailando co Tambourmajor. Un necio achégase a Wozzeck e dille que cheira a sangue (Lustig, lustig...aber es riecht …Ich riech, ich riech Blut!, en galego Ledo, ledo, mais fede... Cheiro, cheiro sangre").
Escena 5 (Rondó)
A mesma tarde no cuartel, Wozzeck é incapaz de durmir lembrando recordos de pesadelo acontecidos no bar. O Tambourmajor entra bébedo e ostentando coa súa conquista. Os dous homes se pelexan e Wozzeck cae ao chan.
Acto III
[editar | editar a fonte]Escena 1 (Invención sobre un tema)
Só co seu fillo, Marie le na Biblia, primeiro sobre a adúltera que foi perdoada, e logo sobre María Magdalena. Marie berra pedindo misericordia a Deus.
Escena 2 (Invención sobre unha soa nota (si))
Marie e Wozzeck están paseando preto dun estanque. Marie quere volver pronto á cidade, mais Wozzeck fai que sente con el. El a bica e fai comentarios irónicos sobre a súa infidelidade. Álzase no ceo unha lúa vermella e Wozzeck decide que se non pode ter a Marie, ninguén máis poderá, cando ela tenta escapar, el saca un coitelo e a mata.
Escena 3 (Invención sobre un ritmo)
A xente baila nunha tabern, Wozzeck está a beber, berrando de xeito salvaxe, e bailando con Margaret. Wozzeck pídelle que cante unha canción, ela canta, mais nese momento decátase de que hai sangue na súa man e cóbado, entón todo o mundo comeza a berrarlle, incapaz de explicar de onde provén o sangue, Wozzeck foxe axitado e obsesionado co seu sangue.
Escena 4 (Invención sobre unha corda de seis notas)
Wozzeck está obsesionado co pensamento de que o coitelo co que matou a Marie o incriminará e o tira ao estanque. Cando a lúa vermella aparece novamente, teme non ter lanzado o coitelo o suficientemente lonxe da beira e, querendo ademais limpar o sangue que mancha a súa roupa e as súas mans, entra no estanque e afoga. O capitán e o doutor escoitan a Wozzeck afogándose e laiándose e marchan.
Interludio (Invención sobre unha nota (do menor))
Este interludio leva ao final.
Escena 5 (Invención sobre un moto perpetuo de oito notas, quasi toccata)
Á mañá seguinte, mentres xogan na rúa, os fillos dos veciños dinlle ao fillo de Marie e Wozzeck que a súa nai está morta. El non entende e segue cantando e xogando.
Instrumentación
[editar | editar a fonte]O cadro instrumental orixinal de Wozzeck é moi grande, xa que Berg escribiu a partitura para unha orquestra bastante grande, e conta ademais con tres grupos en escena ademais da orquestra (unha banda militar na 3ª escena do 1º acto, unha orquestra de cámara na 3ª escena do 2º acto, unha banda na taberna da 4ª escena do 2º acto, así como un piano desafinado na 3ª escena do 3º acto), o que supón un total de case 200 músicos ademais do elenco vocal, o que a converte nunha ópera pouco representada a pesar da súa popularidade. Tamén se teñen realizado ata o momento versións para conxuntos máis reducidos e accesibles que fixeron que a súa popularidade medrase nos últimos tempos, ata o momento dúas: unha para grupo de cámara de John Rea en 1995, e outra para unha orquestra algo máis reducida de Eberhard Kloke en 2004.
A partitura orixinal e as versións son editadas por Universal Edition, e o manuscrito encóntrase na Congress Library de Washington (Estados Unidos) dende 1934, cando foi depositada alí por xestión de Schönberg. A instrumentación da obra é a seguinte:[6]
Orquestración
[editar | editar a fonte]- Madeiras: 4 frautas (todos dobran con piccolos), 4 óboes (4º dobra co corno inglés), 4 clarinetes en Si bemol (1º dobra co clarinete en La, 3º e 4º dobran con clarinetes en Mi bemol), clarinete baixo en Si bemol, 3 fagots, contrafagot
- Metais: 4 trompas en Fa, 4 trompetas en Fa, 4 trombóns (1 alto, 2 tenor, 1 baix), tuba
- Percusión: 4 timbais, bombo, varios platillos (un par, suspendido, e outro conectado ao bombo), tambor, 2 tam-tams (un máis pequeno que o outro), ferriños, xilófono
- Tegra: celesta
- Cordas: arpa, violíns (primeiros e segundos), violas, violonchelos, contrabaixos
Música en escena
[editar | editar a fonte]Banda militar:
- Ventos: piccolo, 2 frautas, 2 óboes, 2 clarinetes en Mi bemol, 2 fagots
- Metais: 2 trompas en Fa, 2 trompetas en Fa, 3 trombóns, tuba
- Percusión: bombo con platillos, tambor, ferriños
Nas súas notas, Berg sinala que os músicos da banda poden ser tomados da orquestra principal, e mesmo vai máis aló indicando exactamente onde poden marchar os músicos cunha nota ao pé da páxina cerca do final da 2ª escena do 1º acto)
Orquestra de cámara:
(tamén tomada da orquestra do foxo, e explicitamente correspondente á orquestra para a Sinfonía de Cámara Nº 1 de Arnold Schoenberg, realizándolle deste xeito unha pequena homenaxe):
- Madeiras: frauta (dobra con piccolo), óboe, corno inglés, clarinete en Mi bemol, clarinete en La, clarinete baixo en Si bemol, fagot, contrafagot
- Metais: 2 trompas
- Cordas: 2 violíns, viola, violonchelo, contrabaixo
Banda na taberna (Acto 2, Escena 4):
- Madeiras: clarinete en Do
- Metais: bombardino en Fa (ou tuba, se pode ser silenciada)
- Tegra: acordeón, piano desafinado
- Cordas: guitarra, 2 fiddles
Estrutura
[editar | editar a fonte]Acto I
[editar | editar a fonte]Cinco pezas características
- Scena I: Suite (Preludio, Pavana, Xiga, Gavotta, Aria, repetición do Preludio)
- Scena II: Rapsodia en tres acordes
- Scena III: Marcha militar e canto de berce
- Scena IV: Passacaglia con 21 variacións
- Scena V: Rondó: Andante affettuoso
Acto II
[editar | editar a fonte]Sinfonia in cinque movimenti
- Scena I: Movemento en forma sonata
- Scena II: Fantasía e fuga sobre tres temas
- Scena III: Largo
- Scena IV: Scherzo
- Scena V: Rondó marcial
Acto III
[editar | editar a fonte]Seis invencións
- Scena I: Invención sobre un tema (con 7 variación e unha fuga)
- Scena II: Invención sobre unha nota (o si)
- Scena III: Invención sobre un ritmo
- Scena IV: Invención sobre un acorde de 6 notas
- Epilogo: Invención sobre unha tonalidade (Re menor)
- Scena V: Invención sobre un perpetuum mobile
Gravacións
[editar | editar a fonte]No sitio web Operadis aparecen 32 gravacións da ópera. A seguinte selección está realizada incluíndo as mencionadas en La discoteca ideal de la ópera,[7] e La discoteca ideal de música clásica.[8]
Ano | Elenco (Wozzeck, Marie, Doktor, Tambourmajor, Hauptmann, Andres) |
Director, Teatro de ópera e orquestra |
Selo |
---|---|---|---|
1964 | Dietrich Fischer-Dieskau, Evelyn Lear, Karl Christian Kohn, Helmut Melchert, Gerhard Stolze, Fritz Wunderlich |
Karl Böhm, Orquestra e coro da Deutsche Oper de Berlín |
Deutsche Grammophon[9] |
1966 | Walter Berry, Isabel Strauss, Karl Dönch, Fritz Uhl, Albert Weikenmayer, Richard Van Vrooman |
Pierre Boulez, Orquestra e coro da Opéra national de Paris |
CBS |
1980 | Eberhard Wächter, Anja Silja, Alexander Malta, Hermann Winkler, Heinz Zednik, Horst Laubenthal |
Christoph von Dohnányi Wiener Philharmoniker, coro da Wiener Staatsoper |
Decca |
1987 | Franz Grundheber, Hildegard Behrens, Aage Haugland, Walter Raffeiner, Heinz Zednik, Philip Langridge |
Claudio Abbado Wiener Philharmoniker, coro da Wiener Staatsoper |
Deutsche Grammophon |
Influencia
[editar | editar a fonte]Wozzeck é unha obra de grande influencia na historia da ópera que ten deixado unha pegada indeleble. O concepto de ópera de tema social, a historia dun home ao bordo da loucura, a inclusión de formas instrumentais na ópera, a alusión á música popular e banal, o xogo tonal-atonal, en fin, todas elas teñen sido ideas atractivas e inspiradoras empregadas por compositores posteriores.
Temos Dantons Tod (outro drama de Büchner) de Gottfried von Einem, Die Soldaten de Bernd Alois Zimmermann (drama de Jakob Lenz), Jakob Lenz de Wolfgang Rihm (tamén de Büchner), Lear de Aribert Reimann; Reigen de Philippe Boesmans (drama de Arthur Schnitzler); e mesmo Peter Grimes de Benjamin Britten, Bomarzo de Alberto Ginastera e Eight Songs for a Mad King de Peter Maxwell Davies.
Outros Wozzeck
[editar | editar a fonte]- O 22 de abril de 1926 presentouse en Bremen, catro meses despois da estrea da ópera de Berg, outro Wozzeck. Era obra do compositor alemán Manfred Gurlitt. Esta ópera consta dun só acto con 18 escenas e un epílogo, e ten permanecido á sombra da de Berg, aínda que en 1993 gravouse unha versión dela.[10]
- En 1993, o compositor estadounidense Philip Glass compuxo música incidental para Woyzeck.
- En 2002 lanzouse o álbum Blood Money, con cancións dun musical baseado en Woyzeck dirixido por Robert Wilson e con música de Tom Waits.
- En 2004 Helmut Oehring escribiu WOZZECK kehrt zurück, unha ópera en 3 actos con textos de Büchner, Lutero, Theodor Fontane e o mesmo Oehring, estreada en Aquisgrán.[11]
- Nick Cave tamén escribiu música para a produción islandesa da obra.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Wozzeck en solomonsmusic.net Arquivado 23 de abril de 2013 en Wayback Machine. (en inglés)
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 Stephen Walsh, "Alban Berg" en Holden (2001), pp. 61-63
- ↑ 3,0 3,1 Holden p. 61
- ↑ "Estatísticas de Operabase". Arquivado dende o orixinal o 14 de maio de 2017. Consultado o 31 de decembro de 2012.
- ↑ Martín Triana, José María (1992). El libro de la ópera (en español) (2.ª ed.). Alianza Editorial, S.A. p. 432. ISBN 84-206-0284-1.
- ↑ "Universal Edition: Instrumentation". Arquivado dende o orixinal o 17 de outubro de 2012. Consultado o 05 de decembro de 2012.
- ↑ Roger Alier e outros, Enciclopedia Planeta, 1995. ISBN 84-08-01285-1
- ↑ Kenneth e Valerie McLeish, Enciclopedia Planeta, 1996. ISBN 84-08-01038-7
- ↑ Gravación histórica, segundo La discoteca ideal de la ópera; de excepcional calidade, segundo La discoteca ideal de música clásica.
- ↑ Versión de Wozzeck de Gurlitt en Amazon.com
- ↑ "WOZZECK kehrt zurück". Arquivado dende o orixinal o 03 de marzo de 2016. Consultado o 12 de xaneiro de 2013.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]A Galipedia ten un portal sobre: Ópera |
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Wozzeck |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Adorno, Theodor W.; Brand, Juliane & Hailey, Christopher: Alban Berg, master of the smallest link. Nova York: Cambridge University Press, 1991. ISBN 978-0-521-33884-4. Consultar en Google books.
- Alier, Roger; Heilbron, Marc & Rivière, Fernando S.: La discoteca ideal de la ópera. Barcelona: Planeta, 1995. ISBN 84-08-01285-1.
- Grout, Donald J.; Palisca, Claude V.: Historia de la música occidental (vol 2). Madrid: Alianza Editorial, 2003. ISBN 84-206-7893-7.
- Holden, Amanda (ed.): The New Penguin Opera Guide, Nova York: Penguin Putnam, 2001. ISBN 0-14-029312-4.
- Jarman, Dougas. The Music of Alban Berg. Berkeley: University of California Press, 1979. ISBN 978-0-520-03485-3 (Consultar en Google Libros)
- Jarman, Douglas: Alban Berg, Wozzeck. Cambridge Opera Handbooks. Cambridge: Cambridge University Press, 1989. ISBN 0-521-24151-0 (tapa dura) ISBN 0-521-28481-3 (rústica).
- Morgan, Robert P.: La música del siglo XX. Madrid: Ediciones Akal, 1999. ISBN 84-460-0368-6.
- Perle, George: The Operas of Alban Berg: Wozzeck, vol. 1: Wozzeck. Berkeley: University of California Press, 1980. ISBN 0-520-03440-6.
- Perle, George: Twelve-Tone Tonality, 2ª ed. Berkeley: University of California Press, 1996. ISBN 0-520-20142-6.
- Redlich, Hans F.: Alban Berg, the Man and His Music. Londres: John Calder, 1957, p. 135f.
- Salvetti, Guido: Historia de la Música, 10: El siglo XX, 1ª parte. Madrid: Turner, 1986. ISBN 84-7506-166-4.
- Schmalfeldt, Janet: Berg's Wozzeck: Harmonic Language and Dramatic Design. New Haven: Yale University Press, 1983. ISBN 0-300-02710-9.
- Simms, Bryan R.: Alban Berg: A Guide to Research. Nova York: Routledge, 1996, p. 36. ISBN 0-8153-2032-9. Véxase tamén UE homepage para detalles.
- Whittall, Arnold: The Cambridge Introduction to Serialism. Cambridge Introductions to Music. Nova York: Cambridge University Press, 2008. ISBN 978-0-521-68200-8.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Libreto de Wozzeck Arquivado 06 de abril de 2013 en Wayback Machine. en naxos.com (en alemán)
- Información da ópera e análiseen www.solomonsmusic.netArquivado 23 de abril de 2013 en Wayback Machine. (en inglés)
- Información da ópera e discografía en Allmusic (en inglés)
- Próximas representaciónsArquivado 27 de setembro de 2007 en Wayback Machine. en Operabase (en castelán)
- Gravacións de Wozzeck en Operadis(en inglés)
- Versións en IMDb
- Filme completo de Wozzeck en YouTube dirixido por Bruno Maderna co coro da Ópera Estatal de Hamburgo e a Orquestra Filharmónica Estatal de Hambrugo. (en alemán con subtítulos en italiano)