Saltar ao contido

Fernán Peres de Andrade o Boo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaFernán Peres de Andrade o Boo
Biografía
Nacementoc. 1326 Editar o valor en Wikidata
Morte1397 Editar o valor en Wikidata (70/71 anos)
Lugar de sepulturaigrexa de San Francisco de Betanzos Editar o valor en Wikidata
Señor de Pontedeume
1371 – 1397
← sen valor – Pedro Fernández de Andrade →
Señor de Ferrol
Señor de Vilalba
Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupacióncabaleiro Editar o valor en Wikidata
Familia
FamiliaCasa de Andrade Editar o valor en Wikidata
Cónxuxe1.Sancha Rodríguez
2.Constanza de Moscoso Editar o valor en Wikidata
Fillos1.Inés Fernández de Andrade

2.María Fernández de Andrade

3.Fernández de Andrade Editar o valor en Wikidata
PaisRoi (ou Rui) Freire de Andrade Editar o valor en Wikidata  e Inés González de Soutomaior Editar o valor en Wikidata

Editar o valor en Wikidata

Fernán Peres de Andrade, o Boo ou Fernán Pérez de Andrade, primeiro señor de Pontedeume, Ferrol e Vilalba foi un dos máis salientados aristócratas do Reino de Galiza durante o século XIV. Figura controvertida polos seus cambios de lealdade e as usurpacións de bens alleos. Porén, destaca polo seu mecenádego nas letras galegas e as xenerosas doazóns que fixo.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]
Vista de Pontedeume, vila desde a que Fernán Pérez de Andrade gobernaba as súas posesións

Ascendentes

[editar | editar a fonte]

Fernán Peres de Andrade foi un membro sobranceiro da casa de Andrade, fillo de Roi Freire de Andrade e de Inés González de Soutomaior[1]. Os primeiros membros desta liñaxe, orixinaria da freguesía, e logo couto, de Andrade en Pontedeume do cal foron os administradores, datan do século XII e son prestameiros (delegados rexios que velaban pola administración de xustiza) e encomendeiros dos mosteiros de Caaveiro e Monfero. A xenealoxía clásica fai descender, sen moito fundamento, á casa de Andrade dos condes de Trava[2].

Estatua de alabastro de Pedro I, 1504

Durante o reinado de Pedro I

[editar | editar a fonte]

É moi controvertida a traxectoria de Fernán Peres xa que vai recibindo privilexios e doazóns indistintamente dos irmáns rivais Henrique de Trastámara e Pedro I: En 1356 recibe unha doazón do príncipe bastardo Henrique. Posteriormente, en 1364, recibe outra de Pedro I[3].

Cinco anos máis tarde, a comezos de 1369, non resposta á chamada do arcebispo de Santiago, Rodrigo de Moscoso, para que acuda en defensa do rei Pedro. Aínda que hai sospeitas do seu apoio a Henrique desde 1366 (a tradición sitúao ese ano ao lado de Henrique en Lugo, contra o petrista Fernando de Castro), non cabe dúbida de que a partir do feito anterior apoia abertamente a Henrique, sendo este un dos poucos apoios que o castelán atopou entre os aristócratas galegos. Mesmo se especula sobre a participación, dunha forma ou doutra, de Fernán Peres na morte de Pedro I a mans de Henrique de Trastámara en Montiel o 23 de marzo de 1369[4]. A tradición atribúe ao principal colaborador de Henrique a famosa frase No quito ni pongo rey, mas ayudo a mi señor que o licenciado Molina pon en boca de Fernán Peres, e outros autores na do cabaleiro francés Bertrand du Guesclin. En calquera caso parece que, dalgunha maneira e xunto con outros cabaleiros e fidalgos, algo tivo que ver na morte de Pedro I.

Coroación de Henrique II nunha miniatura medieval nas Crónicas de Jean Froissart.

Ó servizo de Henrique II

[editar | editar a fonte]

Instalado xa Henrique no trono de Castela, moitos nobres galegos non quixeran prestarlle vasalaxe e ofreceran a coroa ó rei Fernando I de Portugal, que entrara en Galiza sendo recibido con grandes aclamacións de entusiasmo en Tui, Baiona, Salvaterra, Redondela, Ourense, Compostela, A Coruña e outros moitos lugares. Sabido isto polo rei Henrique, partiu, decidido á loita, desde Zamora con todos os seus grandes señores e cabaleiros aos que, sen dúbida, debeuse unir Fernán Peres. O rei portugués evitou a loita e embarcou nas súas naves, mais deixou na Coruña parte dos seus parciais e, como gobernador da cidade a Nuno Freire de Andrade, irmán de Fernán Peres que emigrara a Portugal.

Como represalia, Henrique II entrou en Portugal e tomou varias cidades lusas como Braga, Guimarães e Braganza, para despois volver a Castela sen que o monarca portugués lle fixese fronte. Pouco tempo despois, o rei Fernando apresara en augas de Lisboa uns buques casteláns, en virtude da alianza co duque de Lancaster, que aspiraba ó trono de Castela ó estar casado con dona Costanza, filla de Pedro I. De novo invade Henrique II o pais luso sen encontrar resistencia. Toma varias prazas e mesmo chega ós arrabaldes de Lisboa. O rei portugués acepta a paz que o cardeal de Boloña, legado do Papa, trataba entre el e o rei castelán. Froito do tratado de paz, os portugueses deixaron A Coruña no 1372, que pasou a ser gobernada por Fernán Peres de Andrade.

Tras estes feitos, Fernán Peres de Andrade pasou a ser o señor indiscutible de todas as terras desde o Ortegal ata A Coruña. O ascenso na nobreza prodúcese co seu nomeamento como primeiro señor de Pontedeume[5] e Ferrol, en virtude do privilexio outorgado en Burgos o 19 de decembro de 1371 por Henrique de Trastámara. O 3 de agosto de 1373 recibiu do mesmo rei o señorío da Vila de Vilalba.

Baixo o reinado de Xoán I

[editar | editar a fonte]
Xoán I de Castela

Morto Henrique II en 1379 sucédeo no trono o seu fillo Xoán I ao que continúa servindo. Ó pouco tempo, en 1380 ten que intervir a petición do mosteiro de Sobrado para que o Andrade devolva as propiedades que lles tiña usurpado desde había máis dunha década. Fartos de reclamaren a Fernán Pérez, acode o subprior de Sobrado a solicitar a mediación real. O rei ordena a devolución das propiedades do mosteiro ó cal accede o señor de Pontedeume, mais non completamente, xa que non devolve a parte de máis valor da granxa e couto de Nogueirosa onde xa tiña edificado o seu castelo. Un episodio semellante produciuse no mesmo ano cos monxes do mosteiro de Bergondo co mesmo ditame rexio de devolución das propiedades monásticas.

Xoán I reclamara o trono portugués trala morte de Fernando I en 1383 por estar casado coa súa filla Beatriz, herdeira lexítima ó trono luso. En 1384, no contexto da guerra de sucesión de Portugal entre Xoán I de Castela e Xoán, mestre de Avis, irmán bastardo de Fernando I, os portugueses asolan as costas galegas. Fernán Pérez de Andrade acode á defensa de Betanzos que asediaba Pedro Enríquez de Castro, conde de Trastámara e sobriño do rei de Castela ó que traizoara. O señor de Pontedeume logra manter a praza, mais parece que houbo avinza entre o conde rebelde e o Andrade para que aqueles se retiraran sen ter tentado o asalto[6].

En 1386 Xoán de Gante, duque de Lancaster, asedia A Coruña. O motivo deste ataque é a vella pretensión do duque ó trono de Castela. O 25 de xullo de 1386, aproveitando o forte rexeitamento da nobreza galega á dinastía dos Trastámara, e a derrota dos casteláns en Aljubarrota, cerca A Coruña cun cento de barcos. Defendía a cidade Fernán Pérez de Andrade, como alcaide dela que era. Moitos cronistas falan dunha defensa heroica da cidade sen que caera en mans inimigas. Porén, outros historiadores[6] din que hai poderosos argumentos para supor que a cidade caeu en mans dos ingleses, mesmo o Andrade puido chegar a un acordo co duque para manterse como alcaide. O feito é que o duque de Lancaster chegou a domiñar case toda Galicia durante case dous anos. Finalmente, o rei Xoán I de Castela e o duque de Lancaster chegaron a un acordo, grazas ó cal os ingleses retiráronse e Fernán Pérez continuou sendo alcaide da Coruña.

Sepulcro gótico de Fernán Peres de Andrade, igrexa de San Francisco, Betanzos.

Casamento, sucesión e pasamento

[editar | editar a fonte]

Fernán Peres de Andrade casou con Sancha Rodríguez (coa que tivo dúas fillas: María Fernández de Andrade, Inés Fernández de Andrade, e un fillo, Fernández de Andrade, que morreu novo[7]) e con Constanza de Moscoso, mais deste matrimonio non tivo descendencia. Morreu en agosto do ano 1397 e legou o seu patrimonio ao seu sobriño Pero Fernandes de Andrade (fillo do seu irmán Xoán Freire de Andrade), continuador da liñaxe.

O sartego onde repousan os seus restos mortais, na igrexa de San Francisco de Betanzos, está considerado unha das xoias da escultura gótica galega.

A lenda conta que o sobrenome de O Bo vénlle da despedida do seu pai cando, acompañando a Henrique de Trastámara, o veu marchar cara a Francia para apoiar ó rei galo na guerra que mantiña co monarca inglés, dixo: Se bo, que bo compañeiro levas.

Outra lenda di que mandou construír sete igrexas, sete mosteiros, sete hospitais e sete pontes, o cal non anda lonxe da realidade pois foi inmenso o seu afán construtor.

Mecenádego e beneficios outorgados

[editar | editar a fonte]

No terreo cultural, Fernán Peres amosou un especial interese pola literatura. Ao seu patrocinio débese a primeira versión galega da Crónica troiana[8], feita polo seu capelán Fernán Martís.

Favoreceu especialmente ó mosteiro de Monfero, ó que cedera tódalas súas inmensas propiedades de Ortigueira para o establecemento da granxa que despois se chamou de Sáa. En palabras do historiador César Vaamonde Lores:

Levárase a cabo esta cesión por escritura do 21 de marzo do ano 1373; mais como o abade non cumprise co estipulado nela, por outra, outorgada en Pontedeume o 2 de febreiro do ano 1395, pola súa devoción e pola súa ánima, confirmara Fernán Pérez e dera outra vez ó mosteiro tódolos bens e xuros que tiña en terra de Santa Marta e o demais que constaba na primitiva escritura, coa condición de que o dito abade fundase alí unha graña e puxese nela un monxe para o coidado e bo goberno da súa facenda, dándolle tanto gando grande e miúdo para que o monxe quedase contento; que había, así mesmo, plantar viñas; que os bens expresados -indícaos- no poderían ser vendidos, empeñados, trocados, cedidos nin arrendados; que de non cumpri-lo referido abade co contido na escritura, fose esta nula.[9]

Edificacións

[editar | editar a fonte]
Torre da homenaxe do castelo dos Andrade en Vilalba.
  • Castelo de Andrade en Nogueirosa: de nova creación.
  • Torreón dos Andrade en Pontedeume: probablemente no mesmo sitio que ocupaba un anterior.
  • Moeche: non hai documentación que o demostre, mais a súa arquitectura propia do século XIV e ser o de Andrade señor daquelas terras, parecen confirmar a autoría de Fernán Peres.
  • Vilalba: pertencía a Fernando de Castro do que foi desposuído por Henrique de Trastámara, xunto co señorío de Vilalba, por ser partidario de Pedro I.
  • Naraío en San Sadurniño: pertencera anteriormente a un cabaleiro chamado Gonzalo Piñeiro. Henrique de Trastámara doouno a Fernán Peres.
  • Dos Andrade en Pontedeume: edificado ó carón do Torreón para a súa residencia.

Todas mandadas facer por Fernán Peres. As existentes na actualidade son de nova factura:

  • Do Eume entre Pontedeume e Cabanas: existía previamente unha de madeira. A nova ponte era de cantería, inicialmente tiña 68 arcos[10]. Era unha das máis longas de Europa no seu momento con capela e hospital no medio da ponte. Na entrada á ponte están representados o oso e o xabaril, animais simbólicos da familia Andrade[11] .
  • Ponte do Porco no río Lambre entre Miño e Paderne: o nome débese á cabeza de xabaril que aparecía no arco central.
  • De Xuvia entre Narón e Neda sobre o río Xuvia.
  • Ponte Sigüeiro sobre o Tambre: aínda existe unha inscrición orlando un escudo de armas dos Andrade que di: Fernán Pérez acabou esta ponte.
Igrexa do mosteiro de San Francisco en Betanzos.

Igrexas e mosteiros

[editar | editar a fonte]
  1. Xenealoxías do Ortegal
  2. Véxase no nº 7 da revista Cátedra o artigo de Carlos de Castro e José L. López Sangil, "La Genealogía de los Andrade"
  3. Hai controversias sobre o contido da doazón. Véxanse os artigos: Una nueva interpretación del privilegio de Pedro I, de 1364, concedido a Fernán Pérez III, de Carlos de Castro no nº 12 (2005) da revista Cátedra; e Algunhas puntualizacións sobre Fernán Pérez de Andrade, o Boo e sobre o privilexio de 1364 que lle foi concedido polo rei don Pedro I de Castela, de José F. Correa no nº 13 (2006) da mesma revista
  4. Véxase o artigo mencionado de José F. Correa: Algunhas puntualizacións sobre Fernán Pérez de Andrade, o Boo e sobre o privilexio de 1364 que lle foi concedido polo rei don Pedro I de Castela, no nº 13 (2006) da revista Cátedra
  5. "A Casa dos Andrade". Arquivado dende o orixinal o 25 de marzo de 2010. Consultado o 03 de xuño de 2010. 
  6. 6,0 6,1 Véxase o artigo citado de José F. Correa na revista Cátedra, páx 109
  7. Ficha de Fernán Peres de Andrade en sologenealogia.com
  8. A Gran Enciclopedia Galega afirma que a mandou traducir para a súa lectura persoal.
  9. Páxina 85 de Ferrol y Pontedeume de César Vaamonde Lores; referido por Couceiro Freijomil na súa Historia de Pontedeume
  10. Carlos de Castro: Calles, plazas y jardines de Pontedeume, páx 137. ISBN 978-84-921952-4-4
  11. Véxanse os artigos de José F. Correa nos nos 2 (1995) e 7(2000) da revista Cátedra: A Ponte do Hume I e II

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]
Fernán Peres de Andrade o Boo
Nacemento: 1326? Falecemento: 1397


Aristocracia galega
Precedido por
Novo Título


Señor de Pontedeume, Ferrol e Vilalba
1371 – 1397
Sucedido  por
Pero Fernandes de Andrade