Rus de Kíiv
рѹсьскаѧ землѧ (mis) | |||||
Localización | |||||
---|---|---|---|---|---|
| |||||
Capital | Kíiv (882–1240) | ||||
Poboación | |||||
Poboación | 5.400.000 (1000 (Gregoriano)) (4,06 hab./km²) | ||||
Lingua oficial | antigo eslavo oriental | ||||
Relixión | Slavic religion (en) , cristianismo e cristianismo ortodoxo | ||||
Xeografía | |||||
Superficie | 1.330.000 km² | ||||
Datos históricos | |||||
Fundador | Oleg de Kíiv | ||||
Creación | 882 | ||||
Disolución | 1240 | ||||
Organización política | |||||
Forma de goberno | monarquía | ||||
Moeda | kuna (en) | ||||
A Rus de Kíiv[1][2] (en ucraíno: Київська Русь, "Kiivska Rus"; en ruso: Киевская Русь, "Kievskaia Rus"; en belaruso: Кіеўская Русь, "Kieǔskaja Rus") ou Rus' de Kíiv,[3] foi unha federación de tribos eslavas orientais[4] desde finais do século IX até mediados do século XIII,[5] baixo o reinado da dinastía Rúrika.
Os estados modernos de Belarús, Ucraína e Rusia reivindican o Rus de Kíiv como legado cultural.[6]
Este Estado alcanzou a súa maior extensión a mediados do século XI. Daquela estendíase dende o mar Báltico no norte até o mar Negro no sur, e dende a cabeceira do río Vístula no oeste até a península de Tamán, no actual krai de Krasnodar (Rusia) no leste,[7][8] co que unía a maioría das tribos eslavas orientais.[4]
A Rus de Kíiv comezou co reinado do príncipe Oleg de Nóvgorod (ca. 882–912). Oleg estendeu o seu control desde Nóvgorod até o val do río Dniéper co fin de protexer o comercio das incursións kházaras no leste, e trasladou a súa capital, Nóvgord, a Kíiv, máis estratéxica.[4]
Sviatoslav I de Kíiv (?-972) levou a cabo unha grande expansión territorial da Rus de Kíiv. Vladimir o Grande (980–1015) introduciu o cristianismo co seu propio bautismo e, por decreto, a toda a poboación de Kíiv e alén. A Rus de Kíiv alcanzou a súa maior extensión baixo Iaroslav I o Sabio (1019–1054). A súa descendencia preparou e publicou o primeiro código legal escrito, o Rússkaia Pravda, pouco despois da súa morte.[9]
O declive do Estado empezou a finais do século XI, e durante todo o século XII foise desintegrando en varios poderes rexionais rivais.[10]
Amais da fragmentación territorial, a Rus debilitouse aínda máis por causas económicas como o colapso das relacións comerciais con Bizancio pola decadencia de Constantinopla[11] e a subseguinte diminución das rotas comerciais entre as tribos varegas e Grecia no seu territorio.
O Estado caeu finalmente coa invasión mongol de Rusia en 1240.
Orixes da Rus de Kíiv
[editar | editar a fonte]De acordo coa Crónica de Néstor, a máis antiga da Rus, un varego chamado Hrörekr (Rúrik, en ruso), O Falcón,[12] estabeleceuse na cidade de Nóvgorod. Foi elixido líder por varios pobos eslavos e fineses) contra o ano 860, antes de trasladarse ao sur e estender a súa autoridade a Kíiv.
A Crónica refírese a el como o patriarca da dinastía Rúrika.
Di así:[13]
No ano 6367 (859) os pobos varegos de ultramar recibiron tributo dos pobos chudos, eslavos, merias, veses, kríviches, (...)
No ano 6370 (862) provocaron que os pobos varegos volveran do outro lado do mar, negáronse a pagarlles tributo e acordaron gobernarse de seu. Pero non houbo lei entre eles, e cada tribo levantouse contra a outra. A discordia cebouse así entre eles, e empezaron a guerra entre si. Dixéronse: «elixamos un príncipe que mande sobre nós e que xulgue de acordo co costume». Así acudiron alén dos mares aos varegos, aos rus. Estes varegos chamábanse rus, como outros se chamaban suecos, outros normandos, outros anglos e outros godos. Os chudos, eslavos, kríviches e os ves dixeron aos rus: «A nosa terra é grande e rica, pero non hai orde nela. Que veñan logo reinar e gobernar príncipes sobre nós». E tres irmáns xuntáronse coa súa parentela e tomaron consigo a todos os rus e viñeron.Crónica de Néstor
Estes pobos asentáronse primeiro nas proximidades do lago Ládoga. Posteriormente trasladándose a Nóvgorod e chegaron finalmente a Kíiv, onde acabaron co tributo que a poboación da cidade lle pagaba ao pobo kházaro.
A Rus de Kíiv foi fundada polo príncipe Oleg de Kíiv (chamado Helgu nas crónicas kházaras) contra o ano 880. Durante os seguintes trinta e cinco anos, Oleg e o seu exército dominou distintas tribos eslavas e finesas. En 907, Oleg dirixiu un ataque contra Constantinopla e, en 911, asinou un tratado comercial co Imperio bizantino en igualdade de condicións. O novo Estado de Kíiv prosperou polo seu control sobre a rota desde o mar Báltico até o mar Negro e a Oriente, amais de pola súa exportación de peles, cera de abella e mel.
Debido á tendencia favorábel a Escandinavia na Primeira Crónica Rusa ou Crónica de Néstor, nalgúns documentos eslavos tense discutido o papel dos pobos varegos no estabelecemento da Rus de Kíiv. Durante o reinado de Sviatoslav I de Kíiv (945-972) adoptouse a relixión ortodoxa e os nomes eslavos, mais a súa druzhina seguiu formada principalmente por pobos escandinavos.
As conquistas militares de Sviatoslav infrinxiron impactos mortais aos seus dous veciños máis poderosos, Khaganato kházaro e o Imperio búlgaro, que caeron pouco despois das súas incursións.
A idade de ouro da Rus de Kíiv
[editar | editar a fonte]A rexión de Kíiv dominou o estado durante os seguintes dous séculos. O gran príncipe de Kíiv (veliki knyaz) controlaba as terras arredor da cidade, e membros da súa familia, en teoría subordinados a el, gobernaban outras cidades e pagábanlle tributos. O seu apoxeo chegou durante os reinados do príncipe Vladimiro I de Kíiv ou Vladimiro o Grande (980-1015) e Iaroslav I o Sabio (1019-1054). Ambos continuaron a expansión do principado que comezara Oleg.
Vladimir chegou ao poder tras a morte de seu pai Sviatoslav I de Kíiv en 972, ao derrotar ao su medio irmán Iaropolk en 980. Como príncipe de Kíiv, o maior logro de Vladímir foi a cristianización da Rus de Kíiv que emprendeu en 988. A Crónica indica que cando Vladimir aceptou a fe cristiá [14] sobre o paganismo idólatra eslavo, mandou algúns dos seus conselleiros e guerreiros máis achegados a distintos países de Europa.
Tras visitaren territorios do cristianismo occidental, do xudaísmo e do islam, chegaron a Constantinopla. Alí causoulles gran abraio a catedral de Santa Sofía (Άγια Σοφία. Hahía Sophía) e os seus servizos litúrxicos. Nese momento, decidiron que esa sería a fe oficial do Estado kievano. Tras o seu regreso, convenceron a Vladímir de que a fe grega era a mellor opción. Vladímir, entón, emprendeu unha viaxe a Constantinopla, onde casaría coa princesa Ana, irmá do emperador bizantino Basilio II.
A opción polo culto oriental tamén reflectiu posibelmente os vínculos estreitos con Bizancio, que dominaba o mar Negro e, por ende, a rota comercial máis importante para Kíiv: o río Dniéper. A adhesión á Igrexa Ortodoxa oriental tivo importantes consecuencias políticas, culturais e relixiosas a longo prazo. A igrexa tiña unha liturxia escrita en cirílico e unha colección de escrituras traducidas do grego para os pobos eslavos.
A existencia desta literatura facilitou a conversión ao cristianismo dos eslavos orientais e iniciounos nunha rudimentaria filosofía grega, na ciencia e na historiografía sen necesidade de aprenderen grego antigo, a diferenza da poboación culta da Europa Occidental e Central, que continuaba empregando o latín. Este feito, xunto coa independencia da autoridade romana, fixeron que os pobos eslavos orientais desenvolvesen unha literatura propia e unhas belas artes substancialmente distintas das encontradas noutros países ortodoxos.
Iaroslav O Sabio pugnou cos seus irmáns polo poder. Aínda que logrou impoñerse en Kíiv no ano 1019, non foi recoñecido en todo o principado até 1036. Como Vladímir, Iaroslav o Sabio preocupouse por emprender relacións amistosas co resto de Europa. Iaroslav casou tres das súas fillas con príncipes estranxeiros exiliados, que viviron no seu palacio: Elizaveta con Harald III de Noruega (polas súas fazañas militares no Imperio bizantino); Agmunda co futuro André I de Hungría, e a menor, Ana de Kíiv, con Henrique I de Francia, quen foi rexente nese país durante a minoría de idade do seu fillo. Outra filla talvez foi Águeda de Kíiv, que casou con Eduardo o Exiliado, herdeiro do trono de Inglaterra, e que foi nai de Edgar Atheling e Santa Margarida de Escocia. A súa filla máis vella, Dobroniega (segundo outras fontes, a súa irmá), contraeu matrimonio con Casimiro I o Restaurador, rei de Polonia. Unha neta de Iaroslav, Adelaida, filla do seu fillo Vsévolod I de Kíiv, casou con Henrique IV do Sacro Imperio Romano Xermánico.
Iaroslav tamén pactou matrimonios para a súa irmá e as tres fillas dela cos reis de Polonia, Francia, Hungría e Noruega. Mandou construír en Kíiv o primeiro grande edificio do principado, a Igrexa Desiatínnaia, así como a Catedral de Santa Sofía de Kíiv e a Catedral de Santa Sofía de Nóvgorod. Patrocinou o clero autóctono e o monacato, ademais de serlle atribuída a fundación dun sistema educativo. Os fillos de Yaroslav levantaron o gran Mosteiro das Covas de Kíiv, que funcionou como academia eclesiástica.
Decadencia: o apoxeo dos centros rexionais
[editar | editar a fonte]A Rus de Kíiv non conseguiu manter o seu status de potencia próspera e dominante, en parte polo aglutinamento de dominios moi dispares rexidos por un clan. A medida que os membros do clan foron crecendo en número, identificáronse máis cos intereses rexionais que cun patrimonio común máis grande. Así, os príncipes enfrontáronse entre si, e en ocasións formaron alianzas con grupos externos, como o pobo polaco ou o pobo maxiar. Durante o período 1054-1224, polo menos 64 principados tiveron unha existencia efémera, 293 príncipes reivindicaron dereitos sucesorios e as súas disputas provocaron 83 guerras civís.
As cruzadas causaron cambios nas rotas comerciais europeas, o que acelerou o declive de Kíiv. En 1204, as forzas da Cuarta Cruzada saquearon Constantinopla, co que conseguiron a decadencia da rota comercial do Dniéper. Kíiv escindiuse en varios principados e algúns centros rexionais, como a república de Novgorod, o Gran Ducado de Vladimir ou os principados de Galicia-Volinia, Polotsk, Smolensk, Chernigov e Pereiaslav.
A poboación destes centros evolucionaría en tres nacionalidades: ucraína no sueste e suroeste, belarusa no noroeste e rusa no norte e nordeste.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "O Seminario de Onomástica aproba a adaptación dos nomes da capital e doutras cidades ucraínas". Real Academia Galega. 8 de marzo de 2022.
- ↑ Ás veces dise tamén en masculino, o Rus de Kíiv.
- ↑ Segundo se utilice, ou non, o signo ruso e ucraíno ь (no caso de facer uso del, utilízase o apóstofo [']). Moitos idiomas que se escriben con caracteres latinos utilízano: por exemplo, croata, Kijevska Rus'; francés Rus' de Kiev; inglés Kievan Rus'; italiano, Rus' di Kiev; portugués, Rus' de Kiev).
- ↑ 4,0 4,1 4,2 John Channon & Robert Hudson, Penguin Historical Atlas of Russia (Penguin, 1995), p. 16.
- ↑ Kievan Rus, Encyclopædia Britannica Online.
- ↑ Plokhy, Serhii (2006). The Origins of the Slavic Nations: Premodern Identities in Russia, Ukraine, and Belarus (PDF). New York: Cambridge University Press. pp. 10–15. ISBN 978-0-521-86403-9. Consultado o 2010-04-27.
Pese a todas as notábeis diferenzas entre estes tres países postsoviéticos, teñen moito en común cando se trata da súa cultura e historia, que se remonta ao Rus de Kíiv, o estado medieval eslavo oriental con sede na capital da Ucraína actual
- ↑ Kyivan Rus’, Encyclopedia of Ukraine, vol. 2 (1988), Canadian Institute of Ukrainian Studies.
- ↑ See Historical map of Kievan Rus' from 980 to 1054.
- ↑ Bushkovitch, Paul. A Concise History of Russia. Cambridge University Press. 2011.
- ↑ Paul Robert Magocsi, Historical Atlas of East Central Europe, 1993, p. 15.
- ↑ "Civilization in Eastern Europe Byzantium and Orthodox Europe". Arquivado dende o orixinal o 26 de xullo de 2013. Consultado o 10 de marzo de 2014.
- ↑ En idioma serbo-lucitano Rurk é falcón. Tamén Rarog na mitoloxía eslava é un falcón de fogo. Aos obodritas, confederación de eslavos do mar Báltico, chamábanos asé mesmo Reregi, e a súa capital, Rerik. Moedas medievais encontradas en Rusia levan o símbolo que actualmente usa a República de Ucraína, que representa un falcón caendo sobre a súa presa; ese era o emblema da dinastía ruríkida dos eslavos bálticos. Ademais, o falcón é o motivo folclórico eslavo por antonomasia. Aínda hoxe en Polonia, na República Checa e en Eslovaquia utilízanse os nomes Rérik e Rírik, absolutamente autóctonos.
- ↑ Traducido desde o castelán
- ↑ E a obrigar mediente decreto a conversión dos seus súbditos.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Rus de Kíiv |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Fennell, John (1983). Harold Shukman, ed. The Crisis of Medieval Russia, 1200–1304. Longman History of Russia (Londres: Longman). ISBN 0-582-48150-3.
- Franklin, Simon; Shepard, Jonathon (1996). Harold Shukman, ed. The Emergence of Rus, 750–1200. Longman History of Russia (Londres: Longman). ISBN 0-582-49091-X.
- Martin, Janet (1993). Medieval Russia 980–1584. Cambridge: Cambridge University Press. ISBN 0-521-36832-4.
- Vernadsky, George (1973). Kievan Russia. New Haven e Londres: Yale University Press. ISBN 0-300-01647-6.