Portal:Irlanda/Biografía destacada/Arquivo
Aquí están todos as biografías destacadas no portal Irlanda:
James Augustine Aloysius Joyce, nado en Rathgar o 2 de febreiro de 1882 e finado en Zürich (Suíza) o 13 de xaneiro de 1941, foi un escritor irlandés, considerado un dos autores de maior relevancia do século XX. As súas obras máis coñecidas son o volume de contos Dublineses (1914) e as novelas Retrato do artista cando novo (1916), Ulises (1922) e Finnegans wake (1939).
A pesar de que Joyce viviu fóra do seu país natal a meirande parte da súa vida adulta, as súas experiencias irlandesas son esenciais na súa obra e fornécenlle toda a ambientación e moita parte da temática. O seu universo ficcional arráigase fortemente en Dublín e reflicte a súa vida familiar e sucesos, amizades e inimizades dos tempos da escola e da facultade. Desta forma, é un dos máis cosmopolitas e particularistas dos autores modernistas en inglés.
Andrea Jane Corr, nada o 17 de maio de 1974 en Dundalk, no condado de Louth, é unha cantante, compositora e actriz irlandesa. É principalmente coñecida por ter sido a cantante principal do grupo The Corrs, que formaba xunto cos seus irmáns Caroline Corr, Sharon Corr e Jim Corr. Ademais de cantar, tamén tocaba o tin whistle, o ukelele e o piano.
No 2005 foi galardoada co título de membro da Orde do Imperio Británico polas súas contribucións no eido da música e pola súa implicación en actividades filantrópicas. Dende a pausa tomada polo grupo no 2006, continúa a súa carreira en solitario.
Éamon de Valera, de nome completo Edward George de Valera, en irlandés Éamonn de Bhailéara, nado o 14 de outubro de 1882 en Nova York e finado o 29 de agosto de 1975, foi un político irlandés, un auténtico líder nacional desde 1916, tempos de loita pola independencia contra o Reino Unido ata 1973 cando se retirou da política. Foi líder da oposición republicana ao tratado Angloirlandés durante a Guerra Civil Irlandesa.
Matemático, mestre e político, serviu como xefe do goberno irlandés en tres ocasións, como o segundo Presidente do Consello Executivo (nome orixinal para o Primeiro Ministro) e o primeiro Taoiseach (Primeiro Ministro desde 1937). Terminou a súa carreira política como Presidente de Irlanda, cumprindo dous mandatos desde 1959 ata 1973. Foi tamén chanceler da Universidade Nacional de Irlanda desde 1922 a 1975.
Enya, pseudónimo de Eithne Ní Bhraonain, nada o 17 de maio de 1961 no condado de Donegal, é unha cantante irlandesa. Iniciouse na carreira musical cun grupo de música celta chamado Clannad, que significa "Familia". Pertencente a unha familia de músicos, en 1982 uniuse a Nicky e Roma Ryan coa intención de compor bandas sonoras para películas: a primeira encarga importante foi para o documental británico The Celts; aínda que o éxito chegou da man de Watermark, que sentou o esquema xeral que ían seguir todos os seus discos.
Dende 1987, a cantante compón e produce as súas propias obras. Xunto a algúns temas instrumentais, acostuman ter un oco as cancións na súa lingua materna, o irlandés, e ás veces en latín. Así mesmo, ten cancións en galés, español, as linguas imaxinarias d´O Señor dos Aneis ou o xaponés. Mais a lingua maioritaria é o inglés.
Sir Daniel Michael Blake Day-Lewis, nado en Londres o 29 de abril de 1957, é un prestixioso actor británico nacionalizado irlandés. A pesar de ser recoñecido pola crítica internacional coma un dos actores máis versátiles do seu tempo, non se prodiga demasiado na gran pantalla, escollendo con gran minuciosidade os seus papeis.
Ao longo da súa traxectoria como actor, foi galardoado co Oscar ó mellor actor en tres ocasións polas súas actuacións en O meu pé esquerdo (1989), There Will Be Blood (2007) e Lincoln (2012), feito que o converteu no único actor na historia que gañou o premio tres veces na categoría de actor protagonista e un dos tres actores que posúe tres Oscar. Tamén foi nomeado polos filmes In the Name of the Father (1993) e Gangs of New York (2002).
Thomas Andrews Jr., nado o 7 de febreiro de 1873 en Comber, no condado de Down, finado o 15 de abril de 1912, foi un deseñador e construtor de barcos irlandés-británico.
Foi o director e xefe do departamento de construción de barcos da compañía Harland and Wolff en Belfast, Irlanda do Norte. Andrews foi o encargado do plan e da construción do famoso transatlántico RMS Titanic, ademais dos seus dous irmáns, propiedade da compañía White Star Line: o RMS Olympic e o HMHS Britannic. Viaxaba a bordo do Titanic durante a viaxe inaugural cando chocou contra un iceberg o 14 de abril e foi unha das 1 517 persoas que perderon a vida no naufraxio. Foi visto por última vez mirando a pintura no cuarto de fumar de primeira clase, sen facer ningún intento para salvarse a si mesmo.
San Patricio, nado co nome de Maewyin Succat en Old Kilpatrick (Dumbarton, Escocia) cara ao 387 e finado en Saul (Condado de Down, Irlanda do Norte) un 17 de marzo cara ao 460 ou cara ao 492, foi un misioneiro cristián, venerado como santo patrón de Irlanda pola Igrexa católica. O 17 de marzo é coñecido popularmente como Día de San Patricio porque se cre que ese foi o día da súa morte.
Unha lenda irlandesa atribúelle a fazaña de librar a illa de cobras, un acto que simbolizaba a conversión do pobo de Irlanda pois as serpes simbolizaban a Satán, o inimigo responsable da ignorancia do deus verdadeiro. Irlanda é hoxe o único país das Illas Británicas que non ten ofidios. En realidade non os ten dende a era pos-glacial. A tradición tamén lle apón a San Patricio o feito de aprenderlles ós irlandeses o concepto da trindade amosándolles un trevo de tres follas e explicándolles que, coma o trevo, Deus era unha única unidade con tres persoas distintas.
Robert David Keane, nado o 8 de xullo de 1980 en Dublín é un futbolista irlandés que xoga na demarcación de dianteiro. Ata o momento é o máximo goleador da historia da Selección de fútbol de Irlanda.
Comezou xogando profesionalmente no Wolverhampton Wanderers FC, de onde foi traspasado ao Coventry City FC e de aí a diversos equipos antes de recalar no Tottenham Hotspur FC, onde permaneceu seis tempadas antes de ser fichado polo Liverpool FC en 2008 por 25 millóns de euros, porén un ano despois volvería ao Tottenham en calidade de cedido primeiro e despois en propiedade.
No ano 2011 anunciouse a súa fichaxe polo Los Angeles Galaxy estadounidense, sendo declarado en decembro de 2014 xogador máis valioso do campionato.
Seamus Heaney, nado o 13 de abril de 1939 en Derry, Irlanda do Norte, e finado en Dublín o 30 de agosto de 2013, foi un escritor irlandés. En 1995 foi galardoado co Premio Nobel de Literatura.
En 1957 marchou a Belfast para estudar literatura na Queen’s University, onde impartiu clases entre 1966 e 1972 antes de dedicarse plenamente á literatura. Heaney, católico irlandés, afectado pola violencia entre católicos e protestantes no Ulster, decidiu trasladarse a Dublín en 1972. No Carysfort College desta cidade impartiu clases entre 1975 e 1980. Obtivo unha cátedra na Universidade Harvard (Massachusetts) en 1984, e entre 1989 e 1994 foi catedrático de Poesía na Universidade de Oxford (Inglaterra). No ano 2000 foi investido Doutor Honoris causa pola Universidade da Coruña.
10
[editar a fonte]Maureen FitzSimons, nada en Dublín o 17 de agosto de 1920 e finada en Boise, Idaho, o 24 de outubro de 2015, foi unha actriz irlandesa-estadounidense máis coñecida como Maureen O'Hara.
Na súa xuventude foi cantante de ópera, mais é principalmente coñecida polo seu traballo como actriz en numerosos filmes de aventuras e western, nos que adoitaba interpretar papeis de heroínas independentes e apaixoadas. En 2014 recibiu un Oscar Honorífico en recoñecemento á súa traxectoria.
Falaba irlandés con fluidez, chegando mesmo a utilizalo en filmes como The Long Gray Line, The Quiet Man e Only the Lonely.