Retrato do artista cando novo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Retrato do artista cando novo
A Portrait of the Artist as a Young Man.jpg
Portada da primeira edición en inglés.
Título orixinal A Portrait of the Artist as a Young Man
Autor/a James Joyce
Orixe Irlanda Irlanda
Lingua Inglés
Xénero(s) Novela
Editorial Galicia Laiovento
Data de pub. Flag of the United Kingdom.svg 1916
Galicia 1994
Seguido por Ulises (1922)
Tradución Vicente Araguas

Retrato do artista cando novo é a primeira novela do escritor irlandés James Joyce, publicada en 1916 co título orixinal en lingua inglesa de A Portrait of the Artist as a Young Man. Foi traducida ao galego por Vicente Araguas, e publicada en 1994 por Laiovento.

Nela dáse conta do espertar relixioso e filosófico do protagonista, Stephen Dedalus, o álter ego ficticio do escritor. O personaxe cuestiona os principios católicos asentados en Irlanda baixo os que foi educado e culmina a súa rebelión contra os mesmos co seu exilio no continente europeo.

Esta obra provén doutra anterior proxectada en 1903 baixo o título de Stephen Hero, unha novela autobiográfica de Joyce. Porén, o autor mudou a estrutura desta primeira novela e a reconverteu na que finalmente sería publicada en 1916 cun novo enfoque que permite internarse na consciencia de Dedalus. Retrato do artista cando novo, xunto coa compilación de historias curtas publicada en 1914, Dublineses, valeulle a James Joyce a consideración como un dos mellores escritores do Modernismo da literatura en lingua inglesa e un dos máis infuentes do século XX.

Sinopse[editar | editar a fonte]

A obra relata a infancia e adolescencia de Stephen Dedalus e permite ao lector internarse na súa consciencia e sentir. A través dunha serie de episodios da súa vida, o lector pode aprecia-los medos e preocupacións do protagonista e a súa forma de entede-lo mundo.

A infancia de Dedalus transcorre no colexio e internado xesuíta Clongowes Wood College[1], onde ensinan aos alumnos as regras do bo comportamento. O protagonista destaca na clase pola súa intelixencia e sofre as mofas dos seus compañeiros. Nesta primeira parte do libro onde se relata a infancia do artista destaca a cea de Navidade na que o neno volve a casa coa súa familia. Toda a conversa da noite versa sobre temas políticos e relixiosos de grande relevancia que afectan ao país na época. A figura de Charles Stewart Parnell[2] é amplamente discutida e amosa a profunda división de opinión entre dous dos membros da familia. Esta división sementa en Stephen dúbidas sobre a confianza nas institucións públicas. Durante a súa estancia no colexio tamén se fala do castigo corporal que os xesuítas adoitaban aplicar a aqueles que non comprían coas regras estipuladas e o propio protagonista é vítima deste castigo, aínda que de forma inxusta.

Debido ás débedas do patriarca, a familia debe mudarse a Dublín e Stephen consegue unha bolsa de estudos do seu reitor anterior para asistir ao colexio xesuíta de Belvedere, onde de novo destaca pola súa intelixencia e sitúase á cabeza da clase. Neste etapa a distancia entre el e o seu pai, bebedor habitual, faise evidente.

Co diñeiro obtido dun premio escolar e xa na puberdade, Stephen comeza a vagar polos barrios de prostitutas e se deixa levar polo pracer carnal. Pouco despois realízase no colexio unha xornada de retiro espiritual na que se insta aos alumnos a confesa-los seus pecados. Stephen sente que as palabras do sermón do cura van dirixidas a el e, abrumado pola culpa, corre na procura dunha igrexa onde non o coñezan e poida confesa-los seus vicios no anonimato. A partir dese momento o personaxe séntese en comuñón coa Igrexa e trata de levar unha vida digna e exemplar conforme ao dogma cristiano. A súa devoción non pasa desapercibida para os xesuítas, quen lle proponen unirse á orde. Stephen alberga serias dúbidas e as súas crenzas relixiosas entran en conflito coas súas aspiracións estéticas, polo que remata por rexeita-lo ofrecemento. Co paso do tempo o protagonista perde esa devoción relixiosa en favor da estética, como se amosa nunha ocasión na que se cruza cunha moza e sofre unha epifanía pola que sente a necesidade de expresar toda a súa beleza por medio da escritura.

Unha vez na Universidade, Stephen desconfía cada vez máis de toda institución relixiosa, educativa, política ou incluso familiar. A familia atópase en precariedade económica e a nai de Stephen trata de facer que o seu fillo recobre a fe e volva achegarse á Igrexa. O personaxe séntese cada vez máis alienado e afastado da Igrexa e só concibe a súa teoría estética, a cal decide compartir cos seus amigos, quen non comprenden a súa falta de devoción nin a afanosa busca da estética do artista.

Finalmente Stephen considera que os costumes de Irlanda non lle permiten expresarse con liberdade e decide marchar ao exilio voluntario para intentar desenvolverse plenamente como artista. Malia a súa decisión, o protagonista resalta os lazos que o unen ao seu país e a tristeza de marchar del para poder prosegui-la súa busca.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Conglowes Wood College Páxina oficial do colexio (en inglés).
  2. Biografía de Parnell BBC History (en inglés)