Plaça de Catalunya
Plaça de Catalunya | |
---|---|
Vista da praza. |
A Plaça de Catalunya (en galego: Praza de Cataluña) é unha céntrica praza de Barcelona, a terceira praza máis grande de España con 30.000 m².
Constitúe o punto de unión entre o núcleo vello da cidade, Ciutat Vella, e o Eixample. De aquí parten importantes vías da cidade como Les Rambles, o Passeig de Gràcia, a Rambla de Catalunya ou as roldas de Universitat e de Sant Pere, e a rúa Pelai, así como a avenida do Portal de l'Àngel, a grande arteria comercial da cidade, e antiga porta das murallas.
Historia
[editar | editar a fonte]Ata que se derrubaron as murallas, o espazo actualmente ocupado pola praza era unha chaira nos arredores da cidade situada xusto enfronte dunha das portas principais, desde onde saían camiños cara ás poboacións dos arredores. Isto converteu o lugar na localización ideal para situar mercados ao aire libre, e converteuno nun punto importante da vida da cidade.
Posteriormente, derrubáronse as murallas e empezouse a construír o Eixample deseñado por Ildefons Cerdà. O plan urbanístico de Cerdà non incluía ningunha praza onde agora está a plaça de Catalunya, posto que segundo o seu plan o barrio gótico, igual que os outros núcleos de antigas poboacións da chaira de Barcelona, quedaban relegados a barrios periféricos, mentres que o novo centro debía ser un lugar céntrico e ben comunicado, por exemplo a plaça de les Glòries Catalanes, que Cerdà deseñou coa vontade de ser o novo epicentro, xusto no cruzamento das principais vías da cidade, a Avinguda Diagonal, a Gran Via de les Corts Catalanes e a Avinguda Meridiana.
A diferenza do plan Cerdà, o Plan Rovira de 1859, o preferido polo Concello e a burguesía da cidade, si que prevía unha gran praza neste punto. A inercia do uso que se daba a este espazo, combinada co feito de que o que debía converterse na plaça de les Glòries Catalanes só era un escampado afastado de toda construción, fixeron que a cidade ocupase o soar da plaça de Catalunya, que teoricamente debía ser edificable, con cafés, teatros e barracas de feirantes.
En 1862 o Concello pediu que se comezase urbanizar como praza, pero o permiso oficial non foi concedido ata o ano 1889, con motivo da Exposición Universal de 1888, cando se convocou un concurso que gañou Pere Falqués. En 1892 foron expropiados os terreos, casas, e outras construcións que se construíron no medio do espazo que se formou pola derriba das murallas en 1858, un espazo que xa era coñecido como a plaça de Catalunya.
A primeira etapa de urbanización (dúas grandes vías en forma de aspa e unha praza circular no seu punto de intersección) iniciouse en 1902. A segunda etapa iniciouse con motivo da Exposición Internacional de 1929: o primeiro proxecto, de 1923, foi de Josep Puig i Cadafalch, pero paralizouse polas obras do metro entre 1924 e 1926 e definitivamente coa instauración da ditadura de Primo de Rivera; foi substituído por Francesc Nebot, que elaborou un proxecto practicamente idéntico ao de Puig, substituíndo o obelisco previsto polo arquitecto modernista por un fornelo con columnata que finalmente non levou a termo, motivo polo que Nebot dimitiu, sendo substituído por Joaquim Llansó, Josep Cabestany e Nicolau Maria Rubió i Tudurí. A praza foi inaugurada por Afonso XIII o 2 de novembro de 1927.
A praza é un centro comercial e de servizos de primeira orde. Teñen os seus edificios hoteis, bancos e caixas, bares e restaurantes de renome como o Zurich e diversas tendas e centros comerciais como os de El Corte Inglés, El Triangle cun FNAC ou unha Apple Store. Tamén están as oficinas consulares do Canadá.
No grande espazo central da praza teñen lugar de maneira habitual concertos e celebracións cidadás ou eventos como exposicións temporais e certames como a Semana do Libro Catalán.
En 2008 fixéronse unhas obras de remodelación do pavimento que rodea a praza, do mosaico que alberga no centro e mellora dos accesos engadindo ramplas.
Arte
[editar | editar a fonte]A praza tamén destaca polas numerosas esculturad de importantes artistas expostas ao longo do seu perímetro, entre as que destacan a Deusa de Josep Clarà, Barcelona de Frederic Marès e o Pastor de Pablo Gargallo, ademais de obras de Josep Llimona e Enrique Casanovas, ou o monumento a Francesc Macià de Josep Maria Subirachs, obra moito máis recente (1991). As obras do subsolo, consideradas de gran valor urbanístico, comprenderon as galerías comerciais da Avinguda de la Llum (actualmente subterráneo do Triangle). Ata a guerra civil española, os seus cafés e restaurantes (la Maison Dorée, el Colón, la Lluna, el Suís) foron centro de moitas tertulias literarias e políticas cidadás. Foi tamén un centro de teatros, como o do Bon Retir (1876-1885), o Circ Eqüestre Alegria (1879-1895), Eldorado Concert (1887) ou o Teatre Barcelona (1923).
Transporte
[editar | editar a fonte]A praza é tamén un dos máis importantes centros de transportes de Barcelona, tanto por encima como por baixo da superficie.
O metro de Barcelona ten na plaça de Catalunya un dos seus maiores intercambiadores. Na estación Catalunya crúzanse as L1 e L3 de TMB e as liñas L6 e L7 de FGC. Ademais na estación paran trens de proximidades das liñas R1, R3 e R4.
Tamén ten un gran número de servizos de autobús urbano e interurbano, diúrno e nocturno, ademais do Aerobús e o Bus turístico de Barcelona.
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]-
Fonte.
-
Vista do centro da praza antes da remodelación de 2008.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]A Galipedia ten un portal sobre: Barcelona |
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Plaça de Catalunya |