Plácido Castro
Plácido Castro | |
---|---|
![]() | |
Nome completo | Plácido Ramón Castro del Río |
Nacemento | 25 de xaneiro do 1902 |
Corcubión | |
Falecemento | 17 de xullo de 1967 |
Cambados | |
Nacionalidade | España |
Ocupación | tradutor |
Pai | Plácido Castro Rivas |
Cónxuxe | Jesusa Sineiro Vidal |
Fillos | 8 (Plácido, Hugo, Francisco, Carmen, Antonio, Ramón, Jesusa e Manuel) |
[ editar datos en Wikidata ] | |
- Este artigo trata sobre o xornalista e tradutor. Para o artigo sobre o seu pai, vaia a Plácido Castro Rivas.
Plácido Ramón Castro del Río, nado en Corcubión o 25 de xaneiro do 1902 e finado en Cambados o 17 de xullo de 1967, foi un escritor, xornalista e tradutor galego. Foi unha figura destacada do galeguismo de entreguerras, así como un activo persoeiro da cultura galega na diáspora, durante a súa estadía no Reino Unido tras a Guerra Civil.
Índice
Traxectoria[editar | editar a fonte]

Era fillo de Plácido Castro Rivas e de Eufrasia del Río Recamán. Tivo unha irmá chamada Hermitas Castro, nove anos máis vella[2]. Cando tiña seis anos os pais trasladáronse ao Reino Unido, e en 1911 estaban establecidos en Cardiff[3]. O pai era empresario do carbón, e naquela altura Gales era unha das grandes rexións mineiras da illa. No Reino Unido proseguiu os seus estudos, primeiro en Cardiff e posteriormente na cidade de Scarborough, onde estudou ata secundaria. Logo mudouse a Glasgow, onde estudou Arquitectura naval[4][5] na universidade desa cidade entre 1918 e 1921. Tamén realizou estudos complementarios no Royal Technical College da mesma cidade. Durante esa etapa universitaria comezou o seu labor como tradutor. Esporadicamente visitaba Galicia, pasando temporadas na vila de Cambados, na cal participou en actividades culturais.[6]
Posteriormente asentouse en Londres, desde onde, en 1927, comezou a súa colaboración cos xornais El Pueblo Gallego e Informaciones, así como en publicacións próximas ás Irmandades da Fala, como A Nosa Terra e Céltiga.
Volta a Galicia[editar | editar a fonte]
En 1930 retornou a Galicia, e ao pouco empezou a colaborar coas Irmandades da Fala. En decembro de 1931 deveu membro da Asemblea Fundacional do Partido Galeguista, e foi votado para o Consello Permanente. O seu peso no Partido Galeguista era tal que, na III Asemblea (1933), foi o membro que máis votos recibiu para as eleccións á executiva do partido, con 1.654 votos.

No ano 1933 participou como representante de Galicia no IX Congreso de Nacionalidades Europeas celebrado en Berna, onde se considerou a Galicia como unha nación, o cal posteriormente serviu a Castelao para defender a condición nacional de Galicia[7].
A declaración institucional[8] presentouse en galego e en inglés, e nela declarouse:
En 1936, co levantamento militar contra a República, detivérono en Muxía e procesárono. Foi condenado á inhabilitación absoluta, ao desterro de máis de cen quilómetros de Muxía e a unha cuantiosa multa. A raíz disto, instalouse en Coruxo (Vigo), onde se adicou á tradución de poesía inglesa. En 1944 casou con Jesusa Piñeiro en Cambados, e do matrimonio naceron oito fillos.
Segunda etapa no Reino Unido[editar | editar a fonte]
Debido á inhabilitación que pesaba sobre el e á ditadura, exiliouse[cando?], primeiro en Portugal e finalmente de volta no Reino Unido, onde se asentou de novo en Londres. Alí traballou durante seis anos como locutor-redactor da BBC, onde realizou o Galician Programme, a primeira emisión radiofónica estable en lingua galega. Durante este período colaborou tamén con xornais como Jornal de Notícias de Porto, La Nación de Bos Aires e Galicia Emigrante.
Volta definitiva a Galicia[editar | editar a fonte]
Logo de que se levantase a inhabilitación que pesaba sobre el[cando?], volveu a Galicia; residiu en Cambados e traballou no Instituto Laboral de Vilagarcía, onde exerceu como profesor de inglés. Os xornais cos que colaborou nesta época foron o Diario de Pontevedra, El Pueblo Gallego e, especialmente, Faro de Vigo. Tamén participou activamente na promoción da Festa do albariño, na creación da Romaría Viquinga de Catoira en 1961, e do Ateneo Ullán.
A revista Grial publicou en 1963 a súa tradución de Rubáyiát, de Omar Khayyam, vertida ao galego desde a versión inglesa de Edward Fitzgerald, e en 1967, xa a título póstumo, un ensaio sobre W. B. Yeats.
Finou en Cambados en 1967, tras conseguir unha praza como profesor numerario unha vez presentado o seu estudo comparativo entre a poesía de Christina Rossetti e Rosalía de Castro[9].
Recoñecemento[editar | editar a fonte]
Logo de décadas de relativo esquecemento, a figura de Plácido Castro recobrou notoriedade sobre todo grazas á tarefa de recuperación levada a cabo por Xulio Ríos, analista do IGADI. A iniciativa desa institución, en 2001 foi creada a Fundación Plácido Castro, que ten como obxectivos manter o legado de Castro e promocionar a tradución de libros ao galego.
En memoria da súa destacada faceta coma tradutor, instituíuse o Premio de Tradución Plácido Castro, que cada ano recoñece a mellor tradución á lingua galega publicada na Biblioteca Virtual BIVIR [10]. A este respecto, a tradución, no limiar da obra Poesía inglesa e francesa vertida ao galego (Ed. Alborada, 1949), que Castro asina conxuntamente con Lois Tobío e F. M. Delgado Gurriarán, sinálase:
En 2016 e 2017 foi candidato a ser a figura homenaxeada no Día das Letras Galegas correspondente aos anos 2017 e 2018, respectivamente, canda outros autores como Ricardo Carballo Calero, María Victoria Moreno, Antón Fraguas Fraguas e Eusebio Lorenzo Baleirón.[12]
Obra[editar | editar a fonte]
Ensaio[editar | editar a fonte]
- La Saudade y el Arte en los pueblos célticos (1927), con prólogo de Manuel Portela Valladares.
Tradución[editar | editar a fonte]
- “Teatro irlandés. Dous folk-dramas de W.B. Yeats”. Editorial Nós, volume LXIX, 1935. En colaboración cos irmáns Villar Ponte.
- Poesía inglesa e francesa vertida ao galego. Bos Aires: Editorial Alborada, 1949. Conxuntamente con Lois Tobío Fernández e Florencio Delgado Gurriarán.
- "Do inglés ao galego. Un pequeno feixe de poesía". Galicia emigrante, ano II, nº 8, 1955, pp. 18–19.
- Rubáyiát, de Ómar Khayyám. Espiral Maior, 1965. Colección "A illa verde".
- Verbas Atlánticas. Poesía inglesa, escocesa e irlandesa traducida por Plácido Castro.. Fundación Plácido Castro (edición a cargo de Laura Linares), 2016.[13]
Notas[editar | editar a fonte]
- ↑ Infancia (1902-1908)
- ↑ Census of England and Wales, 1911, republicado pola galicianista Kirsty Hooper na súa conta de twitter BooksonSpain (5/10/2013).
- ↑ Census of England and Wales, 1911, documento republicado pola galicianista Kirsty Hooper na súa conta de Twitter BooksonSpain.
- ↑ Chío da investigadora Eva Moreda, 5/10/2013.
- ↑ Talvez de maneira errónea, diversas publicacións, tales que Galegos na Historia. Plácido Castro (Ir Indo, 1997) ou Plácido Castro e o humanismo, onte e hoxe (IGADI, 2015) mencionan que completou estudos de Filoloxía inglesa no canto dos de Arquitectura Naval.
- ↑ Díptico publicado pola Fundación Plácido Castro, dependente da IGADI, e realizado por Xabier Camba e Luis Rei
- ↑ O esforzo de Plácido Castro[Ligazón morta]
- ↑ Setembro de 1933: Galiza, unha nación en Europa
- ↑ "Plácido Castro: biografía!, en Verbas atlánticas. Poesía inglesa, escocesa e irlandesa traducida por Plácido Castro (ed. Laura Linares Fernández). Fundación Plácido Castro, 2016 (p.11).
- ↑ Bivir.com
- ↑ VI Conferencia Anul Plácido Castro. "Significación e importancia de Plácido Castro no panorama da tradución en Galicia" (páx. 9). Por Valentín Arias e Alberto Álvarez Lugrís, o 25 de xaneiro de 2005.
- ↑ "A RAG elixe o sábado a figura literaria que protagonizará…" RAG, 13/6/2017.
- ↑ «Todas as facetas de Plácido Castro xiran arredor da dignificación do galego», entrevista coa editora da obra en La Voz de Galicia o 12 de xaneiro de 2017.
Véxase tamén[editar | editar a fonte]
![]() |
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Plácido Castro ![]() |
Bibliografía[editar | editar a fonte]
- RÍOS PAREDES, Xulio. Plácido Castro. Humanista, liberal, cosmopolita: símbolo da universalidade e do nacionalismo galego, Vigo: Ir Indo Edicións, col. Galegos na Historia, nº 8, 1997.
- RÍOS PAREDES, Xulio. Irlanda en Plácido Castro, Redondela: IGADI, 2011.
- RÍOS PAREDES, Xulio. 101 máximas e reflexións de Plácido Castro, s.l.: Fundación Plácido Castro, 2013.
- POSSE, Antón e Xulio Ríos (coords.). Plácido Castro. Un galego en Irlanda. Vigo: Fundación Plácido Castro, 2013.
- VV.AA. Plácido Castro no centenario, Vigo: IGADI, col. Textura internacional, nº 4, 2002.
Ligazóns externas[editar | editar a fonte]
|