Congreso de Nacionalidades Europeas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
O secretario xeral do CNE, Ewald Ammende durante un discurso no Aberri Eguna de 1933 en Donostia

O Congreso de Nacionalidades Europeas foi unha organización con status de observadora[1] na Sociedade de Nacións, constituída en Europa despois da primeira guerra mundial co obxecto de analizar os problemas nacionais pendentes de resolución. Defendía ante estados e organismos internacionais o respecto dos dereitos elementais das minorías nacionais.

Historia[editar | editar a fonte]

O Congreso foi creado por grupos alemáns e maxiares. Foi elixido presidente Josip Wilfan, deputado esloveno no Parlamento de Italia, e secretario xeral o estoniano Ewald Ammende.

O CNE reivindicaba o dereito á autoorganización política e á administración nacional de seu, con sistemas electorais que permitisen ás minorías contar cunha representación proporcional á súa significación demográfica. Rexeitaba a modificación das fronteiras políticas existentes nese momento. Defendía tamén a garantía de igualdade económica e a non discriminación, así como o libre desenvolvemento cultural.

En outubro de 1925 celebrouse en Xenebra o congreso fundacional, con 50 delegados de 27 grupos nacionais pertencentes a dez estados, representando dez millóns de persoas. No IV Congreso, celebrado en agosto de 1928, aprobouse un regulamento sobre a admisión de novos grupos.

No IX Congreso de Nacionalidades Europeas, celebrado en Berna do 16 ao 18 de setembro do 1933, Galiza acadou o recoñecemento internacional coma nación. A declaración institucional[2], lida por Plácido Castro, presentouse en galego e en inglés, e nela declarouse:

"O Partido Galeguista, partido nacional dos galegos, representado no parlamento español polos deputados Otero Pedraio, Castelao e Suárez Picallo, declara solemnemente (...) que conta con máis de dous millóns de almas e habita a totalidade do territorio de Galiza, é unha nación ben definida, que se diferencia claramente dos outros pobos que habitan España. A súa orixe, a súa historia, o seu idioma, e os seus costumes xustifican esta diferenza dunha maneira absoluta".

Días despois, Castro escribía en El Pueblo Gallego[3]: "por primeira vez na súa historia, Galiza concorreu con personalidade propia a un Congreso internacional".

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Rudolf Michaelsen (1984) Der Europäische Nationalitäten-Kongreß 1925–1928: Aufbau, Krise und Konsolidierung. Lang, 1984, p. 233.
  2. Fernando Arrizado (18 de setembro de 2008). "Setembro de 1933: Galiza, unha nación en Europa". Vieiros. 
  3. Marcos Pérez Pena (13 de setembro de 2013). "80 anos dende que Galicia é, oficialmente, nación". Praza Pública. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]