Omar Khayyam

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Jayyam.

Ghiyath al-Din Abu l-Fath Omar ibn Ibrahim Al-Nishaburi al-Jayyam (عمر بن إبرهيم خيام بيشابوري en persa e árabe) ou Omar Jayyam noutras transcricións (18 de maio de 1048 - 4 de decembro de 1131, presuntas datas) foi un matemático, astrónomo, filósofo e poeta persa, nado en Nishapur, a entón capital selyúcida de Jorasán (actual Irán). O seu nome adoita atoparse tamén escrito consonte á transcrición inglesa, Khayyam. Igualmente, pode aparecer a versión árabe do nome, Omar al-Jayyam ou Omar ibn al-Jayyam. A tradución literal do seu apelido é fabricante de tendas, profesión que exerceu o seu pai, Ibrahim.

Primeiros anos[editar | editar a fonte]

Omar naceu en Nishapur, ao redor do ano 1040 DC, onde tamén morreu, probabelmente no 1124 DC. Alí e na cidade de Balj, recibiu unha sólida educación nos temas das ciencias e filosofía. No 1070, trasladouse a Samarcanda, onde o patrocinio do xurista Abú Taher permitiulle completar a súa Tese sobre Demostracións de Álxebra e Comparación. Con ela atinxiu gran recoñecemento e prestixio, até o punto de ser chamado polo sultán Malek Shah, que lle encargou a construción dun observatorio astronómico sito en Marv, (actualmente Mary, en Turcomenistán) segundo consigna Nezam-o-Molk, no seu libro Siasat Namé, en colaboración con outros sete astrónomos e matemáticos, entre eles: Abdolrahman Jazení e Meimún-ebne Nayib Vasetí.

Achegas ás Matemáticas e á Ciencia[editar | editar a fonte]

Tomba de Omar Jayyam en Nishapur.

Durante 18 anos, realizou relevantes investigacións en astronomía, que abrangueron a compilación de táboas astronómicas e particularmente, a corrección do antigo calendario Zaratustrano, que os persas conservaran debido á súa exactitude, a pesar de que a cultura islámica impuña a todas as nacións conquistadas o seu calendario lunar. As investigacións realizadas, permitíronlle calcular o erro do calendario persa que tiña un ano de 365 días exactos. Para o novo calendario, que se chamou Yalalí, (por orde de Malek Shah, que tamén se chamaba Yalaledín) Khayyam calculou a duración do ano cunha exactitude abraiante. O seu erro é dun día en 3770 anos, menor aínda que o do calendario gregoriano (dun día en 3330 anos), que recentemente se comezaría a empregar en Europa a partir do 15 de outubro de 1582. Foi formalmente inaugurado o 15 de marzo de 1079, e é o calendario empregado aínda hoxe polos Persas. Khayyam non puido terminar as táboas astronómicas por mor das mortes de Nezam-o-Molk, e no mesmo ano, 1092 DC, a do sultán Malek Shah.

Fixo a súa peregrinación á Meca, segundo o costume musulmán no 1092 DC. Ao seu regreso a Neishabur, permaneceu vinculado á corte onde se desempeñou como historiador e xuíz, e deu clases de disciplinas como matemáticas, astronomía, historia, medicamento e filosofía. Lamentablemente, a súa obra científica só nos chegou en parte. Son extraordinarias: a Disertación sobre unha posible demostración do postulado paralelo, da xeometría de Euclides, a Tese sobre Demostracións de Álxebra e Comparación escrita en árabe (traducida por Woepecke en 1851), e o Tratado sobre a exactitude do sistema Indio para calcular raíces de ecuacións referido a ecuacións de segundo e terceiro grao, Os Problemas en Aritmética e Cálculo, a Descrición das Táboas Astronómicas de Malek Shah, o ensaio Luz da Razón sobre a ciencia en xeral, e a Disertación sobre Ciencias Naturais. Existen uns oito traballos máis, sobre física, economía, historia, filosofía, metafísica e tradicións.

Na súa Tese sobre Demostracións de Álxebra e Comparación, desenvolve o primeiro procedemento de solución das ecuacións cuadráticas e cúbicas a partir das seccións cónicas, que permite atoparlles unha raíz positiva, e así mesmo logra demostrar que teñen polo menos unha segunda raíz. A súa afirmación de que non se pode achar as raíces das ecuacións de terceiro grao mediante regra e compás, non puido ser demostrada até 750 anos despois, e a teoría das ecuacións de terceiro grao, desenvolveuse recentemente no século XVII, con Descartes.

Foi o primeiro que describiu o desenvolvemento da potencia dun binomio con expoñente natural, e estableceu, por primeira vez na historia das matemáticas, a idea de que as fraccións poderían constituír un campo numérico con propiedades máis amplas que o campo dos números naturais, único coñecido entón, e que databa desde os gregos. Estes conceptos teóricos contáronse entre as matemáticas de punta durante todo o renacemento europeo. A crónica de Nezam-o-Molk, destaca a Jayyam como insuperable astrónomo. Mais as súas achegas ás matemáticas, que daquela non se comprenderon en toda a súa transcendencia, avantaxan notoriamente os seus importantes logros en astronomía.

Investigou as ecuacións e a el débese o que a incógnita das mesmas chámese x: Khayyam chamábaa shay ("cousa" ou "algo", en árabe). O termo pasou a xay en castelán, e de aí quedou só a inicial x. (Amin Maalouf, Samarcanda, Madrid: Alianza, 1989)

Literatura[editar | editar a fonte]

Requírese unha grande erudición, para cubrir un campo de coñecementos tan vasto e para lograr a calidade da sabedoría que nos transmite, tamén na súa poesía, que requiriu séculos para empezar a ser debidamente valorada, ao desenvolver a humanidade unha cultura máis axustada ao universo natural, e menos limitada polas crenzas en que se debeu apoiar no seu proceso de evolución. Os científicos e en particular os astrónomos, concretaron o recoñecemento ao seu enorme talento, designando co seu nome, un importante cráter da Lúa. (O cráter Omar Khayyam, atópase nas seguintes coordenadas lunares: latitude 58,0 N e lonxitude 102,1 oeste).

Como xenio literario, Omar Khayyam é coñecido en occidente pola colección de poemas, a el atribuídos, chamada Robaiyyat ou Ruba`iyyat, Rubaiyat na versión galega da obra[1], ("cuartetas", en árabe), nome persa que alude a súa estrutura. Trátase de varias series de catro versos, escritos na lingua materna do poeta, o o farsi ouLingua persa. A través destes textos, que o sabio escribiu ao longo da súa vida, transmítenos as súas ideas acerca de temas tan distintos como a ciencia e o coñecemento, a moral e o comportamento persoal, relixión e teoloxía, como ser feliz, a nostalxia polo vivido, o goce da vida antes da morte, de onde vimos e onde imos. Hai discrepancias sobre os versos que constitúen as Ruba`iyyat xa que estas foron en gran medida reconstruídas a partir de varias copias diferentes, e é posible que nalgunha recompilación haxa versos non debidos á man do poeta.

Os Robaiyyat foron expurgados e fixados por Sadeq Hedayat (1903-1951) escritor iraniano, quen nos fala de Khayyam desde dúas vertentes: como filósofo e como poeta. No primeiro dinos que era un filósofo materialista, pesimista e escéptico. Segundo Jayyam a natureza cega e xorda continúa o ciclo: o ceo está baleiro e non atende os berros de ninguén. O seu pensamento está empapado de tristeza, pena, inexistencia e morte.

se os que aínda non viñeron visen como sufrimos
por culpa do destino, non virían xamais.[2]

Para Khayyam, máis aló da materia non existe nada. O mundo está feito a base da unión de partículas que funcionan por mera casualidade.

Daquel xerro de viño, que a ninguén prexudica,
enche a túa copa e bebe, e sírveme á miña outra,
raparigo, antes de que faga, sen prestar atención,
coa túa terra e a miña un xerro o oleiro.

(Cuarteto 68)

En canto a poeta percibe a natureza cunha delicadeza e sutileza especiais, destacando a beleza da súa linguaxe:

O vento de levante rachou a flor o veo... (60)
A nube entre saloucos chorou sobre a herba... (61)
A luz da lúa racha o manto da noite... (111)

Referencias Culturais[editar | editar a fonte]

En Astronomía[editar | editar a fonte]

En Literatura[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Khayyam, O. (2010). Rubaiyat. Versión galega de Correa Corredoira. Baía Edicións.
  2. (Cuarteto 28) (© Tradución ao galego a partir da versión de Zara Behnam e Jesús Munárriz para Hiperión)
  3. Dictionary of Minor Planet Names - p.255

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]