Ponte Sampaio, Pontevedra
| Ponte Sampaio | |
|---|---|
Igrexa parroquial | |
| Concello | Pontevedra[1] |
| Provincia | Pontevedra |
| Coordenadas | 42°21′00″N 8°36′15″O / 42.35, -8.6041666666667 |
| Área | 11,51 km² |
| Poboación | 1007 hab. (2025) |
| Densidade | 87,49 hab./km² |
| Entidades de poboación | 9[1] |
| [ editar datos en Wikidata ] | |
Santa María de Ponte Sampaio é unha parroquia que se localiza no concello de Pontevedra. Segundo o IGE en 2019 tiña 1031 habitantes (556 mulleres e 475 homes), 80 menos ca en 2008 e 213 menos ca en 1999. Ten catro entidades de poboación segundo o Nomenclátor de Galicia.
Toma o seu nome da ponte sobre o río Verdugo que a une coa parroquia de Arcade (Soutomaior). Por ela pasa a vía portuguesa do camiño de Santiago, e nela foi librada a Batalla de Ponte Sampaio, decisiva na guerra da Independencia española contra os franceses o 7 e 8 de xuño de 1809.
Desde 1833 até abril de 1960 foi concello de seu xunto coa parroquia da Canicouva.
Xeografía e comunicacións
[editar | editar a fonte]
A parroquia sitúase no extremo sur do termo municipal de Pontevedra, na beira norte do río Verdugo, que a separa do veciño concello de Soutomaior, e que verte as súas augas á ría de Vigo neste punto. Percorren esta parroquia, ademais do citado Verdugo, o río Ulló (que desemboca na ría nesta parroquia), así como regos de menor entidade como son o río da Ponte Nova, o rego de Cacheiro (ambos vertentes no Ulló), ou o rego dos Muíños, entre varios outros. Como xa se mencionou, a parroquia ten uns centos de metros de costa na súa zona suroeste, bañada polas augas da ría de Vigo. Nesta parroquia están a illa da Insuíña e o illote do Castelo, na desembocadura do río Verdugo. Linda ao oeste coas parroquias de Vilaboa (Vilaboa), A Canicouva (Pontevedra), polo norte coa parroquia de Xustáns (Ponte Caldelas), e polo leste con Taboadelo (Ponte Caldelas) e Soutomaior (Soutomaior). Polo sur, limita coa parroquia de Arcade (Soutomaior).
Dista 11 quilómetros da capital do concello. Outros núcleos próximos son Arcade, a menos dun quilómetro, ou O Toural (Vilaboa), a 4 km.
As principais comunicacións por estrada son a N-550, que percorre brevemente a parroquia, a PO-264 e a EP-0001, esta última conexión coa veciña parroquia da Canicouva.
Ponte Sampaio carece de apeadoiro ningún, pero é atravesado polo Eixe atlántico de alta velocidade. As estacións máis próximas son Arcade e Pontevedra.
A parroquia é atravesada polo Camiño Portugués.
Demografía
[editar | editar a fonte]A parroquia ten 9 núcleos de poboación rexistrados polo Instituto Galego de Estatística, a maioría dos cales se concentran nun continuo rururbán na parte sur da parroquia, onde outrora se situaba a sede do antigo concello de Ponte Sampaio, e onde aínda hoxe se sitúan o groso dos servizos da parroquia. Os lugares de Acevedo, O Rañadoiro e O Vilar completan o nomenclátor da parroquia. En 2019, Ponte Sampaio contaba con 1.031 habitantes, cifra que amosa un descenso respecto a rexistros de anos anteriores. Arredor dun 60% vive na área máis urbanizada da parroquia, mentres que o restante 40% reside nos outros tres lugares xa citados.
Patrimonio
[editar | editar a fonte]A ponte, de orixe romana, se ben a actual construción é medieval. Consta de dez arcos semicirculares. A igrexa parroquial de Santa María é románica, e data do século XIII. No lugar de Canos da Laxe hai outra ponte medieval sobre o río Ulló e dez muíños de auga en mal estado de conservación, que se viron afectados pola crecida das augas no inverno de 2007.
Consérvanse petróglifos no monte de Chan das Cruces,[2] restos dun poboado castrexo e tramos dunha calzada romana. Amais, na parroquia atopouse un machado da Idade de Bronce.
No Rañadoiro está o acueduto do Paredón, destinado a regadío. O cruceiro da Bica, no mesmo lugar, é de pedra policromada e na Semana Santa é decorado cun dosel vermello. A antiga escola unitaria para a rapazada de Rañadoiro, Vilar e Acevedo acolle actualmente un centro cultural. No lugar celébranse festas adicadas á Nosa Señora do Rosario.

En Acevedo hai un cruceiro (A Cruz) construído sobre un antigo petróglifo. No lugar está tamén a capela de San Xosé da Landreira, as ruínas dun pazo, vivendas de comezos do século XVII, unha fonte, e cinco muíños no río dos Muíños, entre os que destaca o Muíño de Riba, cunha característica cuba cilíndrica á que chega a auga a través dun acueduto. Segundo a tradición, a Pedra dos Ladróns serviu de acubillo a perseguidos en varias guerras.
Nesta parroquia, a carón da N-550, está un dos cinco touros de Osborne existentes en Galicia: valados publicitarios colocados á beira das estradas por toda España na segunda metade do século XX e declarados patrimonio cultural e artístico.
Ponte Sampaio na cultura popular galega
[editar | editar a fonte]A muiñeira de Ponte Sampaio suponse que foi tocada durante a batalla que tivo lugar ás beiras do río Verdugo [Cómpre referencia].
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]- Estatua á Virxe do Carme.
- Ponte sobre o río Verdugo.
- Ponte Sampaio.
- As pontes.
Notas
[editar | editar a fonte]- 1 2 DECRETO 27/2026, do 30 de marzo, polo que se aproba o Nomenclátor de Galicia.
- ↑ Rodríguez Castelao, Alfonso Daniel (ca. 1922). "Chan das Cruces. Rañadoiro. Ponte Sampaio". Museo de Pontevedra.
- ↑ Fermín Bouza-Brey: "Cantigas populares da Arousa", en Arquivos do Seminario de Estudos Galegos III, 1929, 153-204 [en facsímile II], 201. No texto: San Paio.
- ↑ Fermín Bouza-Brey: "Cantigas populares da Arousa", en Arquivos do Seminario de Estudos Galegos III, 1929, 153-204 [en facsímile II], 201. No texto: San Paio.
Lugares e parroquias
[editar | editar a fonte]Lugares de Ponte Sampaio
[editar | editar a fonte]| Lugares da parroquia de Ponte Sampaio no concello de Pontevedra | |
|---|---|
|
Acevedo | A Ponte | O Rañadoiro | O Vilar |
Parroquias de Pontevedra
[editar | editar a fonte]Véxase tamén
[editar | editar a fonte]| Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Ponte Sampaio, Pontevedra |