Partido Socialista Obrero Español en Galicia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Este artigo refírese ao PSOE en Galicia antes de constituírse en partido político, denominado primeiro Partido Socialista de Galicia e despois Partido dos Socialistas de Galicia autónomo dentro do PSOE.

O PSOE comezou a súa andaina en Galicia en 1891 ao constituírense as agrupacións locais de Ferrol, A Coruña, Santiago de Compostela e Vigo, nos anos seguintes o partido tivo escasa influencia no seo da sociedade galega pero si conseguiu unha certa influencia indirectamente, a través da Unión General de Trabajadores, as zonas de maior implantación do partido eran Ferrolterra e Vigo. En 1915 constituíuse a Federación Rexional de Galicia e a partir de 1920 a militancia comezou a aumentar significativamente, con todo en 1930 contaba con 700 militantes[1] nas eleccións municipais do 12 de abril de 1931 sacou 120 concelleiros, destacando Ferrol con 13 e Vigo con 7, nas eleccións constituíntes de 1931 obtivo 8 deputados, en 1932 o PSOE contaba con 3.600 militantes en 78 agrupacións locais.

Nas eleccións de 1933 o PSOE con conseguiu representación parlamentaria en Galicia e tras os sucesos de 1934, nos que o PSOE non participou, detívose a algúns dos seus dirixentes, como Xaime Quintanilla. O PSOE aliouse cos republicanos de esquerda e os galeguistas na Frente Popular para concorrer ás eleccións de 1936 e conseguiu 6 deputados en Galicia e aumentou espectacularmente a afiliación, uns 20.000 afiliados segundo informes policiais, ao tempo que asumía a autonomía para Galicia que anteriormente tan só tiña o apoio dunha pequena minoría dos socialistas encabezada por Quintanilla xa que a maioría como sinalou o congreso rexional de 1931 cría que en Galicia non se sentía a necesidade dunha autonomía rexional e condenaban todo intento de nacionalismo idiomático e político favorecendo, pola contra, a descentralización administrativa municipal[2].

A Guerra Civil española levou os socialistas galegos á clandestinidade, a prisión, o exilio ou a morte e apenas nada quedou da súa organización en Galicia, totalmente esfarelada pola represión franquista e non foi ata 1973 cando comeza o proceso de implantación ao xurdir un núcleo de militantes na Facultade de Económicas de Santiago e sobre todo polos contactos realizados por Felipe González nas súas visitas a Galicia en 1976 e a constitución a Federación Socialista Galega polas 7 agrupacións locais galegas e aproximadamente 150 ou 200 militantes (A Coruña, Santiago de Compostela, Foz, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo) que celebrou o seu I Congreso Nacional en febreiro de 1977 elixindo como secretario de organización a Francisco Vázquez Vázquez, progresivamente o número de agrupacións locais foi aumentando ata chegar a 20 para as eleccións de xuño de 1977 nas que o PSOE conseguiu en Galicia 3 escanos e o 15,5 % dos votos, a partir dese momento o aumento de afiliacións ao partido acelerouse. No Congreso extraordinario de novembro de 1977, a proposta do sector galeguista, adoptouse o nome de Partido Socialista de Galicia-PSOE que despois de varios contenciosos co Partido Socialista Galego cambiou a Partido dos Socialistas de Galicia-PSOE.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Bernardo Máiz, Galicia na II República e baixo o franquismo, Vigo, 1988, páx. 25
  2. Carlos Sixirei Alfredo Somoza. Encadramento histórico dunha figura esquecida do nacionalismo galego. Ediciós do Castro, 1987, páxina 47