Elena Valenciano

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Valenciano en 2012.

María Elena Valenciano Martínez-Orozco, nada en Madrid o 18 de setembro de 1960, é unha política socialista española. Desde o 5 de febreiro de 2012 é vicesecretaria xeral do PSOE trala vitoria de Alfredo Pérez Rubalcaba no XXXVIII Congreso Federal do PSOE.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Elena Valenciano naceu nunha familia da burguesía madrileña: o seu pai, Luis Valenciano Clavel, fora médico e subsecretario de Sanidade pola UCD. Estudou no Liceo Francés de Madrid, unha escola privada de ampla reputación. Despois cursou estudos de Dereito e de Ciencias Políticas, aínda que non está licenciada.

Con 17 anos ingresou nas Xuventudes Socialistas de España e en 1978 no Partido Socialista Obreiro Español. En 1999 foi escollida como eurodeputada polo PSOE nas eleccións ao Parlamento Europeo, e ao ano seguinte (2000) foi designada membro do Comité Federal do PSOE, posto que ocupou ata 2004, e tamén en 2000 formou parte da xestora do PSOE, dirixida por Manuel Chaves, trala dimisión de Joaquín Almunia.

Reelixida eurodeputada nas eleccións de 2004, chegou a ser a voceira dos eurodeputados socialistas españois. En 2007 deixa Bruxelas e accede á secretaría de Relacións Internacionais da Executiva Federal do PSOE, en substitución de Trinidad Jiménez. Nas eleccións xerais de 2008 figurou na lista do seu partido pola circunscrición de Madrid, nunha lista que encabezaba José Luis Rodríguez Zapatero, e foi escollida parlamentaria. No Congreso dos Deputados asumiu o cargo de voceira da Comisión de Asuntos Exteriores.

Valenciano foi designada coordinadora de campaña para as eleccións xerais de 2011. Ademais foi de número 2 nas listas por Madrid, xusto por detrás do candidato a presidente, Alfredo Pérez Rubalcaba. Foi reelixida deputada, pero o PSOE sufriu unha contundente derrota e pasou á oposición. Ao ano seguinte, en 2012, Elena Valenciano foi designada vicesecretaria xeral do PSOE, en substitución de José Blanco.

Como feminista, foi coordinadora nacional do Lobby Europeo de Mulleres entre 1992 e 1994, vocal do Movemento Europeo desde 2004, fundadora e primeira presidenta da Asociación Mulleres Novas entre 1984 e 1990. En 1999 foi elixida presidenta da Fundación Mulleres, e posteriormente pasou a ocupar o cargo de vogal.