Nicomedes Pastor Díaz
Nicomedes Pastor Díaz Corbelle, nado en Viveiro o 15 de setembro de 1811 e finado en Madrid o 22 de marzo de 1863, foi un escritor, xornalista e político galego do Romanticismo. Foi ministro plenipotenciario en Lisboa e ministro de Graza e Xustiza con Leopoldo O'Donnel.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Primeiros anos
[editar | editar a fonte]- Familia
Creceu no seo dunha familia numerosa. Foi o terceiro de dez irmáns, oito mulleres e dous homes, e puxéronlle de nome o do santo do día, San Nicomedes, ao que lle engadiron o equivalente masculino do nome da súa madriña, Pastora. O seu pai, Antonio Díaz, desempeñaba un posto de oficial administrativo da Armada, e co tempo chegou a ser titular da contadoría de correos de Lugo. A nai era María Corbelle natural da parroquia de San Xoán de Covas, en fronte dos Castelos, á beira do Pazo e da praia de Grallal. Aínda que era pouco habitual para a época, todos os irmáns sobreviviron a infancia. O seu único irmán home, Felipe Benicio, foi interventor de pagos no Ministerio da Gobernación e Deputado a Cortes.
- Formación
Aos sete anos comezou os estudos no Colexio Insigne da Natividade da Nosa Señora, institución educativa que fundara María Sarmiento de Ribadeneira nun testamento datado en 1563. Nicomedes estudou no Seminario conciliar de Viveiro e despois cursou estudos de Filosofía no Seminario de Mondoñedo (1823).
Pode que o seu interese no emprego do galego como lingua literaria estivese influída por don Antonio María de Castro e Neira, o crego de Argomoso, profesor de filosofía do Real Seminario, autor das panxoliñas que musicou o mestre Pacheco. Na Universidade de Santiago de Compostela comezou xurisprudencia, pero viuse afectado polo peche das universidades decretado por Fernando VII e o seu ministro Francisco Tadeo Calomarde, e trasladouse á Universidade de Alcalá, onde se titulou avogado en 1833.
Carreira política e cargos en Madrid
[editar | editar a fonte]Varios valedores facilitaron o seu ingreso na sociedade madrileña. Por un lado, Manuel Fernández Varela, Comisario Apostólico Xeral de Cruzada, cargo eclesiástico de importancia desde o que favorece o desenvolvemento do Reino de Galicia. Por outro, o xeneral Manuel Latre, militar liberal destacado nas guerras carlistas, que se fixou nel para recomendar postos importantes, como o de oficial na delegación de Fomento de Cáceres.
Conservador e monárquico; leal a María Cristina, inimiga de Baldomero Espartero, a quen atacou dende o semanario El Conservador (1841), xornal fundado por Antonio de los Ríos Rosas, Joaquín Francisco Pacheco e Francisco de Cárdenas Espejo. Karl Marx, referíndose á súa etapa consular en Turín, chamoulle "moderado de moi dubidosa capacidade".[1]
En 1835 colaborou na refundación do Ateneo e neste mesmo ano o ministro Javier de Burgos, nomeou a Díaz, pola mediación do xeneral Latre, oficial do ministerio de Gobernación en Cáceres, empezando así unha carreira política imparable. En 1836 noméano Secretario de Goberno político de Santander e posteriormente xefe político de Segovia. En 1843 foi deputado pola Coruña e un ano despois foi elixido por Cáceres e máis tarde por Navalmoral de la Mata. Tamén foi nomeado Secretario do Banco de Isabel II.
O 9 de setembro do ano 1847 foi nomeado reitor da Universidade de Madrid e no mesmo ano aparece á fronte do Real Consello de Agricultura, Industria e Comercio. Foi Secretario da Gobernación e numerario da RAE. Durante cinco meses foi Ministro de Comercio, Industria e Obras Públicas.
Literatura
[editar | editar a fonte]Outro dos seus valedores en Madrid, xa no mundo das letras, foi o académico Manuel José Quintana. Por mediación deste coñeceu a Juan Donoso Cortés, Juan Nicasio Gallego, Ventura de la Vega, José de Espronceda, Mariano José de Larra e Serafín Estébanez Calderón e outros, entre os que se atopaba o que anos máis tarde sería o seu gran amigo e protexido: José Zorrilla. Esta boa relación chega ao punto de que o prólogo da primeira edición de Don Juan Tenorio, a obra máis famosa de Zorrilla, está asinado por Nicomedes Pastor Díaz. Daquela frecuentaba o faladoiro de El Parnasillo e publicaba en diversas revistas madrileñas, como El Artista, La Abeja e El Siglo (homónima da publicación coruñesa), onde estivo na redacción con Antonio Ros de Olano e José de Espronceda.
Nicomedes Pastor ía ser o prologuista de Cantares gallegos de Rosalía de Castro, mais faleceu antes de o facer.[2]
- Estilo
Foi un poeta romántico clásico. O contido da súa obra era a negrura, o pasamento e a morte. Expresou o desexo de que os seus restos repousasen na veiga do río Landro, auga nutricia da ría de Viveiro.
Tivo un grande agarimo á súa terra natal e así o daba a entender nunha das súas cartas, escrita o 23 de marzo de 1851 a Antonio Neira de Mosquera, xornalista galego en Madrid. A carta di textualmente:
Galicia es para mí el país en el que he nacido: tiene para mí imaginación una belleza poética, como un paisaje pintoresco, como un recuerdo romántico, como una reliquia histórica.[3]
- Obra en galego
Escribiu dous poemas en lingua galega, a "Alborada" é un deles, datado en 1823. O 11 de marzo de 1828 publicou no Museo Artístico Literario unha alborada de carácter neoclásica, de liras e estancias de seis versos. En 1951 Álvarez Blázquez descubriu unha égloga súa (Égloga de Belmiro e Benigno), posiblemente escrita antes cá alborada e de carácter máis ben romántico.[4]
- Obra en castelán
Escribiu obras de poesía e novelas como Una cita (novela curta ambientada en Galicia) ou De Villahermosa a la China. Coloquios de la vida íntima (1855), amais de artigos sobre xurisprudencia e política.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Marx e Engels - A Revoluçao Na Espanha ; PDF". Scribd. [cando?]. p. [cómpre nº de páxina]. Consultado o 2022-07-31.
- ↑ Chao Espina 1995, p. 381.
- ↑ Galdo, Fausto. "Nicomedes Pastor Díaz: a súa relación con Viveiro". O resplandor primeiro. Estudos en homenaxe a Nicomedes Pastor Díaz. p. 24.
- ↑ Tarrio Varela, A. (1994). Literatura galega, Xerais. páx. 102.
- ↑ A homenaxe foi proposta por Murguía e fíxose grazas á colaboración do Centro Galego da Habana. A estatua foi moldeada por Josep Campeny e fundida en Barcelona.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Nicomedes Pastor Díaz |
A Galifontes posúe textos orixinais acerca de: Nicomedes Pastor Díaz en lingua castelá |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- "Díaz Corvelle, Nicomedes-Pastor". Diccionario enciclopédico galego universal 21. La Voz de Galicia. 2003-2004. p. 107. ISBN 84-7680-429-6.
- "Díaz Corvelle, Nicomedes-Pastor". Dicionario biográfico de Galicia 1. Ir Indo Edicións. 2010-2011. pp. 330–332.
- "Díaz Corvelle, Nicomedes Pastor". Diciopedia do século 21 1. Do Cumio, Galaxia e do Castro. 2006. p. 699. ISBN 978-84-8288-942-9.
- "Díaz Corvelle, Nicomedes-Pastor". Enciclopedia Galega Universal 7. Ir Indo. 1999-2002. pp. 289–290. ISBN 84-7680-288-9.
- "Díaz Corbelle, Nicomedes Pastor". Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada (DVD). El Progreso. 2005. ISBN 84-87804-88-8.
- Aparisi, Luis M. (2016). Gallegos en la Real Academia Española (PDF) (en castelán). Asociación Cultural da Vieira.
- Carballo Calero, R. (1975) [1963]. Historia da literatura galega contemporánea. Galaxia. ISBN 84-7154-227-7.
- Chao Espina, Enrique (1995). Pastor Díaz dentro del Romanticismo (en castelán). Instituto de Estudios Viveireses. ISBN 84-605-3545-2.
- Couceiro Freijomil, Antonio (1951-53). Diccionario bio-bibliográfico de escritores (en castelán) I. Bibliófilos Gallegos. p. 349.
- Fernández del Riego, F. (1992) [1990]. Diccionario de escritores en lingua galega (2ª ed.). Do Castro. p. 115. ISBN 84-7492-465-0.
- Otero Pedrayo, Ramón (1931). Romanticismo, saudade e sentimento da raza e da terra en Pastor Díaz, Rosalía Castro e Pondal. Nós.
- Vilavedra, Dolores, ed. (1995). Diccionario da literatura galega. Autores I. Vigo: Editorial Galaxia. pp. 174–176. ISBN 84-8288-019-5.
- Vilavedra, Dolores, ed. (2000). Diccionario da literatura galega. Obras III. Vigo: Editorial Galaxia. p. 365. ISBN 84-8288-365-8.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Égloga de Belmiro e Benigno
- Autores galegos na Biblioteca Universitaria da USC.
- Díaz, Nicomedes Pastor na Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes.
- Nados en Viveiro
- Nados en 1811
- Finados en 1863
- Escritores de Galicia en lingua galega
- Escritores de Galicia en lingua castelá
- Poetas de Galicia
- Deputados de Galicia no Congreso dos Deputados
- Ministros de Asuntos Exteriores de España
- Precursores do Rexurdimento
- Escritores de Galicia coa obra no dominio público
- Académicos da Real Academia Española
- Poetas en lingua galega
- Literatura do Romanticismo
- Reitores de universidades de España