Mordechai Vanunu

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Mordechai Vanunu
Mordechai Vanunu, 2005 (cropped).JPG
Nacemento14 de outubro de 1954 e 13 de outubro de 1954
Lugar de nacementoMarrakech
NacionalidadeIsrael e Marrocos
EtniaSefardí
Relixióncristianismo e Igrexa Anglicana
Alma máterUniversidade Ben-Gurion do Negev
Ocupacióntécnico e activista
CónxuxeKristin Joachimsen
PremiosSeán MacBride Peace Prize, People's Peace Prize, Premios Nobel Alternativos, LennonOno Grant for Peace, Carl-von-Ossietzky-Medaille e honorary doctor of the University of Tromsø
Na rede
http://www.vanunu.com/
IMDB: nm1750599 Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]

Mordechai Vanunu (en hebreo: מרדכי ואנונו), tamén coñecido como John Crossman, nado en Marrakech o 14 de outubro de 1952,[1][2] é un activista pola paz e antigo técnico nuclear israelí, que en 1986 revelou á prensa a existencia en Israel dun programa de fabricación de armas nucleares.[3][4] Posteriormente o Mossad, a axencia de intelixencia israelí, atraeuno a Italia, onde foi drogado e secuestrado.[4] Foi trasladado en segredo a Israel e finalmente condenado a prisión nun xuízo que se celebrou a porta pechada.[4]

Pasou 18 anos en prisión, deles máis de 11 en illamento, aínda que tal restrición non se contempla no código penal de Israel, nin no seu veredicto. Tras saír do cárcere en 2004, foi sometido ademais a unha ampla gama de restricións no seu discurso e nos seus movementos, e foi arrestado varias veces por violar as súas condicións de liberdade condicional, conceder entrevistas a xornalistas estranxeiros e tentar saír de Israel. Afirma ter sufrido "un trato cruel e bárbaro" por parte das autoridades penitenciarias, e suxire que estes serían diferentes se non se tivese convertido ao cristianismo.[5]

En 2007 foi condenado a seis meses de prisión por violar as condicións da súa liberdade condicional. A condena foi considerada infrecuentemente severa incluso pola fiscalía, que esperaba unha condena suspendida. En maio de 2010 foi detido de novo e condenado a tres meses de cárcere por se ter reunido con estranxeiros, en violación das condicións da súa saída do cárcere en 2004. En resposta, Amnistía Internacional emitiu un comunicado de prensa en xullo de 2007 no que afirmaba: "A organización considera que Mordechai Vanunu é un preso de conciencia e pide a súa liberación inmediata e incondicional".[6]

Vanunu é considerado internacionalmente como un denunciante e un activista pola paz,[7][8] mentres que Israel considérao un traidor.[9][10][11][12] Daniel Ellsberg referiuse a el como "o heroe preeminente da era nuclear".[13] En 1987, recibiu o Right Livelihood Award pola "súa coraxe e abnegación ao revelar o alcance do programa de armas nucleares de Israel".

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Infancia, estudos e servizo militar[editar | editar a fonte]

Naceu en Marrakech, Marrocos, sendo o segundo dos 11 fillos dunha familia xudía ortodoxa que vivía no mellah, ou barrio xudeu da cidade. O seu pai, Shlomo, rexentaba unha tenda de comestibles e a súa nai, Mazal, era ama de casa. Vanunu estudou nunha escola da Alliance française e nunha escola primaria relixiosa xudía, ou cheder. En 1963, tras un aumento do sentimento antisemita en Marrocos, o pai de Vanunu vendeu o seu negocio e a familia emigrou a Israel. Vanunu tiña daquela dez anos. A familia transitou por Francia, pasando un mes nun campamento en Marsella antes de ser levada a Israel por mar. Ao chegar a Israel, a familia foi enviada pola Axencia Xudía a Bersebá, para se asentar no que naquel momento era unha cidade empobrecida e deserta. Durante o seu primeiro ano en Israel, a familia viviu nunha pequena cabana de madeira sen electricidade.

Máis tarde o pai de Vanunu comprou un pequeno supermercado na zona do mercado da cidade e a familia mudouse a un apartamento. O pai de Vanunu dedicou o seu tempo libre aos estudos relixiosos. Chegou a ser considerado como un rabino, gañando o respecto no mercado. Vanunu foi enviado a unha Yeshiva Tichonit, unha escola primaria relixiosa nas aforas da cidade, que mesturaba estudos relixiosos e convencionais.[14]

Despois de completar o 8º curso, os seus pais matriculárono nunha yeshiva, pero despois de tres meses, saíu desta.[15] Para a escola secundaria, Vanunu asistiu ao instituto Yeshivat Ohel Shlomo, un colexio dirixido por Bnei Akiva, onde foi un estudante excelente. Segundo Vanunu, mentres estaba na escola secundaria, tivo unha crise persoal que o levou a non profesar máis o xudaísmo. Nunha entrevista, asegurou que "xa a estas alturas decidín deixar a relixión xudía, pero non quería ter un enfrontamento cos meus pais porque quería rematar os meus estudos".[15]

Rematou o bacharelato de xeito parcial. Seus pais querían que asistise a unha ieshiva superior. Aceptou inicialmente pero deixouna despois dunha semana. Atopou un traballo temporal no arquivo dun xulgado. En outubro de 1971, foi recrutado polas Forzas Armadas de Israel para realizar o servizo militar. Intentou unirse á Forza Aérea como piloto, pero despois de ser rexeitado polos examinadores, enviárono ao Corpo de Enxeñería de Combate, onde se converteu en zapador. Despois do adestramento básico, completou un curso de comandantes subalternos, despois un curso de suboficiais e recibiu o grao de sarxento maior.

Foi destinado a ás terras altas do país, dende onde viviu a guerra do Yom Kippur de 1973. En 1974, participou na demolición de instalacións do exército en zonas do Golán que ían ser devoltas ao control sirio. A Vanunu ofrecéuselle un traballo permanente no exército como soldado de carreira, pero rexeitou a oferta e foi licenciado con honores en 1974. Despois matriculouse na Universidade de Tel Aviv e entrou nun curso pre-académico, completando a súa matrícula, e despois comezou a estudar Física. Durante este período, traballou en diversos lugares, entre eles unha panadaría e unha residencia de anciáns. Despois de suspender dous exames ao final do seu primeiro ano e decatarse de que o traballo a tempo completo que tiña que facer para pagar a súa matrícula interfería cos seus estudos, deixou a universidade e volveu á casa dos seus pais en Bersebá, onde atopou un traballo temporal.[15][16][17] Solicitou un traballo no Shin Bet, o servizo de intelixencia e policía israelí, pero foi rexeitado por motivos de incompatibilidade. 

Centro de Investigación Nuclear do Negev[editar | editar a fonte]

En 1976 solicitou un traballo no Centro de Investigación Nuclear do Negev, unha instalación israelí utilizada para desenvolver e fabricar armas nucleares,[18][19] que está situada no deserto do Negev, ao sur de Dimona. A maioría das axencias de intelixencia mundiais estiman que Israel desenvolveu armas nucleares xa dende a década de 1960, pero o país mantivo intencionadamente unha "ambigüidade nuclear", sen recoñecer nin negar que posuíse armas nucleares. Vanunu soubo por medio dun amigo do seu irmán Meir que o centro ofrecía traballos ben remunerados.[14]

Despois dunha longa entrevista co oficial de seguridade da instalación, foi aceptado para un período de formación. Asinou un contrato que prohibía a divulgación de materiais de seguridade sensibles e tivo que prometer non visitar ningún país árabe ou comunista ata polo menos cinco anos despois de deixar o seu emprego nas instalacións. Pasou os controis de saúde e a continuación comezou a súa formación. Foi sometido a un curso intensivo de formación en física, química, matemáticas, primeiros auxilios, simulacros de incendios e inglés. Fíxoo o suficientemente ben como para ser aceptado e foi empregado como técnico de planta nuclear e xefe de quenda en febreiro de 1977.[17][20] Gañaba un alto salario para os estándares israelís e levaba unha boa vida. O seu historial laboral era tan bo que se lle concedeu un coche e un teléfono, aínda que non tiña interese en ningún dos dous e simplemente fixo rexistrar o coche do seu irmán Meir ao seu nome e instalou o teléfono na casa dos seus pais.[21]

En 1979, matriculouse na Universidade Ben-Gurion do Negev en Bersebá. Inicialmente quería estudar enxeñería, pero trala primeira semana cambiou a Economía e tamén comezou un curso de Filosofía grega. No outono de 1980 fixo unha viaxe de mochila por Europa. Percorreu Londres, Ámsterdam, Alemaña e Escandinavia, e despois visitou Grecia e percorreu as illas gregas cun amigo canadense. Despois de regresar a Israel, comprou un piso en Bersebá. No verán de 1983, realizou unha viaxe de tres meses aos Estados Unidos e ao Canadá cun amigo, cruzando Irlanda nun voo chárter dende o aeroporto de Shannon. Isto foi unha violación directa das instrucións do seu posto de traballo, que o obrigaban a viaxar aos Estados Unidos só de xeito directo. Ao seu regreso foi ameazado cun tribunal disciplinario, pero este nunca se levou a cabo.[18][21]

As súas opinións políticas comezaran a cambiar e volveuse crítico con moitas das políticas do goberno israelí. Opúxose á Guerra do Líbano de 1982, e cando foi chamado a filas para participar nesa guerra como soldado de reserva no Corpo de Enxeñería, negouse a realizar tarefas de campo e no seu lugar fixo tarefas de cociña. Tamén fixo campaña pola igualdade de dereitos dos árabes israelís.[22] En marzo de 1984, formou un grupo de esquerdas chamado "Campus" con cinco estudantes árabes e catro xudeus. Relacionouse con moitos estudantes árabes, incluídos activistas a favor da OLP. Vanunu tamén estaba afiliado a un grupo chamado "Movemento para o Avance da Paz". Desenvolveu un resentimento particular polo que consideraba o dominio da sociedade israelí por parte dos xudeus asquenacís ou xudeus de orixe europea, e a discriminación contra os xudeus sefardís e mizrahis de Oriente Medio e o norte de África. Sentía que era desprezado polos que dirixían as instalacións de Dimona debido á súa orixe marroquí. Segundo o doutor Ze'ev Tzahor da Universidade Ben-Gurion, "proxectaba unha profunda sensación de privación. Consideraba que existía un dominio asquenací en Israel que abarcaba todos os estratos sociais e un consenso asquenací que pechaba todas as posibilidades de avance dos xudeus orientais". Converteuse no principal defensor dos estudantes árabes no campus, o que lle causou problemas con outros estudantes xudeus.[23]

No seu expediente de seguridade no Centro de Investigación Nuclear do Negev, rexistráronse as súas "ideas de esquerdas e pro-árabes".[17] En maio de 1984, foi interrogado polo xefe de seguridade de Dimona e un avogado que posiblemente fose do Shin Bet, e foi despedido cunha severa advertencia sobre a divulgación de información non autorizada.[24]

En xuño de 1984 volveu ser interrogado na oficina de seguridade da instalación. Ao mes seguinte, marchou a Francia durante dúas semanas cun grupo de estudantes para coñecer a estudantes xudeus franceses en París e, cando volveu, foi interrogado de novo. En 1985 uniuse ao Partido Comunista de Israel, o Maki.[25] Vanunu afirmou máis tarde que desenvolvera unha amizade moi estreita cun árabe israelí e, despois dun ano, descubriu que o seu amigo estaba a ser pagado para que o espiase.[26]

Graduouse na Universidade Ben-Gurion en 1985 cunha licenciatura en filosofía e xeografía.[27] A principios de 1985 perdeu o seu traballo tras un despedimento masivo de traballadores debido aos recortes do goberno, pero o seu sindicato conseguiu devolverlle o posto. Despois de retomar o seu traballo nas instalacións, introduciu en segredo unha cámara e sacou 57 fotografías. Deixou o traballo o 27 de outubro de 1985, debido aos reiterados esforzos dos seus superiores por trasladalo a tarefas menos delicadas. Recibiu unha indemnización de 7.500 dólares e unha carta de referencia encomiando o seu traballo e describindo a súa saída como un despedimento.[28][29]

Divulgación, secuestro e publicación[editar | editar a fonte]

Despois de deixar o traballo comezou a asistir ás reunións do Partido Comunista de Israel, pero, desencantado, pronto deixou de ir. Tamén intentou traballar como modelo espido para estudantes de arte, pero non foi contratado de novo por estar demasiado nervioso. En novembro de 1985 foi vivir con Judy Zimmet, unha muller estadounidense que traballaba como matrona no Soroka Medical Center. Despois de acompañar a Zimmet e a súa irmá nunha viaxe por Israel, embarcouse noutra viaxe de mochila por todo o Extremo Oriente, e planeou reunirse con ela máis tarde nos Estados Unidos, aínda que non estaba seguro de continuar coa relación. O 19 de xaneiro de 1986 saíu de Israel rumbo a Grecia a través dun barco desde Haifa ata Atenas. Despois de pasar uns días en Atenas, voou a Tailandia nun avión de Aeroflot, pasando unha noite en Moscova, antes de chegar a Bangkok. Durante a súa estancia en Tailandia visitou o Triángulo Dourado, onde probou cócteis de opio e haxix. Despois voou a Myanmar, onde coñeceu e fixo amizade con Fiona Gall, filla da xornalista británica Sandy Gall. Despois de percorrer Mandalay xuntos, Vanunu voou só a Nepal.

Durante o seu tempo en Nepal visitou a embaixada soviética en Katmandú para preguntar que documentos necesitaría para unha futura viaxe á Unión Soviética. Despois volveu a Tailandia, e de alí marchou a Australia nun voo a Sydney. Decidiu establecerse definitivamente en Sidney, e despois de dez días de turismo, atopou un traballo como lavalouzas no hotel Menzies e máis tarde nun restaurante grego. Mentres tanto, obtivo unha licenza de taxi. Tamén comezou a asistir a unha igrexa e, en xullo de 1986, converteuse ao cristianismo, uníndose á Igrexa Anglicana de Australia.[22][30][31] Trasladouse a un piso propiedade da igrexa e atopou traballo conducindo un taxi propiedade dun fregués.

Durante este tempo, coñeceu a Oscar Guerrero, un xornalista autónomo de Colombia. Guerrero convenceu a Vanunu para que vendese a súa historia, alegando que esta, xunto coas as súas fotografías, podían valer ata un millón de dólares. Despois de non interesar a Newsweek, Guerrero achegouse ao Sunday Times, e aos poucos días, Vanunu foi entrevistado polo xornalista do xornal Peter Hounam. Segundo o xornalista estadounidense Louis Toscano, Guerrero acudiu ao consulado israelí en agosto de 1986, ofrecendo axuda para rastrexar a un "traidor" israelí, e esperando que lle pagasen pola información. Reuniuse cun oficial de intelixencia israelí chamado Avi Kliman e contoulle a historia de Vanunu, ademais de entregarlle fotografías.[32] O 7 de setembro de 1986, dous homes que se identificaron como oficiais do Shin Bet achegáronse ao irmán maior de Vanunu, Albert, na súa carpintería de Bersebá e preguntáronlle sobre o seu irmán. Contáronlle que estaba en Australia e que estaba a falar cun xornal británico sobre o seu traballo no centro de investigación nuclear. Instárono a disuadir ao seu irmán e despois fixéronlle asinar un acordo de confidencialidade que lle prohibía falar da reunión.[33] O 10 de setembro, Vanunu e Hounam voaron a Londres desde Australia. Alí, violando o seu acordo de non divulgación, Vanunu revelou ao Sunday Times o seu coñecemento do programa nuclear israelí, incluídas as fotografías que tomara en segredo no lugar de Dimona.

O Sunday Times desconfiaba de ser enganado, especialmente á luz do recente engano dos Diarios de Hitler. Como resultado, o xornal insistiu en verificar a historia de Vanunu cos principais expertos en armas nucleares, incluíndo o antigo deseñador estadounidense de armas nucleares Theodore Taylor e o antigo enxeñeiro británico de AWE Frank Barnaby que coincidiron en que a historia de Vanunu era real e correcta.[34] Ademais, un xornalista, Max Prangnell, foi enviado a Israel para atopar persoas que coñecesen a Vanunu e puidesen verificar a súa historia.[35] Prangnell comprobou a historia de Vanunu, reuníndose cunhas cantas persoas na Universidade Ben-Gurion que identificaron a Vanunu a partir dunha fotografía, ademais de reunirse con veciños e outras persoas que confirmaron que traballara na central nuclear de Dimona.[36]

Vanunu deu descricións detalladas da separación do litio-6 necesaria para a produción de tricio, un ingrediente esencial das bombas de fisión potenciadas pola fusión. Aínda que ambos os expertos concluíron que Israel podería estar fabricando bombas potenciadas dunha soa etapa, Vanunu, cuxa experiencia laboral estaba limitada á produción de materiais (non de compoñentes), non deu evidencia específica de que Israel fabricase bombas termonucleares de dúas etapas, como bombas de neutróns. Vanunu describiu o procesamento de plutonio utilizado, dando unha taxa de produción duns 30 kg ao ano, e afirmou que Israel utilizaba uns 4 kg por arma.[37][38] A partir desta información foi posible estimar que Israel tiña plutonio suficiente para unhas 150 armas nucleares.[34]

Durante a súa estadía en Gran Bretaña, o Sunday Times instalou inicialmente a Vanunu nun hotel de Londres preto da sede do xornal, pero pouco despois foi trasladado ao que se consideraba un lugar máis seguro: un albergue preto de Welwyn, na zona rural de Hertfordshire, nun lugar escuro e ao que se accede por unha estrada estreita. Hounam considerouno un excelente lugar para se esconder. Durante unha incursión en Londres xunto cun xornalista do Sunday Times, Vanunu atopouse cun amigo israelí, Yoram Bazak, e a súa noiva Dorit en Regent Street. Acordaron reunirse máis tarde.[39] Cando se atoparon máis tarde, Bazak cuestionou intensamente a Vanunu sobre as súas opinións referentes á política de defensa de Israel, e durante a conversación, Vanunu faloulle a Bazak sobre a posibilidade de que revelase publicamente os segredos de Dimona á prensa británica. Bazak respondeu cunha dura ameaza.[40] Hounam especulou que o encontro de Vanunu con Bazak non foi unha mera coincidencia e que Bazak fora recrutado polo Mossad nun intento de descubrir as motivacións de Vanunu e tentar disuadilo.[41] Vanunu máis tarde aburriuse da zona rural de Hertfordshire e pediu unha nova localización en Londres, polo que foi enviado cun nome falso ao primeiro hotel no que se hospedara. Hounam especulou que como Oscar Guerrero, que o seguira a el e a Vanunu a Londres, xa se hospedara alí, o Mossad probablemente tiña ese hotel baixo vixilancia.[42]

En setembro, cando se achegaba a hora da publicación da historia, o Sunday Times achegouse á embaixada de Israel para lle ofrecer a oportunidade de refutar as acusacións. O agregado de prensa israelí, Eviatar Manor, recibiu dúas visitas de xornalistas para comentar a información e, na segunda visita, entregáronlle algunhas das fotografías de Vanunu. O material foi trasladado a Israel para a súa revisión. A resposta israelí foi negar as acusacións, definindo a Vanunu como un técnico menor cun coñecemento limitado das operacións do reactor.[43][44]

Vanunu afirma nas súas cartas que pretendía compartir o diñeiro recibido do xornal pola información coa Igrexa Anglicana de Australia. Mentres tanto, Guerrero, a pesar de terse encontrado con Hounam e Vanunu no aeroporto cando chegaron a Londres e de recibir unha garantía de Hounam de que conseguiría o seu diñeiro, vendeu a historia ao tabloide Sunday Mirror, cuxo propietario era Robert Maxwell. En 1991, Ari Ben-Menashe, que se definía a si mesmo como ex-oficial do Mossad ou tradutor do goberno, afirmou que Maxwell era un axente dos servizos de intelixencia israelís e que informara á embaixada de Israel sobre Vanunu en 1986.[45] Ao compartir a súa historia co Sunday Mirror, Guerrero perdeu o pago acordado de 25.000 dólares de The Sunday Times.[46]

O goberno israelí decidiu capturar a Vanunu, pero para evitar prexudicar a súa boa relación coa primeira ministra Margaret Thatcher, e non querendo arriscarse ao enfrontamento coa intelixencia británica, determinou que Vanunu debería ser persuadido de que abandonase o territorio británico por vontade propia. Os esforzos de Israel para capturar a Vanunu foron liderados por Giora Tzahor.[47]

A través da constante vixilancia e análise por parte de psicólogos, o Mossad descubriu que Vanunu se sentía solitario e que anhelaba compañía feminina. Facéndose pasar por unha turista estadounidense chamada "Cindy", a axente israelí do Mossad Cheryl Bentov fíxose amiga de Vanunu e o 30 de setembro convenceuno para que voase a Roma con ela nunhas vacacións.[48] Mentres tanto, o buque da armada israelí INS Noga recibiu a orde de navegar cara Italia.[49]

O Noga, disfrazado de buque mercante, estaba equipado con equipos de vixilancia electrónica e equipo de comunicacións por satélite na súa superestrutura, e utilizábase principalmente para interceptar o tráfico de comunicacións nos portos árabes. Cando o barco volvía de Antalya, en Turquía, a Haifa, o capitán recibiu instrucións mediante unha mensaxe cifrada para cambiar o rumbo cara a Italia e fondear fronte á costa de La Spezia, en augas internacionais.

Unha vez en Roma, Vanunu e Bentov tomaron un taxi ata un apartamento no casco vello da cidade, onde tres axentes do Mossad apresaron a Vanunu e inxectáronlle unha droga paralizante. Esa noite chegou unha furgoneta branca contratada pola embaixada de Israel, e Vanunu foi trasladado ata o vehículo atado a unha padiola. A furgoneta dirixiuse con Vanunu e os axentes ata o peirao de La Spezia, onde subiron a unha lancha que os agardaba e coa que chegaron ata o Noga. Os tripulantes do Noga recibiron a orde de se reunir todos no salón común do barco e pechar as portas, mentres os axentes do Mossad subían a Vanunu ao barco, que logo partiu cara a Israel. Durante a viaxe, mantiveron ao secuestrado nun camarote illado, onde era interrogado polos axentes do Mossad, mentres que a ningún dos tripulantes do Noga se lle permitía achegarse.

O 7 de outubro, o barco fondeou fronte ás costas de Israel entre Tel Aviv e Haifa, onde foi recibido por un barco máis pequeno ao que foi trasladado Vanunu. Á súa chegada a terra foi interrogado e recluído nunha prisión de Gedera, nunha á dirixida polo Shin Bet.[48][50][17][51] O 5 de outubro, o Sunday Times publicou a información que revelara e estimou que Israel producira máis de 100 cabezas nucleares.[52]

O 9 de novembro de 1986, despois de semanas de informes de prensa que especulaban con que Vanunu fora secuestrado, o goberno israelí confirmou que o mantiña prisioneiro.[53]

Xuízo e prisión[editar | editar a fonte]

O 6 de xaneiro de 1987 iniciou unha folga de fame en protesta polas súas condicións penitenciarias. Durante unha visita do seu irmán Asher e nunha carta ao seu irmán Meir, queixouse, entre outras cousas, de estar en réxime de illamento 23 horas do día. Cando Judy Zimmet viaxou a Israel e pediu visitalo no cárcere, as autoridades penitenciarias dixéronlle que só podían reunirse con el en presenza dos funcionarios da prisión e a través dun vidro. Vanunu rexeitou estas condicións, esixindo que se lle permitise un encontro cara a cara.[54][55][56] Presentou tres recursos ante o Tribunal Supremo de Israel protestando polas súas condicións, que foron rexeitados. Despois de 33 días, puxo fin á súa folga de fame.[57]

O 30 de agosto de 1987 iniciouse o xuízo contra Vanunu. Foi acusado de traizón, espionaxe agravada e recollida de información secreta coa intención de prexudicar a seguridade do Estado. O xuízo, celebrado en segredo, tivo lugar no Tribunal do Distrito de Xerusalén ante o xuíz presidente Eliyahu Noam e os xuíces Zvi Tal e Shalom Brenner. Vanunu foi representado inicialmente por Amnon Zichroni e máis tarde por Avigdor Feldman, un destacado avogado israelí de dereitos humanos e civís. O fiscal foi Uzi Hasson.[58] Negóuselle o contacto cos medios de comunicación, pero inscribiu os detalles da súa detención (ou "secuestro", como el lle chamou), na palma da súa man, que colocou contra a fiestra da furgoneta mentres era trasladado ao xulgado, á vista da prensa que estaba fóra agardando.

A pena de morte en Israel está restrinxida a circunstancias especiais, e foi aplicada só en dúas ocasións. A traizón é un delito capital segundo a lei israelí e Vanunu podería terse enfrontado á pena de morte, pero o fiscal Uzi Hasson anunciou que non solicitaría dito castigo.[59]

Durante o seu xuízo, Vanunu foi levado ao xulgado usando un casco de motocicleta para ocultar o seu rostro. O 1 de setembro de 1987, mentres se levaban a cabo as disposicións xudiciais, intentou quitar o casco e comezou a berrar nun aparente intento de falar cos xornalistas próximos. Os seus gardas detivérono usando a forza, e as sirenas da policía acendéronse para afogar a súa voz.[60][61] Peter Hounam e Frank Barnaby declararon como testemuñas da defensa. Antes de comparecer no xulgado, Hounam foi advertido de que sería detido se informaba sobre o proceso ou sobre o seu propio testemuño.[62][34]

O 28 de marzo de 1988, Vanunu foi declarado culpable e condenado a 18 anos de prisión desde a data do seu secuestro en Roma.[63] O goberno israelí negouse a divulgar a transcrición do caso xudicial ata que, baixo a ameaza de accións legais, acordou que se publicaran extractos censurados en Yedioth Ahronoth, un xornal israelí, a finais de 1999.

Vanunu cumpriu a súa condena na prisión de Shikma en Ascalón,[31] onde foi recluído en réxime de illamento. O 3 de maio de 1989, apelou a súa condena ante o Tribunal Supremo de Israel e foi levado dende a prisión ata o tribunal nun vehículo policial pechado para unha audiencia de apelación.[64] En 1990 o seu recurso foi rexeitado.[65] Ao ano seguinte tamén foi rexeitado un recurso ante o Tribunal Supremo que pedía mellores condicións penitenciarias.[66] O 12 de marzo de 1998, despois de pasar máis de once anos en illamento, foi posto xunto ao resto da poboación xeral da prisión.[67] Durante o seu tempo no cárcere participou en pequenos actos de rebeldía, como rexeitar o tratamento psiquiátrico, negarse a iniciar conversacións cos gardas, ler só xornais en inglés en lugar de en hebreo, negarse a traballar, negarse a almorzar cando era servido, e ver só a BBC. "É a persoa máis teimosa, con máis principios e máis dura que coñecín", dixo o seu avogado, Avigdor Feldman. En 1998, Vanunu apelou ao Tribunal Supremo para que se lle revogase a cidadanía israelí. O ministro do Interior denegou a solicitude alegando que non tiña outra cidadanía. Negóuselle a liberdade condicional porque se negou a prometer que nunca falaría das instalacións de Dimona nin do seu secuestro e encarceramento.[68][69]

Moitos críticos argumentan que Vanunu non tiña información adicional que supuxese unha ameaza real de seguridade para Israel e que a única motivación do seu goberno era evitar a vergoña política e as complicacións financeiras para si mesmo e para os seus aliados, como os Estados Unidos. Ao non recoñecer a posesión de armas nucleares, Israel evitaba a prohibición legal dos Estados Unidos de financiar países que desenvolvesen armas de destrución masiva. Deste xeito Israel evitaba perder os miles de millóns de dólares anuais que recibía dende Washington.[70]

O 15 de abril de 2015, o Arquivo de Seguridade Nacional da Universidade George Washington publicou documentos que corroboraban as declaracións de Vanunu sobre o Centro de Investigación Nuclear de Dimona Negev. Os documentos arquivados detallan o descubrimento dos enganos nucleares de Israel, os debates en Washington sobre a falta de franqueza de Israel e as presións estadounidenses sobre os israelís para que respondesen preguntas clave sobre as instalacións de Dimona.[71]

Denegóuselle a liberdade condicional nunha vista en maio de 1998.[72] Cinco anos despois, rexeitouse de novo a súa liberdade condicional. Nesta ocasión, o avogado de Vanunu, Avigdor Feldman, sostivo que o seu cliente non tiña máis segredos e debería ser liberado. Con todo, a fiscalía argumentou que a inminente guerra con Iraq impediría a súa liberación. Despois da audiencia, Feldman declarou: "O fiscal dixo que se Vanunu fose liberado, os estadounidenses probablemente abandonarían Iraq e irían por Israel e polas armas nucleares de Israel, o que me pareceu extremadamente ridículo". A identidade de quen realmente bloqueaba a liberación de Vanunu, e que era coñecido só como "Y", foi revelada en 2001 como Yehiyel Horev, o xefe da rama de segredos nucleares e militares do Mossad.[73]

Liberación, restricións de liberdades e solicitudes de asilo[editar | editar a fonte]

Vanunu saíu da prisión o 21 de abril de 2004. Rodeado de decenas de xornalistas e flanqueado por dous dos seus irmáns, realizou unha improvisada rolda de prensa pero rexeitou responder ás preguntas en hebreo polo sufrimento que dixo sufrir a mans do Estado de Israel. Dixo que a axencia de espionaxe de Israel, o Mossad, e os servizos de seguridade do Shin Bet intentaran roubarlle a cordura manténdoo en illamento. "Non conseguistes romperme, non conseguistes volverme tolo", dixo. Tamén pediu o desarme nuclear de Israel e o seu desmantelamento como Estado xudeu. Ao redor de 200 simpatizantes e un número menor de contramanifestantes asistiron á conferencia.[31] Ademais expresou o seu desexo de disociarse por completo de Israel, negándose inicialmente a falar en hebreo, e planeando mudarse a Europa ou aos Estados Unidos, tan pronto como o goberno israelí lle permitise facelo.

Pouco antes da súa liberación, foi interrogado polo Shin Bet e mantívose en todo momento desafiante. Nas gravacións da entrevista feitas públicas tras a súa liberación, escóitaselle dicir: "Non son nin un traidor nin un espía, só quería que o mundo soubese o que estaba a pasar". Tamén dixo: "Non necesitamos un Estado xudeu. Ten que haber un estado palestino. Os xudeus poden vivir e viviron en calquera lugar, polo que non é necesario un Estado xudeu".[74]

A pesar de quedar libre, impuxéronselle varias condicións e prohibicións, aínda vixentes: prohibición de saír de Israel, prohibición de falar con estranxeiros sen autorización do Shin Bet, prohibición de achegarse a menos de 500 metros, dun paso fronteirizo ou dun aeroporto, prohibición de achegarse a menos de 90 metros dunha embaixada estranxeira, vixilancia sobre o seu teléfono e rede de internet e obrigación de notificar ás autoridades calquera cambio no seu lugar de residencia e nomes das persoas coas quen pretenda reunirse.[75][76][77][78]

Trala súa liberación trasladouse a un apartamento en Jaffa.[79] Despois de que o seu enderezo fose publicado nos medios de comunicación, decidiu vivir na catedral de San Xurxo en Xerusalén. Recibiu de xeito habitual visitantes e simpatizantes e desafiou repetidamente as condicións da súa liberación dando entrevistas a xornalistas estranxeiros.[80]

O 22 de abril de 2004 pediu ao goberno de Noruega un pasaporte noruegués e asilo no país por "razóns humanitarias", segundo os medios noruegueses. Tamén enviou solicitudes a outros países, e afirmou que aceptaría asilo en calquera país porque temía pola súa vida. O ex primeiro ministro noruegués conservador Kåre Willoch pediulle ao goberno conservador que lle dese asilo a Vanunu, e a Universidade de Tromsø ofreceulle un traballo. O 9 de abril de 2008 fíxose público que a solicitude de asilo de Vanunu en Noruega fora rexeitada en 2004 por Erna Solberg, naquel momento ministra no goberno de coalición liberal liderado polo entón primeiro ministro Kjell Magne Bondevik

Aínda que a Dirección de Estranxeiría de Noruega (UDI) estaba preparada para conceder asilo a Vanunu, de súpeto decidiuse que a solicitude non podía ser aceptada porque fora solicitada desde fóra das fronteiras de Noruega. Un documento non clasificado revelou que Solberg e o goberno consideraban que sacar a Vanunu de Israel podería ser visto como unha acción contra Israel e, polo tanto, inadecuado ao papel tradicional do goberno noruegués como amigo de Israel e como actor político en Oriente Medio. Desde que se revelou a información, Solberg rexeitou as críticas e defendeu a súa decisión.[81][82][83]

En 2006, a xefa da sucursal británica de Amnistía Internacional, Kate Allen, escribiu que Microsoft lle entregara a Israel os detalles da conta de correo electrónico de Hotmail de Vanunu, mentres as autoridades israelís investigaban se se estaba comunicando con xornalistas estranxeiros. A entrega produciuse sen orde xudicial.[84]

As peticións internacionais para a súa liberdade de movemento e de expresión foron ignoradas ou rexeitadas por Israel. O 11 de outubro de 2010, o Tribunal Supremo de Israel rexeitou a apelación de Vanunu de que se anulasen as restricións e se lle permitise saír de Israel e falar con estranxeiros.[85] Continuou realizando a mesma petición varias veces durante a seguinte década, sendo sempre rexeitada.

Detencións e novas condenas[editar | editar a fonte]

Tras a súa liberación en 2004, Vanunu compareceu ante os tribunais israelís en numerosas ocasións acusado de violar os termos da súa liberación. O 11 de novembro de 2004 foi detido pola Unidade de Investigacións Internacionais da Policía de Israel mentres almorzaba. A detención derivou dunha investigación en curso que examinaba as sospeitas de filtrar segredos nacionais e de violar as disposicións legais desde a súa saída de prisión. A policía irrompeu no recinto amurallado da catedral de San Xurxo, levando documentos e un ordenador da habitación de Vanunu.[86] Despois dunhas horas de detención, Vanunu foi posto en arresto domiciliario durante sete días.[87]

O 24 de decembro de 2004, nun vehículo rotulado como pertencente á prensa estranxeira, Vanunu foi detido pola policía israelí mentres intentaba entrar en Cisxordania violando as súas restricións de liberación, supostamente para asistir a unha misa na Basílica da Natividade en Belén. Despois de pagar unha fianza de 50.000 novos shekels, foi posto en arresto domiciliario durante cinco días.[88]

O 26 de xaneiro de 2005, a BBC informou de que o seu vice-xefe da oficina de Xerusalén, Simon Wilson, fora expulsado de Israel despois de negarse a enviar aos censores israelís material dunha entrevista que lle fixera a Vanunu.[89] Wilson foi autorizado a regresar a Israel o 12 de marzo de 2005, tras asinar unha carta de desculpas na que recoñeceu que desafiou a lei entrevistando a Vanunu.[90]

O 18 de novembro de 2005, Vanunu foi detido no posto de control de al-Ram, ao norte de Xerusalén, cando regresaba en autobús desde Cisxordania. Segundo as autoridades israelís, a súa prohibición de viaxar inclúe tamén as visitas aos Territorios Palestinos Ocupados.[91][92]

En 2007 foi de novo condenado e sentenciado a seis meses de prisión por violar a prohibición de contactar con estranxeiros e viaxar fóra de Xerusalén.[93][94] Posteriormente a súa pena foi reducida a tres meses e ofrecéuselle conmutala por servizos á comunidade en Xerusalén Oeste. Temendo pola súa seguridade, pediu realizar os servizos en Xerusalén Leste, pero a solicitude foi rexeitada. A pesar das protestas de ONG's como Amnistía Internacional, o 24 de maio de 2010, ingresou de novo en prisión,[95] onde foi posto de novo en réxime de illamento.[96] Saíu o cárcere o 8 de agosto.[97]

O 19 de maio de 2015 casou coa profesora norueguesa Kristin Joachimsen na Igrexa Luterana do Redentor de Xerusalén.[98][99]

En xullo de 2017 foi condenado por falar con estranxeiros a unha pena de dous meses de prisión, suspendida a menos que "cometa outro delito similar nos próximos tres anos". Tamén foi condenado a 120 horas de traballos en beneficio da comunidade.[100]

Galardóns e recoñecementos[editar | editar a fonte]

Reunión entre Vanunu, Ali Kazak e o bispo Riah Abu Assal en Xerusalén en 2005.

En 1987 foi galardoado co Premio Right Livelihood. Ese mesmo ano foi nomeado por primeira vez ao Premio Nobel da Paz e repetiu nomeamento durante todos os seguintes anos ata 2009,[101] cando pediu non volver ser nomeado a un premio que gañara anteriormente Shimon Peres, ao que consideraba o principal responsable da política atómica de Israel.[102]

En 2001 recibiu un doutoramento honoris causa pola Universidade de Tromsø.  En setembro de 2004 recibiu a LennonOno Grant for Peace, un premio da paz fundado pola artista e músico Yoko Ono en memoria de John Lennon, o seu defunto marido. 

En decembro de 2004, foi elixido polos estudantes da Universidade de Glasgow para servir durante tres anos como reitor.[103] O 22 de abril de 2005, foi oficialmente instalado no cargo, pero non puido desempeñar ningunha das súas funcións xa que aínda estaba confinado a Israel. O xornal The Herald lanzou unha campaña para a súa liberación.[104] En 2005 recibiu o Premio da Paz do Pobo Noruegués (Folkets fredspris).[105]

O 21 de setembro de 2010, a Fundación Teach Peace recoñeceu a Mordechai Vanunu polas súas valentes accións para deter o desenvolvemento e proliferación de armas de destrución masiva por parte do goberno israelí.[106] Ese mesmo ano, a Liga Internacional de Dereitos Humanos premiouno coa Medalla Carl von Ossietzky,[107] e enviou cartas abertas ao primeiro ministro israelí Benjamin Netanyahu, ao ministro de Defensa Ehud Barak e ao ministro do Interior Eli Yishai, pedindo a saída de Vanunu de Israel para permitirlle recibir a medalla na cerimonia de entrega de premios en Berlín. A carta estaba asinada por varios premios Nobel como Mairead Maguire, Günter Grass, Harold W. Kroto e Jack Steinberger.[108] A solicitude foi rexeitada e a cerimonia de entrega de medallas de Berlín foi redeseñada como un acto de protesta en apoio de Vanunu e do desarme nuclear. Compúxose unha peza musical para a ocasión, dedicada a Vanunu e titulada The Dove.[109]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Vanunu: Take my Citizenship" (en inglés). 8 de maio de 2011. Consultado o 28 de xullo de 2022. 
  2. "Mordechai Vanunu" (en inglés). 21 de abril de 2004. Arquivado dende o orixinal o 12 de maio de 2013. Consultado o 28 de xullo de 2022. 
  3. Harding, Luke; Campbell, Duncan (12 de decembro de 2006). "Calls for Olmert to resign after nuclear gaffe". The Guardian (en inglés). Consultado o 28 de xullo de 2022. 
  4. 4,0 4,1 4,2 Greg, Myre (21 de abril de 2004). "Israeli Who Revealed Nuclear Secrets Is Freed". The New York Times (en inglés). Consultado o 28 de xullo de 2022. 
  5. "Israeli nuclear spy released". CNN (en castelán). 21 de abril de 2004. Consultado o 29 de xullo de 2022. 
  6. "Israel: Mordechai Vanunu sentence clear violation of human rights". Amnistía Internacional (en inglés). Consultado o 29 de xullo de 2022. 
  7. "Correspondent: Israel's Secret Weapon (transcrición)". BBC (en inglés). 17 de marzo de 2003. Consultado o 29 de xullo de 2022. 
  8. "Capturing Nuclear Whistle-blower Was A Lucky Stroke,' Agents Recall" (en inglés). 12 de novembro de 2006. Consultado o 29 de xullo de 2022. 
  9. Stephens, Bret (26 de abril de 2004). "The meaning of Vanunu" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 29 de xullo de 2022. Consultado o 29 de xullo de 2022. 
  10. "Vanunu: traitor or prisoner of conscience?" (en inglés). 22 de abril de 2004. Consultado o 29 de xullo de 2022. 
  11. Baron, Dan (23 de abril de 2004). "Vanunu: Hero or traitor?" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 8 de decembro de 2012. Consultado o 29 de xullo de 2022. 
  12. "Vanunu 'wanted to avert holocaust" (en inglés). 29 de maio de 2004. Consultado o 29 de xullo de 2022. 
  13. Daniel, Ellsberg (21 de abril de 2004). "Nuclear Hero’s ‘Crime’ Was Making Us Safer" (en inglés). Consultado o 29 de xullo de 2022. 
  14. 14,0 14,1 Hounam 1998, pp. 31-32.
  15. 15,0 15,1 15,2 ""I Felt like a Stranger; I Was Alone"" (en inglés). 24 de novembro de 1999. Consultado o 29 de xullo de 2022. 
  16. Fisk, Robert (26 de marzo de 2004). "The Ordeal of Mordechai Vanunu" (en inglés). Consultado o 29 de xullo de 2022. 
  17. 17,0 17,1 17,2 17,3 Thomas 1999.
  18. 18,0 18,1 Melman, Yossi (25 de abril de 2004). "Who's afraid of Mordechai Vanunu?" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 21 de febreiro de 2009. Consultado o 29 de xullo de 2022. 
  19. "Israel: Plutonium Production". Wisconsin Project On Nuclear Arms (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 28 de novembro de 2006. Consultado o 29 de xullo de 2022. 
  20. Hounam 1998, p. 33.
  21. 21,0 21,1 Hounam 1998, p. 34.
  22. 22,0 22,1 "The apprenticeship of Mordechai Vanunu" (en inglés). 17 de xuño de 2002. Consultado o 29 de xullo de 2022. 
  23. Hounam 1998, pp. 39-40.
  24. Hounam 1998, pp. 36-37.
  25. Gross, Ken (17 de novembro de 1986). "A Man of Mystery Sells a Chilling Story and Then Vanishes". People (en inglés) 26 (20). Consultado o 29 de xullo de 2022. 
  26. Hounam 1998, p. 47.
  27. Fleming 2007, p. 104.
  28. Hounam 1998, p. 39.
  29. Cochran, Thomas B. "The Relevance of Mordechai Vanunu Disclosures to Israel's National Security" (PDF) (en inglés). Consultado o 29 de xullo de 2022. 
  30. Diehl & Moltz 2008, p. 208.
  31. 31,0 31,1 31,2 "Vanunu released after 18 years". The Guardian (en inglés). 21 de abril de 2004. Consultado o 29 de xullo de 2022. 
  32. Hounam 1998, pp. 13-14.
  33. Hounam 1998, p. 53.
  34. 34,0 34,1 34,2 Barnaby, Frank. "Expert opinion of Frank Charles Barnaby in the matter of Mordechai Vanunu" (PDF) (en inglés). Consultado o 29 de xullo de 2022. 
  35. Hounam 1998, p. 12.
  36. Cohen 2003, p. 58.
  37. "Focus: The secrets that shocked the world". The Times (en inglés). 25 de abril de 2004. Consultado o 29 de xullo de 2022. 
  38. Barnaby, Frank (1987). "The Nuclear Arsenal in the Middle East" (PDF). Journal of Palestine Studies (en inglés) 17 (1): 97–106. doi:10.1525/jps.1987.17.1.00p0146h. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 5 de novembro de 2006. 
  39. Hounam 1998, p. 19.
  40. Hounam 1998, p. 21.
  41. Hounam 1998, p. 54.
  42. Hounam 1998, p. 56.
  43. Karsh 2000, p. 146.
  44. Hounam 1998, pp. 60-64.
  45. Verkaik, Robert (10 de marzo de 2006). "The mystery of Maxwell's death" (en inglés). Consultado o 29 de xullo de 2022. 
  46. Hounam 1998, p. 17.
  47. Ronen, Gil (17 de xullo de 2012). "Agent Who Nabbed Vanunu Killed in Accident at Arutz Sheva" (en inglés). Consultado o 29 de xullo de 2022. 
  48. 48,0 48,1 Melman, Yossi (21 de abril de 2004). "Capturing nuclear whistle-blower was `a lucky stroke,' agents recall" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 21 de febreiro de 2009. Consultado o 29 de xullo de 2022. 
  49. Hounam 1998, p. 78.
  50. Hounam 1998.
  51. Cohen 2003, p. 110.
  52. "Mordechai Vanunu: The Sunday Times articles" (en castelán). 21 de abril de 2004. Arquivado dende o orixinal o 9 de xullo de 2009. Consultado o 29 de xullo de 2022. 
  53. Friedman, Thomas L. (10 de novembro de 1986). "Israel confirms it is holding missing nuclear technician". The New York Times (en inglés). Consultado o 29 de xullo de 2022. 
  54. "Vanunu deplores treatment in jail" (en inglés). 28 de xaneiro de 1987. Consultado o 29 de xullo de 2022. 
  55. "Vanunu rejects conditions to meet American girlfriend" (en castelán). 27 de xaneiro de 1987. Consultado o 29 de xullo de 2022. 
  56. "Vanunu Stages Hunger Strike" (en inglés). 7 de xaneiro de 1987. Consultado o 29 de xullo de 2022. 
  57. "Atom Technician Ends His Fast in Israeli Jail". The New York Times (en inglés). 6 de febreiro de 1987. Consultado o 29 de xullo de 2022. 
  58. "Israel opens trial in espionage case". The New York Times (en inglés). 31 de agosto de 1987. Consultado o 29 de xullo de 2022. 
  59. Rosenberg, Carol (24 de marzo de 1988). "Israeli court convicts nuclear technician of treason, spying" (en inglés). Consultado o 29 de xullo de 2022. 
  60. "Israeli Sirens Drown Out a Handcuffed Vanunu". Los Angeles Times (en inglés). 1 de setembro de 1987. Consultado o 29 de xullo de 2022. 
  61. "Vanunu and Police Struggle at Courthouse Door" (en inglés). 2 de setembro de 1987. Consultado o 29 de xullo de 2022. 
  62. Jones, Derek (2001). Censorship: A World Encyclopedia (en inglés). Routledge. p. 2558. 
  63. "Paper prints excerpts from trial of Israeli spy". Chicago Tribune (en inglés). 25 de novembro de 1999. Consultado o 29 de xullo de 2022. 
  64. "Vanunu Appeal Opens in Israel As Italians Rally Behind Him" (en inglés). 4 de maio de 1989. Consultado o 29 de xullo de 2022. 
  65. "High Court Rejects Vanunu’s Appeal, Will Decide on Publishing Decision" (en inglés). 29 de maio de 1990. Consultado o 29 de xullo de 2022. 
  66. "Vanunu Loses Bid for Better Conditions" (en inglés). 5 de novembro de 1991. Consultado o 29 de xullo de 2022. 
  67. "Israel ends 12-year solitary". BBC (en inglés). 13 de marzo de 1998. Consultado o 29 de xullo de 2022. 
  68. "Vanunu to High Court: I no longer want Israeli citizenship" (en inglés). 14 de xullo de 2011. Consultado o 29 de xullo de 2022. 
  69. Goldenberg, Suzanne (5 de xuño de 2002). "Our son, the rebel". The Guardian (en inglés). Consultado o 29 de xullo de 2022. 
  70. Harding, Luke; Campbell, Duncan (13 de decembro de 2006). "Calls for Olmert to resign after nuclear gaffe". The Guardian (en inglés). Consultado o 29 de xullo de 2022. 
  71. "U.S. Documents Corroborate Mordechai Vanunu RE: Israeli WMD" (en inglés). 17 de abril de 2015. Consultado o 29 de xullo de 2022. 
  72. "Vanunu denied parole". BBC (en inglés). 4 de maio de 1998. Consultado o 29 de xullo de 2022. 
  73. "Israeli nuclear 'power' exposed". BBC (en inglés). 16 de marzo de 2003. Consultado o 29 de xullo de 2022. 
  74. "Vanunu defiant ahead of release". BBC (en inglés). 19 de abril de 2004. Consultado o 29 de xullo de 2022. 
  75. Hovel, Revital (1 de xuño de 2014). "Israel: Nuclear Whistle-blower Vanunu Can't Address British Parliament". Haaretz (en inglés). Consultado o 29 de xullo de 2022. 
  76. Blair, David (20 de abril de 2004). "Vanunu questions Israel's right to exist" (en inglés). Consultado o 29 de xullo de 2022. 
  77. "A Hero to Some Peace Activists, Vanunu Seen As a Traitor at Home" (en inglés). 21 de abril de 2004. Consultado o 29 de xullo de 2022. 
  78. "Israel extends Vanunu travel ban". BBC (en inglés). 19 de abril de 2005. Consultado o 29 de xullo de 2022. 
  79. "המרגל מרדכי ואנונו: "אני גאה ומאושר, אין יותר סודות"" (en hebreo). 21 de abril de 2004. Consultado o 29 de xullo de 2022. 
  80. "'I am still here', Vanunu reminds Israel" (en inglés). 8 de abril de 2005. Consultado o 29 de xullo de 2022. 
  81. "Erna Solberg hindret Vanunu i å få asyl" (en noruegués). 9 de abril de 2008. Consultado o 29 de xullo de 2022. 
  82. "Vanunu: - Håper Norge angrer asyl-avslaget" (en noruegués). 9 de abril de 2008. Consultado o 29 de xullo de 2022. 
  83. "Vanunu-venner i harnisk" (en noruegués). 9 de abril de 2008. Consultado o 29 de xullo de 2022. 
  84. Allen, Kate (28 de maio de 2006). "Today, our chance to fight a new hi-tech tyranny". The Guardian (en inglés). Consultado o 29 de xullo de 2022. 
  85. "Israel Denies Vanunu's FREEDOM Again" (en inglés). 11 de outubro de 2010. Consultado o 29 de xullo de 2022. 
  86. Sharrock, David (12 de novembro de 2004). "Israelis seize Vanunu inside cathedral" (en inglés). Consultado o 29 de xullo de 2022. 
  87. "Bishop 'angry' over Vanunu arrest". BBC (en inglés). 11 de novembro de 2004. Consultado o 29 de xullo de 2022. 
  88. "Police keep Vanunu in Jerusalem". BBC (en inglés). 25 de decembro de 2004. Consultado o 29 de xullo de 2022. 
  89. "Israel bars senior BBC producer". BBC (en inglés). 26 de xaneiro de 2005. Consultado o 29 de xullo de 2022. 
  90. McGreal, Chris (12 de marzo de 2005). "BBC says sorry to Israel". The Guardian (en inglés). Consultado o 29 de xullo de 2022. 
  91. "Vanunu held after West Bank visit". BBC (en inglés). 18 de novembro de 2005. Consultado o 29 de xullo de 2022. 
  92. "Mordechai Vanunu-update" (en inglés). 26 de decembro de 2005. Consultado o 29 de xullo de 2022. 
  93. Hasson, Nir (30 de abril de 2007). "Vanunu Convicted of Violating Order Barring Foreign Contacts". Haaretz (en inglés). Consultado o 29 de xullo de 2022. 
  94. "Vanunu jailed again after talks with foreigners". The Guardian (en inglés). 3 de xullo de 2007. Consultado o 29 de xullo de 2022. 
  95. "Israeli nuclear technician Mordechai Vanunu jailed". BBC (en inglés). 24 de maio de 2010. Consultado o 29 de xullo de 2022. 
  96. "Israeli nuclear whistleblower returned to solitary confinement". Amnistía Internacional (en inglés). 18 de xuño de 2010. Consultado o 29 de xullo de 2022. 
  97. "Vanunu Mordechai J.C. - I Am Your Spy" (en inglés). Consultado o 29 de xullo de 2022. 
  98. "Mordechai Vanunu Weds Norwegian Professor in Jerusalem" (en inglés). 20 de maio de 2015. Consultado o 29 de xullo de 2022. 
  99. "Israeli Nuclear Whistle-blower Can't Visit Norwegian Bride" (en inglés). 22 de maio de 2015. Consultado o 29 de xullo de 2022. 
  100. "Israel’s Nuclear Whistleblower Mordechai Vanunu Sentenced and Threatened" (en inglés). 10 de xullo de 2017. Consultado o 29 de xullo de 2022. 
  101. "Mordechai Vanunu and Israel’s Nukes" (en inglés). 31 de xaneiro de 2003. Consultado o 29 de xullo de 2022. 
  102. "Carta de Vanunu ao Comité do Premio Nobel da Paz" (en inglés). Consultado o 29 de xullo de 2022. 
  103. "Vanunu elected university rector". BBC (en inglés). 16 de decembro de 2004. Consultado o 29 de xullo de 2022. 
  104. "Mordechai Vanunu". universitystory.gla.ac.uk (en inglés). Consultado o 29 de xullo de 2022. 
  105. "Norwegian Peace Prize for Mordechai Vanunu" (en inglés). 5 de abril de 2005. Arquivado dende o orixinal o 27 de setembro de 2011. Consultado o 29 de xullo de 2022. 
  106. "Teach Peace Foundation Award Winners" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 16 de xullo de 2011. Consultado o 29 de xullo de 2022. 
  107. "Mordechai Vanunu and the 2010 Carl-von-Ossietzky-Medal" (en inglés). 10 de maio de 2010. Arquivado dende o orixinal o 7 de xullo de 2011. Consultado o 29 de xullo de 2022. 
  108. Melman, Yossi (20 de novembro de 2010). "Nobel Laureates Urge Israel to Let Vanunu Receive Int'l Rights Award". Haaretz (en inglés). Consultado o 29 de xullo de 2022. 
  109. "The Dove, Komposition für Mordechai Vanunu at ilmr" (PDF). ilmr.de (en alemán). Consultado o 29 de xullo de 2022. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]