Moeda axumita

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Moeda de ouro axumita [1]
A/: Busto coroado e drapeado cara á dereita, que sostén cetro, entre dúas espigas, todo dentro dunha orla circular R/: Busto drapeado cara á dereita, que sostén unha póla, entre dúas espigas, todo dentro dunha orla circular

A moeda axumita foi a producida e utilizada no Reino de Axum, situado entre as actuais Eritrea e Etiopía, desde o reinado de Endubis, cara a 270 d. C., ata o declive do reino, na primeira metade do século VII. A partir dese momento, xa en época medieval, a moeda cuñada baixo o Sultanato de Mogadixo foi a que máis circulou nesta rexión do Corno de África.[2]

Mapa do Reino de Axum no século VI, no seu momento de máxima extensión

A moeda axumita serviu como medio de propaganda para demostrar a riqueza do reino e promover a súa relixión, primeiro politeísta e despois o cristianismo oriental. Estas cuñaxes favoreceron tamén o comercio co Mar Vermello, do que se nutría o reino.[3]

O coñecemento actual destas moedas, cuxa denominación na época ignoramos, resultou así mesmo moi valioso para podermos establecer unha cronoloxía fiable dos reis axumitas, ante a carencia de traballos arqueolóxicos exhaustivos nesa rexión.[4]

Historia[editar | editar a fonte]

Período premonetario[editar | editar a fonte]

Aínda que a emisión de moeda cuñada a nome do poder real non comezou ata arredor do ano 270 d. C., é probable que no reino de Axum xa se utilizasen pezas metálicas a modo de moeda desde algúns séculos antes da emisión formal de moeda. O Periplo do Mar Eritreo menciona que o Estado axumita importaba oricalco que se usaba "como adorno e para o cortar como diñeiro", e tamén "un pouco de diñeiro (denarion) para o uso dos estranxeiros que viven alí". Pódese deducir, xa que logo, que os primeiros reis axumitas, situados nas augas comerciais internacionais do Mar Vermello, recoñecían a utilizade da moeda estandarizada para facilitar o comercio tanto interno como con outros pobos.[5]

Influencias[editar | editar a fonte]

Malia seren autóctonos os deseños das moedas axumitas, resultan innegables as influencias externas que fomentaron o uso da moeda. Na época en que se produciron as primeiras emisións en Axum, o comercio co Imperio Romano no Mar Vermello estaba moi estendido e non só se aprecian influencias da moeda romana, senón tamén das emisións cuxanas e das persas. Nas principais cidades de Axum acháronse moedas destas e doutras procedencias, aínda que en cantidades moi pequenas, polo que se supón que a circulación de moeda estranxeira foi moi limitada.[6]

Aínda que os reinos do sur de Arabia tamén cuñaran moedas, estas deixaran xa de utilizarse na época da participación dos axumitas naquela rexión baixo o rei Gadarat, e só en moi contadas ocasións se producían cuñaxes en electro ou en ouro, o que fai improbable a súa influencia. No entanto, o maior pulo non se produciu por emulación senón por motivos económicos: o Mar Vermello e as súas costas sempre foran unha zona de comercio internacional e as moedas facilitarían en gran medida o comercio e a riqueza na rexión.[7]

Malia estas influencias, estas eran lixeiras e pouco abundantes, e o deseño das moedas se considera xenuinamente autóctono.[4]

Monarcas[editar | editar a fonte]

Moeda de ouro a nome de Endubis [8]
A/: Busto drapeado cara á dereita, con toucado, entre espigas, cunha bóla por riba dentro dunha media lúa.

Lenda: ENDUBIS / BASILEUS ("Endubis Rei").

R/: Busto drapeado cara á dereita, con toucado, entre espigas, cunha bóla por riba dentro dunha media lúa.

Lenda: AXwMITw BISIDACU ("dos axumitas de Dakhu").

  • Data: Ca. 270-300 d. C.
  • Monarca: Endubis, rei de Axum (270-300 d. C.).
  • Metal: ouro.
  • Diámetro: 15,6 mm.
  • Peso: 2,72 g.

As moedas axumitas foron emitidas a nome de dezaoito monarcas, desde Ca. 295 ata Ca. 620: Endubis, Aphilas, Ousanas, Wazeba, Ezana, Ouazebas, Eon, Mehadeyis, Ebana, Nezana, Ousas, Kaleb, Armah, Wazena, Israel, Gersem, Ioel e Hataz.[9]

De todas elas, as emisións máis sobranceiras son as correspondentes aos reinados de Endubis, Aphilas e Ezana.

Endubis[editar | editar a fonte]

Endubis (270-300) foi o primeiro rei axumita do que se coñece que cuñase moeda. As súas emisións caracterízanse pola representación en exclusiva da súa imaxe, tanto nos anversos como nos reversos, consistente na súa cabeza e a metade superior do seu peito de perfil, cun toucado ou un casco rexio e abundantes xoias. Ademais do seu nome monárquico, Endubis engadiu nas inscricións das súas lendas o seu nome bisi, unha práctica que continuaron os seus sucesores inmediatos, pero que pouco e pouco foron abandonando os posteriores. O nome bisi respondía a unha especia de filiación tribal ou ethnikon, é dicir, unha referencia á liñaxe do rei, que era diferente para cada monarca.[10]

Endubis facía énfase na súa crenza relixiosa a través do símbolo precristián do disco e a media lúa, como medio de propaganda, a través das súas emisións monetarias. Outro dos motivos característicos de Enubis e continuado nas emisións dos seus sucesores foi o das espigas de orxo ou de trigo a ambas as beiras da súa cabeza de perfil. Aínda que non existen probas de inscricións, dada a súa posición preeminente arredor das imaxes do rei, as dúas espigas deberon ser símbolos representativos do Estado axumita.[3]

Aínda que as moedas posteriores serían máis pequenas, Endubis escolleu o áureo romano como padrón da moeda axumita e emitiu moedas co valor de medio áureo cun peso teórico que se estima en 2,725 gramos.[10][11]

Aphilas[editar | editar a fonte]

Moeda de prata a nome de Aphilas [12]
A/: Busto drapeado cara á dereita, cunha bóla por riba dentro dunha media lúa. R/: Busto drapeado cara á dereita, con toucado, dentro dun aro, cunha bóla por riba dentro dunha media lúa.
  • Data: Ca. 310-320 d. C.
  • Monarca: Aphilas, rei de Axum (Ca. 310 - Ca. 320).
  • Metal: prata.
  • Diámetro: 12,5 mm.
  • Peso: 0,72 g.

En tanto que todas as moedas cuñadas por Endubis amosan o retrato do rei con toucado ou con casco, algunhas das de Aphilas (Ca. 310 - Ca. 320) representan o monarca cunha gran coroa alta sobre o seu toucado. Esta coroa presenta columnatas de arcos que soportan altas espigas, sobre as que descansan grandes discos de composición non identificada. Ademais da coroa e o toucado, algunhas moedas de Aphilas inclúen tamén outras imaxes de regalía, como unha lanza unha póla con bagas, armas e borlas con flocos adobiando a túnica imperial, ademais doutras xoias, como amuletos e brazaletes. Malia estas innovacións, Aphilas continuou a utilizar a imaxe de si mesmo con toucado rexio nalgunhas moedas, ás veces só no reverso, en tanto que a súa imaxe coroada só se acha no anverso.[13]

Unha das emisións inclúe a súa imaxe de fronte no anverso, unha característica que non se continuou nos reinados seguintes, aínda que foi retomada nas emisións dos derradeiros monarcas. Outros dous trazos significativos das cuñaxes de Aphilas tamén foron abandonados polos seus sucesores: unha delas foi a inscrición "Rei Aphilas" como único elemento do reverso das moedas —a única cara puramente epigráfica das emisións axumitas—; e a outra foi o uso dunha única espiga de orxo ou de trigo como reverso, aínda que o uso de espigas rodeando a imaxe do monarca si que continuou.[14]

Aphilas introduciu unha serie de padróns diferentes para os tres metais, algúns dos cales perduraron ata o século VII, en tanto que a vixencia doutros rematou co seu reinado. Das súas novas moedas de ouro —emitidas xunto coas máis antigas—, con valores dun cuarto e dun oitavo de áureo, só se coñece hoxe un exemplar de cada unha e foron abandonadas axiña. Tamén se acharon moedas co peso de 1/16 de áureo, aínda que é máis probable que se trate de rebaixas de peso deliberadas para aumentar os beneficios.[14][15]

No entanto, a moeda de prata de Aphilas, emitida coa metade de peso con respecto á de ouro, converteuse no novo padrón axumita para a prata ata a fin da súa cuñaxe. É presumible que as moedas máis antigas fosen máis valiosas do que se precisaba, e a nova moeda solucionou este problema. Pola súa banda, as moedas de bronce de Aphilas duplicáronse ata os 4,83 gramos. A rareza actual desta moeda pode ser un testemuño da súa rápida retirada do mercado, do mesmo xeito que se supón que ocorreu co cuarto de áureo deste monarca. Estas dúas emisións son as dúas únicas de Aphilas que representan o rei de fronte e non de perfil.[14]

Ezana[editar | editar a fonte]

Moeda de prata a nome de Ezana [16]
A/: Busto drapeado cara á dereita, con toucado, cunha bóla por riba dentro dunha media lúa.

Lenda: HZA / NAS

R/: Busto drapeado cara á dereita, con toucado, dentro dun aro, cunha bóla por riba dentro dunha media lúa.

Lenda BACIAEYC

  • Data: Ca. 330-350 d. C.
  • Monarca: Ezana, rei de Axum (325-356).
  • Metal: prata.
  • Diámetro: 11,0 mm.
  • Peso: 0,62 g.

Durante o reinado de Ezana (325-356) produciuse un cambio significativo tanto no propio reino de Axum como na súa cuñaxe, como consecuencia do cambio da asunción do cristianismo como relixión oficial do reino, un dos primeiros estados en facelo. En tanto que as moedas da primeira metade do reinado de Ezana eran case idénticas ás de Aphilas —agás pola redución de peso—, na segunda metade comezaron a utilizarse uns deseños con diferenzas moi marcadas. Ezana comezou a introducir a cruz cristiá nas súas cuñaxes, o que constituíu a primeira aparición deste símbolo relixioso nas moedas en todo o mundo. Algunhas moedas de ouro desta época cristiá teñen un peso anterior á reforma ponderal de Constantino I do ano 324, o que indica unha conversión anterior a esta data ou, talvez, uns anos posterior, xa que é posible que os pesos da moeda axumita non cambiasen inmediatamente.[17]

Xunto coa adopción da cruz nas moedas veu, loxicamente, o abandono doutros símbolos, como a estrela ou a media lúa. Tamén se atoparon moedas de Ezana carentes de simboloxía, xunto con outras de similar tipoloxía pertencentes ao seu pai, Ousanas. Estas moedas poden reflectir unha transición na relixión de Axum, cando Frumencio, o primeiro bispo de Axum, influíu no pai de Ezana e reuniu os cristiáns no país, dándolles peso aos escritos de Rufino.[18] A falta de símbolos en conxunto pode reflectir unha maior incerteza sobre a mellor maneira de amosar o cambio da relixión oficial axumita.[19]

As moedas cristiás posteriores a Ezana reflicten a adopción do padrón de 4,54 gramos establecido por Constantino, e o peso teórico das moedas axumitas tamén decreceu a 1,70 para as moedas de ouro.[18]

Deseños e lendas[editar | editar a fonte]

Moedas do rei Endubis. Na da esquerda lese en grego BACIΛEYC AΧWMITW ("Emperador de Axum") e na da dereita ΕΝΔΥΒΙϹ ΒΑCΙΛΕΥϹ ("Rei Endubis"). Conservadas no Museo Británico.

As lendas das moedas axumitas adoitaban estar escritas en grego, xa que unha gran parte do seu comercio se realizaba co chamado Oriente Grego. Posteriormente comezaron a ter máis presenza as inscricións en lingua ge'ez, a propia dos axumitas, o que probablemente veña indicar un declive no seu uso opara o comercio internacional —por exemplo, con Roma e a India—.[10]

No anverso das moedas, practicamente sempre aparece unha imaxe do monarca cunha coroa ou ben cun casco ou un toucado rexio. O toucado adoita amosar algúns trazos que poden representar simples pregamentos ou ben raios do Sol, e é común ver un extremo atado dun pano ou un filete para suxeitar o casco ou o toucado. A maioría das moedas tamén inclúen unha inscrición, normalmente en grego, co significado de "Rei de Axum" ou "Rei dos axumitas".[10] No entanto, tamén se cuñaron moitas moedas de xeito anónimo —ou mesmo póstumas—, especialmente durante o século V.[4]

As inscricións das lendas poden reflectir tamén o nome bisi ("home de", en ge'ez: bə'əsyä ብእስየ)[20] ou un epíteto (comezando por "o que", en ge'ez: Əllä, እለ), ademais do nome persoal do rei. Os nomes bisi utilizábanse máis adoito en conxunción cos nomes persoais nas moedas das primeiras épocas, en tanto que os epítetos son máis comúns das moedas posteriores —nalgúns casos mesmo son os únicos nomes que se amosan—.[4]

Os textos en grego aparecen conxuntamente cos escritos en linguaxe ge'ez, aínda que a primeira foi a única empregada nas moedas de ouro, coa única excepción das moedas de Wazeba e de Mehadeyis, con inscricións en ge'ez. Co tempo, a lingua grega das inscricións das moedas foi dexenerando, en paralelo á decadencia do Reino de Axum. Ademais, a partir do reinado de Mehadeyis para as moedas de bronce e do de Wazeba para as de prata, o ge'ez foi substituíndo gradualmente o grego nas lendas.[11]

Lemas[editar | editar a fonte]

Na moeda axumita utilizouse unha serie de lemas a partir do século IV. Arredor desta época, o rei Ezana ou un dos seus sucesores cuñaron numerosas moedas de bronce anónimas coa lenda grega Βασιλεύς (Basileus, "Rei") nos seus anversos. Estas moedas portaban nos seus reversos os primeiros exemplos de lemas axumitas: "Que isto compraza ao pobo" (en grego: ΤΟΥΤΟΑΡΕΣΗΤΗΧΩΡΑ). Posteriormente, este lema foi escrito en ge'ez sen vocalizar, como ለሐዘበ ፡ ዘየደአ (LʾḤZB ZYDʾ) e baixo o rei Kaleb tamén como ለሀገረ ፡ ዘየደአ (LHGR ZYDʾ), co significado de "Que isto compraza a cidade [ou o país]". Outros monarcas utilizaron lemas similares. As moedas do emperador Armah, de principios do século VII, tiñan escrito no reverso ፈሰሐ ፡ ለየከነ ፡ ለአዘሐበ" (FŚḤ LYKN LʾḤZB), co significado de "Que haxa alegría para o pobo").[21]

Fontes dos materiais[editar | editar a fonte]

Ouro[editar | editar a fonte]

A procedencia do ouro para as cuñaxes parece que foi diversa. Unha parte procedía de Sasu (ao sur de Sudán) e é probable que tamén de fontes etíopes máis próximas, aínda que isto último non está ben documentado. Hai testemuños do comercio do ouro desde as zonas do sur de Etiopía, como a provincia ou o reino medieval de Innarya, a partir do século VI —a través dos escritos do mercador grego Cosmas Indicopleustes—, e este comercio mantívose mesmo ata o século XVIII, como constata o viaxeiro escocés James Bruce. Outras fontes foron o comercio coa rexión do actual Cimbabue e tamén con outras zonas máis setentrionais, como Gojjam e a actual Eritrea, aínda que non hai unha certeza total sobre estas dúas últimas.[22] No entanto, nun intento recente de explotación aurífera en Eritrea atopáronse depósitos deste metal en Emba Derho, e tamén hai testemuños de depósitos de ouro en Zara, no centro-oeste de Eritrea.[23]

Prata e bronce[editar | editar a fonte]

Moeda de bronce a nome de Gersem [24]
A/: Busto coroado do rei de fronte, con dúas cruces aos lados.

Lenda: "Rei Gesem" (en ge'ez).

R/: Gran cruz central, con bólas nos remates.

Lenda: "+ Conquista por Cristo" (en ge'ez).

  • Data: Ca. 600 d. C.
  • Monarca: Gersem, rei de Axum (Ca. 600 d. C.).
  • Metal: bronce.
  • Diámetro: 17 mm.
  • Peso: 1,25 g.

En tanto que as fontes locais do ouro están máis documentadas na época axumita, a prata parece que foi máis rara en Axum. Non hai mención de minas deste metal na rexión ata os séculos XV e XVI. No entanto, a súa importación si que está documentada, en fontes como o Periplo do Mar Eritreo,[25] aínda que esta non debeu ser a única fonte de prata en Axum, dada a relevancia das súas emisións monetarias neste metal. Ademais, unha cantidade relevante de moedas de prata contén incrustacións deliberadas de ouro —presumiblemente para aumentar o seu valor—, o cal resultaría innecesario se a prata fose tan escasa como para ter que ser importada como fonte principal.[22] A prata púidose obter tamén a partir da refinación do ouro, que ás veces se produce de xeito natural xunto nunha aliaxe coa prata denominada electro.[4]

No relativo ás moedas de cobre e de bronce, non parece que o material existise localmente no imperio axumita, aínda que si que se testemuña a súa importación no Periplo do Mar Eritreo.[22]

Valor[editar | editar a fonte]

Aínda que as emisións de ouro eran, sen dúbida, as máis valiosas, seguidas das de prata, non se coñece unha relación exacta entre as cuñaxes nos tres metais (ouro, prata e bronce). A subministración de ouro estaba controlada estritamente polo Estado axumita —como sinala Cosmas Indicopleustes—, do mesmo xeito que outros metais preciosos, o que lle permitía asegurar o uso das moedas deste metal.[10]

A calidade dos metais e as aliaxes das moedas tamén estaba suxeita a un control estrito, para manter, polo xeral, unha gran pureza. Por exemplo, a pureza máis baixa rexistrada ata agora nas moedas de Aphilas foi do 90 por cento.[11] Canto aos pesos, as primeiras emisións estaban moi próximas aos seus pesos teóricos e algunhas mesmo os superaban.[14] No entanto, o peso das moedas tendeu a diminuír co tempo, aínda que non de xeito continuado nin uniforme.[4][11] Isto pode reflectir o desexo de se axustar á reforma monetaria de Diocleciano do ano 301, cando o áureo se reduciu desde 1/60 de libra a 1/72. Malia a diminución de peso, a pureza do ouro mantívose en gran medida, mesmo nos monarcas posteriores. A relativa abundancia de moedas axumitas, así como as moitas que se supón que aínda non se acharon, [26] indica que Axum debeu ter acceso a grandes cantidades de ouro.[11]

Padróns ponderais[editar | editar a fonte]

Emisións en ouro[editar | editar a fonte]

As moedas de ouro, cuxo nome na súa época descoñecemos, tiñan ao principio das súas emisións (Ca. 270-300 d. C) un peso medio de entre 2,5 e 2,8 gramos, e un diámetro de entre 15 e 21 milímetros. Estas características facíana corresponder co medio áureo romano, cuxa unidade pesaba entre 4,62 e 6,51 gramos na época de Probo. A emisión de ouro do rei Israel (570-600 d. C.) foi de 1,5 gramos e 17 mm de diámetro. A maioría destas moedas foron achadas no sur de Arabia, e non en Axum.

Emisións en prata[editar | editar a fonte]

Tamén a partir de Endubis, estas moedas, de nome igualmente descoñecido, tiñan un peso de entre 2,11 e 2,5 gramos, equivalente á metade do peso dun antoniniano romano, cuxa unidade pesaba de 3,5 a 4,5 gramos. O denario nos inicios do século III pesaba entre 2,5 e 3,00 gramos, con só un 52 % de prata ou menos, mais as moedas de Axum eran dunha prata case pura ao principio, aínda que co tempo se foron degradando.

Emisións en metais non nobres[editar | editar a fonte]

A maioría das moedas axumitas de bronce acháronse no propio territorio do reino, con poucas aparicións en Xudea, Meroe e Exipto. Baséanse máis ou menos nas dimensións dos antigos ases e sestercios romanos, tanto no diámetro como no grosor.

Comercio[editar | editar a fonte]

Durante a época en que o Reino de Axum cuñou a súa moeda, este Estado tiña xa unha longa tradición de comercio con Roma, Grecia, o Imperio Persa e a India. O feito de que a cuñaxe da moeda propia comezase tan tarde resulta, xa que logo, sorprendente e pode atribuírse á falta dunha economía desenvolvida, necesaria para que a moeda sexa aceptada para o seu uso.[7]

A maioría das moedas axumitas coñecidas atopáronse nos grandes centros comerciais e moi poucas en aldeas e en zonas remotas, onde o comercio se realizaba a través do troco e non da moeda.[6] De feito, a motivación da cuñaxe das primeiras moedas axumitas foi o comercio nos mercados exteriores, o que se demostra co uso da lingua grega na maioría das súas inscricións.[10] Ademais, semella que a maioría das moedas de ouro estiveron destinadas ao seu uso nese comercio exterior, en tanto que as de prata e as de bronce circularon principalmente dentro do territorio de Axum. Por este motivo, as moedas de ouro especificaban xeralmente nas súas lendas "Rei dos axumitas", en tanto que nas de prata e nas de cobre a alusión ao monarca era máis comunmente só "rei".[27]

O uso internacional da moeda axumita de ouro parece que comezou axiña, xa que se atoparon na India exemplares cuñados a nome do rei Ezana e mesmo algúns a nome de Aphilas —o segundo rei axumita en emitir moeda—.[28]

Durante o século VII, o poder axumita comezou a fracasar o seu comercio internacional entrou en decaemento. A sociedade etíope comezou a repregarse cara ao interior das zonas altas, co que as zonas costeiras pasaron a se converter en periféricas. As moedas seguiron circulando, mais nun ámbito limitado a zonas máis locais, como Nubia, o sur de Arabia e o Corno de África.

Arqueoloxía[editar | editar a fonte]

Por mor da propia tipoloxía das moedas, nas que se indican os nomes dos monarcas que as emitiron, estas resultaron fundamentais para poder construír unha cronoloxía os reis de Axum. Estímase que un 98 % da cidade de Axum segue a estar aínda sen escavar, e o mesmo ocorre con outras zonas relacionadas. A través da análise das moedas hoxe dispoñibles e tamén do seu estilo, os arqueólogos foron elaborando unha cronoloxía aproximada, xeralmente cun amplo consenso ata os reis de finais do século VI e do século VII. Dos vinte reis axumitas testemuñados polas súas moedas, as inscricións corroboran a existencia de dous que parece que foron os máis famosos, Ezana e Kaleb, cuxos reinados coincidiron con períodos dunha excepcional prosperidade, durante o apoxeo do Reino de Axum.[4]

Acháronse numerosas moedas axumitas en Etiopía e en Eritrea, na rexión central de Axum, aínda que os achados chegan tamén a zonas como Arato (rexión de Tigray) e Lalibela (Rexión de Amhara),[6] e tamén no sur de Arabia —sempre de ouro, agás unha de prata—. Isto podería indicar unha presenza axumita nalgunhas partes do sur de Arabia, hipótese apoiada polo uso de títulos que, nalgunhas inscricións atopadas, reclaman o control de partes desa área desde a época de Gadarat. Os tesouros destas moedas no sur de Arabia poden proceder da época de Kaleb, quizais utilizados para o pagamento dos soldados, cando estaba baixo un gobernador axumita. Fóra do Corno de África e da Península Arábiga, acháronse exemplares de moedas axumitas en Israel, Meroë, Exipto e a India.[4][27] As moedas de cobre e de prata atópanse principalmente en depósitos en Axum, aínda que algunhas foron rexistradas en centros de peregrinación palestinos.[4]

Ademais das evidencias históricas, o uso da lingua ge'ez nas moedas proporciona unha información moi valiosa para os estudos lingüísticos. Aínda que se utiliza só en contadas ocasións, a vocalización que se emprega algunhas veces nas moedas axumitas permítelles aos lingüistas analizar os cambios e os desprazamentos vocálicos que non poden representarse nos abjads semíticos máis antigos como o hebreo, o árabe, o árabe do Sur e o ge'ez non vocalizado.[4]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Feature aAuction 103. Lot 954". Classical Numismatic Group.
  2. Chittick, N. (1976). Páxinas 117-133
  3. 3,0 3,1 Munro-Hay, S, C. (1991). Páxina 155.
  4. 4,00 4,01 4,02 4,03 4,04 4,05 4,06 4,07 4,08 4,09 Hahn, W. (2003). Páxinas 767-768.
  5. Munro-Hay, S, C. (1991). Páxina 151.
  6. 6,0 6,1 6,2 Munro-Hay, S, C. (1991). Páxina 152.
  7. 7,0 7,1 Munro-Hay, S, C. (1991). Páxina 150.
  8. "Axoum. Royaume Axoumite. Endubis". CGB Numismatique Paris (cgb.fr)
  9. Bausi, A. (2017). "Review of Wolfgang Hahn and Vincent West,Sylloge of Aksumite Coins in the Ashmolean Museum, Oxford". En Aethiopica, 20. Páxinas 287-288.
  10. 10,0 10,1 10,2 10,3 10,4 10,5 Munro-Hay, S, C. (1991). Páxina 154.
  11. 11,0 11,1 11,2 11,3 11,4 Munro-Hay, S, C. (1991). Páxina 159.
  12. "Electronic Auction 467. Lot 457". Classical Numismatic Group.
  13. Munro-Hay, S, C. (1991). Páxina 156.
  14. 14,0 14,1 14,2 14,3 Munro-Hay, S, C. (1991). Páxina 158.
  15. Munro-Hay, S, C. (1991). Páxina 157.
  16. "Feature Auction 72. Lot 2280". Classical Numismatic Group.
  17. Munro-Hay, S, C. (1991). Páxina 160.
  18. 18,0 18,1 Munro-Hay, S, C. (1991). Páxina 161.
  19. Munro-Hay, S, C. (1991). Páxina 162.
  20. Munro-Hay, S, C. (1991). Páxinas 39, 75.
  21. Selassie, S. H. (1972). Páxina 190.
  22. 22,0 22,1 22,2 Munro-Hay, S, C. (1991). Páxina 143.
  23. "Promising results from Eritrean gold campaign"[Ligazón morta]. En Mining Weekly. 6 de xuño de 2006.
  24. "ID: 753202". CoinProject.com
  25. Munro-Hay, S, C. (1991). Páxina 145.
  26. Wask, E. (2005). "Obelisk, new finds unleash debate in Ethiopia". En The Seattle Times. 28 de decembro.
  27. 27,0 27,1 "1 Dollar "Eisenhower Dollar"". Numista.com
  28. Henze, P. B. (2000). Páxina 31 (nota 18).

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]