Moeda cuxana

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Moeda do monarca cuxano Shaka I (325-345 d. de C.).
Tetradracma de prata de Heraios, un dos primeiros dirixentes cuxanos (século I d. de C.)

A moeda cuxana, é dicir, a emitida polo Imperio Cuxano do norte da India e Asia central (ca. 30-375 d. de C.) baseouse nunha unidade de ouro, o dinar, cun peso de 7,9 g, e diversos valores en cobre e as súas aliaxes, con varios pesos entre 12 g e 1,5 g. A cuñaxe de moeda de prata foi pouco representativa nestas emisións.[1][2][3]

Unha boa parte da escasa información que temos de da historia política cuxana deriva das súas moedas.

Caracterización[editar | editar a fonte]

Símbolos tamga dos reis cuxanos

A tipoloxía destas moedas segue en termos xerais o estilo utilizado nas emisións dos reis grecobactrianos, con trazos helenísticos nas imaxes, que amosan unha deidade nunha das faces e o monarca na outra, nalgúns casos como un busto de perfil e noutros como unha figura en pé, oficiando nun altar de lume de estilo zoroastriano, ou tamén montado nun cabalo.

A arte dos cuños é xeralmente máis feble que a excepcionalmente fina das emisións grecobactrianas. Por outra parte, a influencia da moeda romana apréciase particularmente nos deseños de finais dos séculos I e II, cando as moedas de metais non nobres reduciron notablemente o seu peso e o seu valor intrínseco, moi inferior ao facial. Cara ao final do Imperio Cuxano, a influencia das cuñaxes sasánidas percíbese especialmente nas figuras reais e no panteón representado nas moedas. Baixo Kanishka (ca. 127- ca. 140) o título real de "rei de reis" mudou desde o grego ΒΑΣΙΛΕΥΣ ΒΑΣΙΛΕΩΝ cara á forma persa ϷAONANOϷAO ("Xa de Xas").[4]

A lingua das lendas destas moedas é tipicamente bactriana, escrita nun alfabeto derivado do grego. Moitas pezas amosan símbolos tamga (véxase táboa adxunta) a modo de monograma para facer referencia ao monarca.

Existían varias cecas rexionais e a evidencia das moedas suxire que algunhas zonas do imperio eran semiindependentes.

Emisións de cobre[editar | editar a fonte]

Tetradracma de Kujula Kadphises (30-80)
Moeda de bronce de Vima Takto, coa lenda grega corrompida ΒΑΣΙΛΕΥ ΒΑΣΙΛΕΥΩΝ ΣΩΤΗΡ [ΓΗΕ.] ("Rei de Reis, Salvador")

MacDowall identificou tres emisións rexionais de cobre a nome do príncipe Kajula Kadphises (ca. 30-80) e do emperador Vima Taktu (ca. 80-90) que corresponderían aos tres reinos preexistentes sobre os que se constituíu o Imperio Cuxano: a zona norte, Bactriana, que xa emitía unhas grandes moedas de cobre de 12 g (tetradracmas) e outras de 1,5 g; Gandhara, cuxas cuñaxes de cobre pesaban entre 9 g e 10 g as grandes e 2 g as pequenas; e a área india, que utilizaba cobres de 4 g.[5]

MacDowall propuxo unha redución gradual das devanditas tres emisións de cobre, nun proceso que comezaría con Huvishka (140-180), en tanto que outros autores, como Chattopadhyay, propoñen unha desvalorización rápida desas emisións xa con Kanishka (ca. 127-150). En calquera caso, das moedas coñecidas despréndese que houbo desvalorizacións da moeda baixo eses dous monarcas, e as emisións posteriores unificáronse nun sistema posterior de pesos.[6][7][8]

Emisións de ouro[editar | editar a fonte]

Vima Kadphises emitiu tres valores neste metal, un dobre dinar de 15,75 gramos, un dinar de 7,8 gramos e unha cuarta parte de 1,95 gramos.

Moeda de ouro de Kanishka, cunha representación do Buda, coa lenda BODDO en alfabeto grego

Deidades na moeda cuxana[editar | editar a fonte]

O panteón cuxano é extremadamente variado, segundo revelan tanto as súas moedas como os seus selos, nos que aparecen máis de 30 deidades diferentes, pertencentes tanto ao ámbito helenístico como ao iraniano e, en menor medida, ao hinduísta. As deidades gregas, cos seus nomes en grego, son máis frecuentes nas primeiras emisións. Durante o reinado de Kanishka (ca. 127- ca. 140), a lingua das cuñaxes cambiou á bactriana, aínda que se mantivo a grafía grega para todos os reis. Despois de Huvishka, só dúas divindades aparecen nas moedas: Ardoxsho e Oesho.

Mitoloxía grega e sincretismo helenístico[editar | editar a fonte]

Divindades do hinduísmo[editar | editar a fonte]

  • Βοδδο (Buda).
  • Μετραγο Βοδδο (Maitreya).
  • Mαασηνo (Mahasena).
  • Σκανδo koμαρo (Skanda Kumara).
  • þακαμανο Βοδδο (Shakyamuni Buda).

Divindades iranianas[editar | editar a fonte]

  • Αρδοχþο (Ashi Vanghuhi).
  • Unþαειχþo (Asha Vahishta).
  • Αθþο (Atar).
  • Φαρρο (Khwarenah).
  • Λροοασπο (Drvaspa).
  • Μαναοβαγο (Vohu Manah).
  • Μαο (Mah).
  • Μιθρο, Μιιρο, Μιορο, Μιυρο (Mithra).
  • Μοζδοοανο (Ahura Mazda).
  • Νανα, Ναναια, Ναναϸαο (Aredvi Sura Anahita).
  • Οαδο (Vata).
  • Oαxþo (Oxus).
  • Ooρoμoζδο (Ahura Mazda).
  • Οραλαγνο (Verethragna).
  • Τιερο (Tir).

Galería de deidades na moeda cuxana[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Senior, B. "Kshaharata Questions". Oriental Numismatic Society (ONS).
  2. "Coins of the Kushan Empire, 30 - 375 A.D". En Forum Ancient Coins.
  3. Bracey, R. (2016).
  4. MacDowell, D. W. (1978).
  5. MacDowall, D. W. (1968).
  6. MacDowall, D. W. (1960).
  7. Chattopadhyay, B (1967).
  8. Bracey, R. "The Devaluation of Huvishka's Coinage Arquivado 25 de setembro de 2018 en Wayback Machine.". www.kushan.org.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Bracey, R. (2016). "Kushan Dinasty. IV. Coinage of the Kushans". Encyclopaedia Iranica.
  • Chattopadhyay, B (1967). The Age of the Kushanas - A Numismatic Study. Punthi Pustak. Calcuta.
  • Cribb, J. (1997). "Shiva images on Kushan and Kushano-Sasanian Coins". En Studies in Silk Road Coins and Culture. The Institute of Silk Road Studies. Páxinas 11-66.
  • MacDowall, D. W. (1960). "The Weight Standards of the Gold and Copper Coinages of the Kushana Dynasty from Vima Kadphises to Vasudeva". En Journal of the Numismatic Society of India. V. 22. Páxinas 63-74.
  • MacDowall, D. W. (1968). "Soter Megas. The King of Kings, the Kushana". En Journal of the Numismatic Society of India. V. 30. Páxinas 28-55.
  • MacDowall, D. W. (1968b). "Numismatic Evidence for the Date of Kanishka". En Papers On the Date of Kanishka. E. J. Brill. Leiden.
  • MacDowell, D. W. (1978). "Mithra: Mithra's Planetary Setting in the Coinage of the Great Kushans". En Études Mithriaques: Actes Du 2e Congrès International, Téhéran, Du 1er Au 8 Septembre, 1975. Ed. Jacques Duchesne-Guillemin.
  • MacDowall, D. W.; Ibrahim, M. (1978b). "Pre-Islamic Coins in Kandahar Museum". En Afghan Studies. Vol. 1. Páxinas 67-77.
  • MacDowall, D. W.; Ibrahim, M, (1979) 'Pre-Islamic Coins in Herat Museum". En Afghan Studies. Vol. 2. Páxinas 45-53.
  • Singh, A K (1996). Coins of the Great Kushans. Parimal Publications. Delhi.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]