Reo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Reo (peixe)»)

O reo,[1][2] Salmo trutta truta, é un peixe anádromo da familia dos salmónidos; trátase dunha das formas de Salmo trutta, ou subespecie, segundo os autores.[3]

Considérase que é a forma raíz da especie Salmo trutta.

Ademais de como reo, esta forma ou subespecie coñécese co nome de troita maresa.[4]

Algúns chamárona tamén troita asalmoada, debido á súa forma de vida semellante á do salmón, porén hoxe en día este termo refírese a unha forma cultivada da troita arco da vella (Oncorhynchus mykiss).[4]

A súa característica máis chamativa é o seu corpo alargado, con forma de torpedo. Os flancos son de cor gris prateada ou gris verdosa; o ventre é branco.

Ao igual que todos os salmónidos ten unha aleta adiposa no lombo.

Aliméntase principalmente de pequenos peixes e invertebrados.

Taxonomía[editar | editar a fonte]

A subespecie foi descrita por primeira vez en 1758 por Linneo na 10ª edición do seu Systema Naturae.

Ao longo do tempo foi coñecida por numerosísimos sinónimos:[3]

  • Fario argenteus Valenciennes, 1848
  • Fario trutta (Linnaeus, 1758)
  • Salar ausonii Valenciennes, 1848
  • Salar ausonii parcepunctata Heckel & Kner, 1858
  • Salar ausonii semipunctata Heckel & Kner, 1858
  • Salar ausonii var. parcepunctata Heckel & Kner, 1858
  • Salar ausonii var. semipunctata Heckel & Kner, 1858
  • Salar bailloni Valenciennes, 1848
  • Salar gaimardi Valenciennes, 1848
  • Salar spectabilis Valenciennes, 1848
  • Salmo albus Bonnaterre, 1788
  • Salmo albus Walbaum, 1792
  • Salmo brachypoma Günther, 1866
  • Salmo caecifer Parnell, 1838
  • Salmo cambricus Donovan, 1806
  • Salmo cornubiensis Walbaum, 1792
  • Salmo cumberland Lacepède, 1803
  • Salmo eriox Linnaeus, 1758
  • Salmo estuarius Knox, 1855
  • Salmo fario loensis Walbaum, 1792
  • Salmo fario major Walecki, 1863
  • Salmo fario var. forestensis Bloch & Schneider, 1801
  • Salmo faris forestensis Bloch, 1801
  • Salmo gadoides Lacepède, 1803
  • Salmo gallivensis Günther, 1866
  • Salmo islayensis Thomson, 1873
  • Salmo lacustris rhenana Fatio, 1890
  • Salmo lacustris romanovi Kawraisky, 1896
  • Salmo lacustris septentrionalis Fatio, 1890
  • Salmo levenensis Yarrell, 1839
  • Salmo mistops Günther, 1866
  • Salmo montana Walker, 1812
  • Salmo orcadensis Günther, 1866
  • Salmo orientalis McClelland, 1842
  • Salmo phinoc Shaw, 1804
  • Salmo polyosteus Günther, 1866
  • Salmo saxatilis Schrank, 1798
  • Salmo spurius Pallas, 1814
  • Salmo stroemii Gmelin, 1789
  • Salmo sylvaticus Gmelin, 1789
  • Salmo taurinus Walker, 1812
  • Salmo trutta Linnaeus, 1758
  • Salmo trutta ciscaucasicus Dorofeyeva, 1967
  • Trutta fluviatilis Duhamel, 1771
  • Trutta marina Duhamel, 1771
  • Trutta marina Moreau, 1881
  • Trutta salmanata Strøm, 1784
  • Trutta salmonata Rutty, 1772
  • Trutta trutta (Linnaeus, 1758)

E aínda hoxe está en discusión a taxonomía da especie Salmo trutta.

Salmón, reo, troita[editar | editar a fonte]

Bioloxicamente a troita común ou de río e o reo forman parte dunha mesma especie, Salmo trutta: son formas ecolóxicas ou morfotipos da mesma especie, pero o reo presenta comportamentos que se asemellan máis aos do salmón (Salmo salar). O reo desova nos ríos para despois volver ao mar a buscar o alimento, como fai o salmón. Porén, o reo á capaz de alimentarse tamén en auga doce (algo que non fai o salmón). Ademais, a súa migración ao mar é menos intensa que a do salmón, xa que o reo non adoita afastarse moito dos ríos, sendo habitual nas zonas máis costeiras. Por outro lado, a súa aparencia física é moi similar á da troita, polo que en ocasións resulta moi complicado diferenciar entre ambos os peixes, sobre todo se os exemplares foron capturados no mesmo río (de feito, en estudos realizados en Galicia comprobouse a existencia de maiores diferenzas xenéticas entre reos de distintos ríos que entre troitas e reos dun mesmo río).[5]

Se o reo acaba de chegar ao río presenta unha coloración prateada que o diferenza, pero se leva xa en auga doce certo tempo, esta coloración prateada vai desaparecendo, facéndose cada vez máis semellante á da troita, e facendo a súa distinción moi complicada (de feito existen exemplares nos que resulta practicamente imposible saber se se trata dun reo ou dunha troita).[5]

Características[editar | editar a fonte]

Debuxo de dous excemplares de reo.

O reo caracterízase polo seu corpo alongado, en forma de torpedo, e coa aleta dorsal erecta. A cabeza é máis pequena, comparativamente) que á da troita.

A súa coloración máis común é, no dorso e nos flancos, gris prateada ou gris verdosa, con abundantes pequenas manchas negras, non bordeadas de aréolas abrancazadas (nin con manchas vermellas, sobre todo cando entra nos ríos) como a troita de río; o ventre é abrancazado. Sobre o dorso presenta unha banda estreita (como unha raia) de cor escura.

A aleta caudal é pouco escotada.

Os reos son máis grandes que as troitas.

Normalmente os reos son máis grandes que as troitas. O seu tamaño medio é de 60 cm de lonxitude, pero en condicións de vida favorábeis pode chegar até os 130 cm, e pesar até os 20 kg. Aos 6 ou 7 anos pode alcanzar pesos de entre 3 a 4 kg; estes exemplares son os que se pescan normalmente e, sen dúbida, son os de máis calidade.

Ao igual que todos os salmónidos, o reo ten unha aleta adiposa situada entre a aleta dorsal e a caudal.

Os reos teñen os dentes como os da troita, é dicir, no maxilar, nos premaxilares, na lingua e no vómer, pero os do vómer son distintos que os da troita. Neste óso leva tres dentes transversais e un lonxitudinal, mentres que a troita común leva unha fileira de tres dentes transversais e dúas fileiras de dentes lonxitudinais.[4]

Algúns trazos que poden servir para diferenciar o reo da troita son os seguintes:[5]

  • Aleta anal: nas troitas, o bordo é escuro (case negro), mentres que nos reos é moito máis claro.
  • Aleta caudal: a das troitas é moi escotada, con perfil e “V”, mentres que nos reos é recta oui case recta.
  • A cabeza: a do reo adoita ser máis pequena, proporcionalmente, que a da troita.
  • O reo, cando se colle na man, desprende unha gran cantidade de escamas, mentres que a troita non as desprende tanto.
  • As manchas do reo adoitan seren algo máis escuras que as da troita (que ademais teñen unha coloración un pouco máis rosada).
  • Pero para o pescador, a forma máis fiábel de diferenciación, é a loita que se produce cando a peza pica no anzol: se é encarnizada, defendéndose até a extenuación, tratarase sen dúbida dun reo; a troia tamén presenta batalla, pero nunca tan feroz como a do seu parente.

Distribución, hábitat e bioloxía[editar | editar a fonte]

O reo distribúese nas costas do Atlántico nororiental, nos mares do Norte, Branco e Báltico, chegando polo norte desde a baía de Chosha (no mar de Barents en Rusia) até as rías galegas (España), polo sur, encontrándose tamén en Islandia, Escandinavia e nas desembocaduras dos ríos máis setentrionais da Gran Bretaña. Así mesmo habita no Mediterráneo até os mares Negro e Caspio, remontando os ríos Danubio e Volga.[6]

É unha especie moi adaptábel e ecoloxicamente plástica, que se pode encontrar tanto en augas superficiais como en profundas, e de baixa salinidade. Habita no mar, preto da costa, e sobe polos ríos para desovar, cousa que fai no verán, sobre todo en agosto. Polos ríos sobe até onde pode subir, é dicir, até os encoros. A diferenza do salmón, que xeralmente non come nos ríos, onde unicamente vai desovar, o reo aliméntase tanto no mar como nos ríos. Outra diferenza entre estas especies é que o salmón normalmente non volve ao mar despois da desova (ás veces si volve, pero desde logo non vive como o reo na costa preto do río, senón que volve cruzar o Atlántico), mentres que o reo si volve unha e outra vez aos ríos.[4]

A partir de outubro, e até xaneiro, as femias poñen entre 1.000 e 2.000 ovos, dependendo do peso. A desova faise en pequenos ocos na grava do fondo. Os ovos son de cor amarela-alaranxada. Ao chegar a primavera, despois de 70 a 120 días da desova, os ovos eclosionan. As crías pasan entre un e cinco anos no río.[4][5]

Osmorregulación no reo.

Os reos xuvenís, chamados zancados, permanecen sempre ocultos en lugares profundos, pozas, entre pedras, raíces, ou árbores caídas.
Despois da súa primeira estancia no río baixan para o mar, e regresan despois de dous ou tres anos ao río para desovar.
Antes de ir para o mar prodúcese o chamado esguinado, que é un cambio fisiolóxico que se produce para soportar o cambio osmótico que representa o cambio do medio fluvial ao medio mariño. Este esguinado tamén se chama esmoltificación.[4][5]

Aliméntase principalmente de pequenos peixes (incluídos outros reos e troitas), anfibios e as súas larvas (como os cágados), insectos e as súas larvas (efemerópteros, dípteros e tricópteros) crustáceos e outros invertebrados. No mar come crustáceos, luras e outros cefalópodos e toda clase de invertebrados.[5]

Pode chegar a vivir até os vinte anos, pero o normal é que viva entre 8 e 10 anos.[4]

Estado de conservación[editar | editar a fonte]

Segundo a UICN o estado de conservación desta subespecie en estado silvestre é de LC (preocupación menor). Porén, moitas das súas pobacións declinaron considerabelmente debido á contaminación.[6]

En Galicia[editar | editar a fonte]

Galicia é a comunidade española na que existe unha maior presenza deste peixe, é a "terra dos reos" por excelencia.[5] Pódese pescar nos ríos Miño, Tambre, Sor, Eume, Mandeo e outros, sempre preto das desembocaduras.[4]

Pesca[editar | editar a fonte]

Os individuos xuvenís, que aínda non baixaron ao mar (chamados zancados polos pescadores), a pesar de que en determinados momentos poden ser moi numerosos, carecen de valor para o pescador deportivo, xa que non presentan resistencia ningunha cando son capturados (e, ademais, a súa carne carece practicamente de valor gastronómico). É no regreso destes exemplares ao río (entre un e dous anos despois de viviren no mar), cando se converten nun auténtico reto para o pescador.[5]

O reo péscase sobre todo con dúas modalidades: con mosca e con risco. O risco é un cebo ou carnada artificial especialmente pensado para a pesca do reo. Foi desenvolvido polos pescadores galegos, país que, cono quedou dito, é a terra dos reos por excelencia. Inventouse hai xa anos, aínda que nos nosos días poden encontrarse riscos en case calquera tenda especializada en pesca en toda España, xa que resultou igualmente eficaz para a pesca do black-bass (Micropterus salmoides).[7]

O risco consiste esencialmente nun corpo de plástico atravesado por unhas fibras ríxidas e armado cun anzol triplo. A súa eficacia está máis que demostrada, aínda que moitos opinan que se debe máis á forma de utilizalo que ao propio engado. Así, a pesca con risco é toda unha arte na que o pescador deberá saber lanzar correctamente e, o que é máis importante, recoller o cebo de tal maneira que faga traballar as súas fibras a través das correntes.

Grastronomía[editar | editar a fonte]

Pouco é o que nos di Álvaro Cunqueiro do reo. Despois de falarmos do salmón, conta que:

Tamén sube os nosos ríos outro salmónido, o reo, a "trout of sea" dos ingleses, o "salmo trutta", emigrante coma o salmón, e que é pescado nos esteiros e nos ríos, e tamén nas rías. O macho é moi fermoso. Hai moitos que o prefiren ao salmón, porque ten as carnes máis liviáns. E todo o que lle vaia ben ao salmón, na cociña, vaille ao reo. Quizaves os millores sexan os que, polo tempo da sega, suben o Mandeo, deica a presa de Chelo, en Betanzos, e queren brincar alí a escada salmoneira. E son escelentísimos os que veñen remontar o río Ouro en Fazouro, nos primeiros días de agosto, cando é na vila de Foz a festa de San Lourenzo.
A. Cunqueiro. A cociña galega, p. 93.

Entre os moitos que prefiren o reo ao salmón está o discípulo de Cunqueiro, Jorge-Víctor Sueiro, de quen seu mestre deixou dito «que botara sobre os seus ombros a tarefa, nada fácil, de explicarnos como se come en Galicia». Sobre o noso peixe Sueiro declara:

Do reo, xa lles dixen, son máis partidario que do salmón. A literatura que se pode facer en torno a este peixe, fermoso e forte como o seu compañeiro, é practicamente a mesma que a do salmón, posto que o seu ciclo vital corre parello.
(Traducido de J.-V. Sueiro, Comer en Galicia, p. 123.

Pero non di nada novo, xa que, despois, di que «copiarei a Cunqueiro que, como en calquera outra ocasión, ten as mellores palabras para alabalo», limitándose a trascribir o comentario antecidado.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. reo2 Arquivado 22 de xullo de 2013 en Wayback Machine. no dicionario da RAG.
  2. Lahuerta, F. e Vázquez, F. X. (2000), p. 61.
  3. 3,0 3,1 Salmo trutta trutta Linnaeus, 1758 no WoRMS.
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 4,5 4,6 4,7 Salmo trutta trutta. Reo en Ríos Galegos.
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 5,5 5,6 5,7 El reo, ¿salmón o trucha? Arquivado 16 de febreiro de 2016 en Wayback Machine. a-alvarez.com.
  6. 6,0 6,1 Salmo trutta na Lista vermella de especies ameazadas da UICN. Versión 2014.2 Consultada o 30 de agosto de 2014.
  7. O black-bass ou perca americana é un peixe da orde dos perciformes e familia dos centrárquidos orixinario de Norteamérica e que, a partir do século XX, foi introducida en España e noutras partes do mundo, onde se considera invasora.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Bernatchez, L. (2001): "The evolutionary history of brown trout (Salmo trutta L.) inferred from phyleogeografic, nested clade, and mismatich analyses of mitochondrial DNA variation". Evolution 55: 351-379.
  • Cunqueiro, Álvaro (1973): A cociña galega. Vigo: Editorial Galaxia. ISBN 84-7154.181-5.
  • Lahuerta, F. e Vázquez, F. X. (2B000): Vocabulario multilingüe de organismos acuáticos. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia. ISBN 84-453-2913-8.
  • Nelson, J. S. (2006): Fishes of the World. Cuarta ed. Nova York: John Wiley and Sons, Inc. ISBN 0-471-25031-7.
  • Piñeiro, Miguel (2004): La pesca tradicional del reo en Galicia: metodología y lugares de captura. Madrid: Ediciones Tutor. ISBN 978-84-7902-430-7.
  • Rodríguez Villanueva, X. L.; Xavier Vázquez e Henrique Álvarez Escudero (1995): Peixes do mar de Galicia. Vigo: Edicións Xerais de Galicia. ISBN 84-7507-870-2.
  • Sueiro, Jorge-Víctor (1981): Comer en Galicia. Madrid: Penthalon Ediciones. ISBN 84-8537-32-8.

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]