Medio dólar do Bicentenario de Norfolk, Virxinia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Medio dólar do Bicentenario
de Norfolk, Virxinia [1][2][3]
A/: Selo da cidade de Norfolk, Virxinia.

Lendas: BOROUGH OF NORFOLK BICENTENNIAL / TOWN 1682 BOROUGH 1736 CITY 1845 CITY OF NORFOLK VIRGINIA / ET TERRA ET MARE DIVITIAE TUAE CRESCAS ·

R/: Maza cerimonial de Norfolk.

Lendas: UNITED STATES OF AMERICA / NORFOLK VIRGINIA LAND GRANT / 1636 / IN GOD WE TRUST / E PLURIBUS UNUM / LIBERTY / HALF DOLLAR

O medio dólar do Bicentenario de Norfolk, Virxinia é unha moeda estadounidense de prata con ese valor facial emitida pola Casa da Moeda dos Estados Unidos e cuñada na Ceca de Filadelfia con data de 1936. A moeda foi emitida en conmemoración do 200 aniversario da creación do municipio de Norfolk en 1736.

O senador de Virxinia Carter Glass solicitou mediante un proxecto de lei a creación dunha moeda de medio dólar conmemorativa do bicentenario da municipalidade de Norfolk, que foi promovida tamén por Absalom W. Robertson na Cámara de representantes. Logo dunha tramitación longa e enrevesada, na que se chegou a propor a emisión de medallas conmemorativas no canto das pretendidas moedas, finalmente a moeda de medio dólar foi aprobada polo Congreso en xuño de 1937.

A lexislación aprobada exixía que todas as moedas levasen a data de 1936, e este é o motivo polo que a moeda amosa esta data —o ano real da efeméride—, aínda que o ano real da cuñaxe sexa 1937. Probablemente este desfase entre a conmemoración e o momento da emisión, un ano despois, fose o motivo de que as vendas da moeda resultasen máis pobres do esperado; case un terzo da tiraxe tivo que ser devolta á Casa da Moeda de Filadelfia para a súa fundición.

O medio dólar de Norfolk é a única moeda estadounidense na que aparece a coroa británica, como parte da maza cerimonial da cidade, que loce no seu reverso

Antecedentes e contexto[editar | editar a fonte]

Gran parte da zona que hoxe abrangue a cidade de Norfolk, en Virxinia, foille concedida por Carlos I de Inglaterra en 1636 a Adam Thoroughgood, un antigo servente que chegara a ser membro da Cámara dos Burgueses de Virxinia. Thoroughgood recrutou 105 persoas para viviren naquelas terras e bautizou a zona co nome do seu lugar de nacemento, o condado de Norfolk, en Inglaterra. Concedéronselle algunhas terras á familia Willoughby, que acabaron converténdose no centro de Norfolk. En 1736, Xurxo II concedeulle a Norfolk un foro real,[4] e o vicegobernador de Virxinia, Robert Dinwiddie, entregou a Norfolk unha maza cerimonial en 1753, o que converteu a Norfolk na única cidade estadounidense que posúe unha maza da época colonial. Malia ficar case destruída durante a guerra da independencia, Norfolk era un porto case tan grande como Nova York en 1790, mais a súa importancia decaeu no século XIX. Así e todo, segue a albergar unha importante base naval.[5]

Na década de 1930, as moedas conmemorativas non eran distribuídas polo Goberno estadounidense, senón que o Congreso, ao aprobar a lexislación que aprobaba cada moeda, designaba unha organización sen ánimo de lucro á que lle outorgaba o dereito exclusivo de as adquirir ao seu valor nominal e logo revendelas á poboación cunha prima, supondo así unha fonte de financiamento para celebracións e eventos diversas.[6] No caso do medio dólar de Norfolk, o grupo responsable foi a Norfolk Advertising Board, Inc., unha entidade afiliada á Cámara de Comercio de Norfolk.[7]

Proceso lexislativo[editar | editar a fonte]

O senador por Virxinia Carter Glass promoveu no Senado o proxecto de lei para a emisión do medio dólar.

O 20 de maio de 1936, o senador de Virxinia Carter Glass presentou un proxecto de lei para a emisión de medio dólar do Bicentenario de Norfolk, que lle foi asignado á Comisión de Banca e Comercio desa cámara. O proxecto foi devolto ao Senado por Alva Adams, de Colorado, o 20 de xuño, coa recomendación de que se emitise unha medalla conmemorativa, co canto da moeda proposta. A Comisión xuntaba, xunto coa súa suxestión, unha carta de 1935 do presidente Franklin D. Roosevelt na que se queixaba de que o Congreso estivese a autorizar tantas moedas conmemorativas de carácter puramente local e recomendaba que, no seu lugar, se emitisen medallas conmemorativas.[8]

O 20 de xuño de 1936, derradeiro día do período de sesións, foi un día excepcionalmente movido no Congreso.[9] Logo de que o senador Adams emitise o seu informe sobre o proxecto de lei ao Senado,[10] Glass intentou que esta cámara o examinase polo procedemento de urxencia, ao que Joseph Guffey, de Pensilvania, se opuxo, exixindo a orde regular.[11] Horas máis tarde, ese mesmo día, Glass informou o Senado de que finalmente Guffey declarara que non volvería oporse e pediu novamente que se examinase o proxecto de lei, que desta volta se aprobou sen obxeccións nin debate, aínda quen cun cambio no seu título, para reflectir que se trataba dunha solicitude de medallas, e non xa de moedas de medio dólar.[12]

Absalom W. Robertson defendeu na Cámara de Representantes a aprobación do proxecto de lei.

O proxecto de lei foi examinado tamén pola Cámara de Representantes ese mesmo día. Alí, Absalom W. Robertson, de Virxinia, propuxo que a cámara o aprobase, aínda que sementou a dúbida acerca do obxecto da emisión, xa que ao ser cuestionado por Robert F. Rich, de Pensilvania, declarou que o proxecto era para a emisión de "moedas de prata". A Cámara de Representantes aprobou o proxecto sen emendas nin debate,[13] e o presidente Roosevelt converteuno en Lei o día 28 de xuño de 1936.[14]

Mais era previsible que as medallas non acadasen éxito no mercado, xa que tanto os coleccionistas como a poboación en xeral estaban afeitos ás emisións de moedas de curso legal en conmemoración dese tipo de efemérides, que era o que desexaban desde o principio os promotores do proxecto. Cando se coñeceu que o Congreso aprobara a emisión de medallas, no canto de moedas de curso legal, o xefe de Norfolk Advertising Board, Inc, Franklin E. Turin, foi entrevistado no xornal Norfolk Ledger-Dispatch o 5 de agosto, quen culpou o presidente Roosevelt da confusión e declarou que tanto o senador Glass como o representante Robertson declararan que non se decataran do cambio no proxecto de lei.[9] Así as cousas, o senador Glass dixo que non se cuñarían as medallas aprobadas e prometeu que faría un novo intento para lograr a aprobación da cuñaxe do desexado medio dólar conmemorativo.

Non abandonamos a loita. Pedimos unha cita co presidente Roosevelt para discutir o asunto e exporlle a reclamación de Norfolk.Temos dereito a saber por que se discriminou a Norfolk. É hora de que a xente desta zona se erga con xusta indignación ante este insulto á cidade. A pasada sesión do Congreso aprobou proxectos de lei nos que se autorizaba a emisión de quince moedas conmemorativas e o presidente asinounos. Ten máis importancia histórica o desembarco dos suecos en Delaware que a concesión orixinal de terras ao condado de Norfolk, que abrangue os actuais condados de Norfolk, Princess Anne e Nansemond, e abarca o que os historiadores recoñecen como a zona máis histórica do país? É a colonización do norte de Illinois, conmemorada pola emisión de Elgin, máis importante que a concesión da carta real á cidade de Norfolk? Por que, despois de se autorizaren todas estas moedas conmemorativas, as autoridades gobernamentais cambian tan misteriosamente a emisión de Norfolk para pedir no seu lugar unha medalla? Algo vai mal. Algo vai radicalmente mal. E é hora de que a xente de Norfolk exerza toda a presión posible para intentar eliminar o que en realidade é un insulto directo á cidade.
— Franklin E. Turin, 5 de agosto de 1936.[9]

Xa que logo, o senador Glass presentou novamente o proxecto de lei, o 6 de xaneiro de 1937,[15] e Adams remitiuna ao Senado o día 16 cunha emenda que contiña un texto habitual nos proxectos de lei de moedas conmemorativas, segundo o cal o Goberno federal non se faría cargo dos gastos de preparación dos cuños para a cuñaxe.[16] O Senado aprobou esta vez o proxecto de lei sen obxeccións o 19 de xaneiro,[17] e este  foi transmitido á Cámara de Representantes, onde se adscribiu á Comisión de Moeda, Pesos e Medidas.[15] O 26 de maio, esta comisión emitiu o seu informe, no que recomendaba que fose aprobado logo de engadir unhas emendas relativas ao aumento da tiraxe autorizada, das 20.000 pezas solicitadas inicialmente ás 25.000. O informe chamaba a atención sobre o "desafortunado erro" do ano anterior e sinalaba que "a elaboración dese informe favorable axudaba a corrixir aquel descoido".[18]

A Cámara de Representantes aprobou o proxecto de lei emendado o 21 de xuño sen discusión.[19] Como as dúas cámaras non aprobaran a mesma versión, o proxecto de lei volveu ao Senado, onde o 22 de xuño, por proposta de Glass, foron aceptadas as emendas da outra cámara.[20] Finalmente, o presidente Roosevelt asinou o proxecto de lei para o converter na Lei pública número 164, do 28 de xuño de 1937:[16]

Que en conmemoración do tricentenario da concesión orixinal de terras de Norfolk (Virxinia) e o bicentenario do establecemento da cidade de Norfolk, Virxinia, como municipio, se cuñarán nunha soa casa de moeda dos Estados Unidos, que será designada polo director da Casa da Moeda, non máis de vinte e cinco mil pezas de prata de 50 centavos [...] As moedas aquí autorizadas levarán a data de 1936, independentemente do ano en que se cuñen ou emitan; terán curso legal en calquera pagamento polo importe do seu valor nominal e emitiranse unicamente por petición de Norfolk Advertising Board, Incorporated, afiliada á Asociación de Comercio de Norfolk, logo do pagamento pola súa parte do valor nominal das devanditas moedas".

Preparación[editar | editar a fonte]

William Marks Simpson, creador da moeda, xunto coa súa muller, Marjorie Emory Simpson.[21]

Esperando que finalmente se autorizase unha moeda no canto dunha medalla, a Norfolk Advertising Board, Inc contratou a daquela parella artística —o ano seguinte tamén contraerían matrimonioWilliam Marks Simpson e Marjorie Tighman Emory para se encargar do deseño do medio dólar conmemorativo, e o 26 de setembro de 1936, William Simpson presentou copias do seu deseño á Comisión de Belas Artes dos Estados Unidos.[22][23] A Comisión de Belas Artes estaba encargada, mediante unha orde executiva de 1921 do presidente Warren G. Harding, de emitir ditames consultivos acerca das obras de arte pública, incluídas as moedas.[24] Os deseños remitíronse entón ao escultor membro da comisión, Lee Lawrie, quen se amosou entusiasmado cos modelos, aínda que fixo algunhas suxestións, entre elas o acurtamento da maza do reverso, que case tocaba a letra O de DÓLAR nos modelos orixinais, e tamén aconsellou que se lle prestase máis atención á rotulaxe. O presidente da comisión, Charles Moore, escribiu a William Simpson o 29 de setembro para o informar disto e para o felicitar polo deseño, aínda que naquel momento non se lle puido dar a aprobación formal, xa que a emisión da moeda aínda non estaba autorizada polo Congreso.[25]

En canto o Congreso lle deu a súa aprobación ao proxecto da moeda en xuño de 1937, os Simpson modificaron lixeiramente a súa proposta inicial de deseño, para colocar a punta da maza agora entre as palabras HALF e DOLLAR, e fixeron tamén outros cambios de menor entidade no anverso. O 10 de agosto de 1937 enviáronlle fotografías dos modelos revisados á Comisión de Belas Artes, e estes recibiron a súa aprobación o 14 de agosto.[26]

Selo de Norfolk, Virxinia, reproducido no anverso da moeda.

Deseño[editar | editar a fonte]

Anverso[editar | editar a fonte]

O anverso do medio dólar representa como motivo principal do seu deseño o selo da cidade de Norfolk, no que aparece un veleiro que navega sobre unhas ondas estilizadas; debaixo hai un arado e tres monllos de trigo. Baixo o selo inscribiuse a palabra latina CRESCAS ("que prosperes"). Encima do barco lese a inscrición ET TERRA ET MARE DIVITIAE ("tanto a terra coma o mar son as túas riquezas"). O resto das lendas (BOROUGH OF NORFOLK BICENTENNIAL / TOWN 1682 BOROUGH 1736 CITY 1845 CITY OF NORFOLK VIRGINIA) trazan o progreso de Norfolk de municipio a cidade, e inclúen no exergo a data de 1936, como exixía a lei que aprobaba a emisión, aínda que a moeda non se cuñou ata 1937.[1][2][3][27]

Reverso[editar | editar a fonte]

Maza cerimonial de Norfolk.

O reverso amosa a maza de Norfolk, obsequiada polo tenente gobernador Dinwiddie en 1753. A maza divide a data de concesión da terra, 1636, flanqueada por poliñas de sangomiño, unha data que se explica pola inscrición NORFOLK VIRGINIA LAND GRANT ("concesión de terras de Norfolk, Virxinia"). O nome do país, o valor facial e os lemas nacionais esixidos pola lei para as moedas (IN GOD WE TRUST, E PLURIBUS UNUM e LIBERTY) completan no reverso,[27][28] xunto cun monograma composto polas letras WMES, iniciais dos nomes e apelidos da parella Simpson, a modo de marca de gravador.[1][2][3][14]

Como curiosidade, esta moeda amosa cinco datas (1636, 1682, 1763, 1845 e 1936) ningunha das cales se corresponde coa da súa cuñaxe: 1937.[29][30]

Valoracións críticas[editar | editar a fonte]

O numismático Q. David Bowers describiu o anverso da moeda de medio dólar do Bicentenario de Norfolk como "o deseño conmemorativo máis desordenado xamais producido".[28] Pola súa banda, o historiador da arte Cornelius Vermeule, no seu volume sobre as moedas e as medallas conmemorativas dos Estados Unidos, cualificou a moeda como "un punto baixo no deseño conmemorativo". No entanto, a súa opinión non era completamente negativa, xa que tamén aforimou que:[31]

A habilidade no espazamento das letras, no baleirado das superficies e na modelaxe do altorrelevo salva gran parte da composición. Aínda así, a conmemoración dos aniversarios de Norfolk é un documento de epigrafía máis que de arte figurativa".

Vermeule sinalou ademais que a moeda fora deseñada por un matrimonio e que "dá sobradas mostras de que dúas cabezas non teñen por que ser mellor ca unha".[31]

Produción e distribución[editar | editar a fonte]

En setembro de 1937, a Casa da Moeda de Filadelfia cuñou 25.000 exemplares do medio dólar de Norfolk, mais outros 13 suplementarios que se gardarían para a súa inspección e análise na reunión anual de 1938 da Comisión de Ensaios dos Estados Unidos, que acabarían sendo destruídos posteriormente. As moedas puxéronse á venda ao prezo de 1,50 dólares cada un, cun límite inicial de 20 exemplares por comprador,[32] límite este que se suprimiu posteriormente para permitir a venda por xunto aos comerciantes.[33]

Foi motivo de controversia o feito de que a moeda levase a coroa británica como parte da maza do reverso —algunhas persoas dicían que a coroa non tiña cabida nunha moeda estadounidense— e tamén o feito de que o aniversario xa sucedera o ano anterior, en 1936. O xefe de Norfolk Advertising Board, Inc., Franklin E. Turín abordou esta cuestión nos seus anuncios, afirmando que a coroa só aparecía como parte da maza histórica e que a cidade tería emitido a moeda en 1936 de non ser pola confusión orixinada no Congreso no trámite da lexislación que aprobou a súa emisión. Quizais por esta controversia, as vendas foron máis lentas do esperado, e Turin fixo promoción comercial da moeda ata 1938 con envíos masivos de publicidade a coleccionistas de moedas. Malia estes esforzos, finalmente houbo que devolver 5.000 exemplares á Casa da Moeda de Filadelfia para o seu troco e a súa fundición en 1938, e outros 3.077 exemplares máis posteriormente. Varios milleiros de moedas foron vendidos por xunto a comerciantes durante varios anos.[33]

O medio dólar de Norfolk vendeuse no mercado retallista por arredor de 1,50 dólares a unidade en 1940, en estado de conservación "sen circular". A partir de entón foi aumentando a súa cotización, de xeito que se vendía por uns 18 dólares en 1955 e por 170 dólares en 1975.[29] A edición de 2018 do catálogo de Richard S. Yeoman A Guide Book of United States Coins atribúelle á moeda un valor de entre 310 e 380 dólares, en función do seu estado de conservación.[30] No entanto, un exemplar nun estado de conservación e aparencia excepcionais acadou os 2.760 dólares nunha poxa numismática en 2008.[34]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 "Norfolk, Virginia Bicentennial Half Dollar". United States Mint (Usmint.gov)..
  2. 2,0 2,1 2,2 "1936 Cleveland Centennial Half Dollar". Earlycommemorativecoins.com
  3. 3,0 3,1 3,2 "½ Dollar Norfolk". Numista.com
  4. Flynn, K. (2008). Páxina 134.
  5. Slabaugh, A. R. (1975). Páxina 141.
  6. Slabaugh, A. R. (1975). Páxinas 3-5.
  7. Flynn, K. (2008). Páxina 357.
  8. Authorize Coinage of 50-Cent Pieces in Commemoration of Three-Hundredth Anniversary of Original Norfolk, Va., Land Grant and Two-Hundredth Anniversary of Establishment of that City as a Borough. Senate. Report Nº 2.454. 20 de xuño de 1936.
  9. 9,0 9,1 9,2 "Will it Be a Coin or Medal?". En The Numismatist. Vol. XLIX. Nº 9. Setembro de 1936. Páxina 710.
  10. Congressional Record. Vol. 80. 20 de xuño de 1936. Páxina 10.345.
  11. Congressional Record. Vol. 80. 20 de xuño de 1936. Páxina 10.504.
  12. Congressional Record. Vol. 80. 20 de xuño de 1936. Páxina 10.509.
  13. Congressional Record. Vol. 80. 20 de xuño de 1936. Páxina 10.680.
  14. 14,0 14,1 Swiatek, A.; Breen, W. (1981). Páxina 173.
  15. 15,0 15,1 "Introduction of Bills and Join Resolutions". En Congressional Record. Vol. 81. 6 de xaneiro de 1937. Páxinas 64-65.
  16. 16,0 16,1 "Norfolk, Virginia Bicentennial Commemorative Coin Legislation". United States Mint (Usmint.gov).
  17. "Commemorative Coins: Three Hundredth Anniversary of Norfolk Land Grandt". En Congressional Record. Vol. 81. 19 de xaneiro de 1937. Páxina 298.
  18. "Reports of Committees on Public Bills and Resolutions". En Congressional Record. Vol. 81. 26 de maio de 1937. Páxina 5.059.
  19. "Two Hundrerth Anniversary Norfolk, VA". En Congressional Record. Vol. 81. 21 de xuño de 1937. Páxina 6.060.
  20. "Coinage of 50-cent pieces Commemorative of Three Hundredth Anniversary of Original Norfolk, VA". En Congressional Record. Vol. 81. 22 de xuño de 1937. Páxina 6.116.
  21. "Wm. (William) Marks Simpson, Fellow of the American Academy, Rome". Archives New Zealand (Archives.govt.nz).
  22. Flynn, K. (2008). Páxina 133.
  23. Taxay, D. (1967). Páxina 242.
  24. Taxay, D. (1967). Páxinas v-vi.
  25. Taxay, D. (1967). Páxinas 242-244.
  26. Taxay, D. (1967). Páxinas 243-244.
  27. 27,0 27,1 Swiatek, A. (2012). Páxinas 357-358.
  28. 28,0 28,1 Bowers, Q. D. (1991). Páxina 380.
  29. 29,0 29,1 Bowers, Q. D. (1991). Páxina 383.
  30. 30,0 30,1 Yeoman, R. S. (2018). Páxina 1.091.
  31. 31,0 31,1 Vermeule, C. (1971). Páxina 202.
  32. Swiatek, A.; Breen, W. (1981). Páxina 174.
  33. 33,0 33,1 Bowers, Q. D. (1991). Páxinas 380-383.
  34. Flynn, K. (2008). Páxina 135.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]