Marjorie Emory Simpson

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaMarjorie Emory Simpson
Biografía
Nacemento1910 Editar o valor em Wikidata
Annapolis, Estados Unidos de América Editar o valor em Wikidata
Morte1950 Editar o valor em Wikidata (39/40 anos)
Datos persoais
País de nacionalidadeEstados Unidos de América Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónescultora Editar o valor em Wikidata
Familia
CónxuxeWilliam Marks Simpson

Marjorie Emory Simpson (chamada de solteira Marjorie Tilghman Emory), nada en en Annapolis, Maryland, en 1910 e finada en 1950, foi unha escultora e deseñadora de moeda estadounidense.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Marjorie Emory cursou os seus estudos artísticos na Escola de Escultura Rinehart, do Instituto de Belas Artes de Maryland, en Baltimore.[1]

Nesa escola coñeceu o escultor William Marks Simpson, que exercía como profesor de Escultura, e con quen casou o 29 de xuño de 1937 en Anne Arundel, Maryland.[2][3] A partir dese momento, Marjorie tomou como apelido o do seu marido e pasou a utilizar o seu apelido de solteira como segundo nome. A parella Simpson instalou un estudio artístico conxunto en Baltimore.[1][4]

Xa desde a súa infancia, Marjorie E. Simpson amosou a súa afección pola escultura de animais, sinaladamente cabalos, e xa na súa madureza artística recibiu numerosas encargas de esculturas ecuestres, entre as que destacan unha serie de retratos de cabalos de Maryland, cara a 1940. Outra das súas obras máis destacadas foi unha réplica da estatua ecuestre do Marqués de Lafayette erixida en Baltimore, orixinal de Andrew O'Connor, que Simpson creou para a Exposición Nacional de Flores de 1936, onde ocupou un lugar destacado.[1]

Mais o traballo polo que máis se lembra a figura de Marjorie Emory Simpson é o deseño e o gravado do medio dólar conmemorativo do Bicentenario de Norfolk, Virxinia. En 1936, meses antes do seu matrimonio, Marjorie e William Simpson foron contratados pola Norfolk Advertising Board, entidade promotora da moeda, para se encargaren da súa execución. A parella de artistas enviou á Comisión de Belas Artes dos Estados Unidos as súas primeiras propostas en setembro dese mesmo ano,[5] mais o deseño final, caracterizado polo Selo de Norfolk no anverso e a maza cerimonial da cidade no reverso, non se completou ata o ano seguinte. Aínda que a moeda amosa a data de 1936 —a data do bicentenario—, a cuñaxe non se produciu ata 1937.[6] A modo de marca de gravador, esta moeda amosa no seu reverso un monograma composto polas letras WMES, que recolle as iniciais dos nomes e os apelidos da parella de artistas.[7]

Marjorie Emory finou en 1950, oito anos antes que o seu marido.[2]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 "Marjorie Emory Simpson". Coins And Medals Designed By A Woman. Coincommunity.com
  2. 2,0 2,1 "William Marks Simpson". FamilySearch.org
  3. Smith, P. (2012). "Simpson, William Marks, Jr.". En American Numismatic Biographies. Páxina 388.
  4. "Simpson, William Mark" e "Simpson, Marjorie Emory". En Bowers, Q. D. (1991). Páxina 727.
  5. Taxay, D. (1967). Páxina 242.
  6. "1936 Norfolk Bicentennial half dollar". En Bowers, Q. D. (1991). Páxinas 379-383.
  7. "½ Dollar Norfolk". Numista.com

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]