Lingua minorizada

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Lingua minorizada é un concepto da sociolingüística que fai referencia a calquera lingua que, compartindo espazo xeográfico con outra ou outras, ten usos restrinxidos. É aquela que, sendo historicamente propia dun pobo, ve restrinxidas as súas funcións de uso. Unha das razóns que poden levar a unha situación de minorización é un proceso de substitución lingüística, pero na maior parte dos casos as linguas minorizadas nunca chegaron historicamente a desenvolver eses rexistros e usos. A competencia desigual con outra lingua de maior prestixio constitúe o factor causante desta situación.

Tradicionalmente denominóuselles a estas linguas minoritarias, pero ese é un valor erróneo, posto que a minorización non depende do número de falantes, senón do status do que goce a lingua.

Historia e características[editar | editar a fonte]

A minorización lingüística pode ter causas predominantemente políticas, que se expresan nas normas de uso lingüístico explícitas (por exemplo os decretos de Nova Planta nos Países Cataláns que crearon as circunstancias que permitiron a prohibición do uso do catalán nos ámbitos oficiais), ou sociais, expresadas na conciencia ou representación social, que pode impedir a normativización ou a codificación e o cultivo da lingua (por exemplo, a clase alta prefire e impulsa o francés en Luxemburgo e acaba impedindo o desenvolvemento do idioma luxemburgués).

Do mesmo xeito, a situación de minorización pode ser reversíbel como consecuencia da vontade firme dun pobo e das políticas dos seus gobernos (é o caso do finés, húngaro, islandés, noruegués, polaco e checo, no século XX). Hai aínda casos de resurrección de linguas, como a recuperación da lingua hebrea como vehículo de comunicación, dado que quedara reducida aos usos litúrxicos xa en tempos de Xesucristo.

Lingua minoritaria[editar | editar a fonte]

O concepto de lingua minoritaria refírese á demografía relativa dun idioma, ás dimensións dunha comunidade lingüística. Aplícase, pois, á lingua dunha comunidade lingüística pequena, en termos xerais ou rexionalmente. Pode haber, pois, linguas minoritarias en situación de oficialidade plena (a danesa) e linguas minoritarias minorizadas (o galego ou o catalán). Se se toman como referencia para estas dúas últimas o ámbito da Comunidade Autónoma, en vez do estatal, non son linguas minoritarias minorizadas senón maioritarias minorizadas, pois son usadas pola maioría das respectivas poboacións. Tamén, dentro dun ámbito estatal, unha lingua pode estar en situación de minorización, e seguramente en minoría ante o grupo dominante, e, pola contra, á outra banda da fronteira estar en situación de oficialidade plena (é o caso do grupo alemán de Alsacia e Lorena, dentro do Estado francés).

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]