Joaquín María de Navascués
Biografía | |
---|---|
Nacemento | (es) Joaquín María de Navascués y de Juan 15 de febreiro de 1900 Zaragoza. |
Morte | 11 de maio de 1975. Madrid. |
Director of the National Archaeological Museum of Spain (en) | |
Catedrático de universidade | |
Datos persoais | |
País de nacionalidade | Española. |
Educación | Universidade de Zaragoza. Universidade Central de Madrid. |
Tese académica | Epígrafes cristianos latinos de Mérida. Siglos IV al VIII-X. |
Director de tese | Manuel Gómez-Moreno. |
Actividade | |
Campo de traballo | Historiografía, arqueoloxía, epigrafía e numismática. |
Ocupación | historiador , arqueólogo , numismático |
Membro de | Real Academia de Belas Letras e Nobres Artes de Córdoba (1922). Academia de Belas Artes de San Luís de Zaragoza (1933). Instituto de Estudos Ilerdenses (1942). Academia de Belas Artes de Santa Isabel de Hungría (1943). Consello Nacional de Educación (1944). Real Academia da Historia (1953). Academia Internacional da Cerámica (1953). Real Academia de Belas Artes de San Fernando (1958). Academia Colombiana da Historia. Deutsches Archäologisches Institut. Royal Numismatic Society. Hispanic Society. |
Interesado en | Epigrafía, numismática e museografia (pt) |
Lingua | Lingua castelá |
Familia | |
Cónxuxe | María del Pilar de Palacio y de Azara (1923). |
Fillos | Javier de Navascués. Jorge de Navascués Pedro de Navascués. |
Premios
| |
Joaquín María de Navascués y de Juan, nado en Zaragoza o 17 de febreiro de 1900 e finado en Madrid o 11 de maio de 1975, foi un historiador, epigrafista, arqueólogo e numismático español, membro da Real Academia da Historia e director do Museo Arqueolóxico Nacional, e inspector xeral de Museos Arqueolóxicos.
As súas investigacións levárono a ser recoñecido como un especialista en epigrafía romana e visigoda, así como en numismática ibérica, hispanorromana e hispanoárabe.[1]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Primeiros anos e formación
[editar | editar a fonte]Joaquín María de Navascués naceu en Zaragoza en 1900, fillo de María del Pilar de Juan del Olmo e do xeneral de Artillaría Ricardo de Navascués y de Gante.[1][2]
Logo do seu ensino secundario nesa cidade, iniciou na Universidade de Zaragoza os estudos de Dereito, que non concluíu, e en 1919 licenciouse en Filosofía e Letras, sección de Historia, na mesma universidade.[1] No curso 1919-1920 continuou os seus estudos de Filosofía e Letras en Madrid, e en 1921 foi chamado para o servizo militar, que cumpriu en Zaragoza.[2]
Durante o seu no exército preparou as oposicións para o corpo facultativo de arquivos, bibliotecas e museos, que foran convocadas o ano anterior.[2] No mesmo 1921, logo de aprobar as oposicións logrou acceder a ese corpo,[1] no que ingresou o día 26 de xullo, e en 1925 pasou á condición de supernumerario.[3]
Non foi ata 21 anos despois cando, en 1948, acadou o seu doutoramento na Universidade Central de Madrid, baixo a dirección de Manuel Gómez-Moreno, cunha tese titulada Epígrafes cristianos latinos de Mérida. Siglos IV al VIII-X.[1][2]
Carreira profesional
[editar | editar a fonte]O seu primeiro destino como funcionario do corpo de arquivos, bibliotecas e Museos foi a dirección do Museo Arqueolóxico de Córdoba, no que permaneceu ata 1925. Durante ese período participou nas escavacións de Medinat al-Zahra (1923-1924). Logo retornou a Zaragoza para ocupar o posto de profesor auxiliar de Paleografía e Diplomática na universidade (1926-1928), e máis tarde trasladouse a Tarragona, como director do museo arqueolóxico desa cidade (1928-1929).[1][2]
En 1930 foi nomeado conservador do Museo Arqueolóxico Nacional, en Madrid, e ese mesmo ano realizou unha longa viaxe por Italia e Francia. O ano seguinte ingresou na sección de Arqueoloxía e Arte Medieval do Centro de Estudos Históricos, dirixido por Manuel Gómez Moreno, e con el viaxou por Marrocos. No seo deste centro, en 1932 comezou a recompilar materiais para as súas investigacións posteriores sobre a epigrafía hispano-latina.[1][2]
Paralelamente a ese labor institucional, Navascués dirixiu en 1922 as primeiras actuacións no sitio arqueolóxico cordobés de Cercadilla, situado xunto á estación de Córdoba-Cercadilla.[4] Entre 1931 e 1932 participou tamén nas escavacións no castro de Los Castillejos, na provincia de Ávila,[2] xunto cos arqueólogos Emilio Camps e Juan Cabré, cos que mantivo a colaboración en traballos posteriores.[5] Conxuntamente con Camps, dirixiu tamén, entre 1932 e 1935, as escavacións da necrópole visigoda de Castiltierra, en Segovia.[6]
Co estoupido da guerra civil en 1936, Navascués foi suspendido de emprego e soldo e estivo preso polos republicanos, primeiro no Cárcere Modelo e logo no de Las Ventas, ambos en Madrid. Acabada a súa reclusión en 1937, logrou chegar o ano seguinte a Zaragoza —que xa estaba na zona franquista—,[7] onde o ano seguinte se incorporou ao Servizo de Defensa do Patrimonio Artístico Nacional,[2] dependente da Dirección Xeral de Belas Artes, ao que se mantivo vinculado ata 1964.[1]
Finalizada a guerra civil, recuperou a súa praza no Museo Arqueolóxico Nacional e mantivo o seu posto no Servizo de Defensa do Patrimonio Artístico Nacional. Desde a súa posición de conservador do museo, colaborou co daquela director, Blas Taracena, na dirección dos traballos de restauración e reestruturación das salas e na revisión dos fondos almacenados de xeito precario durante a contenda. Así mesmo, participou tamén na operación de troco co Goberno francés de pezas tan salientables como a Dama de Elx ou os relevos de Osuna, entre outras, e contribuíu á localización do Museo de América nas propias instalacións do Arqueolóxico. Logo do falecemento de Blas Taracena en 1951, Navascués foi nomeado como o seu sucesor no cargo de director o 17 de marzo de 1952, que ocupou ata a súa xubilación en 1966.[8] A partir dese momento, foi presidente do Padroado do Museo Arqueolóxico Nacional, ata 1970.[1][2]
Navascués mantívose fiel ao réxime franquista e, a partir de 1940, foi inspector xeral de Museos Arqueolóxicos, cargo desde o que impulsou a reparación destes museos, logo dos danos ocasionados pola guerra civil. El foi o encargado, nesa época, de estandarizar os catálogos e os inventarios nos museos arqueolóxicos españois,[2] un padrón que se mantivo en uso ata a aparición dos sistemas informatizados. Tamén como inspector de Museos iniciou a publicación da serie Memorias de los Museos Arqueológicos Provinciales (1954-1960), co fin de dar a coñecer as novas adquisicións destas institucións.[1]
Desempeñou igualmente, en 1944, o cargo de conselleiro nacional de Educación na súa sección de Belas Artes, e en 1950 accedeu por oposición á cátedra de Epigrafía e Numismática da Universidade Central de Madrid, que desempeñou ata a súa xubilación.[1][2]
Pertenza a sociedades e entidades eruditas
[editar | editar a fonte]Navascués ingresou en 1942 como membro da sección de Epigrafía e Numismática do Instituto Diego Velázquez, pertencente ao Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC). Dentro do CSIC, foi tamén fundador en 1951 e director do Instituto Antonio Agustín de Numismática,[9] así como da súa publicación Numario Hispánico (1952-1967).[1][2]
En 1953 foi elixido presidente da Asociación Nacional de Arquiveiros, Bibliotecarios e Arqueólogos (ANABA).[1][2]
O 10 de novembro de 1950 ingresou na Real Academia da Historia, onde se lle asignou a medalla número 5; a súa toma de posesión produciuse o 15 de xaneiro de 1953, cun discurso titulado El concepto de la Epigrafía, consideraciones sobre la necesidad de su ampliación.[2][10] Nesta institución exerceu como bibliotecario accidental (1973) e como anticuario perpetuo (1956-1975). Igualmente, o 8 de febreiro de 1958 ingresou como membro na Real Academia de Belas Artes de San Fernando, cun discurso titulado Aportaciones a la Museografía española, que foi publicado o ano seguinte.[1][2][11][12]
Entre outras academias e entidades eruditas, foi da Real Academia de Belas Letras e Nobres Artes de Córdoba (1922), da Academia de Belas Artes de San Luís de Zaragoza (1933), do Instituto de Estudos Ilerdenses (1942), da Academia de Belas Artes de Santa Isabel de Hungría, de Sevilla (1943), da Academia Internacional da Cerámica (1953), da Academia Colombiana da Historia, do Instituto Arqueolóxico Alemán, da Real Sociedade Numismática de Londres e da Sociedade Hispánica de Nova York.[1][2][12]
Vida persoal
[editar | editar a fonte]Navascués casou con María del Pilar de Palacio y de Azara en 1923 en Zaragoza. Con ela tivo varios fillos, entre eles Javier de Navascués —arquitecto que participou en escavacións en Italia e en Exipto—, Jorge de Navascués —especialista en numismática hispano-árabe— e Pedro de Navascués —académico de Belas Artes e catedrático de Historia da Arte na Universidade Politécnica de Madrid—.[1][2]
Joaquín María de Navascués finou en Madrid o 11 de maio de 1975.[1][2]
Recoñecementos
[editar | editar a fonte]Estes son algúns dos recoñecementos acadados por Joaquín María de Navascués:[1][2]
- 1946: Encomenda con placa da Orde de Afonso X o Sabio.[13]
- 1966: oficial da Orde das Plamas Académicas, do Goberno francés.
Publicacións
[editar | editar a fonte]Ao longo da súa traxectoria como erudito, Joaquín María de Navascués publicou numerosos artigos relacionados cos seus ámbitos de estudo e investigación, así como algúns traballos monográficos, entre os que cabe salientar os seguintes:[1][14]
Escolma de monografías
[editar | editar a fonte]- (1918). Tudela. Sus monumentos románicos. La Editorial, Zaragoza.
- (1924). Excavaciones en Medina Azzahara (Córdoba) (con R. Jiménez et al.). Madrid.
- (1931). Museo Arqueológico Nacional. Adquisiciones en 1930. Colección de antigüedades que pertenecieron al Sr. Marqués de Monsalud. Madrid.
- (1932). Museos Españoles, I-II. Blass, Madrid.
- (1932). Guía de Tarragona. Patronato Nacional del Turismo, Espasa Calpe, Madrid.
- (1953). El concepto de la epigrafía. Consideraciones sobre la necesidad de su ampliación. Real Academia de la Historia, Madrid.
- (1956). Manuscritos latinos en barro del Museo Arqueológico Nacional. Instituto de España, Madrid.
- (1959). Aportaciones a la museografía española. Real Academia de bellas artes de San Fernando, Madrid
- (1969). Las monedas hispánicas del Museo Arqueológico Nacional de Madrid. I. Ciclos griego e íbero-romano. Asociación Numismática Española, Barcelona.
- (1971). Las monedas hispánicas del Museo Arqueológico Nacional de Madrid. II. Ciclo andaluz: grupo bástulo-turdetano. Asociación Numismática Española, Barcelona.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,00 1,01 1,02 1,03 1,04 1,05 1,06 1,07 1,08 1,09 1,10 1,11 1,12 1,13 1,14 1,15 1,16 1,17 1,18 "Joaquín María de Navascués y de Juan". Real Academia de la Historia (RAH.es).
- ↑ 2,00 2,01 2,02 2,03 2,04 2,05 2,06 2,07 2,08 2,09 2,10 2,11 2,12 2,13 2,14 2,15 2,16 2,17 2,18 "Navascués, Joaquín María (1900-1975)". PARES. Portal de Archivos Españoles.
- ↑ "Real orden declarando en situación de supernumerario a D. Joaquín María de Navascués y de Juan, Oficial de segundo grado del Cuerpo facultativo de Archiveros, Bibliotecarios y Arqueólogos". En Gaceta de Madrid. Nº. 64. 5 de marzo de 1925. Páxina 1.072.
- ↑ Fuertes, M. Camino; Hidalgo, R. (2005). "El yacimiento de Cercadilla en Córdoba. Un proyecto de conservación complejo". En Erice Lacabe, R.; Francia Gómez, C. (coord.). III Congreso Internacional sobre Musealización de Yacimientos Arqueológicos. Zaragoza. Institución Fernando el Católico / Ayuntamiento de Zaragoza. Páxina 31.
- ↑ Maluquer de Motes, J. (1958). El Castro de los Castillejos en Sanchorreja. Estudio de las excavaciones realizadas por D. Juan Cabré, D. Joaquín María de Navascués, y D. Emilio Camps, de 1931 a 1935. Diputación Provincial de Ávila.
- ↑ Balmaseda Muncharaz, L. J. (2008). "Intervenciones menores de Pérez de Barradas en yacimientos de época visigoda". En Arqueología. América. Antropología: José Pérez de Barradas (1879-1981). Ayuntamiento de Madrid. Páxina 172. ISBN 978-84-7812-709-2
- ↑ Alares López, G. (2013). Severino Aznar y el Colegio de Aragón (1945-1959). Epistolario. Institución Fernando el Católico, Zaragoza. Páxina 115. ISBN 978-84-9911-265-7
- ↑ Ladero Galán, A. "Joaquín María de Navascués". Museo Arqueológico Nacional (MAN.es).
- ↑ Camón Aznar, J. (1975). Páxina 24.
- ↑ Véxase "(1953)" na sección "Publicacións".
- ↑ Véxase "(1959)" na sección "Publicacións".
- ↑ 12,0 12,1 Camón Aznar, J. (1975). Páxina 25.
- ↑ "Orde do 21 de febreiro de 1946 pola que se concede o ingreso na Orde Civil de Afonso X o Sabio a don Joaquín de Navascues de Juan". En Boletín Oficial del Estado. Nº 82. 23 de marzo de 1946: Páxinas 2.241-2.242.
- ↑ "Publicaciones de Joaquín María de Navascués y de Juan". EnLópez Rodríguez, J. R. (2019). Páxinas 467-472.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Joaquín María de Navascués |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Almagro Gorbea, M. (1999). "Joaquín M.ª Navascués y de Juan (1956-1975)". En El Gabinete de Antiguedades de la Real Academia de la Historia. Real Academia de la Historia, Madrid. Páxinas 158-160. ISBN 84-89512-47-7
- Balil Illana, A. (1976). "Joaquín María de Navascués (1970-1975): in memoriam. En Epigraphica. Nº 38. Páxinas 170-173.
- Camón Aznar, J. (1975). "Recordando a don Joaquín María de Navascués y de Juan". En Boletín de la Real Academia de Bellas Artes de San Fernando. Real Academia de Bellas Artes de San Fernando. 40. Páxinas 21-27.
- López Rodríguez, J. R. (2018). "Aportaciones a la museografía y la arqueología españolas: Joaquín María de Navascués, director del Museo Arqueológico Nacional". En Carretero Pérez, A. et al. (eds.) Actas del V Congreso Internacional de Historia de la Arqueología. Páxinas 447-468.
- López Rodríguez, J. R. (2019). "Joaquín María de Navascués y de Juan (1900-1975)". En 150 años de una profesión: de anticuarios a conservadores. Ministerio de Cultura y Deporte. Páxinas 463-474. ISBN 9789200145643
- Pabón y Suárez de Urbina, J. (1975). "Excmo. Sr. D. Joaquín María de Navascués y de Juan (1900-1975)". En Boletín de la Real Academia de la Historia. Nº 172. Páxinas 257-262.
- Peiró Martín, I.; Pasamar Alzuria, G. (2002). "Navascués y de Juan, Joaquín María de". En Diccionario Akal de historiadores españoles contemporáneos (1840-1980). Akal, Madrid. Páxinas 440-441. ISBN 84-460-1489-0
- Ruiz Trapero, M. (1975). "Homenaje al profesor Navascués". En Cuadernos de Prehistoria y Arqueología. Universidad Autónoma de Madrid. Nº 2. Páxinas 15-29.
- Santiago Fernández, J. et al. (2019). "Joaquín María de Navascués, obra epigráfica". Grupo de Investigación UCM Numismática e investigación documental, Madrid. ISBN 978-84-09-09953-5
- Nados en Zaragoza
- Nados en 1900
- Finados en 1975
- Historiadores de España
- Arqueólogos de España
- Numismáticos de España
- Epigrafistas
- Directores de museos
- Museo Arqueolóxico Nacional de España
- Académicos da Real Academia da Historia
- Académicos da Real Academia de Belas Artes de San Fernando
- Alumnos da Universidade de Zaragoza
- Alumnos da Universidade Central de Madrid
- Catedráticos da Universidade Central de Madrid