Dama de Elx
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde decembro de 2015.) |
A Dama de Elx é un busto ibero tallado en pedra calcaria que se data entre os séculos IV e V a. C. Mide 56 cm de altura e ten nas súas costas unha cavidade case esférica de 18 cm de diámetro e 16 de profundidade, que posiblemente servía, para introducir reliquias, obxectos sacros ou cinzas como ofrendas ao defunto. Outras moitas figuras ibéricas de carácter relixioso, achadas noutros lugares, teñen tamén nas súas costas un oco e, como a Dama, os seus ombreiros móstranse lixeiramente curvados cara a adiante.
A peza atopouse o 4 de agosto de 1897, preto de Elx (País Valenciano), onde existe unha cuíña que os árabes chamaron Alcudia (cerro) e que na antigüidade estaba case rodeado por un río. Sábese que foi un asentamento ibero denominado Helike (en grego) e que os romanos chamaron Illici Augusta Colonia Julia. Cando chegaron os árabes, situaron a cidade máis abaixo, na parte chaira, conservando o topónimo romano de Illici, que foi arabizado polo son Elx.
Exhíbese no Museo Arqueolóxico Nacional de España en Madrid.
Descrición da escultura
[editar | editar a fonte]A súa indumentaria é totalmente ibérica. Leva unha túnica azul de fino liño, mantilla sostida por un peite (que pode parecer unha tiara), que cae atravesada sobre o peito. Esta mantilla era avermellada e nela aínda quedan restos de pintura gastados. Sobre a mantilla, un gran manto (albornoz) de tea grosa cubríaa. Era de cor marrón cun reberete vermello. Os beizos conservan tamén restos da súa cor vermella. Está feita de calcaria fina, laranxa e a cara ten a cor natural desta pedra, probable cor natural da súa cute.
A Dama leva unhas xoias características dos iberos: unhas rodas que cobren as orellas e que colgan dunhas pequenas cadeas suxeitas a unha tira de coiro que lle cingue a fronte, uns colares e coroas con esferiñas e filigranas. Son reproducións de xoias que tiveron a súa orixe en Xonia no século VIII a. C. e que despois pasaron a Etruria (Italia). Nas últimas análises descubriuse un pequeno fragmento de pan de ouro nun dos pregos das costas. Isto induce a supor que as xoias da escultura estaban recubertas de pan de ouro.
Artemidoro de Éfeso, home de Estado que viaxou polas costas de Iberia cara ao ano 100 a. C, describe á muller ibera nun texto que chegou até os nosos días, e no que pode recoñecerse moi ben a descrición da Dama de Elx, tal é o parecido:
- Algunhas mulleres ibéricas levaban colares de ferro e grandes armazóns na cabeza, sobre a que se puñan o veo a maneira de antuca, que lles cubría o aspecto. Pero outras mulleres colocábanse un pequeno tympanon ao redor do pescozo que pechaban fortemente na caluga e a cabeza até as orellas e dobrábase cara arriba, á beira e detrás.
Debate sobre a autenticidade da Dama
[editar | editar a fonte]Houbo moitas críticas e opinións sobre o achado desta peza arqueolóxica e especulouse sobre a posibilidade de que non fose de tal antigüidade senón que se tratase dunha fraude moderna. En 1995, na University of Florida Press, o profesor John F. Moffitt escribiu sobre o tema en Art Forgery: The Case of the Lady of Elx.
Recentemente, a análise da súa policromía realizado polo equipo de Mª Pilar Luxán do CSIC en España, evidenciou a antigüidade do pigmento e a estrutura das capas de imprimación e pigmentación, así como o proceso da súa perda por disolución e recristalización do morteiro de xeso que se preparou para recibir a cor.
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Dama de Elx |