Jürgen Klinsmann

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Klinsmann
Información persoal
Nome Jürgen Klinsmann
Nacemento 30 de xullo de 1964
Lugar de nacemento Göppingen
Altura 1,71 m.
Posición Dianteiro
Carreira xuvenil
1974–1974 TB Gingen
1974–1978 SC Geislingen
1978–1981 Stuttgarter Kickers
Carreira sénior
Anos Equipos Aprs (Gls)
1981–1984 Stuttgarter Kickers 61 (22)
1984–1989 VfB Stuttgart 156 (79)
1989–1992 Inter de Milán 95 (34)
1992–1994 Monaco 65 (29)
1994–1995 Tottenham Hotspur 41 (20)
1995–1997 Bayern de Múnic 65 (31)
1997–1998 Sampdoria 8 (2)
1997–1998 Tottenham Hotspur 15 (9)
2003 Orange County Blue Star 8 (5)
Selección nacional
1980–1981 Alemaña Occidental sub-16 3 (0)
1984–1985 Alemaña Occidental sub-21 8 (3)
1987–1988 Alemaña Occidental olímpica 14 (8)
1987–1998 Alemaña Occidental / Alemaña 108 (47)
Adestrador
2004–2006 Alemaña
2008–2009 Bayern de Múnic
2011–2016 Estados Unidos
2019–2020 Hertha Berlin
Na rede
http://www.klinsmann.com
IMDB: nm1692875 Twitter: J_Klinsmann Discogs: 1368940 FIFA: 174666 UEFA: 45 Editar o valor em Wikidata
Partidos e goles só en liga doméstica.

editar datos en Wikidata ]

Jürgen Klinsmann, nado en Göppingen o 30 de xullo de 1964, é un adestrador e exfutbolista alemán, que xogaba como dianteiro. Militou en destacados clubs europeos como o VfB Stuttgart, o Inter de Milán, o Monaco, o Tottenham Hotspur ou o Bayern de Múnic Formou parte da selección de Alemaña Occidental que se proclamou campioa do Mundial de 1990 e da selección alemá unificada que gañou a Eurocopa de 1996. Como adestrador, dirixiu a selección alemá no Mundial de 2006, acadando o terceiro posto e, posteriormente, dirixiu outros equipos, entre eles o Bayern de Múnic e a selección dos Estados Unidos.

Considerado un dos mellores dianteiros alemáns de tódolos tempos, marcou nos seis grandes torneos internacionais nos que participou, desde a Eurocopa de 1988 ata o Mundial de 1998. En 1995 quedou terceiro no premio ao Xogador do Ano da FIFA e en 2004 foi nomeado na lista FIFA 100 como un dos "125 mellores futbolistas vivos".[1] O 3 de novembro de 2016 converteuse no quinto xogador en ser nomeado capitán honorífico de Alemaña.[2][3]

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Como futbolista[editar | editar a fonte]

1972–1981: Carreira xuvenil[editar | editar a fonte]

Naceu no distrito de Göppingen, en Baden-Württemberg sendo un dos catro fillos do panadeiro Siegfried Klinsmann e da súa esposa Martha. Aos oito anos comezou a xogar ao fútbol no TB Gingen, un club afeccionado en Gingen an der Fils. Seis meses despois marcou 16 goles nun só partido co seu novo club, pechando a campaña con 102 goles na súa conta persoal.[4] Aos dez anos pasou ao SC Geislingen e aos 14 seu pai mercou unha panadaría en Stuttgart, a capital do estado. A familia mudouse alí, pero Jürgen continuou xogando no SC Geislingen, mesmo despois de ser incluído nunha selección xuvenil de Württemberg. En 1978, con 16 anos, asinou un contrato co Stuttgarter Kickers, o club onde se convertería en profesional dous anos despois. Os seus pais decidiron que primeiro debería rematar a súa aprendizaxe como panadeiro no seu negocio familiar, completándoa en 1982.[5]

1981–1989: Stuttgarter Kickers e VfB Stuttgart[editar | editar a fonte]

Klinsmann (centro) xogando no VfB Stuttgart contra o Dynamo Dresden na semifinal da Copa da UEFA 1988-89

Klinsmann comezou a súa carreira profesional en 1982 no Stuttgarter Kickers, que militaba daquela na segunda división.[6] Na tempada 1982/83 era xa titular habitual e na seguinte campaña marcou 19 goles.

En 1984 fichou polo VfB Stuttgart, da primeira división. Na súa primeira tempada no club foi o máximo goleador do equipo xunto a Karl Allgöwer, con 15 goles cada un. Marcou 16 goles en cada unha das dúas seguintes tempadas e chegou á final da DFB-Pokal en 1986. Marcou un gol na final, pero o seu equipo perdeu por 2-5 diante do Bayern de Múnic, que se impuxo grazas a un triplete de Roland Wohlfarth e a outros dous tantos de Michael Rummenigge. A tempada 1987/88 foi a da súa consagración no fútbol alemán. Foi o máximo goleador da Bundesliga, con 19 tantos, entre eles un conseguido cunha espectacular chilena na vitoria por 3-0 sobre o Bayern.[7] Aos seus 24 anos, foi nomeado Futbolista Alemán do Ano.

Na tempada 1988/89 chegou ata a final da Copa da UEFA. Marcou un dos goles no encontro de volta da final, pero o título foi para o Napoli de Maradona por un axustado resultado global de 5-4. A continuación Klinsmann fichou polo Inter de Milán, co que asinou un contrato por tres anos, uníndose a outros dous internacionais alemáns: Lothar Matthäus e Andreas Brehme.

1989–1992: Inter de Milán[editar | editar a fonte]

A pesar das tácticas defensivas do adestrador Giovanni Trapattoni, Klinsmann marcou 13 goles na súa primeira campaña na Serie A, na que o Inter acabou terceiro, sendo o máximo anotador do equipo. Converteuse nun dos futbolistas estranxeiros máis populares de Italia, sobre todo porque aprendera italiano, e gañou o respecto dos afeccionados pola súa aparencia e habilidades lingüísticas.

Na tempada 1990/91 gañou co Inter a Copa da UEFA, marcando tres goles durante a competición, e derrotando na final á Roma, e sumou 14 goles na liga, na que o equipo volveu ser terceiro. Ao ano seguinte só puido marcar 7 goles, nunha desastrosa tempada do equipo que comezou con Corrado Orrico no banco. Este foi cesado cando o equipo ocupaba a novena praza, e a chegada do adestrador galego Luis Suárez só serviu para subir ata o oitavo lugar final. Foi a última campaña de Klinsmann en San Siro.

1992–1994: Monaco[editar | editar a fonte]

Trala Eurocopa de 1992, Klinsmann fichou polo Monaco e os seus 19 goles na súa primeira tempada, contribuíron a que o club lograse o segundo posto na liga francesa. Despois do escándalo de subornos do Olympique de Marsella e a súa posterior descualificación como campión da liga, o Monaco substituíu o equipo marsellés na Liga de Campións 1993–94 e chegou ata as semifinais, onde caeu ante o Milan. Klinsmann debutou na máxima competición europea con catro goles. Na tempada seguinte sufriu unha rotura de ligamentos e o Monaco só puido ser noveno na liga liga. Klinsmann foi utilizado como dianteiro único e comezou a criticar a actitude dos seus compañeiros. En 1994 deixou o club de xeito anticipado, cando aínda lle restaba un ano de contrato.[8]

1994–1995: Tottenham Hotspur[editar | editar a fonte]

Para a campaña 1994/95 foi traspasado por 2 millóns de libras ao Tottenham Hotspur da Premier League.[9] No club inglés recibiu críticas por parte da prensa e dos afeccionados pola súa reputación de finxidor de faltas.[5] No seu debut contra o Sheffield Wednesday, anotou de cabeza o gol da vitoria e inmediatamente gañou aos afeccionados coa súa celebración, lanzándose ao chan de xeito autocrítico.[5][10] Un xornalista de The Guardian que escribira un artigo titulado "Por que odio a Jürgen Klinsmann", escribiu outro dous meses despois co título "Por que amo a Jürgen Klinsmann".[11] Klinsmann gañou o premio ao Futbolista do Ano da Asociación de Escritores de Fútbol de 1995.[11]

Polo seu humor, pero tamén polos seus logros deportivos e o seu estilo de xogo combativo, fíxose rapidamente moi popular en Inglaterra; vendéndose máis de 150.000 das súas camisetas.[12] A día de hoxe ten un status de xogador lendario nos Spurs e foi incluído no Museo de Cera Madame Tussauds.[13]

Co club de Londres, marcou un total de 30 goles durante a tempada, entre eles o tanto da vitoria contra o Liverpool nos cuartos de final da FA Cup. Tamén marcou nas semifinais, pero os Spurs non conseguiron o pase á final, ao perder 4-1 ante o Everton.[14]

1995–2003: últimos anos[editar | editar a fonte]

Durante as tempadas 1995/96 e 1996/97 xogou no Bayern de Múnic, sendo o máximo goleador do equipo en ambas. Co club bávaro conquistou a Copa da UEFA 1995/96, establecendo un novo récord anotador, con 15 goles en 12 partidos durante a competición (récord que se mantivo vixente ata 2011).[15] Un ano despois gañou a súa primeira e única Bundesliga.

Despois regresou brevemente a Italia para xogar na Sampdoria, pero deixou o equipo no inverno, volvendo ao Tottenham Hotspur. Durante a súa segunda etapa en Londres, os seus goles salvaron ao club do descenso, especialmente os catro que marcou na vitoria por 6-2 sobre o Wimbledon.[16] Disputou o seu último partido no fútbol de alto nivel en 1998, na última xornada da Premier League contra o Southampton.[17]

Trala súa retirada mudouse aos Estados Unidos e no 2003 volveu colocar as botas para xogar de xeito breve no Orange County Blue Star, un equipo modesto da cuarta división do fútbol estadounidense.[5]

Selección nacional[editar | editar a fonte]

Foi 108 veces internacional coa selección alemá, sendo o cuarto xogador con máis partidos da historia do equipo, só por detrás de Lothar Matthäus, Miroslav Klose e Lukas Podolski. É tamén o cuarto máximo goleador da historia de Alemañá, con 47 goles, posto compartido con Rudi Völler, e superado só por Klose, Gerd Müller e Podolski. 11 dos goles marcounos na Copa do Mundo da FIFA, o que o sitúa no sexto lugar de todos os tempos.

Realizou o seu debut en 1987, coa daquela selección de Alemaña Occidental, nun empate 1-1 contra o Brasil. Participou nos Xogos Olímpicos de 1988, gañando a medalla de bronce, e nas Eurocopas de 1988, 1992 e 1996, chegando á final en 1992 e proclamándose campión en 1996. Foi o primeiro futbolista en marcar en tres Eurocopas diferentes. Outros cinco xogadores - Vladimír Šmicer, Thierry Henry, Zlatan Ibrahimović, Nuno Gomes e Cristiano Ronaldo - igualaron esa marca desde entón.

Klinsmann foi unha peza destacada da selección de Alemaña Occidental durante o Mundial de 1990. Despois de clasificarse para os oitavos de final, Alemaña enfrontouse aos Países Baixos, contra os que perdera dous anos antes na Eurocopa de 1988. Despois de que Rudi Völler fose expulsado no minuto 22, Klinsmann viuse obrigado a xogar como único dianteiro. Marcou o 1-0 e a súa actuación recibiu numerosos eloxios. O xornal alemán Süddeutsche Zeitung escribiu: "Na última década, nin un só dianteiro dun equipo da DFB ofreceu unha actuación tan brillante e case perfecta".  Despois das vitorias sobre Checoslovaquia (1–0) e Inglaterra (1–1 na prórroga, 4–3 na quenda de penaltis), proclamouse campión do mundo tras vencer na final á Arxentina por 1–0. Klinsmann é recordado por sufrir unha falta do arxentino Pedro Monzón, que posteriormente foi expulsado, reducindo a escuadra arxentina a dez homes. Moitos críticos cualificaron o incidente como un excelente exemplo de simulación de Klinsmann, unha afirmación que el contradí. Nunha entrevista en 2004 afirmou que a falta lle provocou un corte de 15 cm na súa canela.[11]

Tamén participou coa selección unificada de Alemaña nas Copas do Mundo de 1994 (onde marcou cinco goles) e de 1998 (tres goles). Converteuse no primeiro xogador en marcar polo menos tres goles en tres Mundiais consecutivas, fito que máis tarde conseguiron tamén Ronaldo e Miroslav Klose. Klinsmann é actualmente o sexto máximo goleador histórico das Copas do Mundo e o terceiro máximo goleador de Alemaña nesta competición, por detrás de Klose (16 goles) e Gerd Müller (14).

Como adestrador[editar | editar a fonte]

Selección de Alemaña[editar | editar a fonte]

En xullo de 2004, e sen experiencia previa como adestrador, converteuse no novo seleccionador de Alemaña,[18] sucedendo ao seu antigo compañeiro de equipo e de dianteira Rudi Völler. Iniciou un proceso de renovación tanto na área técnica como no cadro de xogadores da selección alemá, que viña de realizar unha desastrosa actuación na Eurocopa de 2004. Durante a Copa Confederacións de 2005, fixo rotar aos seus porteiros independentemente das súas actuacións, o que provocou o enfado de Oliver Kahn. En abril de 2006, Klinsmann decidiu finalmente relegar a Kahn ao banco e designou a Jens Lehmann como o seu primeiro porteiro.[19]

Klinsmann como seleccionador de Alemaña en 2005

Para o Mundial de 2006, anunciou unha renovada lista de xogadores, a metade dos cales debutaba nun gran torneo internacional. As boas actuacións de Alemaña no Mundial silenciaron as duras críticas que Klinsmann recibira ata entón. O equipo conseguiu tres vitorias consecutivas contra Costa Rica, Polonia e Ecuador na fase de grupos, o que lle valeu o primeiro posto no Grupo A. No primeiro partido das eliminatorias Alemaña gañou por 2-0 a Suecia, e nos cuartos de final o equipo de Klinsmann eliminou á Arxentina na quenda de penaltis.[20]

Nun igualado partido de semifinais, Alemaña acabou perdendo contra Italia na prórroga por 2-0, despois de empatar sen goles no tempo regulamentario, e de que Fabio Grosso e Alessandro Del Piero anotaran nos minutos finais do tempo extra.[21] Despois do partido, Klinsmann eloxiou o rendemento do seu equipo. Gañaron a Portugal por 3-1 no encontro polo terceiro posto,[22] e ao día seguinte foron homenaxeados por unha multitude en Berlín.

Tralo Mundial, Klinsmann recibiu un amplo apoio público, debido ao espírito do seu xogo ofensivo. Franz Beckenbauer, antes feroz crítico de Klinsmann, declarou o seu desexo de velo continuar á fronte da selección. O seu éxito fixo que recibise a Orde do Mérito da República Federal de Alemaña.

A pesar da actuación na Copa do Mundo e dos eloxios recibidos, non quixo renovar o seu contrato coa Federación Alemá de Fútbol e foi substituído polo seu axudante, Joachim Löw.[23]

Bayern de Múnic[editar | editar a fonte]

Klinsmann como adestrador do Bayern de Múnic en 2009

En xullo de 2008 volveu aos labores de adestrador despois de dous anos, sucedendo a Ottmar Hitzfeld no banco do Bayern de Múnic.[24] Con el ao cargo, o equipo bávaro caeu eliminado nos cuartos de final da Liga de Campións ante o Barcelona de Guardiola, posterior campión, e ocupaba a terceira praza na Bundesliga, cando foi despedido a falta de cinco xornadas. O seu último partido foi unha derrota por 1-0 ante o Schalke 04.[25] O seu balance no Bayern foi de 25 vitorias, 9 empates e 10 derrotas.[26]

Selección dos Estados Unidos[editar | editar a fonte]

Klinsmann como seleccionador dos Estados Unidos

En xullo de 2011, despois de pasar uns meses como asesor técnico do Toronto FC, da MLS, foi nomeado adestrador da selección dos Estados Unidos,[27] en substitución de Bob Bradley, que fora despedido tras unha derrota por 4-2 ante México na final da Copa Ouro da CONCACAF de 2011.[28]

Tras perder catro partidos e empatar un, conseguiu a súa primeira vitoria nun amigable ante Eslovenia. O 29 de febreiro de 2012, logrou unha histórica vitoria por 1-0 nun partido amigable ante Italia, a primeira vitoria estadounidense contra os catro veces campións do mundo.[29] Seis meses despois, no estadio Azteca, conseguiu ante a México a primeira vitoria do combinado estadounidense no país.[30]

O 2 de xuño de 2013, a selección dos Estados Unidos celebrou o seu centenario cun partido amigable contra Alemaña, logrando vencer por 4-3. Na Copa Ouro da CONCACAF de 2013, o equipo de Klinsmann conseguiu o seu quinto título, ao derrotar na final a Panamá por 1-0.[31] Ese mesmo ano, trala vitoria por 2-0 sobre México, os Estados Unidos conseguiron a clasificación para o Mundial de 2014 e a Federación de Fútbol dos Estados Unidos (USSF) renovou o contrato de Klinsmann ata 2018.[32]

Copa do Mundo de 2014[editar | editar a fonte]
Klinsmann en 2014

Klinsmann sorprendeu ao mundo do fútbol estadounidense en maio de 2014 cando deu a súa lista de convocados para o Mundial, na que se incluían cinco xoves futbolistas, fillos de pais militares estadounidenses e nais alemás, todos nacidos e adestrados profesionalmente en Alemaña. Foron chamados pola prensa Jurgen Americans.[33][34][35] A súa escolla de xogadores recibiu críticas no país, especialmente despois de non incluír na lista ao máximo goleador histórico da selección, Landon Donovan. Klinsmann describiu este feito como "a decisión máis difícil da súa carreira de adestrador", pero afirmou que vía outros xogadores "lixeiramente por diante" de Donovan.[36]

Xa na Copa do Mundo, Klinsmann guiou o equipo dos Estados Unidos á vitoria por 2-1 sobre Ghana no primeiro partido, con goles do capitán Clint Dempsey e John Brooks. No segundo partido ante Portugal, un erro defensivo provocou un gol sinxelo do equipo luso, pero Jermaine Jones empatou cun gol desde 30 metros na segunda metade. No minuto 81, Dempsey marcou para darlle a vantaxe aos Estados Unidos por 2-1, pero o marcador igualouse nos últimos segundos do tempo de desconto, cando Cristiano Ronaldo enviou un centro a Silvestre Varela, que este rematou de cabeza, superando ao porteiro estadounidense Tim Howard.[37] No terceiro encontro, Estados Unidos caeu ante Alemaña, pero conseguiu o pase á fase de eliminatorias grazas á vitoria de Portugal sobre Ghana.[38]

Nos oitavos de final, o seu rival foi a Bélxica de Marc Wilmots. Despois de pasar gran parte do partido defendéndose contra o potente ataque belga, co porteiro Tim Howard establecendo un récord de paradas nun partido da Copa do Mundo, os Estados Unidos sobreviviron cun marcador de 0-0 aos 90 minutos, enviando o partido á prórroga. Kevin De Bruyne abriu o marcador na primeira parte da prórroga e Romelu Lukaku puxo o 2-0 para os belgas. O equipo de Klinsmann recortou distancias cun tanto de Julian Green, pero non foi quen de evitar a eliminación.[39]

Ciclo do Mundial de 2018[editar | editar a fonte]

Na Copa Ouro da CONCACAF de 2015 o equipo só puido ser cuarto, o seu peor resultado dende o ano 2000, ao caer nas semifinais ante Xamaica perder o partido polo terceiro posto diante de Panamá. Continuou á fronte da selección ata novembro de 2016, cando foi despedido despois de perder dous partidos seguidos ante México e Costa Rica na fase de clasificación para o Mundial de 2018. Foi substituído por Bruce Arena.

Hertha BSC[editar | editar a fonte]

O 27 de novembro de 2019 converteuse no novo adestrador do Hertha BSC, en substitución de Ante Čović.[40] Con todo, deixou o equipo tras só dez semanas no cargo.[41]

Vida persoal[editar | editar a fonte]

Panadaría Klinsmann en Botnang, Stuttgart

Casou con modelo estadounidense Debbie Chin, coa que se mudou a vivir a Huntington Beach, California. A parella tivo dous fillos, Jonathan e Laila.[42] Jonathan é tamén futbolista e xoga como gardameta no Los Angeles Galaxy.[43] Ademais da lingua alemá, Klinsmann domina inglés, italiano e francés,[44] e ten licenza de piloto de helicóptero comercial.[45] Tras instalarse nos Estados Unidos obtivo a nacionalidade estadounidense.[46] Tamén traballou como comentarista en ESPN e na BBC.

Palmarés[editar | editar a fonte]

Xogador[editar | editar a fonte]

Inter de Milán
Bayern de Múnic
Selección de Alemaña Occidental / Alemaña

Adestrador[editar | editar a fonte]

Selección dos Estados Unidos

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Blickensdörfer, Hans (1995). Jürgen Klinsmann (en alemán). Stuttgart: Engelhornvlg. ISBN 3-87203-206-2. 
  • Horeni, Michael (2005). Klinsmann. Stürmer Trainer Weltmeister (en alemán). Scherz. ISBN 3-502-15045-1. 
  • Mende, Jens (2006). Jürgen Klinsmann – Wie wir Weltmeister werden. Múnic: Südwest-Verlag. ISBN 3-517-08208-2. 
  • Schulze-Marmeling, Dietrich (2005). Strategen des Spiels – Die legendären Fußballtrainer (en alemán). Göttingen: Die Werkstatt. ISBN 3-89533-475-8. 
  • Thürmer, Mary; Götting, Markus (1996). Jürgen Klinsmann: Vom Weltmeister zum Superstar (en alemán) 438. Múnic: Heyne-Sachbuch. ISBN 978-34-5309-799-5. 

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Pele's list of the greatest". BBC (en inglés). 4 de marzo de 2004. Consultado o 5 de setembro de 2022. 
  2. "Der blitzsaubere Strahlemann" (en alemán). 3 de novembro de 2016. Consultado o 5 de setembro de 2022. 
  3. "Juergen Klinsmann gets rare German soccer honor" (en inglés). 3 de novembro de 2016. Consultado o 5 de setembro de 2022. 
  4. "JURGEN KLINSMANN: The Charismatic German Who's Leading The Chase For America's First World Cup" (en inglés). 3 de agosto de 2011. Consultado o 5 de setembro de 2022. 
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 Hunt, Chris (1 de agosto de 2004). "Jürgen Klinsmann: One-on-One" (en inglés). Consultado o 5 de setembro de 2022. 
  6. "Jürgen Klinsmann" (en alemán). Arquivado dende o orixinal o 19 de xullo de 2011. Consultado o 5 de setembro de 2022. 
  7. Calvo C., Rodrigo (1 de setembro de 2013). "El festejo de Klinsmann en 1988 se dio en un cafetal" (en castelán). Consultado o 5 de setembro de 2022. 
  8. Thürmer & Götting 1996, p. 75.
  9. Blickensdörfer 1995, p. 55.
  10. "Jürgen Klinsmann" (en inglés). 30 de outubro de 2020. Consultado o 5 de setembro de 2022. 
  11. 11,0 11,1 11,2 Anthony, Andrew (7 de marzo de 2004). "Klinsmann: the rise...and the falls". The Guardian (en inglés). Consultado o 5 de setembro de 2022. 
  12. Thürmer & Götting 1996, p. 99.
  13. "CAPTAIN KLINSMANN AVOIDS ROCKING THE BOAT" (en inglés). 1 de xuño de 1998. Consultado o 5 de setembro de 2022. 
  14. "Can you name Everton’s XI from their 4-1 FA Cup semi win v Spurs in 1995?" (en inglés). 7 de marzo de 2022. Consultado o 5 de setembro de 2022. 
  15. "Club-by-club guide: The prospects, the players to watch, the arrivals and departures" (en inglés). 12 de agosto de 1995. Consultado o 5 de setembro de 2022. 
  16. Dean, Lloyd (31 de xaneiro de 2020). "When Klinsmann saved Spurs: A warning to Tottenham fans" (en inglés). Consultado o 5 de setembro de 2022. 
  17. "The Player". klinsmann.com (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 6 de setembro de 2012. Consultado o 5 de setembro de 2022. 
  18. "Klinsmann wird neuer DFB-Teamchef" (en alemán). 26 de xullo de 2004. Consultado o 5 de setembro de 2022. 
  19. Maroto, Joaquín (8 de abril de 2006). "Klinsmann pasa de Khan y se queda con Lehmann". As (en castelán). Consultado o 5 de setembro de 2022. 
  20. "Germany 1-1 Argentina". BBC (en inglés). 30 de xuño de 2006. Consultado o 5 de setembro de 2022. 
  21. "Stunning late extra-time strikes from Fabio Grosso and Alessandro del Piero took Italy into the World Cup final at Germany's expense with a 2-0 win". BBC (en inglés). 4 de xullo de 2006. Consultado o 5 de setembro de 2022. 
  22. "Two long-range efforts from Bastian Schweinsteiger ensured hosts Germany overcame Portugal to claim third place" (en inglés). 8 de xullo de 2006. Consultado o 5 de setembro de 2022. 
  23. "Klinsmann quits due to 'burned out' feeling" (en inglés). 11 de xullo de 2006. Arquivado dende o orixinal o 17 de outubro de 2007. Consultado o 5 de setembro de 2022. 
  24. "Klinsmann to take charge of Bayern". The Guardian (en inglés). 11 de xaneiro de 2008. Consultado o 5 de setembro de 2022. 
  25. "Tempada 2008/09 do Bayern de Múnic" (en alemán). Consultado o 5 de setembro de 2022. 
  26. "Adestradores do Bayern de Múnic". kicker.de (en inglés). Consultado o 5 de setembro de 2022. 
  27. "Klinsmann Named Head Coach of US Men's National Team" (en inglés). 29 de xullo de 2011. Arquivado dende o orixinal o 4 de agosto de 2011. Consultado o 5 de setembro de 2022. 
  28. "Klinsmann trainiert das US-Team" (en alemán). 29 de xullo de 2011. Consultado o 5 de setembro de 2022. 
  29. "Italy vs. USA: First Victory over Italy Perfect for New Coach Jurgen Klinsmann" (en inglés). 1 de marzo de 2012. Consultado o 5 de setembro de 2022. 
  30. "Coach Klinsmann hails ‘historic’ first U.S. win in Mexico". CNN (en inglés). 16 de agosto de 2012. Consultado o 5 de setembro de 2022. 
  31. "¡EE.UU. Campeón Copa Oro!" (en castelán). 28 de xullo de 2013. Consultado o 5 de setembro de 2022. 
  32. "U.S. Soccer and Jurgen Klinsmann Agree to Four-Year Contract Extension" (en inglés). 12 de decembro de 2013. Arquivado dende o orixinal o 12 de decembro de 2013. Consultado o 5 de setembro de 2022. 
  33. "For Jurgen Americans, a match full of emotion" (en inglés). 25 de xuño de 2014. Consultado o 5 de setembro de 2022. 
  34. Oxenham, Gwendolyn (26 de xuño de 2014). "U.S.A. vs. Germany: A Thoroughly American World Cup Loss" (en inglés). Consultado o 5 de setembro de 2022. 
  35. Manfred, Tony (23 de maio de 2014). "Why There Are So Many Germans On The US World Cup Team" (en inglés). Consultado o 5 de setembro de 2022. 
  36. "Klinsmann explains decision to leave Landon Donovan off World Cup roster" (en inglés). 22 de maio de 2014. Consultado o 5 de setembro de 2022. 
  37. "Estados Unidos - Portugal 2014". FIFA (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 8 de xaneiro de 2014. Consultado o 5 de setembro de 2022. 
  38. "Estados Unidos - Alemaña 2014" (en inglés). p. FIFA. Arquivado dende o orixinal o 8 de xuño de 2014. Consultado o 5 de setembro de 2022. 
  39. "World Cup 2014: USA coach Jurgen Klinsmann proud after exit". BBC (en inglés). 2 de xullo de 2014. Consultado o 5 de setembro de 2022. 
  40. "Jurgen Klinsmann back in the dugout as Tottenham and Germany legend is named Hertha Berlin manager until end of the season" (en inglés). 27 de novembro de 2019. Consultado o 5 de setembro de 2022. 
  41. ""Am Morgen überrascht worden": Hertha bestätigt Klinsmann-Rücktritt" (en alemán). 11 de febreiro de 2020. Consultado o 5 de setembro de 2022. 
  42. "Klinsmann may finally be next U.S. soccer coach" (en inglés). 28 de xullo de 2011. Consultado o 5 de setembro de 2022. 
  43. "J. Klinsmann". Soccerway (en inglés). Consultado o 5 de setembro de 2022. 
  44. "The Person". klinsmann.com (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 4 de xuño de 2014. Consultado o 5 de setembro de 2022. 
  45. U.S. Soccer (31 de xaneiro de 2014). Air Klinsmann (YouTube) (en inglés). 
  46. Ballard, Chris (16 de maio de 2018). "The Reflection, Future and Duality of Post-USMNT Jurgen Klinsmann" (en inglés). Consultado o 5 de setembro de 2022. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]