Ottmar Hitzfeld

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Ottmar Hitzfeld
Información persoal
Nome Ottmar Hitzfeld
Nacemento 12 de xaneiro de 1949
Lugar de nacemento Lörrach
Altura 178 centímetros
Posición dianteiro, dianteira
Carreira xuvenil
1960–1967 TuS Stetten
1967–1968 FV Lörrach
Carreira sénior
Anos Equipos Aprs (Gls)
1968–1971 FV Lörrach
1971–1975 Basel 92 (66)
1975–1978 VfB Stuttgart 77 (38)
1978–1980 Lugano 55 (35)
1980–1983 Luzern 72 (30)
Selección nacional
1972 Alemaña Occ. (olímpica) 6 (5)
Adestrador
1983–1984 SC Zug
1984–1988 FC Aarau
1988–1991 Grasshopper
1991–1997 Borussia Dortmund
1998–2004 Bayern de Múnic
2007–2008 Bayern de Múnic
2008–2014 Suíza
Na rede
Discogs: 2855561 FIFA: 29878 Editar o valor em Wikidata
Partidos e goles só en liga doméstica.

editar datos en Wikidata ]

Ottmar Hitzfeld, nado en Lörrach, Alemaña Occidental, o 12 de xaneiro de 1949, é un exfutbolista e exadestrador alemán, que xogaba como dianteiro.[1][2] Profesor de matemáticas e ximnasia, destacou especialmente como técnico, sendo un dos adestradores de máis éxito do fútbol alemán e europeo. Conquistou 20 títulos, destacando entre eles dúas ligas suízas co Grasshopper e sete Bundesligas de Alemaña (dúas delas co Borussia Dortmund e cinco co Bayern de Múnic), así como dúas Ligas de Campións.

Foi elixido dúas veces como mellor adestrador do mundo e é, xunto con Ernst Happel, José Mourinho, Jupp Heynckes e Carlo Ancelotti, un dos únicos cinco adestradores que gañaron a Copa de Europa/Liga de Campións con dous clubs diferentes (Borussia Dortmund e Bayern de Múnic).

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Como futbolista[editar | editar a fonte]

Nacido en Lörrach, comezou a xogar ao fútbol a finais da década de 1960 no TuS Stetten e o FV Lörrach, antes de chamar a atención do FC Basel, da primeira división suíza.[3] Ingresou no club, situado na outra beira do Rin, en 1971, e gañou con este os títulos de liga nas tempadas 1971/72 e 1972/73, coroándose na segunda delas tamén como máximo goleador do campionato (empatado a 19 goles con Ove Grahn). En 1975 engadiu ao seu palmarés a Copa de Suíza.

En 1973, mentres xogaba no Basel, formouse como mestre de matemáticas e ximnasia na Universidade de Lörrach. Mantivo a súa condición de afeccionado para poder participar nos Xogos Olímpicos de 1972 en Múnic, coa selección de Alemaña Occidental. Alí xogou entre outros con Uli Hoeneß e marcou 5 goles, caendo na segunda fase tras unha derrota contra Alemaña Oriental.

En 1975, aos 26 anos, aceptou unha oferta do VfB Stuttgart alemán, que militaba entón na segunda división.[4] Na tempada 1976/77 formou parte da histórica dianteira que con 100 goles permitiu que o equipo suabo lograse o ascenso á Bundesliga como campión do grupo Sur. Hitzfeld chegou a marcar seis goles nunha vitoria por 8-0 sobre o SSV Jahn Regensburg, o maior número de tantos marcados nun só encontro en toda a historia da 2. Bundesliga.[5]

Aos seus 33 goles en 55 partidos na segunda categoría, sumou ao ano seguinte outros 5 tantos en 22 partidos na máxima categoría, rematando o equipo no cuarto posto.[4] Despois de tres anos en Stuttgart regresou á súa segunda casa, Suíza. Alí xogou de 1978 a 1980 no FC Lugano antes de fichar polo FC Luzern, onde rematou a súa carreira como xogador en 1983, aos 34 anos.

Como adestrador[editar | editar a fonte]

1983–91: adestrador en Suíza[editar | editar a fonte]

Durante o verán de 1983, asinou o seu primeiro contrato como adestrador no SC Zug, na segunda división do fútbol suízo. O equipo rematou a tempada 1983/84 como campión da Nationalliga B, logrando así o ascenso á Nationalliga A, por primeira e única vez na historia do club.[6] En 1984 aceptou unha oferta para adestrar ao FC Aarau, onde permaneceu durante os seguintes catro anos, gañando a Copa de Suíza de 1985.

O seu traballo chamou a atención do Grasshopper de Zürich, que o contratou en 1988. Con este equipo gañou a Copa de Suíza na súa primeira tempada, mentres que na segunda conquistou tanto a Copa como a liga.[7] Finalmente adestrou o club durante unha terceira campaña, na que revalidou o título de liga.[8]

1991–98: Borussia Dortmund[editar | editar a fonte]

En 1991 regresou a Alemaña para facerse cargo do Borussia Dortmund, que viña de ser décimo na Bundesliga.[9] No seu primeiro ano, el e o seu axudante Michael Henke, co que colaboraría durante os seguintes 13 anos, levaron o equipo ao segundo posto da liga, só por detrás do VfB Stuttgart. O club de Dortmund clasificouse así para a Copa da UEFA 1992/93, competición na que foi eliminando sucesivamente ao Floriana, o Celtic, o Zaragoza, a Roma e o Auxerre. Alcanzou deste xeito a final, onde se enfrontou á Juventus de Trapattoni, sendo a vitoria para o club italiano.

En 1995 gañou o seu primeiro título da Bundesliga, coroando ao Dortmund como campión de liga máis de 30 anos despois. Revalidou o título na tempada 1995/96, mentres que na seguinte alcanzou a final da Liga de Campións, onde se enfrontou de novo á Juventus. O equipo italiano, adestrado por Lippi, contaba con xogadores como Zinedine Zidane, Didier Deschamps, Alessandro del Piero ou Christian Vieri pero caeu contra o equipo de Hitzfeld no Olympiastadion de Múnic por 3-1, sendo os goles obra de Karl-Heinz Riedle (2) e Lars Ricken. Foi galardoado por primeira vez co premio ao mellor adestrador do mundo,[2] pero as friccións co equipo chegaron a un punto crítico, sendo apartado do cargo de adestrador e nomeado director deportivo. O seu balance á fronte do equipo pechouse con 144 vitorias, 63 empates e 65 derrotas.[9]

1998–2008: Bayern de Múnic[editar | editar a fonte]

Primeira etapa[editar | editar a fonte]

En 1998 foi contratado polo principal club de Alemaña, o Bayern de Múnic.[10] No seu primeiro ano levou o equipo a gañar o título de liga por 15 puntos de vantaxe sobre o segundo, o Bayer Leverkusen, a maior marxe lograda ata aquel entón.[11] Ademais disputou a final da DFB-Pokal, perdendo ante o Werder Bremen nos penaltis,[12] e tamén a final da Liga de Campións. A final europea, disputada no Camp Nou, pasou á historia pola dramática remontada do Manchester United no tempo de desconto, despois de que o Bayern fose gañando dende o minuto 6, cando se adiantou co gol de Mario Basler. Nos minutos finais Sheringham e Solskjær déronlle a volta ao marcador e deixaron aos alemán sen o título.[13]

Na seguinte tempada o equipo de Hitzfeld gañou a Bundesliga e a Copa de Alemaña, esta última despois de derrotar na final ao Werder Bremen. Na Liga de Campións caeu derrotado nas semifinais ante o Real Madrid de Vicente del Bosque.

Na tempada 2000/01 gañou o seu terceiro título consecutivo da Bundesliga e disputou unha nova final da Liga de Campións,[14] conseguindo eliminar desta vez ao Manchester United e ao Real Madrid en cuartos de final e semifinais respectivamente. Na final disputada en San Siro contra o Valencia, Effenberg igualou o gol inicial de Mendieta e o partido decidiuse na quenda de penaltis, onde unha destacada actuación de Oliver Kahn propiciou o triunfo alemán. Hitzfeld converteuse así no segundo adestrador despois de Ernst Happel en gañar o título europeo con dous equipos diferentes.

Foi recoñecido de novo como mellor adestrador do mundo,[8] e gañou a Copa Intercontinental contra o Boca Juniors arxentino, grazas a un gol de Samuel Kuffour. Con todo, o equipo só puido ser terceiro na liga. Recuperou o trono alemán na tempada 2002/03, gañando o título de liga con catro xornadas de antelación e sumando tamén unha nova DFB-Pokal. Na seguinte campaña o Bayern non conseguiu ningún título e Hitzfeld foi destituído en maio de 2004. O seu balance nesta primeira etapa no Bayern foi de 193 vitorias, 73 empates e 53 derrotas.

Segunda etapa[editar | editar a fonte]

Hitzfeld tivo unha oferta para facerse coas rendas da selección alemá, pero preferiu tomar un descanso.[15] O 1 de febreiro de 2007, tras o despedimento de Felix Magath, regresou ao Bayern de Múnic, que se atopaba fóra dos postos de Liga de Campións e a 8 puntos do liderado.[16][17] Non conseguiu mellorar os resultados e o Bayern acabou cuarto, fóra da Liga de Campións por primeira vez en máis dunha década.[18] Unha serie de fichaxes millonarias antes da tempada 2007/08 axudaron a Hitzfeld a levar ao club a unha nova fase de dominio do fútbol alemán, gañando a DFB-Ligapokal,[19] a DFB-Pokal,[20] e o campionato de liga.[21] A campaña do Bayern na Copa da UEFA rematou na semifinal cunha humillante derrota por 4-0 ante o Zenit San Petersburg, posterior gañador do torneo. Durante a tempada, Hitzfeld anunciara que deixaría o club ao remate da campaña. Jürgen Klinsmann converteuse no seu sucesor. O seu último partido foi unha vitoria por 4-1 contra o Hertha BSC.[22]

2008–14: selección de Suíza[editar | editar a fonte]

Hitzfeld durante unha rolda de prensa en 2012

No verán de 2008 asumiu o cargo de adestrador da selección suíza.[23] O seu primeiro partido foi un amigable contra Chipre o 20 de agosto, que rematou cunha vitoria por 4-1.[24] Con Hitzfeld ao mando, o equipo suízo logrou a clasificación para o Mundial de 2010 como primeiro de grupo. Xa en Suráfrica gañou o seu partido inaugural por 1-0 ante España, posterior campioa,[25] pero perdeu 1-0 contra Chile [26] e empatou 0-0 contra Honduras, quedando terceira no Grupo H e sen opcións de clasificarse para oitavos de final.[27]

Fracasou no seu intento de clasificarse para a Eurocopa de 2012, quedando terceiro por detrás de Inglaterra e Montenegro no seu grupo de clasificación.[28]

Si conseguiu a clasificación para o Mundial de 2014, levando a Suíza a dous Mundiais consecutivos por primeira vez dende a década de 1960. Conseguiuno despois de manterse invicto durante toda a fase de clasificación e lograr o primeiro posto, con 7 vitorias e 3 empates en 10 partidos.[29] O 17 de outubro de 2013 anunciou que se retiraría despois do Mundial.[30] Suíza quedou encadrada no grupo E, onde obtivo dúas vitorias (contra Ecuador e Honduras),[31][32] e unha derrota (ante Francia),[33] rematando na segunda praza e logrando así o pase á seguinte rolda.[34] Nos oitavos de final foi eliminada pola Arxentina, cun solitario gol de Ángel Di María nos últimos minutos da prórroga.[35][36] Foi o seu último encontro á fronte da selección helvética, sendo sucedido por Vladimir Petković.[37]

Vida persoal[editar | editar a fonte]

Casou con Beatrix Hitzfeld, coa que tivo un fillo.[38]

Recoñecementos[editar | editar a fonte]

Foi galardoado dúas veces pola IFFHS co premio ao mellor adestrador do ano, en 1997 e 2001. En 2001 a UEFA elixiuno mellor adestrador do ano e no 2008 recibiu o premio ao mellor adestrador do ano en Alemaña.

O estadio Ottmar Hitzfeld de Gspon, o estadio situado a máis altitude de Europa, leva o seu nome.[39]

Palmarés[editar | editar a fonte]

Como futbolista[editar | editar a fonte]

Basel
Individual

Como adestrador[editar | editar a fonte]

SC Zug
Aarau

Grasshopper

Borussia Dortmund
Bayern de Múnic
Individual
  • Adestrador do ano en Alemaña (1): 2008
  • Mellor Adestrador de Club do Mundo da IFFHS (2): 1997, 2001.
  • Adestrador do Ano da UEFA (1): 2001
  • Premio World Soccer ao Mellor Adestrador do Ano (1): 1997
  • Adestrador Europeo do Ano - Sepp Herberger (1): 1997.
  • Adestrador Europeo do Ano (1): 1997

Notas[editar | editar a fonte]

  1. McNicholas, James (1 de xuño de 2014). "10 Things You Need to Know About Ottmar Hitzfeld's Switzerland" (en inglés). Consultado o 4 de abril de 2022. 
  2. 2,0 2,1 "Ottmar Hitzfeld, General a.D." (en alemán). 17 de maio de 2008. Arquivado dende o orixinal o 21 de maio de 2008. Consultado o 4 de abril de 2022. 
  3. "Ottmar Hitzfeld". weltfussball.de (en alemán). Consultado o 4 de abril de 2022. 
  4. 4,0 4,1 "Ottmar Hitzfeld". fussballdaten.de (en alemán). Consultado o 4 de abril de 2022. 
  5. "2. Bundesliga » Statistik » Die meisten Tore eines Spielers pro Spiel". weltfussball.de (en alemán). Consultado o 4 de abril de 2022. 
  6. "Switzerland 1983/84". rsssf.com (en inglés). Consultado o 4 de abril de 2022. 
  7. "Palmarés do Grasshopper". gcz.ch (en alemán). Consultado o 4 de abril de 2022. 
  8. 8,0 8,1 "Ottmar Hitzfeld". worldsoccer.com (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 11 de decembro de 2008. Consultado o 4 de abril de 2022. 
  9. 9,0 9,1 "Adestradores do Borussia Dortmund". kicker.de (en inglés). Consultado o 4 de abril de 2022. 
  10. "Adestradores do Bayern de Múnic". kicker.de (en inglés). Consultado o 4 de abril de 2022. 
  11. "Bundesliga 1998/99". kicker.de (en alemán). Consultado o 4 de abril de 2022. 
  12. "Bayern München Termine 1998/99". kicker.de (en alemán). Consultado o 4 de abril de 2022. 
  13. "Tragödie für Bayern! Baslers Treffer reichte nicht" (en alemán). 28 de maio de 1999. Consultado o 4 de abril de 2022. 
  14. "Bundesliga 2000/01". kicker.de (en alemán). Consultado o 4 de abril de 2022. 
  15. "Ottmar Hitzfeld turns down offer to become Germany coach" (en inglés). 1 de xullo de 2004. Arquivado dende o orixinal o 11 de decembro de 2008. Consultado o 4 de abril de 2022. 
  16. "Hitzfeld beerbt Magath" (en alemán). 31 de xaneiro de 2007. Consultado o 4 de abril de 2022. 
  17. "Bayern München 2006/07". kicker.de (en alemán). Consultado o 4 de abril de 2022. 
  18. "Bundesliga 2006/07". kicker.de (en alemán). Consultado o 4 de abril de 2022. 
  19. "League Cup 2007". worldfootball.net (en inglés). Consultado o 4 de abril de 2022. 
  20. "Nummer 14 für die Bayern" (en alemán). 19 de abril de 2008. Consultado o 4 de abril de 2022. 
  21. "Bundesliga 2007/08". kicker.de (en alemán). Consultado o 4 de abril de 2022. 
  22. "Bayern München 2007/08". kicker.de (en alemán). Consultado o 4 de abril de 2022. 
  23. "Hitzfeld holt Pont" (en alemán). 3 de marzo de 2008. Consultado o 4 de abril de 2022. 
  24. "Switzerland » Fixtures & Results 2008". worldfootball.net (en inglés). Consultado o 4 de abril de 2022. 
  25. "Fernandes sorgt für ein spanisches Fiasko" (en alemán). 16 de xuño de 2010. Consultado o 4 de abril de 2022. 
  26. "Nur Gonzalez überwindet Benaglio" (en alemán). 21 de xuño de 2010. Consultado o 4 de abril de 2022. 
  27. "Derdiyok & Co. enttäuschen" (en alemán). 25 de xuño de 2010. Consultado o 4 de abril de 2022. 
  28. "EURO Qualifiers 2010/2011 » Group G". worldfootball.net (en inglés). Consultado o 4 de abril de 2022. 
  29. "WM-Qualifikation Europa 2012/13". kicker.de (en alemán). Consultado o 4 de abril de 2022. 
  30. "Hitzfeld hört nach der WM auf" (en alemán). 17 de outubro de 2013. Consultado o 4 de abril de 2022. 
  31. "Joker-Duo: Mehmedi macht's vor, Seferovic nach" (en alemán). 15 de xuño de 2014. Consultado o 4 de abril de 2022. 
  32. "Shaqiri ballert die Schweiz ins Achtelfinale" (en alemán). 25 de xuño de 2014. Consultado o 4 de abril de 2022. 
  33. "5:2! Benzema und Co. zerbröseln die Schweiz" (en alemán). 20 de xuño de 2014. Consultado o 4 de abril de 2022. 
  34. "Weltmeisterschaft 2014". kicker.de (en alemán). Consultado o 4 de abril de 2022. 
  35. "Switzerland » Fixtures & Results 2014". worldfootball.net (en inglés). Consultado o 4 de abril de 2022. 
  36. "Di Maria zittert Argentinien ins Viertelfinale" (en alemán). 1 de xullo de 2014. Consultado o 4 de abril de 2022. 
  37. "Petkovic to become Switzerland coach" (en inglés). 23 de decembro de 2013. Consultado o 4 de abril de 2022. 
  38. "Hitzfeld gewährt tiefe persönliche Einblicke" (en alemán). 19 de xullo de 2019. Consultado o 4 de abril de 2022. 
  39. "Ottmar Hitzfeld Stadium: What's it like to play at Europe's 'highest' football stadium?" (en inglés). 13 de outubro de 2019. Consultado o 4 de abril de 2022.