Este é un artigo bo da Galipedia

Chilena

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

O futbolista estadounidense Ruben Mendoza executando unha chilena.

A chilena ou tiro de costas é unha técnica do fútbol que consiste nun salto de costas realizando un movemento de xiro coas pernas para golpear o balón no aire cara a atrás por riba do nivel da cabeza, sen apoiarse no chan. Na maioría de linguas esta manobra recibe o seu nome en base ó movemento que se asemella ó dun ciclista ou ó dunha tesoira. A súa complexidade e o feito de que sexa pouco común nos partidos competitivos de fútbol converteuno nunha das habilidades con máis sona do fútbol.[1][2][a] A chilena pode usarse en defensa para despexar o balón da área de portería ou en ataque para disparar cara á portería do equipo contrario tentando marcar un gol. É unha técnica avanzada do fútbol que pode resultar perigosa para xogadores con pouca experiencia. O éxito desta técnica no fútbol profesional está habitualmente limitado ós xogadores máis experimentados e cunha maior capacidade atlética.[3][4]

A técnica inventouse en América do Sur, probablemente a finais do século XIX, durante o período inicial do desenvolvemento do fútbol. As innovacións como a chilena foron o resultado de adaptacións locais ó estilo de fútbol introducido por inmigrantes británicos. A tradición popular no fútbol presenta varias lendas nos posibles orixes da chilena, e os arquivos de xornais de comezos do século XX evidencian unha historia complexa e multinacional da invención, nome e difusión da chilena. A controversia existente sobre a invención e nome desta técnica no Brasil, en Chile e en Perú, así como o seu status como elemento da notable rivalidade futbolística entre estes dous últimos, aumentaron a popularidade desta técnica na cultura popular.

Como técnica icónica do deporte, as chilenas son unha parte importante da cultura do fútbol. Executar unha chilena nun partido competitivo de fútbol, particularmente cando se consegue marcar un gol, adoita atraer unha grande atención no xornalismo deportivo. A chilena ten aparecido en obras de arte como esculturas, filmes, anuncios e na literatura. Esta manobra tamén se usa noutros deportes con balón, particularmente nas variantes do fútbol como o fútbol sala e o fútbol praia.

Nome[editar | editar a fonte]

En galego esta técnica coñécese como "tiro de costas" ou "chilena".[5] O seu nome nas diferentes linguas adoita facer referencia a acción á que se asemella. O xornalista deportivo Alejandro Cisternas, do xornal chileno El Mercurio, recompilou unha lista destes nomes.[6] Na maioría dos casos refírense ó golpeo cun movemento de tesoira, como o francés ciseaux retourné (tesoira de volta) e o grego psalidaki, ou ó movemento que asemella ó do ciclismo, como o portugués pontapé de bicicleta.[6] Noutras linguas o nome describe a natureza da acción: en alemán é Fallrückzieher (disparo de costas caendo), en polaco é przewrotka (couce de reviravolta), en neerlandés é omhaal (arrastre de reviravolta) e en italiano é rovesciata (couce ó revés).[6] En inglés coñécese por tres nomes: bicycle kick, overhead kick e scissors kick. O termo "bicycle kick" describe a acción das pernas mentres o corpo está no aire, que asemellan o pedaleo dunha bicicleta.[7] O termo "overhead kick" fai referencia ó feito de golpear o balón por riba da cabeza,[8] e "scissors kick" fai referencia ó movemento de dous fíos de tesoira xuntándose.[9] Algúns autores anglosaxóns fan distinción entre o que denominan "scissors kick", indicando que é semellante á "bicycle kick" pero feita de costado ou en ángulo,[2][10][11] mentres que outros consideran ámbolos dous movementos como o mesmo.[9][12][13]

As excepcións a estes padróns de nomes atópanse nas linguas que designan o movemento facendo referencia a un lugar, como o noruegués brassespark (patada brasileira).[6][14] Esta excepción é máis significativa no español, onde ten lugar unha controversia entre Chile e Perú—como parte da súa rivalidade histórica deportiva—por mor do nome desta técnica. Os chilenos coñécena como chilena, mentres que os peruanos como chalaca.[15][2][b] En español tamén se coñece cos nomes de tijera e tijereta, ámbolos dous facendo referencia ó movemento en forma de tesoira.[12][13]

Execución[editar | editar a fonte]

Esquema das diferentes fases da execución dunha chilena. R = pé dereito.

A execución con éxito dunha chilena require xeralmente unha gran capacidade técnica e capacidade atlética.[3][4] O executante precisa manter unha boa postura ó realizar o movemento, e debe conseguir unha boa precisión e puntería ó golpear o balón.[2][21] O historiador deportivo Richard Witzig recomenda tentar a súa execución cun estado mental de concentración e determinación.[2] Por mor da súa complexidade, unha chilena realizada con éxito resulta unha acción notable, e segundo o xornalista deportivo Elliott Turner, propicia para "asombrar á audiencia".[1] O dianteiro brasileiro Pelé afirmou que é unha manobra de difícil execución e que durante a súa carreira só conseguira marcar así uns poucos goles do seu total de 1283.[22]

Para facer unha chilena o balón debe estar no aire para que o xogador poida golpealo mentres fai un salto cara a atrás. O balón pode vir polo aire cara ó xogador por medio dun pase doutro xogador, ou o propio xogador pode levantar o balón cara a arriba antes de realizala.[3] A perna que non golpea o balón érguese primeiro para axudar a propulsar o corpo cara a arriba mentres que a perna que golpea realiza o impulso do salto.[23][9] No propio movemento de salto, as costas diríxense cara atrás ata quedar en paralelo co chan.[24] Cando o corpo acada a altura máxima, a perna que golpea móvese cara ó balón mentres que a outra perna se move de forma simultánea cara a abaixo para incrementar a potencia do golpeo.[25][26][9] A visión debe manterse enfocada no balón ata o momento en que se golpea,[27][9] e os brazos empréganse para manter o equilibrio e reducir o impacto da caída.[9]

Polo xeral, as chilenas adoitan ter lugar en dous situacións, unha ofensiva e outra defensiva. A chilena defensiva ten lugar cando un xogador de cara á súa propia portería leva a cabo esta acción para despexar o balón na dirección oposta. O historiador deportivo Richard Witzig considera este tipo de accións en defensa como un movemento desesperado que require menos precisión que na faceta ofensiva.[2] Unha chilena ofensiva ten lugar cando un xogador está de costas á portería rival e preto da liña de gol. Segundo Witzig, a chilena ofensiva require concentración e un bo coñecemento da situación do balón.[2] As chilenas tamén poden facerse no mediocampo, aínda que xeralmente non están recomendadas nesta zona xa que hai outros pases máis seguros e precisos que resultan máis axeitados neste tipo de situacións.[2]

Os pases e centros que preceden unha chilena ofensiva adoitan ser pases que non saen correctamente ou non moi precisos. O dianteiro alemán Klaus Fischer chegou a afirmar que a maioría dos centros que dan lugar a unha chilena son "malos pases".[28] Ademais, esta técnica pode resultar perigosa aínda cando se realiza correctamente, cunha alta probabilidade de causar lesións ou danar a outros xogadores.[9][21] Por este motivo, o defensa peruano César González recomendou que o xogador que execute unha chilena debería asegurarse de ter espazo suficiente para facela.[29] Para o xogador que leva a cabo a manobra, o maior perigo é a caída. Unha mala caída pode causar lesións na cabeza, nas costas ou nos pulsos.[30] Witzig recomenda que os xogadores que tenten este movemento procuren caer sobre a parte superior das costas, usando os brazos como apoio e ó mesmo tempo arrolando cara a un lado para diminuír o impacto da caída.[2]

Historia[editar | editar a fonte]

O extremo peruano Juan Carlos Oblitas marcando un gol de chilena contra Chile no Estadio Alejandro Villanueva durante un partido da Copa América de 1975

A cultura popular do fútbol ten varias lendas e mitos relacionados co lugar e data de orixe da chilena e sobre quen foi o primeiro en realizala.[31][32][c][d] Segundo o antropólogo brasileiro Antonio Jorge Soares, a orixe da chilena só resulta importante como exemplo de como se crea o folclore.[33] O debate na opinión pública sobre a súa orixe é continuo, particularmente nos lugares nos que se argumenta que foi creada a manobra (Brasil, Chile e Perú).[34][35][e] Non obstante, os feitos e datas dispoñibles en distintos rexistros indican unha narrativa do orixe máis directa.[6][31]

A chilena foi inventada en América do Sur durante unha época de innovacións nas tácticas e habilidades do fútbol.[31][39][40][41] O fútbol foi introducido en Suramérica polos inmigrantes británicos no século XIX, atraídos polas expectativas económicas da rexión, incluíndo a exportación de café do Brasil, carne de Arxentina e guano do Perú.[42] Estas comunidades de inmigrantes fundaron institucións como escolas e clubs deportivos, nos que as actividades reproducían as que se levaban a cabo na época no Reino Unido, incluíndo a práctica do fútbol.[42]

O fútbol xa se espallara previamente á Europa continental, principalmente a Bélxica, os Países Baixos e Escandinavia, pero nestes lugares non se deron innovacións na súa práctica.[43] En América do Sur o desenvolvemento seguiu un curso distinto. No lugar de simplemente imitar o estilo de xogo dos inmigrantes, baseado no "xogo de combinación escocés" máis lento que o duro e rápido estilo inglés, os suramericanos contribuíron ó crecemento do deporte dándolle énfase ás capacidades técnicas dos xogadores.[44][45] Ó adaptar o deporte ás súas preferencias, os futbolistas suramericanos chegaron a dominar as habilidades individuais como o caneo, os tiros de falta con efecto e as chilenas.[40]

Arellano (no centro de branco) nun partido entre o Colo-Colo e o Deportivo da Coruña en 1927.

Os primeiros rexistros sobre a chilena indican que ten a súa orixe nos portos do Pacífico de Chile e Perú.[46] Mentres os seus navíos estaban atracados, os mariñeiros británicos xogaban ó fútbol entre eles e cos habitantes locais como forma de entretemento. A práctica deste deporte foi acollida nestes portos por mor das súas regras sinxelas e pouco equipamento necesario, resultando accesible para o público xeral.[47][48][49][50][51] O porto principal do Perú en Callao, onde o fútbol se converteu nun deporte da clase obreira,[47][48][51] é a orixe máis posible da chilena, xa que os artigos de prensa e a tradición oral indican que os afro-peruanos locais facían o tiro de chalaca, nome que lle daban os espectadores facendo referencia ó xentilicio local de finais do século XIX nos partidos entre mariñeiros británicos e empregados do ferrocarril.[46][3][49][52][53][41] O porto chileno de Talcahuano tamén posúe unha tradición oral relativa á chilena que data dos anos 1910, cando Ramón Unzaga, un atleta vasco naturalizado supostamente inventou a manobra, entón coñecida localmente como chorera en alusión ó xentilicio local.[12][17][46][49][54][41] A primeira chilena de Unzaga tivo lugar con probabilidade en 1914 ou 1916.[49][55][41][2] O xornalista Luis Osses Guíñez, autor da historia futbolística local, argumentou que a primeira chilena rexistrada de Unzaga tivo lugar en 1918, segundo se documenta nun informe notarial civil emitido tras un polémico partido entre Talcahuano e a veciña Concepción que se tornou nun incidente con violencia. Unzaga, descrito por Osses Guíñez como un vasco temperamental, pelexou cun árbitro que sinalou a súa chilena como unha falta.[56] O xornal de Concepción El Sur informou deste evento uns poucos días despois do partido, e Unzaga declarou na súa defensa que tiña feito esa manobra previamente noutros partidos sen que fose sinalada como unha falta.[20]

Esta técnica comezou a espallarse fóra das fronteiras de América do Sur nas décadas de 1910 e 1920, principalmente grazas a futbolistas chilenos.[31][46] Nas primeiras edicións da Copa América, Unzaga e o seu compañeiro de selección Francisco Gatica abraiaron os espectadores coas súas chilenas. A execución desta técnica en defensa por parte de Gatica para deter un gol inminente gañoulle tanta atención que chegou a acreditarse como o inventor da manobra.[46][52][f] O dianteiro chileno David Arellano tamén realizou esta manobra e varias outras de risco durante a xira de 1927 do club Colo-Colo por España. Arellano faleceu por mor dunha lesión sufrida ó realizar unha destas accións acrobáticas durante esta xira. Segundo Simpson e Hesse, a súa morte foi "unha advertencia desalentadora dos perigos de tentar alardear".[46][56][61] Impresionados polas execucións dos chilenos, os afeccionados españois e arxentinos déronlle o nome de chilena á técnica facendo alusión a nacionalidade dos xogadores.[31][46]

Diego Costa co Atlético de Madrid facendo unha chilena contra o Almería en 2013.

Na segunda metade do século XX, o dianteiro brasileiro Pelé fixo que a técnica da chilena volvese a acadar fama internacional.[62][63][64] A súa capacidade de executar chilenas con facilidade foi unha das calidades que fixo que Pelé destacase sobre outros xogadores nos comezos da súa carreira deportiva, e serviulle para aumentar a confianza en si mesmo como futbolista.[65][66] Tras Pelé, nas últimas décadas do século XX o centrocampista arxentino Diego Maradona e o dianteiro mexicano Hugo Sánchez foron outros xogadores notables á hora de realizar chilenas.[4] Outros xogadores notables que realizaron esta manobra durante este período inclúen o extremo peruano Juan Carlos Oblitas, que marcou un gol de chilena nun partido da Copa América de 1975 entre Perú e Chile, e o dianteiro galés Mark Hughes, que marcou de chilena nun partido de clasificación da Copa do Mundo xogado entre Gales e España en 1985.[67]

Nas finais da copa do mundo tiveron lugar tamén algunhas das chilenas consideradas como das máis memorables.[g] O dianteiro alemán Klaus Fischer marcou de chilena nas semifinais do Mundial de Fútbol España 1982 no partido entre Alemaña occidental e Francia, empatando o marcador no tempo engadido e dando lugar a unha quenda de penaltis que gañou o equipo alemán.[68][28] Hesse e Simpson consideran esta acción de Fischer como a chilena máis destacada nunha Copa do Mundo.[28] No Mundial de Fútbol México 1986, o centrocampista mexicano Manuel Negrete Arias marcou tamén un gol de chilena na rolda de grupos nun partido entre México e Bulgaria. Porén, malia recibir a atención dos medios nos comezos do torneo, este gol de Negrete foi eventualmente superado para os medios polo "Gol do século" anotado por Maradona no partido de cuartos de final entre Arxentina e Inglaterra.[69]

Dende comezos do século XXI a chilena continuou sendo unha técnica que poucas veces se executa con éxito nos partidos de fútbol.[4] No 2001 o centrocampista español Guti marcou un gol de chilena nun partido entre o Real Madrid e o Villarreal que o xornalista deportivo Rob Smyth incluíu como unha das seis mellores chilenas na historia do fútbol.[67] No Mundial de Fútbol Corea-Xapón 2002 o centrocampista ofensivo belga Marc Wilmots anotou un gol de chilena, segundo o escritor inglés Brian Glanville unha "chilena espectacular", contra o Xapón.[70] Outros xogadores notables que fixeron esta manobra xa no século XXI inclúen o dianteiro sueco Zlatan Ibrahimović nun partido amigable internacional de 2012 entre Suecia e Inglaterra, e o dianteiro inglés Wayne Rooney que marcou un gol de chilena no Derbi de Manchester de 2011 que foi votado como o mellor gol na historia da Premier League.[28]

Popularidade[editar | editar a fonte]

A chilena mantén o atractivo popular da súa orixe. Os autores Hesse e Simpson destacan o impacto positivo que unha chilena con éxito deu na notabilidade dun xogador, e a Federación de fútbol dos Estados Unidos describe esta técnica como "un embelecemento icónico do deporte".[4] [28] A chilena do defensa Marcelo Balboa nun partido do Mundial de Fútbol Estados Unidos 1994 entre Colombia e os Estados Unidos foi moi eloxiada e incluso recibe o mérito de ser responsable do aumento da popularidade do fútbol nos Estados Unidos.[71][2] Segundo o ex-xogador do Manchester City Paul Lake, unha famosa chilena do extremo esquerdo inglés Dennis Tueart nun partido da Premier League tivo como resultado varias lesións para centos de afeccionados que tentaron imitalo.[72] Esta técnica tamén recibe admiración noutras variantes do fútbol, como o fútbol praia e o fútbol sala.[34][73] Unha acción semellante tamén se emprega no sepak takraw, un deporte asiático que ten como obxectivo golpear un balón cos pés cara ó campo contrario pasándoo por riba dunha rede.[74]

As chilenas tamén forman parte importante da cultura futbolística. Segundo a Federación de fútbol dos Estados Unidos, a chilena de Pelé no filme de 1981 Escape to Victory é unha "execución de libro" desta técnica,[4] e Pelé expresou a súa satisfacción con este intento de "alardear" no filme.[66] Un doodle de Google de setembro de 2013, conmemorativo do centésimo aniversario de Leônidas da Silva, incluía unha chilena feita por un debuxo animado que representaba a este dianteiro brasileiro.[75] As chilenas formaron parte de varios anuncios de televisión, como un de 2014 no que o dianteiro arxentino Lionel Messi executa esta manobra para facer promoción da edición do videoxogo de simulación deportiva FIFA dese ano.[76]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Turner refírese á chilena como "a cúspide dos goles marabilla",[1] e Witzig defínea como "o máis espectacular—aínda que o máis oportunista e desesperado—movemento que existe no fútbol".[2]
  2. O xornalista deportivo arxentino Jorge Barraza afirmou que os peruanos nunca tiveron a necesidade de chamar chilena a este movemento porque xa tiñan o seu propio nome.[16] Na cultura futbolística brasileira, a palabra chilena significa un golpe de calcaño.[17] No xornal español El País, Alberto Lati afirmou non ter obxecións ós nomes locais da técnica,[18] e Simpson e Hesse acordan que o nome que reciba o movemento debería ser cuestión de opinión persoal.[19] Pola súa banda Roberto Castro afirmou que os nomes alternativos do tiro de costas son sinónimos, sen que exista un que sexa definitivo.[20]
  3. O xornalista deportivo peruano Roberto Castro afirmou que é inherentemente imposible coñecer con certeza quen fixo a primeira chilena, xa que calquera xogando cun balón podería tela feito sen que quedase rexistrada.[20]
  4. Segundo o xornalista Diego Pérez, as chilenas son menos comúns en tempos modernos e a súa orixe é incerta.[31]
  5. En Goal: The New York Times Soccer Blog, o xornalista Juan Arango escribiu que a orixe da chilena é un tema delicado no Perú e Chile.[36] En 2006, Harold Mayne-Nicholls, presidente da Federación de fútbol de Chile, fixo unha broma da insistencia peruana no crédito pola invención da chilena.[37] Ese mesmo ano o presidente da Federación de fútbol do Perú, Manuel Burga, anunciou unha campaña para verificar a orixe da chilena no seu país.[37] Tamén en 2006 o futbolista peruano Teófilo Cubillas aconselloulle á súa federación que patentase a manobra na FIFA,[38] e no ano 2009 o futbolista chileno Sandrino Castec expresou que consideraba que a posición peruana estaba baseada nun "sentir anti-chileno".[6]
  6. Unzaga participou nas edicións do Campionato suramericano de Arxentina 1916 e Chile 1920,[57][58] mentres que Gatica participou nas edicións de Uruguai 1917 e Brasil 1919.[59][60]
  7. Na súa autobiografía, Pelé expresou o seu arrepentimento por non ter marcado un gol de chilena na Copa do Mundo.[66]
Referencias
  1. 1,0 1,1 1,2 Turner, Elliott (2011). "Ephemeral Goals & Eternal Glory". An Illustrated Guide to Soccer and Spanish. Round Ball Media LLC. ISBN 978-0-615-48583-6. 
  2. 2,00 2,01 2,02 2,03 2,04 2,05 2,06 2,07 2,08 2,09 2,10 2,11 Witzig, Richard (2006). The Global Art of Soccer. CusiBoy Publishing. p. 22. ISBN 978-0-9776688-0-9. 
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 DK Publishing 2011, p. 98.
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 4,5 United States Soccer Federation & Lewis 2000, The Bicycle Kick.
  5. "Vocabularios: Terminoloxía do futbol". galego.org. Consultado o 21 de outubro de 2016. 
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 6,4 6,5 Alejandro Cisternas (23 de marzo de 2009). "En Todas Partes Se Llama Chilena". El Mercurio (en castelán). El Mercurio S.A.P. Consultado o 7 de xullo de 2015. 
  7. Tyagi, Arun Kumar (2010). "Football Terms". Football: Skills and Rules. Nova Deli: KSK Publisher. ISBN 978-81-7524-572-3. 
  8. Bischops, Klaus; Gerards, Heinz-Willi (2003). Soccer Training for Girls. Traducido por Anne Lammert. Meyer & Meyer. p. 88. ISBN 978-1-84126-097-6. 
  9. 9,0 9,1 9,2 9,3 9,4 9,5 9,6 Schmidt, Colin (1997). Advanced Soccer Drills: 69 Drills for Techniques and Tactics. Human Kinetics. p. 88. ISBN 978-0-88011-614-5. 
  10. Borden, Sam (2009). The Complete Idiot's Guide to Soccer Basics. Indianapolis: Alpha Books. p. 138. ISBN 978-1-59257-830-6. 
  11. Gardner 1994, pp. 144, 148.
  12. 12,0 12,1 12,2 Ruiz, Laureano (2003). "Perfect Shooting". The Spanish Soccer Coaching Bible 2. Spring City, Pennsylvania: Reedswain Inc. ISBN 978-1-59164-022-6. 
  13. 13,0 13,1 Rull, Nomdedeu (2004). Terminología del Fútbol y Diccionarios: Elaboración de un diccionario de especialidad para el gran público (Tese) (en castelán). Universitat Autònoma de Barcelona. p. 166. ISBN 978-84-689-0939-4. 
  14. Coppock, Patrick (2001). The Semiotics of Writing: Transdisciplinary Perspectives on the Technology of Writing. Oakville, Connecticut: The David Brown Book Company. p. 139. ISBN 978-2-503-51241-9. 
  15. DK Publishing 2011, p. 100.
  16. "A propósito de la 'Chalaca' ...". Peru.com (en castelán). Empresa Editora El Comercio. 29 de novembro de 2006. Arquivado dende o orixinal o 18 de novembro de 2010. Consultado o 19 de xullo de 2015. 
  17. 17,0 17,1 Bellos, Alex (2014). Futebol: The Brazilian Way of Life. Bloomsburry Publish Plc. p. 38. ISBN 978-1-4088-5416-7. 
  18. Alberto Lati (29 de xuño de 2015). "De Pisco y Chalacas". El País (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 8 de outubro de 2016. Consultado o 18 de xullo de 2015. 
  19. Simpson & Hesse 2013, pp. 1-2.
  20. 20,0 20,1 20,2 Roberto Castro (11 de outubro de 2011). "El Huevo o La Gallina". Dechalaca.com (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 8 de outubro de 2016. Consultado o 19 de xullo de 2015. 
  21. 21,0 21,1 Wahl, Grant (2010). The Beckham Experiment. New York City: Three Rivers Press. p. 135. ISBN 978-0-307-40859-4. 
  22. Simon Hattenstone (29 de xuño de 2013). "And God created Pele". The Guardian (Guardian News and Media). Arquivado dende o orixinal o 8 de outubro de 2016. Consultado o 30 de xullo de 2014. 
  23. O'Brien 2005, p. 70.
  24. O'Brien 2005, pp. 70–71.
  25. Coleman, Lori (2000). Soccer. Minneapolis: Lerner Publications Company. p. 56. ISBN 978-0-8225-9876-3. 
  26. O'Brien 2005, p. 71.
  27. O'Brien 2005, p. 69.
  28. 28,0 28,1 28,2 28,3 28,4 Simpson & Hesse 2013, p. 3.
  29. Danilo Díaz (29 de novembro de 2006). "¿Quién inventó la chilena?". El Mercurio (en castelán). El Mercurio S.A.P. Arquivado dende o orixinal o 8 de outubro de 2016. Consultado o 19 de xullo de 2015. 
  30. O'Brien 2005, How to Perform a Bicycle Kick.
  31. 31,0 31,1 31,2 31,3 31,4 31,5 Pérez, Diego (26 de marzo de 2008). "Genios: De Sudamerica Salieron Las Maravillas Del Fútbol". El País (en castelán) (Montevideo). 
  32. Simpson & Hesse 2013, p. 2.
  33. Soares, Antonio Jorge (2012). "História E A Invenção De Tradições No Futebol Brasileiro". En Ronaldo Helal; Anotnio Jorge Soares; Hugo Lovisolo. A Invenção Do País Do Futebol (en portugués) (2ª ed.). Rio de Janeiro: Editora Mauad X. ISBN 978-85-7478-620-9. 
  34. 34,0 34,1 ""Chilean", "Chalaca" or "Bicycle", a monument to football". CONMEBOL. 3 de abril de 2015. Arquivado dende o orixinal o 8 de outubro de 2016. Consultado o 16 de xullo de 2015. 
  35. Natali, Marcos (2007). Sean Brown, ed. The Realm of the Possible: Remembering Brazilian Futebol. Football Fans Around the World: From Supporters to Fanatics (Routledge). p. 109. ISBN 978-0-415-39505-2. 
  36. Juan Arango (20 de marzo de 2013). "Peru, Chile and the War of the Pacific". Goal: The New York Times Soccer Blog (The New York Times Company). Consultado o 21 de xullo de 2015. 
  37. 37,0 37,1 AFP (2 de decembro de 2006). "¿Chilena o chalaca?". El Universo (Grupo El Universo). Arquivado dende o orixinal o 8 outubro de 2016. Consultado o 21 de novembro de 2015. 
  38. "IPD resuelve hacer cumplir castigo a la FPF, pero en marzo del 2007". LaRepublica.pe (en castelán) (Grupo La República Digital). 30 novembro de 2006. Arquivado dende o orixinal o outubro de 2016. Consultado o 23 de setembro de 2016. 
  39. Giulianotti, Richard; Robertson, Roland (2009). Globalization and Football. SAGE Publications. pp. 40–41. ISBN 978-1-4129-2127-5. 
  40. 40,0 40,1 Goldblatt 2008, p. 192.
  41. 41,0 41,1 41,2 41,3 Wilson 2013, p. 33.
  42. 42,0 42,1 Wilson 2013, p. 21.
  43. Wilson 2013, p. 22.
  44. Goldblatt 2008, pp. 191–192.
  45. Wilson 2013, pp. 22, 27–33.
  46. 46,0 46,1 46,2 46,3 46,4 46,5 46,6 Alejandro Millán Valencia (15 de xuño de 2015). "La Chilena, Lo Más Famoso Que Chile Le Ha Dado Al Fútbol". BBC Mundo (en castelán). BBC World Service. Arquivado dende o orixinal o 8 de outubro de 2016. Consultado o 4 de setembro de 2016. 
  47. 47,0 47,1 Bravo, Gonzalo (2012). "Association Football, Pacific Coast of South America". En Nauright, John; Parrish, Charles. Sports Around the World: History, Culture, and Practice 3. Santa Barbara: ABC-Clio. p. 40. ISBN 978-1-59884-301-9. 
  48. 48,0 48,1 Henshaw, Richard (1979). The Encyclopedia of World Soccer. Washington, D.C.: New Republic Books. p. 237. ISBN 978-0-915220-34-2. 
  49. 49,0 49,1 49,2 49,3 Páez, Pedro Fernando; Pineda, Daniel (2015). "Espectacular Jugada de "Chorera"". Copa América de Fútbol: 100 Años de Historia, Anécdotas y Curiosidades (en castelán). Bogota: Bilineata Publishing. ISBN 978-958-8839-19-6. 
  50. Reyes Coca, Marco Aurelio (2013). "Deportes Masivos: Subproducto de la Inmigración Extranjera en Chillán, 1850-1910". En Jara, Marcelo; Lopez, Felipe. Migraciones: Una mirada interdisciplinaria (en castelán). Concepción, Chile: El Sur Impresores. pp. 125–127. ISBN 978-956-353-317-0. 
  51. 51,0 51,1 Stein, Steve (2011). "The Case of Soccer in Early Twentieth-Century Lima". En Stavans, Ilan. Fútbol. Santa Barbara: ABC-CLIO, LLC. pp. 3–4. ISBN 978-0-313-37515-6. 
  52. 52,0 52,1 Quitián Roldán, David Leonardo (2006). Fútbol Sin Barrera (en castelán). Armenia, Colombia: Editorial Kinesis. pp. 69, 272. ISBN 978-958-8269-12-2. 
  53. Simpson & Hesse 2013, pp. 1–5.
  54. Burns, Jimmy (2012). "The South American Connection". Roja: A Journey Through Spanish Football. Simon & Schuster UK Ltd. ISBN 978-0-85720-652-7. 
  55. Simpson & Hesse 2013, p. 1.
  56. 56,0 56,1 "El inventor de la chilena en la primera vez de la Roja". El Mercurio (en castelán). El Mercurio S.A.P. 5 de xullo de 2011. Consultado o 18 de xullo de 2015. 
  57. Martín Tabeira (10 de agosto de 2007). "South American Championship 1916". Rec.Sport.Soccer Statistics Foundation (RSSSF). Arquivado dende o orixinal o 8 de outubro de 2016. Consultado o 19 de xullo de 2015. 
  58. Martín Tabeira (7 de setembro de 2007). "South American Championship 1920". Rec.Sport.Soccer Statistics Foundation (RSSSF). Arquivado dende o orixinal o 8 de outubro de 2016. Consultado o 19 de xullo de 2015. 
  59. Martín Tabeira (10 de agosto de 2007). "South American Championship 1917". Rec.Sport.Soccer Statistics Foundation (RSSSF). Arquivado dende o orixinal o 8 de outubro de 2016. Consultado o 19 de xullo de 2015. 
  60. Martín Tabeira (4 de xaneiro de 2013). "South American Championship 1919". Rec.Sport.Soccer Statistics Foundation (RSSSF). Arquivado dende o orixinal o 8 de outubro de 2016. Consultado o 19 de xullo de 2015. 
  61. Simpson & Hesse 2013, p. 5.
  62. Freedman 2014, p. 34.
  63. Pelé; Fish, Robert (2007). "Capítulo 6". My Life and the Beautiful Game. New York: Skyhorse Publishing. ISBN 978-1-60239-196-3. 
  64. Rohan Menon (19 de setembro de 2015). "How Pele Made The Bicycle Kick Famous". Yahoo! News. Yahoo Inc. Arquivado dende o orixinal o 27 de decembro de 2015. Consultado o 25 de decembro de 2015. 
  65. Freedman 2014, p. 35.
  66. 66,0 66,1 66,2 Pelé (2006). "The Beautiful Game". Pelé: The Autobiography. Simon & Schuster UK Ltd. ISBN 978-1-84739-488-0. 
  67. 67,0 67,1 Rob Smyth (10 de setembro de 2010). "The Joy of Six: overhead and scissor kicks". The Guardian (Guardian News and Media). Arquivado dende o orixinal o 8 de outubro de 2016. Consultado o 15 de xullo de 2015. 
  68. Lisi 2015, p. 185.
  69. Gardner 1994, p. 97.
  70. Glanville, Brian (2010). The Story of the World Cup: The Essential Companion to South Africa 2010. Faber & Faber. p. 3. ISBN 978-0-571-23605-3. 
  71. Lisi 2015, p. 256.
  72. Lake, Paul (2012). I'm Not Really Here: A Life of Two Halves. Random House. p. 30. ISBN 978-0-09-955325-0. 
  73. "Italy's Gori soaring to the top". FIFA.com. 10 de xullo de 2015. Arquivado dende o orixinal o 8 de outubro de 2016. Consultado o 16 de xullo de 2015. 
  74. Crego, Robert (2003). Sports and Games of the 18th and 19th Centuries. Greenwood Press. p. 32. ISBN 978-0-313-31610-4. 
  75. Tim Vickery (5 de setembro de 2013). "The legacy of Leonidas da Silva lives on". ESPN FC (ESPN). Consultado o 18 de xullo de 2015. 
  76. Eddie Makuch (12 de setembro de 2014). "Watch Messi Do a Bicycle Kick in His Living Room for This FIFA 15 Trailer". GameSpot. CBS Interactive. Arquivado dende o orixinal o 8 de outubro de 2016. Consultado o 3 de xaneiro de 2016. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]