I Carta aos corintios

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde «I Carta aos Corintios»)

A Primeira Carta aos corintios é unha epístola paulina que forma parte do Novo Testamento da Biblia cristiá. Escrita para atallar as divisións no seo da comunidade cristiá da cidade grega de Corinto, permite coñecer a vida interna das primeiras colectividades cristiás e presenta algunhas das condutas morais do cristianismo.

Paulo de Tarso nun mosaico da Catedral de Santa Sofía de Kíiv (Ucraína).

Autor e data[editar | editar a fonte]

A I Carta aos corintios é atribuída a Paulo de Tarso, tal e como se recolle na propia misiva. Paulo, que debía contar cuns 45 anos de idade cando a escribe, era xudeu da seita dos fariseos, cidadán romano e formado na cultura helenística. Perseguiu cristiáns ata que, contra o ano 34, tivo un accidente que acabou na súa conversión ao cristianismo. Dende entón foi un dos primeiros grandes predicadores do cristianismo presentándose na propia carta como "apóstolo de Cristo Xesús pola vontade de Deus".[1] A I Carta aos corintios está escrita en grego (koiné).

Paulo de Tarso é considerado o autor de varias cartas que mandaba ás comunidades cristiáns, especialmente ás fundadas por el, como é o caso da de Corinto. Estímase que a I Carta aos corintios foi escrita cara o ano 56 e que Paulo a redactou en Éfeso, cidade na que estaba predicando e que tiña moita relación comercial con Corinto.[2] Considérase que mandou unha primeira epístola, chamada "carta precanónica" que, ou ben desapareceu, ou ben forma parte da II Carta aos corintios. Posteriormente, chegáronlle consultas por escrito dos propios corintios sobre diversas cuestións ao tempo que lle chegaban novas dos problemas internos da comunidade, polo que decídese a escribir a actual carta.[3]

Destinatarios[editar | editar a fonte]

Corinto era a cidade grega máis poboada a medidados do século I e dous terzos dos seus habitantes eran escravos.[4][3] Centro comercial e portuario de grande importancia, tamén era a capital da provincia romana de Acaia. Ademais, a cidade acollía templo de Afrodita Pandemos, dándolle sona de hedonistas aos corintios.

Segundo o relato bíblico, o cristianismo chegou da man de Paulo de Tarso, quen durante a súa segunda viaxe de apostolado (50-52) reside na cidade durante ano e medio. Acollido por Prisca e Aquila, deportados de Roma, e coa axuda económica de Silas e Timoteo, predica na sinagoga ata que remata sendo expulsado, formando unha comunidade con xudeus e gregos conversos, especialmente de extracción humilde.[3][5]

Mais, logo de marchar para continuar coa súa viaxe, os cristiáns de Corinto comezaron a ter problemas. Dunha parte, a chegada de Apolo e doutros predicadores deu lugar á formación de bandos enfrontados. Doutra banda, tamén se cuestionaban aspectos da doutrina evanxélica e da moral cristiá.[4] Para atallar estas cuestións, Paulo de Tarso enviou esta carta.

Estrutura[editar | editar a fonte]

Lintel da Rosentalkapelle (Basilea) coa cita dos versículos 55 a 57 do capítulo 15 da I Carta aos corintios: "Morte, u-la túa vitoria? Morte, u-lo teu aguillón? O aguillón da morte é o pecado e a forza do pecado é a Lei. Pero deámoslle as grazas a Deus, que El nos dá a vitoria por medio do noso Señor Xesús Cristo."

A misiva ten dúas partes ben diferenzas pola súa temática: a primeira reprende os abusos na comunidade cristiá, mentres que na segunda responde ás cuestións que lle remitiron os crentes e fai aclaracións tanto sobre os dons espirituais (Eucaristía, carisma e amor), a liturxia e a resurrección.

Parte Tema (capítulo, versículo)
Introdución Saúdo e acción de grazas (1,1-9)
1ª parte: censura dos abusos - División dentro da comunidade (1,10 - 4, 21)

- O caso dun incesto (5, 1-13)

- Preitos dos cristiáns ante tribunais pagáns (6,1-11)

- A fornicación (6,12 - 20)

2ª parte: resposta ás preguntas - Matrimonio e virxindade (7)

- O problema das carnes sacrificadas aos ídolos (8,1 - 11,11)

- A organización das asembleas litúrxicas (11,2 - 14,40)

- A comprensión da resurrección dos mortos (15)

Despedida Proxectos, recomendacións e saúdos (16)

Edicións en galego[editar | editar a fonte]

Ao abeiro do Concilio Vaticano II (1962-1965), a Igrexa Católica autorizou o emprego de linguas vernáculas na liturxia, facendo necesaria a tradución da Biblia á lingua galega.[6] Deste xeito, a editorial SEPT publicou en 1989 unha tradución da Biblia dende as linguas orixinais que foi merecente do Premio Nacional de Tradución de España de 1990.[7] Nesa edición, a I Carta aos corintios foi traducida por Andrés Torres Queiruga.[8]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Primera Carta ós Corintios: 1, 1 - A Biblia (SEPT)". jw.org. 
  2. García Cordero, Maximiliano (1966). "Estudio introductorio a la Epístola I a los corintios". Sagrada Biblia. Biblioteca de Autores Cristianos. p. 1169. 
  3. 3,0 3,1 3,2 O Novo Testamento. SEPT. 1998. p. 389. ISBN 84-7337-048-1. 
  4. 4,0 4,1 "Primera Carta a los Corintios - El Libro del Pueblo de Dios". www.sanpablo.es (en inglés). Consultado o 2022-10-15. 
  5. "Feitos: capítulo 18, versículo 4 - A Biblia (SEPT)". JW.ORG. Consultado o 2022-10-16. 
  6. "El uso de las lenguas vernáculas en la edición de los libros de la liturgia romana. Instrucción quinta "para aplicar debidamente la constitución del Concilio Vaticano II sobre la sagrada liturgia" (ad Const. art. 36)". Congregación para el culto divino y la disciplina de los sacramentos. 
  7. "SEPT: 50 ANOS – Editorial SEPT". Consultado o 2022-10-16. 
  8. O Novo Testamento. SEPT. 1998. p. 11. ISBN 84-7337-048-1. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]