Carta aos gálatas
A Carta aos gálatas é unha epístola paulina que forma parte do Novo Testamento da Biblia cristiá. Nesta carta, Paulo de Tarso, nunha linguaxe ardorosa e directa, reafírmase na tese de que a salvación do cristián é un don de Deus que se obtén pola fe en Cristo e non polo cumprimento da lei mosaica. Esta idea, tamén presente na posterior Carta aos romanos, tivo renovada influencia durante a Reforma protestante de Martiño Lutero. Ademais, a Carta aos gálatas aporta datos autobiográficos sobre Paulo de Tarso.
Autor e data
[editar | editar a fonte]Paulo de Tarso foi un apóstolo do cristianismo nas décadas posteriores á morte de Xesús de Nazaret. Aínda que inicialmente perseguira aos cristiáns, converteuse a esta relixión logo dun accidente. Paulo de Tarso, que tivera unha formación helenística, centrou as súas predicacións en Grecia e Asia Menor e as súas interpretacións da mensaxe de Xesús resultaron moi influentes no cristianismo posterior.
Aínda que nos Feitos dos Apóstolos cítase que Paulo de Tarso atravesou á Galacia nas súas viaxes,[1] a súa presenza aló é descrita polo miúdo polo propio apóstolo nesta misiva. Do seu relato derívase que Paulo cruzou a rexión do gálatas na segunda viaxe das súas prédicas, contra o ano 50, cando unha enfermidade obrigouno a parar e repousar durante un tempo. Sendo ben acollido polos gálatas, Paulo evanxelizounos.[2]
A Carta aos gálatas é escrita entre o 54 e o 56 posiblemente dende Éfeso.[3] O obxectivo é rebater ás ensinanzas que predicadores xudaizantes difundían entre os gálatas. Esta razón foi tamén a que motivou a escrita doutras cartas paulinas e amosa as dificultades do cristianismo temperán para diferenciarse do xudaismo.[4]
Destinatarios
[editar | editar a fonte]A diferenza das outras cartas paulinas, esta non é unha misiva escrita á comunidade de cristiáns dunha cidade concreta, senón que está dirixida "ás igrexas de Galacia".[5] Para algúns estudosos isto é indicativo de que naquela rexión existían grupos cristiáns dispersos pero relacionados.[2]
Os gálatas eran un pobo celta que se instalaron no interior de Anatolia no século III a.C. Orixinalmente moi belicosos, recibiron a influencia dos gregos e foron conquistados por Roma arredor do ano 25 a.C. Baixo a súa dominación, creouse a provincia de Galacia, que, ademais dos territorios gálatas, incluía á Pisidia. É así que existe a hipótese de que os destinatarios da carta non serían propiamente os gálatas, senón os cristiáns de Antioquía de Pisidia, mais esta conxectura non é segura.[2]
Os gálatas foron pagáns ata que cara ao ano 50, segundo a propia epístola e os Feitos dos Apóstolos, Paulo de Tarso levou o cristianismo. Pouco despois, á Galacia chegaron predicadores xudaizantes dende Xerusalén que cuestionaron a autoridade de Paulo e que lles fixeron crer que debían circuncidarse para poder ser considerados parte do Pobo de Deus.
Estilo
[editar | editar a fonte]A Carta aos gálatas foi escrita en koiné grega cun estilo enérxico e vehemente, recriminando ás veces algúns cuestionamentos dos que ten coñecemento. Na negación da necesidade da circuncisión para os cristiáns, Paulo amosa o seu fondo coñecemento da Tora, mentres que refuta as dúbidas sobre a súa persoa describindo a súa traxectoria vital. Deste xeito, é considera como a misiva máis persoal das por el escritas. A argumentación pode resultar complexa pois segue os esquemas propios das discusións rabínicas mais senta as bases das teses que retomará e perfilará na Carta aos romanos (escrita entre o 57 e o 58) sobre a salvación.[6]
Estrutura
[editar | editar a fonte]Alén da partes formais da epístola (saúdos e despedida) esta carta conta con dúas partes centrais: unha primeira parte autobiográfica coa que se defende do cuestionamento dos predicadores xudeizantes, e unha segunda parte, de carácter doutrinal, na que presenta a salvación pola fe e que será de novo abordada nunha terceira parte na que anima á vivir deste xeito.
Parte | Tema (capítulo e versículo) |
---|---|
Introdución | Saúdos e presentación dos problemas (1, 1-9) |
1ª parte: autobiografía | - A conversión de Paulo (1, 10-24)
- A Asemblea de Xerusalén e o apostolado de Paulo (2, 1-10) - Defensa do seu evanxeo fronte a Pedro e suceso de Antioquía (2, 11-14) - Consecuencias doutrinais (2, 15-21) |
2ª parte: doutrinal | - Xustificación pola fe e non polas obras (3, 1-5)
- O exemplo de Abraham como proba (3, 6-29) - O cristián como fillo de Deus (4, 1-20) - Negación da salvación pola Lei (4, 21-31) - A liberdade concedida por Cristo ao crente (5, 1-12) |
3ª parte: exhortación | - Vida na liberdade no Espírito (5,13 - 6,10) |
Despedida de puño e letra | Lembranza, bos desexos e beizón. (6, 11-18) |
Doutrina
[editar | editar a fonte]Paulo de Tarso dedica a primeira parte da Carta a expor como el, que rexeitara o cristianismo e perseguira aos seus crentes, acabou por mudar ao comprender que a salvación non estaba no xudaismo senón nas ensinanzas de Xesús de Nazaret. Posteriormente, xustifica que é a fe no Señor o que permite a salvación e non as obras. Para validar esta afirmación presenta o caso de Abraham do que afirma que "fiou en Deus e iso valeulle a xustificación".[7] Posteriormente, continua considerando que a lei mosaica foi dada para identificar o pecado mentres non se producía a vinda do mesías.[8] Tras Xesús, a fe é o elemento clave: o crente é libre para vivir segundo as ensinanzas de Cristo.[9]
Edicións en galego
[editar | editar a fonte]Ao abeiro do Concilio Vaticano II (1962-1965), a Igrexa Católica autorizou o emprego de linguas vernáculas na liturxia, facendo necesaria a tradución da Biblia á lingua galega.[10] Deste xeito, a editorial SEPT publicou en 1989 unha tradución da Biblia dende as linguas orixinais que foi merecente do Premio Nacional de Tradución de España de 1990.[11] Nesa edición, a Carta aos gálatas foi traducida por Xesús Ferro Ruibal.[12]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Feitos dos Apóstolos: capítulo 16, versículo 6 - A Biblia (SEPT)". jw.org.
Impedidos polo Espírito Santo de predica-la mensaxe en Asia, atravesaron Frixia e a rexión de Galacia
- ↑ 2,0 2,1 2,2 Cothenet, Edouard (1981). La carta a los Gálatas (PDF). Editorial Verbo Divino.
- ↑ O Novo Testamento. SEPT. 1998. p. 441. ISBN 84-7337-048-1.
- ↑ "Carta a los Gálatas - El Libro del Pueblo de Dios". www.sanpablo.es (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 22 de outubro de 2022. Consultado o 2022-10-22.
- ↑ "Cartas aos gálatas: capítulo 1, versículo 2 - A Biblia (SEPT)". jw.org.
- ↑ O Novo Testamento. SEPT. 1998. pp. 353–355. ISBN 84-7337-048-1.
- ↑ "Carta aos gálatas: capítulo 3, versículo 6 - A Biblia (SEPT)". jw.org.
- ↑ "Carta aos gálatas: capítulo 3, versículo 19 - A Biblia (SEPT)". jw.org.
A que vén, logo, a Lei? —A Lei engadiuse para nos facer ve-los pecados mentres non viña o descendente, para quen se fixera a promesa; e promulgouse por medio dos anxos, por man dun mediador.
- ↑ "Carta aos gálatas: capítulo 5, versículo 13 - A Biblia (SEPT)". jw.org.
Irmáns, a vós chamáronvos á liberdade. ¡Pero coidadiño con servir ós baixos instintos co gallo da liberdade! Habédesme ser escravos uns dos outros mediante o amor.
- ↑ "El uso de las lenguas vernáculas en la edición de los libros de la liturgia romana. Instrucción quinta "para aplicar debidamente la constitución del Concilio Vaticano II sobre la sagrada liturgia" (ad Const. art. 36)". Congregación para el culto divino y la disciplina de los sacramentos.
- ↑ "SEPT: 50 ANOS – Editorial SEPT". Consultado o 2022-10-16.
- ↑ O Novo Testamento. SEPT. 1998. p. 11. ISBN 84-7337-048-1.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Outros artigos
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Carta aos gálatas |
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Carta aos gálatas (en galego)
- Carta aos gálatas (en latín)