Resurrección

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A resurrección é un dogma común a todas as confesións e igrexas cristiás. Foi recollido no credo de Nicea, e figura no denominado credo dos apóstolos. As máis antigas tradicións cristiás dan testemuño desta crenza.

Ten dúas vertentes:

  • A resurrección de Xesús de Nazaret ao terceiro día da súa morte e sepultura.
  • A resurrección da carne da que se beneficiarán todos e cada un dos homes.

Etimoloxía[editar | editar a fonte]

O termo "resurrección" significa poñerse recto "per se" -volver a vida-, o seu sinónimo é "resucitar". Procede do imaxinario relixioso exipcio, en concreto, aparece como tema central do coñecido Libro dos mortos, ou libro de instrucións para volver a vida; de onde pasaría ao imaxinario relixioso xudeu e cristiá. Usase no Novo Testamento en numerosas ocasións, p.ex. cando se fai referencia á resurrección de Lázaro.

A resurrección nas fontes do Novo Testamento[editar | editar a fonte]

A resurrección de Xesús de Nazaret é presentada por Paulo de Tarso, nas súas cartas, como o acontecemento central da súa predicación. Significa a vitoria fronte a escravitude do pecado e a morte e é o motivo que fundamenta a esperanza cristiá de salvación. A súa significación consiste en que nin sequera a morte poderá arrincarnos do amor de Deus en Cristo Xesús (Rom. 9, 37-39).

Nos evanxeos, non se describe a resurrección, agás no Evanxeo de Pedro, que as igrexas consideran apócrifo. Nos sinópticos e en Xoán, recóllese a través dos relatos do sepulcro baleiro e as posteriores aparicións. Son elementos comúns:

  • As primeiras testemuñas son mulleres. Aparecendo sempre María Magdalena entre elas. Este resulta ser un dato sorprendente para a credibilidade coetánea do relato, dado o escaso valor que ten o testemuño feminino na sociedade daquel tempo. Se aparece nos textos é que debeu existir un factor real que os sustenta (criterio de dificultade).
  • Existe unha primeira reacción de incredulidade, e mesmo de temor, que se transforma en abraio e ledicia.
  • Procúrase facer fincapé en que o mesmo Xesús que foi crucificado como un malfeitor e sedicioso abandonado de Deus, foi retornado por ese mesmo Deus á unha nova vida onde xa non se morre máis (Lc 24,39).

Nalgún relato, asóciase a resurrección coa presenza viva de Xesús na hospitalidade ao forasteiro, no partir o pan, e nun novo entendemento das Escrituras que fan "arder o corazón" (relato de Lucas sobre os discípulos de Emaús).

Segundo o relato dos Feitos dos Apóstolos, coa forza do Espírito Santo, os primeiros discípulos predican a Resurrección de Xesús, a quen proclaman Cristo, como o cumprimento das promesas do Profetas a Israel.

A esexese[editar | editar a fonte]

Entre teólogos e esexetas do conxunto das confesións cristiás existe certo consenso en afirmar que estes relatos non dependen literariamente uns de outros e se remiten a unha experiencia singular. Adoitan coincidir, tamén, en que a experiencia de Xesús resucitado, coñecida como experiencia pascual, marca o comezo do cristianismo mediante unha relectura vital dos acontecementos previos da predicación, condena e crucifixión de Xesús de Nazaret.

É dominante a opinión de que os relatos do sepulcro baleiro non forman parte da capa máis antiga da tradición (dátanse ao redor do ano 70) e teñen un carácter catequético ou kerigmático. Con todo, existen fórmulas de fe e oración que son moi próximas no tempo aos acontecementos e que dan testemuño da crenza como algo nuclear para as primeiras comunidades. Estas fórmulas poden rastrexarse mediante un procedemento da crítica textual nas cartas de Paulo de Tarso e nas denominadas Cartas de Pedro. Por exemplo en Cor. 15, 3-5.

Evolución da crenza[editar | editar a fonte]

Inicialmente, a crenza na resurrección, en clave xudeu-cristiá, significaba a volta do home íntegro e unitario á unha vida definitiva e plena, con Deus e os irmáns. Esta concepción semita non concibe unha existencia humana sen corpo. Non existe palabra algunha para designar ao corpo como algo separado e distinto da alma.

É a influencia do dualismo grego de raíz platónica, a partir especialmente de Oríxenes, e difundida polos Pais da Igrexa, o que fai pasar esta crenza a ser entendida como unha reunión entre a alma inmortal e o corpo morto para a súa vivificación perpetua. O que se rexeitará moi cedo é que as almas inmortais por natureza foran preexistentes ao corpo e estiveran vencelladas a el en virtude dunha caída orixinal. O home é, por vontade do Deus Creador, corpo e alma; é bo que así sexa, por iso a redención plena consiste na reunificación de ambos para unha existencia feliz.

Teoloxía católica[editar | editar a fonte]

Esta visión dualista está corrixida pola actual teoloxía católica. Autores como Hans Urs von Balthasar, Karl Rahner ou Joseph Ratzinger insisten en que un alma descarnada non é un ser humano e que a materialidade da natureza será transfigurada, pero non volatilizada no espírito. O corpo, en canto constitutivo da persoa consonte a unha antropoloxía contemporánea, é o núcleo da personalidade e o medio psíquico e físico para a interrelación persoal e a experiencia vital co medio. A resurrección non é a mera reanimación dun cadáver, pero ha de ter forzosamente unha referencia directa á corporeidade. Deste xeito, a resurrección supón a restauración do cosmos ao final dos tempos. Non será unha creación distinta, senón a transformación e plenificación da única e soa creación para a Vida Eterna do home en comuñón cos outros en Deus.

O Catecismo da Igrexa católica, redactado en clave didáctica, segue a utilizar a terminoloxía de raíz dualista.

En canto á súa significación, os teólogos católicos fan fincapé en que o home non pode perecer total e definitivamente. Existe porque foi querido e amado por Deus. O amor pide eternidade polo que, en Deus, o amor é máis forte que a morte.

Teoloxía ortodoxa[editar | editar a fonte]

A teoloxía ortodoxa segue moi pegada ao pensamento dos Pais da Igrexa de Oriente. Nos himnos litúrxicos, as igrexas proclaman que Cristo esnaquizou as portas do inferno, que levantou conxuntamente aos mortos, rompeu o aguillón da morte e, como Amigo dos homes, redimiu a Adán da maldición (kontakion do quinto domingo).

Nas iconas, tan importantes para a espiritualidade ortodoxa, aparecen imaxes desta verdade fundamental nas igrexas de tradición bizantina. Nelas, a nova vida é xa experimentable no presente, mediante as enerxías divinas descritas por teólogos medievais como Nicolás Cabasilas ou Gregorio Palamas.

Para os teólogos bizantinos a mortalidade humana é unha traxedia individual e cósmica que Deus asume por amor, para que, mediante a resurrección de Cristo, poida a humanidade recobrar a vida perpetuamente feliz. Recollendo esta tradición, para teólogos actuais como Meyendorff ou Olivier Clément, coa resurrección a morte deixou de ser o único fin da existencia material. Así, o home é liberado do temor; a escravitude do pecado, que se basea no instinto de conservación e na separación entre os homes, perde o seu poder e deixa de ser inevitable.

Teoloxía evanxélica[editar | editar a fonte]

Para autores como Karl Barth ou Eberhard Jüngel, o Fillo de Deus fíxose home, morreu e resucitou para a xustificación do pecador. Mediante a morte e a resurrección, igual que para a teoloxía católica e ortodoxa, Deus mesmo está actuando en Xesús. Pero a teoloxía evanxélica insiste en que esta actuación é exclusiva e definitiva; por ela e só por ela, gratuitamente e por soa graza, o home mortal e pecador é xustificado e salvado. Tal como afirmaba Martiño Lutero, a morte e a resurrección de Cristo abondan para a salvación do home e fan banais os méritos e as obras.