Libro de Xeremías

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

O Libro de Xeremías é un libro profético do Antigo Testamento da Biblia. A autoría atribúese a Xeremías, profeta maior, que asistíu á dominación babilónica de Palestina e a destrución do Templo de Xerusalén, cerne do xudaismo, polas tropas do rei Nabucodonosor II. No seu libro, o profeta procura dar unha explicación á esa situación grave para os xudeus e xustificar o que interpreta como un castigo de Deus.

Contexto histórico[editar | editar a fonte]

Logo da presión dos asirios, que chegaran a ameazar ao pobo xudeu, no século VI a.C Babilonia emerxeu como a potencia dominante en Palestina. A tensión entre xudeus e babilonicos derivou nunha rebelión abortada por Nabucodonosor II, rei de Babilonia, que no 587 a.C prendeu lume a Xerusalén, destruíu o Templo e deportou o rei xudeu da dinastía de David.

Contido[editar | editar a fonte]

O Libro de Xeremías é unha colección de oráculos recompilados sen seguir unha orde cronolóxica pois foron ordenados por un redactor posterior o profeta. O seu conxunto abrangue diferentes tipos de profecías que se poden agrupar do seguinte xeito: aquelas que son contra Xudá e Xerusalén, as dirixidas contra pobos pagáns e as que se centran na futura restauración de Israel.

Xeremías recupera con forza a intepretación moisaca da Alianza[1]. Isto é debido a que arredor do 621 a.C. fora atopado, nos alicerces do Templo de Xerusalén, o Deuteronomio, algo que tivo un forte impacto na vida relixiosa de Xudá. O Deuteronomio era entendido como a Lei de Moisés e ameaza a aqueles que infrinxan a Alianza entre Deus e Israel. En varias pasaxes do Libro de Xeremías establécense paralelismos entre os dous profetas: ambos tiñan problemas de fala (Xeremías 1,6; e Éxodo 4,10) e ambos tiveron que escribir de novo a súa obra pola destrución da primeira versión (Xeremías 36,28 e Éxodo 34,1). Ademais, igual que Moisés, Xeremías actua como intermediario entre Deus e o pobo escollido (véxase o capítulo 42, por exemplo).

"Dareilles corazón para me coñecer" (Xeremías 24,7 en checo). Templo protestante de Dalečín (Chequia)

A visión teolóxica de Xeremías encádrase dentro da tradición xahvista (monoteísmo estrito) canda Isaías, Amós, Oseas e Miqueas. Condena o pecado que para el supón o sincretismo relixioso dos xudeus que incorporaran outras divinidades. Deste xeito, reafírmase en que Xahvé é o Deus de Israel e Xudá, omnisciente, omnipotente e xusto. Xeremías insiste en que, aínda que o poder de Xahvé (Deus) rexe a toda a humanidade, Israel é o seu pobo escollido e as súas relacións baséanse na Alianza. Mais a difusión doutros cultos rompeu o pacto entre Deus e o seu pobo. O castigo de Deus é, polo tanto, consecuencia da apostatasía de Israel[1]. O profeta xustifica o castigo para poder facer logo unha nova alianza escrita no corazón das persoas para que non se poida romper (Xeremías 31, 31)[2]. Para que esta nova alianza, o profeta, entende necesario o castigo de Deus, así como o arrepentimento e penitencia do seu pobo. Ademais, coincide con Isaías, na crítica a hipocrisía dos xudeus por considerar que o Templo de Xerusalén pode librarlles da ira de Xahvé, como cando afirma: "Non vos fiedes das palabras mentireiras, que se repiten:"Velaquí o templo do Señor, o templo do Señor, o templo do Señor" (Xeramías, 7,4).

Dúas importantes censuras contén o Libro de Xeremías á tradición davídica: dunha parte, o cuestionamento do rol exercido polo Templo de Xerusalén e, doutra, a crítica aos reis. Xeremías, que viveu perseguido baixo os reinados de Ioaquim (que chegou a facelo preso) e, do fillo deste, Sedequías, fixo duras críticas contra eles e o mal goberno. Estes enfrontamentos levaron a Iaquim a queimar o rolo do Libro de Xeremías, e ao profeta a revelar a futura destrución do palacio real (22, 5-6). Finalmente, a súa visión do futuro dos xudeus é o da volta a Israel logo do castigo, purificados polo arrepentimento, a unión nunha monarquía de Israel e Xudá, con Xerusalén e o Templo reconstruídos.

Malia aos ataques que Xeremías fai as prácticas dos xudeus e as críticas aos gobernantes por desviarse do camiño marcado por Deus, o profeta actua como un intermediario entr

Autoría[editar | editar a fonte]

O actual Libro de Xeremías é unha compliación das diferentes profecías de Xeremías, un proceso que se considera se fixo ao longo de varios momentos. Ao longo do libro hai varios tipos de narración, intercalándose a primeira e a terceira persoa. É así que se distinguen tres niveis no libro: aqueles oráculos que foron escritos polo propio profeta, aqueloutros narrados en terceira persoa, e a biografía de Xeremías. Considérase que os primeiros deberon ser escritos por Xeremías, mentres que a biografía e ás profecías en primeira persoa son escritas por Baruc, o seu secretario. En varios momentos do Libro recóllense versículos que aluden a que Xeremías dictaba ao seu secretario para que tomase nota. Así, por exemplo, no capítulo 36, versículo 4 aparece: "Entón Xeremías chamou a Baruc, fillo de Nerías, e Baruc escribiu no rolo limpo, ó ditado de Xeremías, todos os oráculos que o Señor lle dixera"[3], e referencías parecidas en 45,1[4]. Ademais, Baruc recompliaría algunha das profecías, como por exemplo as recollidas nos capítulos 37 a 44, narradas en terceira persoa. Tamén se considera que se deberon facer adicións posteriores ao Libro de Xeremías, unha tese avalada polo feito de que algúns dos textos gardan importantes semellanzas con outros relatos de Ezequiel. Exemplos disto son: Xeremías 3, 6-10[3] e Ezequiel 16[5] e 23[6]; ou Xeremías 7,16[7] e 11,4[8] con Ezequiel 14, 12-20[9].

Estilo[editar | editar a fonte]

A diferenza dos outros libros proféticos, o Libro de Xeremías emprega un ton máis íntimo mostrando as loitas, angurias, e problemas persoais do autor para cumprir co seu papel de profeta. Estes padecementos son as chamadas confesións de Xeremías. O estilo da escrita é sinxelo aínda que as veces engade notas de tristura e amargura ante o fado de Israel. Xerome de Estridón, tradutor da Biblia ao latín, contrapúñao ao de Isaías, que o consideraba máis literario e elaborado. A lingua empregada no Libro é o hebreo que, segundo os lingüistas, presenta influencia do arameo no léxico e na sintaxe do texto[10].

No Libro abundan as repeticións de frases, pensamentos e imaxes, valéndose do emprego de referencias dos profetas anteriores e do Deuteronomio para explicar as súas propias ideas, caendo, ás veces, nos estereotipos Pero tamén recorre a símbolos e imaxes poéticas usando metáforas e símiles como cando se refire a Deus como "viveiro de auga vivificadora" (2, 13) ou, cando Deus chama a Israel "plantío de cepa escollida" (2,21).

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Finguerman, Ariel (2008). La elección de Israel: Estudio histórico comparado sobre la doctrina del "Pueblo elegido" en las religiones. El Almendro. ISBN 978-84-8005-118-7. 
  2. "Capítulos 31-35 :: A Biblia Galega". www.abibliagalega.com. Consultado o 2021-02-04. 
  3. 3,0 3,1 "Capítulos 1-5 :: A Biblia Galega". www.abibliagalega.com. Consultado o 2021-02-04. 
  4. "Capítulos 41-45 :: A Biblia Galega". www.abibliagalega.com. Consultado o 2021-02-04. 
  5. "Capítulos 16-20 :: A Biblia Galega". www.abibliagalega.com. Consultado o 2021-02-04. 
  6. "Capítulos 21-25 :: A Biblia Galega". www.abibliagalega.com. Consultado o 2021-02-04. 
  7. "Capítulos 6-10 :: A Biblia Galega". www.abibliagalega.com. Consultado o 2021-02-04. 
  8. "Capítulos 11-15 :: A Biblia Galega". www.abibliagalega.com. Consultado o 2021-02-04. 
  9. "Capítulos 11-15 :: A Biblia Galega". www.abibliagalega.com. Consultado o 2021-02-04. 
  10. García Cordero, Maximiliano (1961). Biblia comentada III Libros Proféticos. Católica. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]