Saltar ao contido

Libros episódicos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Os libros episódicos son unha clasificación dos estudos bíblicos aplicada a unha serie de libros históricos da Biblia que teñen en común ser relatos breves, cun protagonista individual, e cun fin didáctico e moralizante.

Características

[editar | editar a fonte]

A división tradicional da Biblia, herdada en parte da división xudía, facía catro grupos: o Pentateuco, os libros históricos, os libros sapienciais e os libros proféticos.

Pero a constatación de que algúns libros dos chamados históricos só relataban feitos persoais, sen case referencias á historia de Israel, e que discorrían a xeito de fábulas moralizantes, levou a crear este subgrupo dentro dos libros históricos.

Son libros breves, cunha estrutura narrativa sinxela, que responde ao clásico: presentación-nó-desenlace, e que rematan, inevitablemente, cun final feliz. Preséntasenos ao personaxe enfrontado a grandes dificultades que, grazas á súa virtude e á súa confianza en Deus, poden ser superadas para obte-la recompensa merecida.

Relación dos libros

[editar | editar a fonte]

Seguindo a orde na que acostuman aparecer nas Biblias cristiás temos catro libros episódicos:

  • Rut: historia dunha muller xentil que, grazas á xenerosidade do seu corazón, consegue riquezas e familia.
  • Tobías: historia dun mozo hebreo que, coa milagrosa axuda do arcanxo Rafael, logra riquezas, a curación do seu pai e un feliz matrimonio.
  • Xudit: historia dunha viúva hebrea que, grazas ao seu valor e á súa beleza, logra asasinar ao xeneral asirio Holofernes e salvar a Israel.
  • Ester: a beleza e piedade de Ester permítenlle, a un tempo, casar co emperador Axuero e salvar ao seu pobo do exterminio.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • A Biblia (1989). Vigo, SEPT. 1ª ed.
  • SCHMIDT, Werner H. (1983): Introducción al Antiguo Testamento. Salamanca, ed. Sígueme.

Outros artigos

[editar | editar a fonte]