Alabarda

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Alabarda do emperador Matías de Habsburgo, século XVII.
Alabardas alemás do século XVI.

A alabarda[1] é unha arma antiga formada por unha hasta de madeira flanqueada por unha folla de machado nun lado e unha punta polo outro lado. Foi inventada na Idade de Bronce[2] ao colocar a folla dun puñal perpendicularmente a un mango, e o seu uso estendeuse coa cultura do vaso campaniforme.

Prominente nos séculos XV e XVI, barata de producir, era moi versátil na batalla. Hoxe só se emprega para usos cerimoniais, como os da Garda Suíza do Vaticano, así como "fósil director" nas escavacións arqueolóxicas.

A alabarda na historia[editar | editar a fonte]

Alabardas antigas[editar | editar a fonte]

As primeiras alabardas datan da Idade de Bronce;[3] a súa orixe é discutida e repártense entre Irlanda[4] (o país onde apareceron máis follas desta arma) e a civilización de "Los Millares" (Almería), así como sospeitas dunha orixe centroeuropea. Teñen aparecido algunhas follas delas en contextos funerarios formando parte dun enxoval mortuorio, entre outras armas e vasos campaniformes. Na Península Ibérica os científicos destacan tres grupos: Argárico, norteportugués ou Carrapatas e Montejícar. As de tipo Carrapatas son da rexión de Tras-os-Montes (aínda que moi semellantes ás alabardas irlandesas do mesmo período[5]) feitas en cobre cunha gran folla triangular e forte nervio central, en Galicia aparecen representadas en seis grupos de petróglifos (Laxe da Chan, Cangas; Castriño de Conxo[6]; Primadorno en Breixa, Silleda; Conles, Laxe, Moraña; Poza da lagoa en Monte Penide) xunto a outras armas e combinacións circulares. Malia ser a arma máis representada nos petróglifos, só se atopou unha mostra física no chamado "depósito de Leiro", en Leiro, Rianxo.

Alabardas medievais e modernas[editar | editar a fonte]

Garda suízo do Vaticano armado cunha alabarda.

Contra finais da Idade Media a alabarda rexorde con outro deseño e, a partir do machado de guerra, xorde para facer fronte ás cotas de mallas e aos arneses de placas, xa que nestes séculos é cando se fai máis necesario engadir máis armas secundarias (picos) a unha arma principal como as follas dos machados. A finais da Idade Media converteuse na arma de infantaría[7] máis eficaz contra a cabalaría pesada e para repeler ataques nas fortificacións. Iso fixo que se convertesen nas armas por excelencia dos gardas dos castelos e palacios, formando parte do canon estético militar das unidades militares históricas, mantidas para fins decorativos, coas súas fardas e armaduras de época.

Batalla entre lanceiros e alabardeiros. Debuxo de Hans Holbein, O Mozo.

Esta arma usouse logo na Idade Moderna nos exército europeos coa forma que coñecemos agora, dun lado un machado e do outro un pico, que se podía acompañar dunha pequena lanza en vertical ao corpo do mango. Serviu como protección aos arcabuceiros[8]; así, cando estes estaban indefensos cargando as armas de fogo, os alabardeiros cubríanos. O seu uso prolongouse con éxito nos séculos XVI a XVIII, aínda que era inservible no corpo a corpo; nestes casos o alabardeiro levaba unha daga ou espada curta.

Actualmente só se usa como arma decorativa en corpos especiais para rituais de gran boato das monarquías europeas, como a española, e no Vaticano.

Armas relacionadas[editar | editar a fonte]

  • Bardiche, machados de grandes follas cun mango longo típico da Europa do Leste nos séculos XVI e XVII.
  • Bisarma, unha arma de hasta de orixe medieval, que ten unha especie de fouce afiada dun lado ou de ambos e que acaba nunha punta para ferir, de modo similar a unha lanza ou un chuzo.
  • Guandao, unha arma chinesa do século III que tiña unha pesada folla curva cunha lanza no outro lado.
  • Naginata, é unha lanza xaponesa, composta por unha hasta de madeira equipada cun longa lámina nunha das extremidades.
  • Partesana, unha gran punta de lanza de dobre folla montada nun eixo longo que tiña saíntes a ambos os dous lados
  • Woldo, unha arma coreana que tiña unha lámina en forma de lúa montada nun eixo longo, semellante á construción do Guandao chinés, e que principalmente servía como símbolo da Garda Real

Galería[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para alabarda.
  2. Herbst, Judith (2005). The History of Weapons (Major inventions through History). Twenty-First Century Books,. p. 56. ISBN 978-0-8225-3805-9.
  3. "Las representaciones de alabardas en los petroglifos gallegos" Antonio De la peña Santos, Museo de Pontevedra
  4. "The early bronze age in Wessex" proceeding of historyc society pp 64 Irlanda
  5. "Wessex before the celts"Stone J.F.S.Thames and Hudson ed London 1963
  6. "Carta prehistórica del término municipal de Santiago"varios autores Cuaderno de estudios gallegos XXV
  7. "History of ancient weapons" McAlister Forrow, H. ed Penguin Books, Edimbourgh 1989
  8. "De la conquista a la independencia" Vicens Vices ,J. Barcelona 1959

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]