Arte paleolítica en Galicia
O Paleolítico é un período da Prehistoria que vai da aparición dos primeiros homínidos ao final das glaciacións. No territorio galego, as primeiras evidencias de asentamentos humanos teñen unha antigüidade máxima de 300.000 anos, en tanto arredor do 8.000 a.C. comeza a verificarse un aumento da temperatura media e a fin das glaciacións.
A pesar da enorme duración do Paleolítico en Galiza, os restos de arte paleolítica en Galiza, como no norte de Portugal, son moi escasos. En boa medida, trátase dun problema de conservación dos restos. Así por exemplo, os ósos sobre os que se realiza a arte móbel non se conservan con facilidade debido á acidez da terra. A este problema xúntase o da escaseza de cavidades naturais que puidesen ser habitadas polo ser humano, o que redundaría nunha poboación menor que a doutras áreas da Península e na ausencia de restos de pintura parietal.
Con todo, desde finais do século XX véñense realizando descubrimentos que confirman non só unha considerable presenza humana na Galiza do Paleolítico, senón unha produción artística de relevancia. Neste sentido resultou decisiva a identificación, nos anos noventa, dun amplo conxunto de gravados rupestres ao aire libre no val do río Côa, no nordés de Portugal.
Principais achados
[editar | editar a fonte]Unha década antes atopárase o primeiro resto de arte móbel en Galiza, un colgante procedente da estación paleolítica de Férvedes II (Xermade). O colgante atópase no Museo de Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba. Está feito posiblemente de esteatita, é plano e ten forma oval. Ten un orificio de forma circular, supostamente para o cordón do que penduraba, e como decoración un trazo recto e vertical no centro das dúas caras, máis fondo dunha delas. É semellante a outras pezas de xacementos magdalenianos do Cantábrico.
Xa no século XXI describíronse na cova de Valdavara (Becerreá) varias cunchas do molusco Antalis novemcostata. As cunchas, procedentes do Cantábrico, serían as doas dun colar. Tanto esta peza como a de Férvedes poderían ter sido usadas como amuletos ou formar parte de enxovais de enterramentos.
Cova de Eirós
[editar | editar a fonte]Coa sistematización das escavacións da Cova de Eirós apareceron unha azagaia lixeiramente aplanada e de perfil recto, decorada cunha incisión horizontal, e un dente de raposo. O dente, cunha antigüidade estimada de 26.000 anos, ten unha perforación circular no centro, polo que se trata seguramente dun colgante.
Con todo, o descubrimento máis relevante, feito público en agosto de 2012, consistiu no achado de pinturas e gravados rupestres na sala central de Cova de Eirós. Estas pinturas, cunha antigüidade mínima de dez mil anos e unha antigüidade máxima de trinta mil, son a primeira mostra de arte rupestre atopada en Galicia, o que motivou a súa declaración como Ben de Interese Cultural[1].
As pinturas rupestres de Cova de Eirós responden a dúas técnicas diferentes: gravados e pinturas en negro. Estas últimas utilizan o carbón vexetal como pigmento. Ademais das ringleiras de puntos, os motivos máis interesantes son as representacións de animais completos ou das súas cabezas. Entre os animais identificados encóntranse cervos, cabalos, cabras e uros.
Notas
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- BERNÁRDEZ, Carlos: Unha historia da arte galega. Laiovento, 2023, p. 13-14.
- MOSQUERA CASTRO, Tania; SANTOS, André; FÁBREGAS VALCARCE, Ramón; RODRÍGUEZ-ÁLVAREZ, Xosé Pedro; DE LOMBERA-HERMIDA, Arturo: El fin del estilo paleolítico: un caso de estudio en el Noroeste peninsular. Munibe, nº 74, 2023. Dispoñíbel en rede: https://doi.org/10.21630/maa.2023.74.11.