Tarot

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Tarot de Visconti Sforza
Unha versión artística-contemporánea das cartas de Tarot.

O tarot[1] é un xogo de cartas xogado en Francia e noutros países francófonos, composto por unha baralla de 78 cartas. A Federación Francesa de Tarot publicou as regras oficiais do xogo.[2] Desde o século XVIII as cartas pasaron a ser usadas para a previsión do futuro e desde finais do século XIX integran a cerna do esoterismo moderno xuntamente coa cábala, a astroloxía e a alquimia.

A comunidade científica asimila todo uso non lúdico do tarot ao campo da pseudociencia.

Orixes e controversia[editar | editar a fonte]

Baralla moderna de cartas inspirada no Tarot de Marsella.

Dáse en 1299 a primeira mención coñecida en Europa[3] aos xogos de cartas, concretamente no manuscrito italiano Trattato del governo dell famiglia, escrito por Pipozzo di Sandro. Nel alúdese, como ocorrerá noutras referencias do século XIV,[4] á presenza das cartas (chamadas tamén naips, naibi, chartae, karten nos seus respectivos dominios culturais) nas apostas e nos ambientes populares ou marxinais. Outra das mencións máis temperás corresponde ao Principado de Cataluña cando o Consell de Cent prohibe (1310) os xogos de cartas en Barcelona.[5] Presuntamente entran en Francia cara á segunda metade dese século. En 1376[4] a cidade de Florencia prohibe un xogo de recente chegada que se chama naibbe e un ano despois, preto de Basilea, un frade dominico chamado Johannes escribe[4] o Tractatus de moribus e de disciplina humanae conversacionis no que se refire a un ludus cartarum e achega detalles sobre a súa composición (catro reis, dous mariscais, dez cartas de puntos cos mesmos paus...). É a descrición máis antiga do que posteriormente se coñecerá coma arcanos menores[6] do xogo moderno e contemporáneo ao que se engadirán as láminas dos tarots renacentistas.

A hipótese máis estendida é que os xogos de cartas proceden de Oriente; cítase como proba[4] o conxunto de cartas iluminadas do Exipto mameluco do s. XV, conservadas no Museo Topkapi de Istambul. O xogo componse de catro secuencias moi similares ás das barallas do centro e sur de Europa. Non semellaría aventurado que mazos similares chegasen a través dos mamelucos a Europa, antes de seren expulsados polos otománs. Por outra banda, a orixe remota deses naipes puido ser chinesa, a través de Persia. Desde tempos moi antigos usábanse na China pequenas follas ou tarxetas feitas en papel e en marfil mencionadas xa desde o s. X, aínda que sen vínculo aparente coas barallas descritas arriba.

Deféndese tamén a hipótese dunha creación puramente europea, que explicaría por exemplo a etimoloxía da palabra árabe naibi a partir do flamengo knaep, "papel". Mais cumpriría distinguir os mazos de cartas para xogo documentados en Europa desde a época medieval -que incluían puntualmente[7][8] algunhas imaxes das que acabarán constituíndose en canon-[9] daquilo que se considera o núcleo significativo do que entendemos por Tarot, a serie de láminas enigmáticas que semellan compoñer un conxunto sapiencial de imaxes. Estas aparecen, con pequenas variantes, na Francia e na Italia de finais do século XV[10] e inicios do XVI.

No momento en que o Tarot, xa baixo o formato que se populariza a partir do XVIII, se converte en xogo de mesa e en artefacto presuntamente adiviñatorio, as especulacións fantásticas[11] sobre a súa verdadeira orixe proliferan sobre todo en Francia e no Reino Unido: legado en clave da tradición exipcia, suma sincrética de saberes ocultos[12] (gnosticismo, cábala hebrea, alquimia, catarismo...), pervivencia de símbolos relixiosos da India[11] a través do pobo xitano etc. Moitos manuais do século XXI que reproducen sen contrastar obras anteriores repiten tamén lendas[6] (coma a do Tarot encargado por Carlos VI de Francia) que agachan invencións[13] e inexactitudes históricas. Paralelamente, outros autores aseguran[12] que cómpre distinguir a verdade histórica contrastable (que os primeiros tarots proveñen de Italia e están datados a mediados do século XV) dun estudo profundo das láminas que deron lugar, por exemplo, ao Tarot de Marsella. Segundo estes, só poderían explicarse no contexto dunha época moi temperá, poucos anos despois da morte de Cristo; outros,[14] a partir da mesma suposición, sitúan no comezo do segundo milenio a creación das cartas.

Etimoloxía[editar | editar a fonte]

A palabra Tarot, común hoxe a moi diversas linguas, é de etimoloxía escura.[15][16] Desbotada unha orixe culta clásica[17] ou presentando dúbidas outras máis antigas e exóticas -coma a deriva desde o sánscrito[18] tara e tarati, "o que nos leva á outra beira" segundo os Tantras[19]- propostas xa desde o XVIII,[4] aparecerán en 1505 os primeiros antecedentes directos, o termo italiano Tarocchi e o provenzal Taraux.[12][4]

Historia e descrición[editar | editar a fonte]

Estudos actualizados[4][20][12][13] concordan en que as primeiras versións coñecidas do Tarot —do que despois se chamarán arcanos maiores— localízanse en Milán (ano 1440 ou 1441) e en Ferrara (ano 1465 ou 1470) aínda que existen referencias directas polo menos dúas décadas antes[8][4] e continúan as investigacións[21] para un consenso científico sobre as diversas coleccións de cartas. Semella haber acordo con respecto aos denominados[22][23][24] Tarots Visconti-Sforza e Tarocchi de Mantegna. Non é posible afirmar rigorosamente que o Tarot ou os tarots tivesen unha orixe independente das barallas e se sumaron despois ou é que en realidade naceron como partes diferentes dunha mesma estrutura.

Xogos da mesma familia con distintos nomes —coma o chamado Tarot de Besançon—[25] irán aparecendo en Francia, xa no último cuarto do XV,[4] e en séculos sucesivos noutros países de Europa central —na rexión do Selva Negra ao sur da Alemaña, na Suíza, Austria, Piemonte[4] ou Hungría—. Desde o XVIII as cartas pasaron a ser usadas para a previsión do futuro e pouco a pouco se revelaron[22][26] como un dos cernes do esoterismo contemporáneo xuntamente coa cábala, a astroloxía e a alquimia. Pero foron as imaxes, moitos dos nomes das cartas[4] e mais a súa orde no Tarot de Marsella as que remataron establecéndose como modelo. A primeira versión que se rexistra dese mazo, con substanciais e perdurables innovacións (coma o naipe O Sol asociado aos dous xemelgos) será publicada polo parisiense Jean Noblet en 1650, pero recentes procuras tiraron á luz na Universidade de Yale a chamada folla de Cary,[27] na que queda fóra de toda dúbida o feito de que as imaxes do tarot marsellés —cuxas edicións primitivas[8][4][12] datan do inicio do XVIII— teñen orixe tamén no Renacemento italiano. O primeiro modelo do tarot moderno de Marsella, moi probablemente herdeiro de formatos anteriores, será impreso por Pierre Madenie[28] (1709) en Dijon.

No Tarot de Marsella, que se considera canon[12] para o resto dos tarots posteriores, os 78 naipes distribúense do seguinte xeito: 56 ao modo das barallas europeas en series de catro paus (ouros, copas, espadas e bastos) con dezaseis unidades cada un (dez cartas numeradas ás que se suman catro figuras da aristocracia: sota ou paxe, cabaleiro, rei e raíña). As outras 22 inclúen[29] unha carta sen numerar (co nome Le Mat, Le Fol ou O Tolo) e unha serie cifrada ao xeito romano, mais non o convencional: Le Bateleur ou O Mago (I); La Papesse ou A Papisa (II); L'Impératrice ou A Emperatriz (III); L'Empereur ou O Emperador (IIII); Le Pape ou O Papa (V); L'Amoureux ou Os Amantes (VI); Le Chariot ou O Carro (VII); La Justice ou A Xustiza (VIII); L'Ermite ou O Ermitán (VIIII); La Roue de Fortune ou A Roda da Fortuna (X); La Force ou A Forza (XI); Le Pendu ou O Colgado (XII); unha lámina sen nome cunha representación da Morte (XIII); Tempérance ou A Temperanza (XIIII); Le Diable ou O Demo (XV); La Maison Dieu ou A Torre (XVI); L'Étoile ou A Estrela (XVII); La Lune ou A Lúa (XVIII); Le Soleil ou O Sol (XVIIII); Le Jugement ou O Xuízo (XX); Le Monde ou O Mundo (XXI).

Imaxe
Número I II III IIII V VI VII VIII VIIII X XI
Nome O Mago A Papisa A Emperatriz O Emperador O Papa Os Namorados O Carro A Xustiza O Ermitán A Roda da Fortuna A Forza
Imaxe
Número XII XIII XIIII XV XVI XVII XVIII XVIIII XX XXI -
Nome O Aforcado - A Temperanza O Demo A Torre A Estrela A Lúa O Sol O Xuízo O Mundo O Tolo

Uso recreativo[editar | editar a fonte]

En canto ao seu uso recreativo, o Tarot[30] é un xogo composto por unha baralla de 78 cartas. A Federación Francesa de Tarot publicou as regras oficiais.[31] No xogo dáse caracteristicamente un conxunto composto por vinte e un trunfos, unha carta sen número (que evolucionará ao Joker na baralla francesa) e catro paus de naipes (ouros, copas, espadas e bastos / diamantes, corazóns, picas e trevos na baralla francesa) con catorce cartas cada un, dez delas numeradas e catro figuras (Sota, Cabalo, Rei, Raíña). Dependendo do xogo, o Joker pode actuar como un trunfo ou pode xogarse para evitar o seguinte.[32]

O tarot desde o século XVIII[editar | editar a fonte]

Baralla de Tarot fabricada en Mannheim, c. 1778.

A vertente lúdica do Tarot pasou a ser a anécdota fronte á concepción das súas 78 cartas como chave mestra para outras actividades: adiviñación, acceso a doutrinas esotéricas,[33] indagación místico-simbólica[34] ou meditación,[35] liñas en débeda coa pescuda filosófico-relixiosa a través dos arquetipos (coma os de Hermes/ Hermes Trismegistos e Prometeo) que xa se tería producido[22] douscentos anos antes nos tarots de Mantegna e de Visconti-Sforza.

A pesar de que os mesmos autores e autoras que estudaron o tarot como ferramenta máxica intentaron -desde Court de Gébelin (1725-1784) ao esoterista de orixe galega Papus (1865-1916)- asimilar os seus arcanos a unha sabedoría ancestral, a cartomancia xa se practicaba, sobre todo no ámbito popular, como unha máis entre as disciplinas mánticas[4] na Europa do Renacemento. Será outro francés, Jean Baptiste Alliette, Etteilla (1738-1791), o primeiro autor coñecido que se consagre á lectura adiviñatoria do Tarot inspirado polas especulacións de Gebélin. O campo xa estaba sementado para que as diversas doutrinas esotéricas (rosacrucismo, masonería, gnosticismo etc.) reclamasen ata hoxe como válida a súa intepretación dos naipes, apoiándose con frecuencia noutras artes fóra xa da ortodoxia da época, en especial a cábala[36][37], a astroloxía[38][39] e a alquimia, ou ben invocando documentación de misteriosa procedencia. Grupos coma a Orde da Aurora Dourada fixeron do Tarot unha das pedras basilares dos seus estudos e contribuíron desde o Reino Unido e Irlanda á extensión das cartas polos EE.UU. No mundo anglosaxón foise impoñendo progresivamente a preferencia pola baralla esotérica denominada Tarot Rider-Waite[40] (1910), que contén significativos cambios na imaxinística e mesmo na orde dos arcanos maiores.

As prácticas adiviñatorias do Tarot difiren entre innumerables tendencias[41][42] e persoas[43]. A grandes trazos, preténdese que a extracción das cartas, sexa a partir dunha estrutura xa dada[44][45] (a máis popular é a denominada cruz céltica[6]) ou en eleccións secuenciais ao azar, poden reflectir o momento presente, acontecementos do pasado ou do porvir, en función da pregunta que se realice. Para descodificar os arcanos[46], aínda que varios deles (A Xustiza, Os Amantes, A Forza...) semellan obvios[35] pola súa filiación ao contexto cultural xudeocristián de raíz clásica, é imprescindible un coñecemento previo. As claves semánticas dos naipes teñen que ver coa numeroloxía,[35][45] con diversas relixións (especificiamente co cristianismo), coas mitoloxías indoeuropeas[47] e mediterráneas,[37][48] cos saberes citados arriba de tipo esotérico[6] e co propio universo referencial, ás veces moi complexo, que establecen entre si[12] as cartas das barallas con maior tradición.

No Tarot, coma no obxecto artístico[49], todo se considera significativo: o tamaño[12] e proporcións do naipe, as cores, as escenas humanas, calquera detalle aparentemente nimio, sobre todo cando se repite; así, por exemplo, na carta O Mundo da versión de Marsella, de interpretación vulgar moi favorable,[36] o andróxino do centro da carta inscríbese nunha mandorla; rodeado por catro imaxes (que poden relacionarse cos evanxelistas do Novo Testamento, co Tetramorfos ou cos catro signos fixos do Zodíaco), evoca o deus Fanes dos cultos órficos, a culminación dun proceso alquímico[50] e outra longa serie de resonancias. Ademais, o cetro (ou vara?) que porta o andróxino reaparece[35] en cartas coma O Emperador, A Emperatriz ou O Mago, mentres que a posición das súas pernas[12] lembra a dos arcanos O Colgado e O Emperador. Ademais, as 56 cartas divididas nos catro paus -que suxiren de novo conexión cos símbolos descritos do naipe O mundo-, son susceptibles de lerse, igual ca os arcanos maiores, na posición dereita ou na invertida. Cada serie remite a un dos catro elementos[6] da filosofía presocrática e cada unha das cartas -unida ao número que indica ou á figura cortesá que a exhibe- se asociaría a unha ampla gama[45][35] de significados coherentes entre si, aínda que poden variar moito segundo a época[33] e o contexto referencial[41] ao que se adhira a persoa que di interpretalos. O ás de copas, un supoñer, alude para algúns[45] ao amor divino da mística cristiá mentres as escolas proclives ao medievalismo[36][41] o vinculan coa lenda do Graal e na interpretación popular revelaría[51] un cúmulo de posibilidades: comezo dunha experiencia amorosa, embarazo, mudanza laboral moi positiva...

Fóra da presunción adiviñatoria, determinadas correntes postulan que o Tarot pode servir como guía para profundar en eidos[52] coma o da meditación,[53] a terapia psicolóxica,[54] o autocoñecemento ou o acceso a materiais do inconsciente.

A industria do tarot[editar | editar a fonte]

As persoas estudosas da cultura desde unha perspectiva científica[55], ante a proliferación de autoproclamados videntes, meigos/as ou taumaturgos advirten do perigo[56][57] da crenza en prácticas adiviñatorias. A fe no resultado válido das tiraxes de cartas redunda nun negocio[58] que move miles de millóns de euros ao ano só en España[59] e se fixo enormemente popular en determinadas franxas horarias de televisión[60][61] e de radio, así coma na rede e en moitos medios[62] de información. Son habituais as denuncias por estafa[63][64] contra profesionais do sector que acaban creando dependencia na súa clientela ou pedindo cantidades cada vez máis elevadas pola lectura das cartas.

O tarot na cultura e nas artes[editar | editar a fonte]

Felipe Maria Visconti, duque de Milán entre 1441 e 1447. Encargou a baralla de Tarot máis antiga da que se ten coñecemento.
  • O historiador Aby Warburg analizou imaxes dos tarots renacentistas[65], especialmente o de Mantegna, para os seus traballos de tipoloxización e estudo do percorrido histórico das imaxes nas artes.
  • Aínda que o de Salvador Dalí é o máis coñecido, son ducias os nomes de artistas contemporáneas[66] que inspiraron a súa visión no Tarot ou nalgún dos naipes que o conforman: André Breton, Roberto Matta, Max Ernst, Kurt Seligmann, Niki de Saint Phalle, Itell Colquhoun, Leonora Carrington, Andy Warhol, Hugo Pratt,[67][68] Dorothea Tanning, Aitor Saraiba,[69]Remedios Varo...
  • A conservadora de arte Stacy Engman encargou a varios artistas obras orixinais baseadas nas cartas de tarot que asignou a cada un. A obra colectiva presentouse no Andy Warhol Museum[70] xunto a unha proxección do filme de Warhol sobre esa mesma temática.
  • O psicólogo Carl G. Jung utilizou o Tarot[47] como método de indagación no que entendía como inconsciente colectivo e reivindicou o seu valor terapéutico.
  • O poeta T. S. Eliot integrou a iconografía do arcano número XII (O Colgado) no seu poema "A terra baldía".
  • Álvaro Cunqueiro abriu unha sección no xornal Faro de Vigo para predicir resultados futbolísticos[71] a través do tarot. El mesmo, aínda que cun espírito escéptico-humorístico, afirmaba utilizalo.[72][73]
  • O escritor Italo Calvino valeuse de dúas barallas de tarot no proceso de escritura da obra Il castello dei destini incrociati;[74][75] na maioría das súas páxinas reprodúcense imaxes de arcanos maiores e menores cuxas lecturas posibles van tecendo a narración.
  • Antonin Artaud desenvolveu estudos de tarot no seu proceso de impugnación da racionalidade dominante.[76] Predixo a fin do mundo en 1937 utilizando as cartas. Pasou os seus derradeiros días nun sanatorio psiquiátrico.
  • O escritor e cineasta Alejandro Jodorowsky, ademais de rodar a película La montaña sagrada (1973), un verdadeiro canto á imaxinería do Tarot, dedicou boa parte da vida ao seu estudo, publicou obras de referencia[35] [49] e ofreceu durante anos lecturas gratuítas, así coma un curso online[77] titulado "Escuela gratuita de Tarot iniciático", converténdose nun divulgador sobranceiro dos significados e usos do Tarot de Marsella, especialmente en terapias alternativas.
  • Unha tiraxe de cartas de Tarot a cargo de Miss Horniman[78] foi decisiva para que Lady Gregory e W.B. Yeats fundasen o Teatro Nacional de Irlanda.
  • O músico de jazz Sun Ra escribiu e protagonizou a película Space is the Place, na que aparecen varios motivos propios do imaxinario do Tarot.[11]
  • A cantante Patti Smith[11] menciona adoito o Tarot nos seus ensaios e obras e fai habitualmente lecturas coas cartas.
  • O deseñador de moda Christian Lacroix e a empresa Christian Dior integraron iconografías do Tarot nas súas ilustracións e estampados.[11]
  • O director Mateo Garrone realizou en 2021 a curtametraxe promocional Le château du tarot,[79] na que se exhiben creacións de alta costura para Dior a cargo da deseñadora Maria Grazia Chiuri inspiradas en arcanos maiores do Tarot Visconti-Sforza.
  • Numerosas películas e series acoden ao Tarot como elemento para engadir misterio ou dramatismo á trama. O manexo das cartas asóciase moitas veces con personaxes pertencentes a pobos ou a espazos historicamente marxinais (xitanos, feiras, circo...). Dentro da serie Peaky Blinders a personaxe de Polly Gray aparece en varios capítulos realizando lecturas das cartas.
  • Ao barallarmos as cartas dun Tarot a secuencia resultante será con toda probabilidade irrepetible e única ao longo da Historia enteira; en realidade as combinacións entre as 78 láminas (que poden establecerse mediante o cálculo factorial do número 78) suman unha cifra bastante maior ca o número total de átomos[80] no universo.
  • Existen miles de tarots rexistrados ao longo do planeta, tanto variantes dos considerados hoxe clásicos (Marsella, Rider-Waite) coma inspirados en todo tipo de temáticas,[81] doutrinas,[82] estéticas,[83] correntes místicas,[84][48] ideoloxías[85] e personaxes de ficción.[86][87] Entre os galegos destacan o tarot Vizoso-Aneiros,[88] tamén chamado "de Sargadelos".

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para tarot.
  2. "Fédération Française de Tarot" (HTML) (en francés). Consultado o 22 de xaneiro de 2009. 
  3. Kaplan, Stuart. R. (1978). La Grande Encyclopédie du tarot. Tchou. ISBN 978-2710701422. 
  4. 4,00 4,01 4,02 4,03 4,04 4,05 4,06 4,07 4,08 4,09 4,10 4,11 4,12 Nadolny, Isabelle (2020). Historia del Tarot - Orígenes - Iconografía - Simbolismo. Ediciones Obelisco. ISBN 978-84-9111-587-8. 
  5. J. Amades y J. Colomines, "Els Soldats i altres Papers de Rengles" (Barcelona, 1933-1936) vol. II p. 7.
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 6,4 McCormack, Kathleen (1999). Tarot : origenes, sistemas de lectura, interpretación. Köln: Taschen. ISBN 3-8228-6786-1. OCLC 76882033. 
  7. "Il Matto - The Fool". Tarotwheel.net. Consultado o 2022-08-23. 
  8. 8,0 8,1 8,2 "Early Tarot 1420-1475". Tarot Heritage (en inglés). 2011-07-24. Consultado o 2022-08-23. 
  9. "1 - Origen -- Tarot de Marsella Camoin". es.camoin.com. Consultado o 2022-08-23. 
  10. "Aby Warburg (jun 13, 1866 – oct 26, 1929) (Timeline)". time.graphics. Consultado o 2022-08-23. 
  11. 11,0 11,1 11,2 11,3 11,4 TAROT. LA BIBLIOTECA DE ESOTERISMO. [S.l.]: TASCHEN. 2020. ISBN 3-8365-8456-5. OCLC 1252412256. 
  12. 12,0 12,1 12,2 12,3 12,4 12,5 12,6 12,7 12,8 Camoin, Philippe (2018). Los códigos secretos del Tarot. Conver. ISBN 978-99957-69-01-7. 
  13. 13,0 13,1 78puertas (2021-01-28). "El Tarot de Carlos VI - 78 Puertas - El Tarot que nunca existió". 78 Puertas (en castelán). Consultado o 2022-08-24. 
  14. Clarín.com (2012-09-20). "El tarot, 'un lenguaje sagrado'". Clarín (en castelán). Consultado o 2022-08-24. 
  15. "tarot | Etymology, origin and meaning of tarot by etymonline". www.etymonline.com (en inglés). Consultado o 2022-08-24. 
  16. "LE TAROT Associazione culturale". www.letarot.it. Consultado o 2022-08-24. 
  17. Depaulis, Thierry, ... (cop. 2013). Le tarot révélé : une histoire du tarot d'après les documents. La Tour-de-Peilz: Musée suisse du jeu. ISBN 978-2-88375-013-5. OCLC 899363484. 
  18. "Sumerian Origin?". Tarot Forum (en inglés). Consultado o 2023-07-23. 
  19. Daniélou, Alain (2009). Dioses y mitos de la India. Atalanta. p. 363. ISBN 978-84-936510-5-3. 
  20. "History". Tarot Heritage (en inglés). 2011-07-24. Consultado o 2022-08-26. 
  21. 78puertas (2021-01-28). "El Tarot de Carlos VI - 78 Puertas - El Tarot que nunca existió". 78 Puertas (en castelán). Consultado o 2022-08-24. 
  22. 22,0 22,1 22,2 Amaro, Antoni (2020). Arquetipo, mito, arte y tarot. Jose J. de Olañeta. 
  23. Ortega, Pedro (2019). El tarot de Mantegna y la sabiduría arcana del Renacimiento (Primera edición: marzo 2019 ed.). Madrid. ISBN 978-84-09-09665-7. OCLC 1163603696. 
  24. "The Visconti-Sforza Tarot, c.1460". The World of Playing Cards. Consultado o 2022-08-24. 
  25. "Search Results for “besançon”". Tarot Heritage (en inglés). Consultado o 2022-08-24. 
  26. Ortega, Pedro (2019). El tarot de Mantegna y la sabiduría arcana del Renacimiento (Primera edición: marzo 2019 ed.). Madrid. ISBN 978-84-09-09665-7. OCLC 1163603696. 
  27. "Cary Collection of Playing Cards - Yale University Library". collections.library.yale.edu (en inglés). Consultado o 2022-08-24. 
  28. "The Tarot de Marseille". Tarot Heritage (en inglés). 2011-07-27. Consultado o 2022-08-26. 
  29. "Ver las cartas del Tarot reconstruido por Camoin y Jodorowsky -- Tarot de Marsella Camoin". es.camoin.com. Consultado o 2022-08-26. 
  30. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para tarot.
  31. "Fédération Française de Tarot" (HTML) (en francés). Consultado o 22 de xaneiro de 2009. 
  32. Dummett, Michael A. E; Mann, Sylvia (1980). The game of Tarot: From Ferrara to Salt Lake City. ISBN 9780715610145. 
  33. 33,0 33,1 Papus (1999). El tarot de los bohemios el libro más antiguo del mundo. Barcelona: Edicomunicación. ISBN 978-84-7672-014-1. OCLC 433191384. 
  34. "Red de Portales News Detail Page". www.universia.net. Arquivado dende o orixinal o 27 de agosto de 2022. Consultado o 2022-08-27. 
  35. 35,0 35,1 35,2 35,3 35,4 35,5 Jodorowsky, Alexandro (2004). La vía del tarot (1a. ed. en México ed.). México, D.F.: Grijalbo. ISBN 978-968-5956-99-4. OCLC 57443806. 
  36. 36,0 36,1 36,2 Waite, Arthur Edward (1989). Claves del tarot : el Tarot Rider - Waite (1. ed ed.). Barcelona: Ediciones Obelisco. ISBN 8477201153. OCLC 31734536. 
  37. 37,0 37,1 Eskenazi, Enrique (1982). Tarot (El arte de adivinar) (2a. ed ed.). Barcelona: Obelisco. ISBN 978-84-86000-16-5. OCLC 434265657. 
  38. Hasbrouck, Muriel Bruce (1989). Tarot y astrología : cómo conocer el destino. Madrid: EDAF. ISBN 978-84-7640-263-4. OCLC 21096053. 
  39. Leveratto, Beatriz (2018). Astrología y tarot : el simbolismo del tarot enriqueciendo la mirada astrológica (Noviembre 2018 primera edición ed.). Madrid, España. ISBN 978-84-17581-11-4. OCLC 1196382126. 
  40. Clarín.com (2022-05-24). "La historia oculta de Pamela Colman Smith, la gran artista olvidada del tarot". Clarín (en castelán). Consultado o 2022-08-25. 
  41. 41,0 41,1 41,2 Pollack, Rachel (1980). Seventy eight degrees of wisdom : a book of tarot, part I: the major arcana. Wellingborough, Eng.: Aquarian Press. ISBN 978-0-85030-220-2. OCLC 7933022. 
  42. Greer, Mary K. (2006). Mary K. Greer's 21 ways to read a tarot card (1st ed ed.). Woodbury, Minn.: Llewellyn Publications. ISBN 978-0-7387-0784-6. OCLC 64230432. 
  43. Alazraqui, Leonor (1982-03-13). "La sabiduría del tarot". El País (en castelán). ISSN 1134-6582. Consultado o 2022-08-25. 
  44. Pollack, Rachel (1987). Los 78 grados de sabiduría del tarot. Barcelona: Ediciones Urano. ISBN 8486344395. OCLC 36487225. 
  45. 45,0 45,1 45,2 45,3 Marteau, Paul (1984). El Tarot de Marsella. Madrid: EDAF. ISBN 978-84-7166-874-5. OCLC 12333695. 
  46. "El juego del Tarot. Cartomancia y profecía". Arsgravis - Arte y simbolismo - Universidad de Barcelona (en castelán). 2020-08-21. Consultado o 2022-08-27. 
  47. 47,0 47,1 Nichols, Sallie (1991). Jung y el Tarot : un viaje arquetípico (2. ed ed.). Barcelona: Kairós. ISBN 978-84-7245-191-9. OCLC 27803827. 
  48. 48,0 48,1 "Thoth - Aleister Crowley Tarot Deck". Tarot.com (en inglés). Consultado o 2022-08-25. 
  49. 49,0 49,1 Jodorowsky, Alejandro (2004). Yo, el tarot. Madrid: Ediciones Siruela. ISBN 978-84-7844-819-7. OCLC 57690378. 
  50. Bedano, Micaela Violeta (2008). "El simbolismo del Andrógino en la alquimia renacentista". Borradores. VIII-IX: 1–16. ISSN 1851-4383. 
  51. Tarot, Tiziana (2015-03-10). "El As de copas y su significado en el tarot". Tarot de Tiziana (en castelán). Consultado o 2022-08-27. 
  52. CER (2021-07-14). "Contribuciones del tarot en la psicología | Canariasenred - Noticias de Canarias" (en castelán). Consultado o 2022-08-26. 
  53. "Marianne Costa". Marianne Costa (en francés). Consultado o 2022-08-26. 
  54. Yar, Sanam (2019-08-28). "Now Therapists Have to Figure Out Astrology, Tarot and Psychedelics". The New York Times (en inglés). ISSN 0362-4331. Consultado o 2022-08-26. 
  55. Omalaled (2011-02-27). "Cómo tratar con la pseudociencia". Naukas (en castelán). Consultado o 2022-08-25. 
  56. López, Adrián (2019-09-18). "Los trucos que utilizan los videntes para engañarte, contados por una de ellos". elconfidencial.com (en castelán). Consultado o 2022-08-25. 
  57. Vilallonga, Joan Salvador (2017-02-10). "Tarot y efecto Forer: ¿Por qué confiamos? - Psicologia Flexible". Psicología Flexible (en castelán). Consultado o 2022-08-27. 
  58. Bort, J. M. (2022-01-30). "A verdade do negocio do tarot: nin veas negras nin bóla de cristal". Faro de Vigo (en castelán). Consultado o 2022-09-23. 
  59. "El tarot, un polifacético negocio milmillonario en España – {DF} DiarioFinanciero" (en castelán). Consultado o 2022-08-26. 
  60. "¿Cuál es la vidente recomendada de Telecinco que está arrasando en 2021? - Huelva Ya noticias periódico digital de la provincia de Huelva". huelvaya.es (en castelán). 2021-12-07. Consultado o 2022-08-25. 
  61. "Que di o tarot sobre a voda de Silvia? | CRTVG". www.crtvg.es. Consultado o 2022-08-25. 
  62. "TAROT VISA ¿Qué saber antes de llamar a una vidente?". www.mundodeportivo.com/uncomo (en castelán). 2022-03-24. Consultado o 2022-08-25. 
  63. Bueno, Jesús García (2021-11-09). "Juicio por estafa a una vidente de televisión: “Pepita Vilallonga me dijo: ‘Llevas un mal de ojo, tus perros y tú vais a morir”". El País (en castelán). Consultado o 2022-08-25. 
  64. "Estafan 2.000 euros a una coruñesa en un ritual esotérico ofrecido en un tarot telefónico". La Voz de Galicia (en castelán). 2009-06-18. Consultado o 2022-08-25. 
  65. Warburg, Aby (D.L. 2005). El renacimiento del paganismo : aportaciones a la historia cultural del renacimiento europeo. Madrid: Alianza. ISBN 978-84-206-7954-9. OCLC 642458107. 
  66. TAROT. LA BIBLIOTECA DE ESOTERISMO. [S.l.]: TASCHEN. 2020. ISBN 978-3-8365-8456-2. OCLC 1252412256. 
  67. "Hugo Pratt: il maestro di malamocco - Corto Maltese". cortomaltese inglese (en inglés). Consultado o 2022-09-23. 
  68. Pratt, Hugo (2007-09). Corto Maltese Tarot (en inglés). Llewellyn Worldwide Limited. ISBN 978-0-7387-1253-6. 
  69. Primo, Carlos (2022-08-23). "Sin promoción ni difusión, este artista español ha logrado vender miles de copias de su baraja de tarot". El País (en castelán). Consultado o 2022-08-25. 
  70. "Contemporary Magic: A Tarot Deck Art Project". The Andy Warhol Museum (en inglés). Consultado o 2022-08-25. 
  71. "La teoría de Cunqueiro ante la avalancha de predicciones científicas". AS.com (en castelán). 2015-03-19. Consultado o 2022-09-23. 
  72. Alvaro Cunqueiro, o gran fabulador. [Santiago de Compostela]: [Xunta de Galicia], Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria. 1991. pp. 135–137. ISBN 978-84-453-0245-3. OCLC 32159313. 
  73. "El hijo de Cunqueiro cede libros y piezas para la Casa Museo de Mondoñedo". La Voz de Galicia (en castelán). 2018-05-30. Consultado o 2022-09-23. 
  74. Fidelizarte. "O Castelo dos Destinos Cruzados por Italo Calvino". Portal da Literatura (en portugués). Consultado o 2022-08-25. 
  75. Calvino, Italo (1989). El Castillo de los destinos cruzados. Madrid: Siruela. ISBN 978-84-7844-017-7. OCLC 807281905. 
  76. Carrilho, Carlos (2015). La crueldad creadora de Antonin Artaud y sus implicaciones para la formación de profesorado (PDF). UAM. 
  77. ""Primera parte del directo de la "Escuela gratuita de tarot iniciatico de Alejandro Jodorowsky". Alejandro Jodorowsky & Ankor Inclán". Consultado o 2022-08-25. 
  78. Welch, Robert (2003). The Abbey Theatre, 1899-1999 : form and pressure. Oxford: Oxford University Press. ISBN 978-0-19-926135-2. OCLC 50876407. 
  79. "Le château du tarot (C) (2021)" (en castelán). Consultado o 2022-10-17. 
  80. "¿Cuántos átomos existen en el universo?". blogs.hoy.es. Consultado o 2022-08-26. 
  81. "The Force is Definitely With This Star Wars-Themed Tarot Deck". Chip Chick (en inglés). 2017-12-19. Arquivado dende o orixinal o 25 de agosto de 2022. Consultado o 2022-08-25. 
  82. "Tarot and Kabalah in the Gnostic Tradition – Gnostic Studies" (en inglés). Consultado o 2022-08-25. 
  83. "Surrealist Tarot". Lo Scarabeo S.r.l. (en italiano). Consultado o 2022-08-25. 
  84. "Arquivo de Tarot Osho Zen de Ma Deva Padma em Português". Templo de Buda - Tienda de esoterismo (en castelán). Consultado o 2022-08-25. 
  85. "Cultural Revolution Tarot Reviews at Aeclectic". www.aeclectic.net. Consultado o 2022-08-25. 
  86. CarrieS (2020-01-20). "The Harry Potter Tarot Deck". Geek Girl in Love (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 25 de agosto de 2022. Consultado o 2022-08-25. 
  87. "Libros Invisibles | El Tarot de Don Quijote" (en castelán). Consultado o 2022-08-25. 
  88. "Tarot (galego) Vizoso-aneiros (estuche) - - AA.VV. - Imosver". www.imosver.com (en castelán). Consultado o 2022-08-25. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]