Mandorla

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á busca
Cristo dentro dunha forma de mandorla ou vesica piscis nun manuscrito medieval (o Evanxeo de Stuttgart / das Speyerer Evangelistar, 1220). Nas esquinas aparecen os 4 evanxelistas (tetramorfos).
A Vesica Piscis

A mandorla[1] (ou vesica piscis) é un símbolo ou un halo de xeito oval no que están inseridos personaxes sagrados da relixión cristiá, sendo o máis común Cristo, mais tamén a Virxe ou os santos[2]. Empregouse, principalmente, na arte románica e bizantina[3], sendo os exemplos máis antigos da arte paleocristiá do século V[4].

A palabra mandorla vén do italiano mandorla, que significa "améndoa". Nalgunhas linguas tamén se coñece co nome de "améndoa mística"[5][6][7][8]. Igualmente, emprégase tamén a expresión latina vesica piscis (vexiga de peixe) e consiste nun símbolo fixo con dous círculos do mesmo radio que se intersectan de xeito que o centro de cada círculo está na circunferencia do outro.

Historia[editar | editar a fonte]

A mandorla, como forma simbólica, provén dun elemento arquitectónico romano que introducía os personaxes representados dentro dun círculo ou medallón, denominado clípeo, que daba lugar á chamada "imago clipeata".[9] O medallón, que amosa o retrato do defunto nun epitafio incorporouse rapidamente aos sartegos cristiáns.

O mesmo motivo é atopado na iconografía da arte bizantina ortodoxa, como na icona da Transfiguración, na baixada ao limbo ou a icona de Cristo Pantocrátor (mandorla tripla). Na icona da Natividade, a Virxe está representada tamén nunha mandorla, que foi confundida co seu leito. Pola contra, na icona da Durmición da Virxe, xa non está nunha mandorla senón que é a súa alma a que vén recoller Cristo nunha mandorla. Tamén aparece no Mosteiro do Monte Sinaí (Exipto) onde aparece no único mosaico encargado por Xustiniano fóra de Roma, entre o 549 e o 564.[9]

En Francia, unha das mandorlas máis antiga aparece nun sartego merovinxio na cripta da Jouarre. Na cabeceira do sartego de san Agilbert, atópase unha das catro formas cristalinas diferentes en torno a unha Maiestas Domini nunha mandorla. Os escultores do século VII, fixaron a imaxe de Cristo como un rapaz novo, sen barba, cunha representación próxima ás representacións bizantinas[10][11].

Detalle central do lintel do mosteiro de Sant Genís de Fontanes.

Outra representación está situada na fachada da igrexa do mosteiro de Sant Genís de Fontanes, na que aparece sobre o lintel (en mármore branco de Céret). Esta escultura románica é coñecida como a máis antiga de pedra (data de 1019-1020), e representa a Cristo bendicindo inserido nunha mandorla perlada, sostida por dous arcanxos e enmarcado por dous grupos de tres personaxes bíblicos.

Mandorla con Cristo en maxestade na porta norte da Catedral de Lugo.

Nas igrexas románicas francesas, é moi común a presenza de Cristo inserido en mandorlas, como en Santa Fe de Conques, en San Trófimo de Arles ou na basílica de Sant Sernin de Toulouse.

Pinturas murais de Sant Climent de Taüll co pantocrátor inserido nunha mandorla.

En España, aparece en motivos escultóricos como na igrexa de Santa María de Cobizar (Lleida), a igrexa de Santiago de Carrión de los Condes (Palencia) ou na igrexa de San Esteban de Moradillo de Sedano (Burgos). Na igrexa de Santo Domingo de Soria, como unha rareza, aparece a Santísima Trindade en mandorla, rodeada por anxos, cos símbolos dos evanxelistas e as figuras sedentes da Virxe e san Xoán Bautista.

Hai tamén mandorlas en manuscritos iluminados e tamén na pintura medieval aínda que, neste caso, preferentemente situado no eixo da ábsida, como na igrexa de Sant Climent de Taüll (Lleida), a igrexa dos santos Julián e Basilisa en Bagüés (Huesca) ou nos cofres da basílica de San Isidoro de León. Aparece, igualmente, na ourivaría, como é o caso do retablo do santuario de San Miguel de Aralar ou a urna de Santo Domingo de Silos (Burgos).

Forma e símbolo[editar | editar a fonte]

A forma ten a súa orixe no símbolo da vesica piscis, que ya era coñecido polas civilizacións antigas de África, Mesopotamia e Asia e foi relacionada co pitagórico, o esoterismo e a chamada xeometría sagrada.[12]

Pola forma, tamén se asociou á figura do peixe, simbolo que serviu para identificar aos primeiros cristiáns, polo que a súa representación será moi frecuente na simboloxía cristiá a partir di século VI.[12]

De acordo co simbolismo de santa Hildegarda de Bingen, a mandorla refírese ao cosmos[13]. O uso do círculo para inscribir un personaxe, ademais da súa localización na parte superior de un elemento arquitectónico, evoca a esfera celeste. A mandorla leva a outra dimensión: é unha figura xeométrica deseñada con dous círculos que se cortan. Estes círculos simbolizan o mundo superior e o inferior, o celestial e o terreal,[14] respectivamente. Na súa intersección atópase unha persoa, pola que se debe pasar para percorrer o camiño entre os dous círculos. A introdución de Cristo nunha mandorla no tímpano da porta da igrexa revela o simbolismo do movemento dende fóra da igrexa cara adentro da igrexa e, polo tanto, anuncia o paso dos vivos do mundo terrestre ao celestial. A mandorla é usada, polo tanto, para expresar unha pasaxe ou unha porta.

Na arquitectura gótica, ademais dos beneficios de deseño de arquitectura da bóveda de nervios que permite a entrada de luz na construción, aparece tamén o arco apuntado que ten a aparencia de mandorla aberta para a plena luz.

Este símbolo é tamén utilizado fóra do cristianismo. En varias relixións a améndoa é asociada co nacemento dunha virxe. Por exemplo, a ninfa virxe Nana concibiu a Atis ao pór unha améndoa nos seus seos[15]. Na relixión hindú, hai representacións semellantes como as do mandala (en sánscrito, círculo, óvalo ou disco) que enmarca un espazo sagrado.[12]

Na arte cristiá, algunhas auréolas teñen a forma dunha vesica piscis horizontal, hai algúns selos de organizacións eclesiásticas que empregan unha vesica piscis horizontal (en vez da máis habitual forma circular).

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para mandorla.
  2. Azcárate; p. 42
  3. Liungman (1991); p. 287
  4. Úzquiza (2012); p. 179
  5. Referencia en Digalego.xunta.gal: Ornamento en xeral de forma elíptica, que rodea unha figura sagrada á que se quere dar un relevo especial.
  6. Salas-Salvadó (2005); p. 67
  7. Andreopoulos (2005); p.84
  8. Rico (2003); p.359
  9. 9,0 9,1 Hartt (1989); p.336
  10. "Imaxe". Consultado o 28-11-2016. 
  11. "Páxina actual do Patronato de Cultura de Jouarre" (en francés). Consultado o 28-11-2016. 
  12. 12,0 12,1 12,2 de la Plaza (2005); p. 276
  13. Riedel (2005); p.238
  14. Cirlot (2006), p. 302
  15. Frazen (1922), p. 403

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Andreopoulos, Andreas (2005). Metamorphosis: The Transfiguration in Byzantine Theology and Iconography. St.Vladimir's Seminary Press. ISBN 0-8141-295-3.
  • Azcárate Goded, Pilar et alii. Enfoques Actuales en la Didáctica de las Matemáticas. Secretaría General Técnica, Ministerio de Educación y Ciencia. ISBN 84-369-4287-6.
  • Bango Torviso, Isidro G. (1992). O románico en España, Madrid, Espasa Calpe.(Español), ISBN 84-239-5295-9.
  • Cirlot, Juan Eduardo (2006). Diccionario de símbolos. Madrid: Siruela. ASIN B019TM6M24. 
  • Frazer, James (1922). The Golden Bough. Macmillan Publishing Company. ISBN 0-02-095570-7.
  • Hartt, Frederick (1989). Arte. Historia de la pintura, escultura yarquitectura. Arte y Estética. Akal. ISBN 84-7600-411-7.
  • Liungman, Carl G. (1991). Dictionary of Symbols. W.W.norton. ISBN 0-393-31236-4.
  • de la Plaza Escudero, Lorenzo (2015). Diccionario visual de términos de arte. Col. Grandes Temas. Madrid: Cátedra. ISBN 978-84-376-3441-8.
  • Rico, Lourdes; Martínez, Celia (dirs.) (2003). Diccionario técnico Akal de conservación y restauración de bienes culturales. Madrid: Akal. ISBN 84-460-1227-8.
  • Riedel, Ingrid (2005). Hildegard von Bingen: Prophetin der Weisheit kosmischen. Kreuz Verlag.
  • Salas-Salvadó, Jordi; Ros Rahola, Emilio; Sabaté Casellas, Joan (2005). Frutos secos, salud y culturas mediterráneas. Glosa. ISBN 84-7429-253-0.
  • Úzquiza Ruiz, Teodoro (2012). Símbolos en el arte cristiano. Breve diccionario ilustrado. Burgos: Sembrar. ISBN 978-1-4716-4306-4.

Outros artigos[editar | editar a fonte]