Dave Grohl

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaDave Grohl

(2019) Editar o valor em Wikidata
Biografía
Nacemento(en) David Eric Grohl Editar o valor em Wikidata
14 de xaneiro de 1969 Editar o valor em Wikidata (55 anos)
Warren, Estados Unidos de América Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
Outros nomesLate! Editar o valor em Wikidata
ResidenciaEncino Editar o valor em Wikidata
País de nacionalidadeEstados Unidos de América Editar o valor em Wikidata
EducaciónBishop Ireton High School (en) Traducir
Thomas Jefferson High School (en) Traducir
Annandale High School (en) Traducir Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónguitarrista , batería , cantautor , director de cinema , cantante Editar o valor em Wikidata
Período de actividade1981 Editar o valor em Wikidata -
Partido políticoPartido Demócrata Editar o valor em Wikidata
Membro de
Them Crooked Vultures (2009–)
Foo Fighters (1994–)
Nirvana (1990–1994)
Scream (1986–1990)
The Backbeat Band (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata
Xénero artísticoMúsica rock, Rock alternativo, heavy metal e Sludge metal Editar o valor em Wikidata
LinguaLingua inglesa Editar o valor em Wikidata
TesituraTenor Editar o valor em Wikidata

InstrumentoGuitarra, voz e Batería Editar o valor em Wikidata
Selo discográficoGeffen Records Editar o valor em Wikidata
Premios

IMDB: nm0342970 Allocine: 81442 Allmovie: p221883 TV.com: people/dave-grohl
Twitter: foofightersdave Youtube: UCi2KNss4Yx73NG0JARSFe0A Spotify: 7mRVAzlt1fAAR9Cut6Rq8c Last fm: Dave+Grohl Musicbrainz: 4d5f891d-9bce-45ae-ad86-912dd27252fa Songkick: 318156 Discogs: 203017 Allmusic: mn0000180516 WikiTree: Grohl-13 Genius: Dave-grohl Editar o valor em Wikidata

Dave Eric Grohl, nado en Warren (Ohio) o 14 de xaneiro de 1969, é un músico de rock estadounidense. Foi o batería de Nirvana dende 1990 ata a disolución da banda en 1994 despois da morte de Kurt Cobain. No ano 1995 formaría Foo Fighters. Recentemente formou o supergrupo Them Crooked Vultures xunto con Josh Homme e John Paul Jones.

Grohl comezou a súa carreira musical na década de 1980 como batería de varias bandas da área de Washington, D.C., a máis notable delas a banda de punk rock Scream.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Cando Grohl era aínda un neno, a súa familia (o pai James, a nai Virginia, e a irmá máis vella Lisa) mudouse de Ohio a Alexandria, Virxinia, un suburbio de Washington, D.C.. Tres anos despois os seus pais divorciáronse, e Grohl medrou coa súa nai.

Aos doce anos Grohl comezou a tocar a guitarra. Comezou con clases, pero cansou delas e pasou a tocar en bandas con amigos. Un ano despois, un verán que pasou na casa duns curmáns, Grohl comezou a interesarse polo punk rock. O seu curmán Tracy levouno a varios concertos durante ese verán, e Dave volveu a Alexandria reconvertido.

Durante os seguintes anos, Grohl tocou en varias bandas locais, entre elas unha chamada Freak Baby. Ao mesmo tempo estivo aprendendo a tocar a batería. Cando Freak Baby cambiou de formación decidiu ocupar o posto de batería e a banda pasou a chamarse Mission Impossible. Posteriormente uniuse a unha banda de hardcore/post-punk de nome Dain Bramage. Durante os seus anos de aprendizaxe como batería, Grohl citou a John Bonham como a súa maior influencia, e fíxose unha tatuaxe do logo dos tres círculos de Bonham no seu pulso.

Grohl tocando a batería con Sream.

Scream[editar | editar a fonte]

Aos dezaseis anos Grohl uniuse á banda Scream, despois da marcha do seu batería Kent Stax. Pouco despois deixou os seus estudos para dedicarse a tempo completo á batería. Durante os seguintes catro anos, Grohl fixo longas xiras coa banda, gravando moitos discos en directo e un en estudio, Fumble.

Mentres tocaba en Scream, Grohl converteuse nun fan de The Melvins e trabou amizade coa banda. Durante unha parada da xira de 1990 na costa leste, Buzz Osborne (membro de The Melvins), foi con dous dos seus amigos, Kurt Cobain e Krist Novoselic , a ver a Scream.

Nirvana[editar | editar a fonte]

Poucos meses despois, Scream separouse despois da saída do seu baixista, e Grohl recibiu unha chamada de Buzz Osborne. Sabendo que a Cobain e a Novoselic lles gustaba o xeito de tocar de Dave, Osborne deulle a Novoselic o seu teléfono. Novoselic invitou a Grohl a Seattle, onde Grohl asistiu a un concerto de Nirvana no Motor Sports Garage, o único concerto da banda con Dan Peters na batería. Posteriormente Grohl fixo unha audición e pouco despois uniuse a eles.

Cando Grohl uniuse a Nirvana, a banda tiña xa gravadas numerosas demos para o que sería a continuación do álbum de debut. Inicialmente, os plans eran editar o álbum pola Sub Pop, pero a banda recibiu grandes ofertas de selos importantes interesados nas demos. Grohl pasou os seus primeiros meses con Nirvana, percorrendo varias discográficas ata ao final asinar coa DGC Records. Na primavera de 1991, a banda entrou no estudio para gravar o álbum.

Nevermind superou todas as expectativas e converteuse nun éxito masivo, catapultando á banda ao escenerio mundial. Ao mesmo tempo, Grohl atopouse loitando co seu status na banda. Mentres que o seu xeito de tocar era un elemento importante no éxito da banda, Grohl considerábase como un máis dunha longa lista de baterías. Segundo el, Nirvana fora a banda que gravara Bleach, e a súa chegada alterara aquel son drasticamente, e, segundo el, non necesariamente dun xeito positivo.

A pesar de que Grohl escribira cancións durante anos, el negouse a usalas na banda por medo a danar a química do grupo. Porén, Grohl compilounas e gravounas el mesmo, editando un casete chamado Pocketwatch en 1992 a través do selo indie Simple Machines. Grohl non usou o seu nome nese casete e editouno baixo o seudónimo "Late!".

No últimos anos de Nirvana, as súas colaboracións na composición incrementáronse. Nos primeiros meses de Grohl en Seattle, Cobain atopouno unha vez traballando nun tema chamado "Color Pictures of a Marigold", e os dous remataron a canción. Grohl posteriormente gravaríaa para Pocketwatch e durante as sesións do In Utero, decidiu volver a gravala e a banda editouna como unha cara-b no sinxelo "Heart-Shaped Box", titulada sinxelamente "Marigold". Antes, cando a banda traballaba no novo material para In Utero, Grohl contribuíu co riff principal de guitarra que acabou converténdose en "Scentless Apprentice".

Antes da súa xira europea de 1994, a banda decidiu programar sesión nos Robert Lang Studios en Seattle para traballar en demos. Durante a maioría dos tres días axendados, Cobain estivo ausente, polo que Novoselic e Grohl traballaron en demos das súas propias cancións. O dúo completou varios temas de Grohl, incluíndo os futuros temas de Foo Fighters "Exhausted", "Big Me", "February Stars" e "Butterflies". No terceiro día, Cobain finalmente chegou, e a banda gravou unha demo da canción posteriormente chamada "You Know You're Right". Esa foi a derradeira gravación da banda en estudio.

Foo Fighters[editar | editar a fonte]

Despois da morte de Kurt Cobain en abril de 1994, Grohl retirouse, inseguro de onde ir e que facer. En outubro dese ano, Grohl reservou tempo no Robert Lang's Studio, e gravou unha demo de 15 temas. Coa excepción dunha parte de guitarra en "X-Static" tocada por Greg Dulli de Afghan Whigs, Grohl gravou todos os instrumentos el só.

Ao mesmo tempo, Grohl preguntouse se o seu futuro pasaba como batería doutras bandas. En novembro, Grohl fixo unha pequena xira con Tom Petty and the Heartbreakers, incluíndo unha actuación memorable no programa Saturday Night Live. Petty preguntoulle se quería unirse permanentemente, pero Grohl decatouse de que o seu futuro estaba noutra parte. Rumoreouse que Grohl podería ser o substituto de Dave Abbruzzese en Pearl Jam, e Grohl incluso tocou coa banda nalgúns concertos da súa xira por Australia en marzo de 1995. Non obstante, para entón, Pearl Jam xa contratara a Jack Irons, e Grohl tiña outros plans.

Despois de mover a demo, Grohl atopouse co interese dun grande selo. Gary Gersh, que fora A&R de Nirvana, era nese momento o presidente da Capitol Records e falou con Grohl para asinar co selo. Grohl non quería facer unha carreira en solitario, polo que recrutou a outros membros: o antigo guitarrista de xira de Nirvana Pat Smear, e dous membros da banda Sunny Day Real Estate, William Goldsmith (batería) e Nate Mendel (baixista). En vez de regravar todos os temas, a demos de Grohl foi mesturada profesionalmente por Rob Schnapf e Tom Rothrock, e sería editada en xullo de 1995 como o álbum de debut de Foo Fighters, titulado igual que a banda, Foo Fighters.

A finais de 1995, propúxoselle á banda colaborar cunha canción para a serie The X-Files (Expediente X). Durante un descanso entre xiras, a banda entrou no estudio e gravou unha versión do tema de Gary Numan "Down in the Park". En febreiro de 1996, Grohl e a súa muller nese tempo, Jennifer Youngblood, fixeron un pequeno cameo no episodio da terceira tempada de The X-Files "Pusher".

Dave Grohl nunha actuación de Foo Fighters no ano 2008

Despois da xira do seu primeiro traballo durante máis dun ano, Grohl comezou a traballar na música para a película de 1997 Touch. Grohl interpretou todos os instrumentos e voces el só, menos a voz dunha canción interpretada por Louise Post, da banda Veruca Salt, e as voces e unha guitarra de X's John Doe en "This Loving Thing (Lynn's Song)". Grohl completou a gravación en dúas semanas, e inmediatamente volveu ao seu traballo con Foo Fighters.

No medio das primeiras sesións para o novo traballo de Foo Fighters, emerxeron tensións entre Grohl e William Goldsmith. Grohl sentía que os esforzos de Goldsmith non eran o suficientemente fortes como a banda precisaba, e optou por regravar algunhas das partes de batería el mesmo. A acción de Grohl non lle gustou a Goldsmith e acabou deixando a banda. Grohl e o resto da banda decidiron descartas as sesións de Seattle e comezaron outras nos Ánxeles con Grohl na batería.

O segundo traballo foi editado en maio de 1997 co título The Colour and the Shape. O álbum tiña varios hits, como "Everlong", "My Hero" e "Monkey Wrench". Xusto antes da edición do traballo, o antigo batería de Alanis Morissette, Taylor Hawkins, uniuse á banda. No mes de setembro dese ano Smear deixaba a banda, alegando necesitar tempo despois de moito tempo de xira. Smear sería substituído polo antigo compañeiro de Grohl en Scream Franz Stahl. Stahl sairía da banda antes da gravación do terceiro traballo e sería substituído polo guitarrista de xira Chris Shiflett, que posteriormente se convertería en membro permanente de Foo Fighters durante a gravación de One by One.

No 2000, a banda recrutou o guitarrista de Queen Brian May para engadir algunhas guitarras nunha versión da canción de Pink Floyd "Have a Cigar", tema que previamente Foo Fighters gravara como cara-b. A amizade entre as dúas bandas resultou na invitación para Grohl e Taylor Hawkins de participar con Queen no Rock and Roll Hall of Fame no 2001. Grohl e Hawkins uníronse a May e ao batería de Queen Roger Taylor para tocar "Tie Your Mother Down".

A finais do 2001, Foo Fighters volveu ao estudio para traballar no seu cuarto álbum. Despois de catro meses no estudio, coas sesión rematadas, Grohl aceptou unha invitación para unirse a Queens of the Stone Age e axudalos na gravación do seu álbum Songs for the Deaf do 2002. Despois dunha pequena xira polos Estados Unidos coa banda, Grohl chamou aos outros membros de Foo Fighters para regravar enteiramente o seu álbum no seu estudio de Virxinia. O resultado sería o álbum One by One.

Grohl e os Foo Fighters editaron o seu quinto disco, In Your Honor, o 14 de xuño do ano 2005. Este conta con colaboracións de John Paul Jones de Led Zeppelin, Josh Homme de Queens of the Stone Age e Norah Jones.

O sexto álbum de estudio, Echoes, Silence, Patience & Grace saíu o 25 de setembro de 2007. Foi gravado en tres meses, entre marzo e xuño de 2007, e a súa publicación foi precedida polo seu primeiro single, "The Pretender", o 17 de setembro. O segundo single, "Long Road to Ruin", saíu o 3 de decembro de 2007, e o terceiro, "Let It Die", o 24 de xuño de 2008.

O 2 de novembro de 2009, os Foo Fighters publicaron Greatest Hits, unha colección dos seus grandes éxitos. Componse de 16 cancións, incluíndo unha versión acústica de "Everlong" e dúas novas cancións, "Wheels" e "Word Forward", producidas por Butch Vig.

O sétimo álbum de estudio dos Foo Fighters, Wasting Light, foi publicado o 12 de abril de 2011. É o primeiro álbum en alcanzar o número 1 nos Estados Unidos, e foi enteiramente gravado no garaxe da casa de Dave.

Outros proxectos[editar | editar a fonte]

Á parte das súas bandas principais, Grohl estivo envolto noutros proxectos musicais. En 1992, Grohl tocou a batería no EP en solitario de King Buzzo, onde aparece nos créditos como Dale Nixon, un seudónimo que Greg Ginn adoptou para tocar o baixo no álbum de Black Flag My War.

En 1993, Grohl foi recrutado para axudar a recrear a música dos primeiros anos de The Beatles para a película Backbeat. Grohl tocou a batería nunha formación que tamén incluía a Greg Dulli de Afghan Whigs, ao produtor Don Fleming, a Mike Mills de R.E.M., a Thurston Moore de Sonic Youth e a Dave Pirner de Soul Asylum. Rodouse un vídeo musical para a canción "Money (That's What I Want)" mentres Grohl estaba con Nirvana na súa xira europea de 1994, porén Grohl foi gravado en incluído posteriormente.

Nese mesmo ano, Grohl tocou a batería en dous temas do álbum Ball-Hog or Tugboat? de Mike Watt. A principios de 1995, Dave e os Foo Fighters fixeron a súa primeira xira nos Estados Unidos como abreconcertos de Watt. Bautizada a xira como "Ringspiel", a banda de Watt contou con Grohl e William Goldsmith na batería, Eddie Vedder e Pat Smear na guitarra e Watt no baixo.

Durante o principio do ano 2000, Grohl pasou tempo no seu estudio escribindo e gravando varias canción para un proxecto de metal. Grohl foi recrutando os seus vocalistas de metal favoritos dos anos 80, incluíndo a Lemmy de Motörhead, Conrad "Cronos" Lant de Venom e Max Cavalera de Sepultura, para interpretar as voces nas cancións. O proxecto foi editado no 2004 baixo o nome de Probot.

No 2003, Grohl tocou a batería no álbum autotitulado de Killing Joke. Este feito sorprendeu a moitos fans de Nirvana, debido a que a banda fora acusada por roubar o riff inicial de "Come as You Are" da canción de Killing Joke "Eighties", de 1984.

Grohl prestou as súas habilidades coa batería a outros artistas a principio dos anos 2000. No 2000, Dave tocou a batería e cantou na canción "Goodbye Lament", do álbum de Tony Iommi Iommi. No 2001, Grohl tocou no álbum de debut de Tenacious D, e aparece no vídeo do sinxelo "Tribute". Posteriormente apareceu na película do 2006 Tenacious D in: The Pick of Destiny e toca na súa banda sonora. No 2002, Grohl axudou a Chan Marshall de Cat Power no álbum You Are Free. No 2004 tocou a batería en varios temas do álbum With Teeth de Nine Inch Nails, editado no 2005. Tamén tocou a batería no tema "Bad Boyfriend" no álbum de Garbage Bleed Like Me do 2005. Máis recentemente, contrubuiu coa batería na canción "For Us" do álbum de Pete Yorn Nightcrawler, do 2006. Á parte de na batería, Grohl contribuíu coa guitarra nunha versión do tema de Neil Young "I've Been Waiting For You" no álbum de David Bowie Heathen, editado no 2002.

En agosto do 2009 con Them Crooked Vultures.

No ano 2009, anunciouse que Dave Grohl faría un supergrupo con John Paul Jones, baixista de Led Zeppelin, e Josh Homme, de Queens of the Stone Age. En agosto dese mesmo ano fíxose público o nome dese supergrupo: Them Crooked Vultures.

O trío realizou a súa primeira actuación o 9 de agosto do 2009 nos Estados Unidos, e o primeiro concerto en Europa o día 26 dese mesmo mes, nunha aparición sorpresa abrindo para Arctic Monkeys. A banda editou o seu álbum de debut, Them Crooked Vultures, o día 16 de novembro no Reino Unido e un día máis tarde nos Estados Unidos.

Vida persoal[editar | editar a fonte]

Grohl estivo casado dúas veces. O seu primeiro matrimonio foi coa fotógrafa Jennifer Youngblood, dende 1993 ata 1997. Despois do seu divorcio, Grohl tivo varias relacións, unha con Louise Post de Veruca Salt, con Melissa Auf der Maur, e coa deportista Tina Basich.

Despois desas relacións casou coa antiga produtora da MTV Jordyn Blum o 2 de agosto do 2003 na súa casa dos Ánxeles. Entre os convidados estaban Clive Davis, Jack Black e o seu antigo compañeiro en Nirvana Krist Novoselic. O 15 de abril do 2006, Grohl e a súa muller tiveron unha filla, Violet Maye, chamada así pola avoa materna de Dave.